Inauguración do laboratorio de análise de auga do sur de Honduras


Esta semana inaugurouse oficialmente o laboratorio de análises de auga da Secretaría de Saúde da Rexión de Valle. Este laboratorio está sendo equipado con fondo de AECID no marco do proxecto Mellora da Xestión Pública e Social para a Gobernanza dos Recursos Hídricos en 9 municipios da Rexión 13 Golfo de Fonseca, e con fondos da Deputación da Coruña no proxecto Apoio á posta en marcha do laboratorio de análise de auga da Secretaría de Saúde, Departamento Valle. Tamén aportou fondos COSUDE e o Congreso Nacional de la República de Honduras. A entidade impulsora foi a Mancomunidad NASMAR, coa Secretaría de Salud de Honduras, región sur.


Nos pasados meses xa se puido ver un gran avance na parte da obra e mellora do acondicionamento e os primeiros equipos xa chegaron a Honduras para poder ser instalados prontamente. Nas fotos se poden ver detalles das obras realizadas para dotar de auga corrente cun pozo propio ao laboratorio, e detalles doutras obras. Tamén se pode ver xa algúns dos equipos instalados, o tríptico publicitario do laboratorio e un momento da inauguración. Instalarase máis equipo do previsto inicialmente no proxecto, debido ao interese na análise da auga. A maior parte dos equipos están instalados, e os adicionais instalaranse proximamente.


O laboratorio estivo sendo equipado, pois, cos equipos necesarios para poder medir parámetros microbiolóxicos, físico – químicos e incluso metais pesados.


Os equipos que se compraron con financiación de AECID e Deputación da Coruña foron entre outros:

  • equipo de filtración por membrana, autoclave e incubadoras para a parte microbiolóxica
  • turbidímetro, multiparámetro de ph e conductividade para a parte física
  • espectofotómetro UV e un termorreactor para a determinación de elementos químicos entre os cales se poden destacar: Cloruros, Sulfatos, fosfatos, Calcio, Magnesio, Nitratos, nitritos, Manganeso e na parte de metais pesados, ferro, Cadmio, Cromo , Níquel, Plomo.


A análisis da posible presenza destos elementos na auga resulta de vital importancia, pola sospeita que se ten de que o consumo de auga contaminada por agroquímicos e metais pesados , xunto con outros factores, poida estar vinculado a alta incidencia de lesións e enfermidade renal na zona

No país non se ten unha ampla posibilidade de analizar metais pesados, e nas empresas que ofertan este servicio, resulta demasiado costoso para as Xuntas de Auga e/ou particulares, polo que o laboratorio apoiará a que se poida ter un coñecemento máis amplo da zona acerca da auga que estamos a consumir e poder ver así posibles fontes e solucións.

A inauguración tivo gran repercusión no país con novas en distintos periódicos, webs, televisións e mesmo intervencións no Congreso Nacional.

A continuación queda unha galería de fotos e tamén un vídeo-montaxe cortesía da Mancomunidade NASMAR, onde tamén se pode ver o antes e o despois.

ESF na esLibre, congreso de cultura e tecnoloxía libres

O sábado pasado tivemos delegación ESFeira por València, participando no congreso esLibre, un evento que busca a promoción das tecnoloxías e a cultura libre. Xa é a terceira vez que participamos! (as anteriores foron en Zaragoza e Vigo). O obxectivo era aportar esa compoñente máis social da tecnoloxía.

Por un lado, Thais fixo un obradoiro sobre “Recursos tecnolóxicos para a comunicación e a participación das persoas con discapacidade“. Falounos de diferentes aplicacións e programas libres que permiten mellorar as posibilidades de comunicación de aquelas persoas que, pola súa situación de saúde, atopan algunhas dificultades para elo. Como ela di, a tecnoloxía debe apoiar e axudar a todas as persoas, sendo, neste caso, un recurso facilitador de los procesos de comunicación. Pero por desgraza, non sempre e así, e estas persoas atópanse con un montón de barreiras no seu día a día.

