Poden as redes sociais (dixitais) realmente ser transformadoras?

Esta é a versión en galego do post que se publicou en castelán no blogue La tecnología no nos salvará, de El Salto Diario. Está escrito a catro mans por Sergio Alvariño e Sergio Fernández, con foto de Sergio Alvariño.


Se aceptamos unha definición xeral de rede social como unha plataforma dixital que permiten comunicarse e intercambiar información a comunidades de persoas con intereses ou relacións comúns, teriamos que aceptar tamén que casi todo o que facemos na rede facémolo a través dunha rede social. Non podemos limitarnos aos exemplos clásicos de Facebook ou X (antes coñecido como Twitter). Telegram ou Whatsapp, cando nos comunicamos nun grupo, son unha rede social. Páxinas como Flickr ou LinkedIn serían tamén redes sociais (moi centradas nunha temática concreta), etc.

Se aceptamos esa definición a historia das Redes Sociais remontaríase incluso aos tempos de Usenet (que non deixaría de ser unha rede social), ou mesmo Fidonet (grazas a Gonzalo Méndez González polo seu comentario á versión en castelán).

A cuestión é que a historia das redes sociales é máis longa do que adoitamos pensar, ao fin, os seres humanos somos seres sociais e, unha ferramenta como a Internet, usouse para socializar prácticamente dende que naceu.

Xa sexa que aceptemos Usenet ou Fidonet como RRSS ou como precursoras, ou sigamos o canon e digamos que a primeira RRSS foi _ClassMates_ (1995), o caso é que o uso das redes sociais extendeuse rápidamente, prácticamente limitado só pola facilidade de acceso da xente a unha conexión de datos. Á xente gústalle socializar e intercambiar información. Cando os dispositivos móbiles empezaron a incorporar conexións de datos á Internet as redes sociais estouparon, popularizándose enormemente.

No seu nacemento, as redes sociais non eran necesariamente tóxicas. As primeiras versións de Twitter ou Facebook eran prácticamente inventos de xente á que lle gustaba trastear coa tecnoloxía. Pero según aumentou o número de usuarios comenzou tamén o proceso «de enmerdación». É moi recomendable leer os artigos de Cory Doctorow (que por certo inventou o nome do proceso) explicando como a «enshitfication» é inevitable cando se entra no proceso de monetizar as RRSS, especialmente as centralizadas. Podemos imaxinar que por moi idealistas que sexamos ao principio cando inventamos unha RRSS, a medida que se popularice , aumentarán os custos, e se queremos manter o invento necesitamos cartos para cubrir esos custos.

Desgrazadamente, o crecemento das redes sociais e a evolución dos dispositivos móbiles sempre foron dirixidos con criterios mercantilistas. Cando as RRSS empezaron a medrar forte, os propietarios dos motores de búsqueda xa estaban nos albores da «economía de datos» para administrar publicidade á medida dos usuarios baseándose nos datos recollidos das búsquedas. Segundo aumentaban as capacidades dos móbiles e o número de usuarios das RRSS, máis rendible era o negocio. O deseño orixinal das RRSS foi cambiando para aumentar a fidelidade dos usuarios e o tempo que pasaban na rede facéndoas tan adictivas como fora posible. De aí veñen carácterísticas como o scroll infinito ou ter que beliscar a pantalla para refrescar.

Pero o xeito definitivo de monetizar as RRSS radica no algoritmo que usa cada unha delas para priorizar o contido que chega á persoa que a está usando. Os detalles dos algoritmos usados por cada empresa son un segredo absoluto, pero hai evidencias do uso do algoritmo para fins tan dispares como influír nos membros dun xurado popular ou nos resultados das eleccións de diferentes países (ver Cambridge Analytica)

Cando todo se move arredor da monetización e de maximizar os beneficios o proceso de «enmerdación» dos servizos é inevitable, e os obxetivos finais das RRSS son que as persoas que as usan pensen ou fagan cousas que non pensarían nin farían por si mesmas. Aquí xa non estamos a falar de simplemente comprar produtos comerciais.

