ESFRadio. Os coidados ás activistas nos movementos pola defensa da terra
Neste programa de ESFRadio quixemos chamar a atención sobre un tema do que non se soía falar demasiado nos activismos tradicionais: os coidados das persoas activistas.
Cando o obxectivo é defenderse dunha ameaza concreta e acuciante, a cousa convírtese nunha guerra, cos seus códigos e xeitos de organizarse e actuar. O obxectivo final é claro, e todos os recursos se poñen ao servizo de acadar ese obxectivo. As formas, o como traballar e organizarse, quedan aliñados só con vencer nesa loita. Este enfoque (moi vinculado ademais á masculinidade tóxica), é irremediablemente incompatible co benestar das persoas que, no caso do activismo, soen ademais estar colaborando no seu tempo libre (non é o mesmo que nos exércitos, onde sóese estar por obligación ou coacción, ou en traballos alienantes, onde sóese estar por necesidade perentoria).
Ás veces hai hiper-liderados que tiran moito pero outra xente non da seguido o ritmo e se desengancha. Outras veces as persoas que máis lideran teñen moita sobre-exposición, que afecta á súa vida persoal e laboral (e mesmo ás veces como foco de ameazas ou acoso, cando non cousas peores). Tamén pode ocorrer que as persoas que soen estar no núcleo máis activo poden sentirse soas ou non entender os ritmos máis lentos ou discontinuos das outras persoas… Como lidiar con isto? Como podernos coidar mentres coidamos o territorio? É importante mellorar os espazos de coidados? Como facelo? Que podemos aportarlles as asociacións máis xeneralistas como ESF, que podemos permitirnos facer un activismo máis «slow» ou menos acuciante?
Quixemos falar de todo isto cunhas compas ás que xa nos une un tempiño de colaboración e coñecemento mútuo. Estivemos con Maruxa de Colectivo do Vento de Campolameiro, Roberto tamén de Colectivo do Vento e tamén da nosa base social e Isabel da Plataforma Mina Touro-O Pino Non. Con Sergio lanzando preguntiñas e Jorge á produción, pasamos un rato agradable nunha contorna moi linda, na praia fluvial da Tarroeira, ás beiras co río Tambre, en O Pino.
E rematamos cunha visita ao redor da zona cero da mina Touro-O Pino, onde entendemos aínda mellor o conflicto que se está a vivir.
▶️ ESCOITA O PROGRAMA AQUÍ:






Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!