Jorge tamén deu unha charla sobre “Accesibilidade con Tecnoloxías Libres“, facéndonos un repaso aos proxectos máis interesantes que trataron nos programas do podcast que organiza xunto a outra xente.

No caso da charla sobre o “Papel das tecnoloxías libres para reducir o impacto social e ético“, Jorge e Jose falaron de conceptos como o dereito a reparar, comentando as distintas barreiras existentes para que este dereito sexa real (económicas, falta de repostos, a compoñente social de considerar de “segunda” empregar cousas de segunda man ou con sinais de uso, etc.), e a electrónica ética (con todo o impacto que os nosos aparellos teñen no Sur global durante todo o proceso de fabricación), relacionando estes conceptos coas tecnoloxías libres e da importancia do papel positivo que desempeñan. Falaron tamén de que cando falamos de tecnoloxías libres debemos ter en conta todo o proceso de produción, especialmente no caso do harware, xa que non se pode considerar “libre” un aparello que contén minerais extraídos en condicións de escravitude. Tamén deron unha serie de recomendacións de como contribuír de forma individual a reducir este impacto: alongar, reparar, reutilizar, reciclar, formarse e participar! Mención destacable merece a performance do noso cómico de confianza, Jorge Lama, no emprego do sombreiro para interpretar un dobre personaxe. Ao máis puro estilo Clark Kent con e sen gafas. Aquí deixamos a presentación (versión en galego) que empregaron, á espera de ter os vídeos das intervencións.

Entre charla e charla tamén tiveron tempo de coñecer en persoa á xente de Restarters València e a labor que fan coas súas Restart Parties promovendo o dereito a reparar e a electrónica ética (bueno, entre charla e charla… e pola noite Valencià!)

Sempre é unha boa experiencia pasarse por estes espazos nos que compartir experiencias e ideas, e dos que sempre sae algo interesante!

Altri Non

Onte varias esfeiras estivemos na manifestación en Palas de Rei, convocada pola Plataforma Ulloa Viva, contra a instalación dunha fábrica de celulosa por parte dunha empresa portuguesa, Altri, con outras socias. Case 20.000 persoas mobilizáronse nesta pequena vila de Lugo.

O lema da manifestación, #AltriNon, non era un simple rexeitamento a unha fábrica de celulosa. Viuse unha sociedade civil que quere ser informada con transparencia, non infantilizada, que está farta de que uns poucos decidan o modelo socioeconómico para beneficio duns poucos. Este proceso é o “anti ben común” e, por iso, unha asociación como a nosa non pode deixar de facerse eco.


O proceso non promoveu a participación das persoas afectadas, nin sequera ten claro como vai afectalas (a elas, nin ao medio, con moitas dúbidas en canto a impactos medioambientais). É un exemplo de extractivismo onde se externalizan os impactos negativos pero non as gañancias e, de feito, a empresa Altri non é nova en malas prácticas extractivistas, con diversas multas (en Portugal non a quixeron por estes e outras razóns…). Tamén se ve o modelo “macroindustrial” que tanto gusta nalgúns ámbitos. 10 veces máis superficie que ENCE. Certo que a celulosa é precisa, pero fai falta semellante monstro?

Con respecto a iso, un elemento importante, ademais da opacidade deste proceso e o risco ambiental, coa connivencia das administracións públicas e os dous partidos maioritarios, é o modelo productivo e, por ende, territorial que implica impulsar unha fábrica como esta en Galicia. O monocultivo de eucalipto (como calquera outro monocultivo, aínda que para que sexa rentable a nivel industrial soe ser intensivo en recursos, sexa agroquímicos, terra ou ambas), é un problema grande en Galicia. Con este proxecto agravaríase a dependencia deste monocultivo. Hai diferentes modelos productivos, hai que ter claro por cal se aposta. En ESF falamos de soberanía alimentaria, o pequeno e adaptado á nosa contorna, e participación co-responsable das persoas nos territorios, todo o contrario deste modelo que queren seguir impulsando. Estamos en contro do eucalipto e a industria? Non, pero parece que non sabemos medirnos cando atopamos unha materia prima aparentemente “rentable”. A acumulación de cartos pasa por riba de calquera outra consideración, non é?

Tamén queremos chamar a atención sobre a manipulación dos medios de comunicación e o seu aliñamento co poder. Non é nada que non soubésemos, pero cómpre sempre telo na mente se queremos unha cidadanía crítica para poder exercer, como din en Centroamérica, un ¨monitoreo social” forte, moi saudable para a democracia.

Para coñecer máis deste conflicto recomendamos este audiovisual, Altri: a sede insostible, de 25 minutiños, que quixemos apoiar dende Enxeñería Sen Fronteiras xunto con outras plataformas e organizacións e, sobre todo, o traballo de xornalismo activista das compas Elena e Pablo, de Xarda e O Salto.

Esperamos, dentro do proxecto Mulleres Bravas, apoiar á Plataforma (que conta con moita colaboración cidadá e moitas mulleres en primera liña, pero fai falta todo o apoio posible), con vindeiras formacións sobre Comunicación de Guerrilla.

Exposición: Coñeces o teu móbil?

Temos unha exposición está dispoñible para as escolas universitarias, centros de secundaria ou organizacións de todo tipo.

As nosas compañeiras de ESF Catalunya no seu día fixeran unha exposición sobre as compoñentes dos teléfonos móbiles, minerais dentro de cada compoñente, a súa procedencia e os conflictos na súa extracción. Hai uns meses, actualizárona, e moi amablemente nola cederon para que fixeramos unha versión en galego e poder tela xirando por Galicia. Esta temática entra dentro da liña de traballo que temos en TIC, neste caso na parte máis vinculada ao consumo responsable de tecnoloxía e a electrónica ética, sempre con ese enfoque de consciencia dos impactos do noso consumo noutros lugares (como parte do que se chama educación para a cidadanía global).

Dende o día 7 de maio está na Escola de Camiños da Universidade da Coruña (escola onde temos a nosa oficina central, de aí que teña moito sentido empezar por ela), no vestíbulo.

Esta versión en galego está realizada dentro do proxecto para levar distintos aspectos da Tecnoloxía para o Ben Común ás escolas técnicas das universidades públicas galegas, financiado pola Cooperación Galega da Xunta de Galicia, e tamén con fondos IRPF (da casiña solidaria).

Aquí se pode ver a exposición en versión dixital.

Pódese solicitar en info[arroba]galicia.isf.es, con especial prioridade para escolas técnicas universitarias, centros de secundaria ou organizacións profesionais técnicas. Pero, se hai dispoñibilidade, está aberta a todo o mundo.

A forman 3 roll-ups lixeiros, fáciles de transportar e de montar. Queremos nun futuro próximo complementala cunha maqueta dun móbil, que sexa desmontable e se vexan as compoñentes (posiblemente en cartón ou algún material reutilizado).

Boletín Oficial ESFeiro: maio 2024

Aquí podes escoitar o resumo en formato podcast no Boletín Sonoro Maio 2024. Se es máis de lectura, segue lendo!

CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Mozambique
  • Enlaces de interese
  • Recomendación artística
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

   Puidemos ver algo fixo nunha formación sobre bioconstrución co proxecto da PDI Patricia Muñiz, apoiado pola bolsa de ARtigo9Tech para incluir a tecnoloxía para o ben común na universidade. O IES Primeiro de Marzo de Baiona, gañador do concurso de propostas Hackers Sen Fronteiras, presenta o seu proxecto de Banco de Reciclaxe. A través da Coordinadora Galega de ONGD, promovimos a solicitude de información sobre empresas colaboradoras ás tres universidades públicas galegas.

    Tamén seguiron as actividades dos Bancos de Reciclaxe con Software Libre. O da Coruña vén de estrear unha mini-web coa iniciativa fala.gal, para non perderse ningún dos vindeiros eventos. Tivo un obradoiro interno para elaborar quitafumes. O 26 organizou un Repair Café na Domus, con cacharreo do bo. O día 12 fíxose unha pequena formación e entregáronse 6 equipos a outras tantas familias, co proxecto financiado por fondos IRPF con Ecos do Sur. Persoas do Banco de Vigo fixeron un obradoiro de cacharreo con computadoras no IES Primeiro de Marzo, gañador do I concurso de propostas de tecnoloxía para o ben común no ensino secundario (que acababa de presentar a web do Banco Escolar que están a montar). Noutro Banco da Rede, o de Milladoiro, tamén tocou Repair Café, este o 27 de abril. Rematou o mes coa reunión mensual da Rede, na que invitamos a persoas de iniciativas doutros lugares do Estado Español.

    O día 13 tivemos a xuntanza de primavera da nosa base social, en Compostela.

    Dentro do proxecto de ESF na Universidade, o 18 e o 25 estivemos na Escola Técnica Superior de Enxeñería de Compostela, vendo posibilidades de voluntariado e participación en traballos académicos con ESF.


HONDURAS

    En Honduras estívose entregando a personería xurídica das agrupacións de productoras, dentro do Programa de Soberanía Alimentaria. No mesmo programa, despois das correspondentes medicións, estase xa cos movementos de terras para a restauración da lagoa de inverno de Berbería, da que dependen para o seu sustento varias comunidades da zona (ás que se presentou o proxecto), e se atopaba en mal estado por colmatacións e sedimentos que impedían a circulación da auga. Houbo tempo para participar no Festival “Importancia de la Pesca Artesanal”, onde visibilizouse a actividade das mulleres marisqueiras da zona do Golfo de Fonseca.

    No outro programa en marcha (lembrar que dentro de cada programa pode haber varios proxectos en marcha, con unha ou varias entidades financiadoras), o de Dereito á Auga, destaca a xira de persoas da microcunca hidrográfica de Panasacaran (Moropocay, municipio de Nacaome), para coñecer a experiencia da comunidade de Santa Isabel (municipio de Namasigüe).


MOZAMBIQUE

En Mozambique no mes de abril o traballo centrouse na mellora do manual de procedementos operativos para a xestión da seca da Administración Rexional de Auga do Sur (ARA Sur).  Entre outras cousas, introducíronse cambios en relación á clasificación do estado dos embalses. Coa ARA Sul tamén se traballou no acompañamento para a aplicación de mellorías no boletín mensual de seca. Á súa vez, déuselle seguimento ao traballo dos técnicos das 3 ARA (Sur, Centro e Norte) para a análise dos resultados finais de caracterización da época chuviosa 2023-2024, con especial incidencia na comparación dos resultados relacionados coa seca en períodos anteriores. De modo paralelo comezouse a traballar na planificación da seguinte misión a Mozambique.


ENLACES DE INTERESE

Activismo e persoas

Auga

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Pobreza e exclusión

Políticas e modelos de desenvolvemento

Soberanía alimentaria e defensa do territorio

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano


RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA

    Este mes queremos lembrar a Luz Fandiño, a activista e escritora compostelá que finou a finais de abril. Calquera das súas obras poéticas paga a pena. Aquí atopamos unha pequena escolma.


E NO PRÓXIMO MES …

   Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia  consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD


A ESF-RASE DO MES

    O recurso máis escaso non é o petróleo, os metais, o aire puro, o capital, o traballo ou a tecnoloxía. É a nosa vontade de escoitar ás outras persoas e aprender delas, buscando a verdade en vez de ter a razón.

Donella Meadows