Estes días houbo unha avalancha de migracións dende o antigo Twitter a outras redes sociais. Moitas organizacións de transformación social optan por moverse ás redes que parecen estar recollendo máis persoas. Incluso as profesionais da comunicación (moitas delas), caen nesta tea de araña da «cantidade fronte á calidade», por moito que despois prediquen que non ten sentido a comunicación «en xeral», senón que é importante segmentar os públicos aos que pensamos que podemos chegar mellor e nos que podemos ter influencia. Ao final, quédanse invisibilizadas na marea de contidos e acabamos tendo a nosa pequena caixa de resonancia de sempre, co engadido de que cada vez compensa menos a incoherencia de crear contido para unhas plataformas gobernandas por grandes tecnolóxicas que comercian coa privacidade e que, como vimos, practican a enmerdación. Porque si, Bluesky tamén é iso, e coas recentes incorporacións nas ampliacións de capital (inversores que veñen das criptomonedas), non pensamos que a cousa vaia a mellor. Sempre dixemos que unha tecnoloxía gobernada por poucas persoas é menos susceptible de ser tecnoloxía para o ben común (o anel único do Señor dos Aneis é un bo exemplo…).

Quen afirma que hai que «aguantar na trincheira» de twitter (ou de calquera outra redes social controlada por unha gran tecnolóxica), enfoca isto como unha guerra, con héroes e sacrificios. Non somos tantas e non temos tantas forzas. Parece unha loita de David contra Goliat. Posiblemente sexa máis estratéxico tratar de construir «o noso terreo» e non quedar no seu (e twitter claramente era o seu, pero Bluesky está construido cos mesmos mimbres, o mesmo que vemos a tendencia de Meta nos últimos tempos).

Por que pensamos que o Fediverso é unha alternativa moito mellor que Bluesky? Por suposto, a ausencia de algoritmo que xestione o que vemos é unha gran vantaxe. No Fediverso (hoxe por hoxe) a túa liña temporal (o contido que recibes directamente) é como o teu xardín, ti es quen decide que plantas engades e o responsable de podar e eliminar malas herbas cando aparezan. Pero pensamos que o Fediverso tamén pode sufrir procesos de «enshitfication», inevitablemente haberá intentos de monetizalo, canto máis éxito teña tanto máis apetitoso resultará. A característica fundamental do Fediverso é que non estás prisioneiro/a dun provedor. Para nós, esa é a maior vantaxe, a que garante finalmente a túa liberdade. Se non estás a gusto na instancia na que acampaches, ou a túa instancia cambia as súas políticas, ou o servizo comeza un proceso de «enshitfication», sempre te podes mover a outra instancia ou a outro servizo. É evidente que isto plantea retos. Sería desexable que se fixeran tantos ou máis esforzos en facilitar a mobilidade dunha instancia a outra (ou incluso a mobilidade entre distintos servizos) que en mellorar os mecanismos de moderación, que parece ser o que máis preocupa ao público neste momento.

Deste xeito, as instancias descentralizadas e federadas, que son e sustentan o Fediverso, están moito máis en consonancia coa idea de gobernanza da tecnoloxía e de reapropiación tecnolóxica, como primeiros pasos cara unha tecnoloxía para o ben común. Ademais, cremos que as entidades e persoas que moran xa no Fediverso parten duns valores como reapropiación e co-responsabilidade tecnolóxica, tecnoloxía para a inclusión e democratización tecnolóxica, moi na liña dos que defendemos, e que se pode facilitar a xeneración dunha masa crítica social que impulse estes valores. 

Para entendelo mellor, ir a Bluesky dende X é, no eido alimentario, como pasar de Nestlé a El Pozo, pero irse ao Fediverso é como o consumo en mercados locais. 

Así que quedámonos coa frase  «O que precisamos é confiar en que podemos construír espazos dixitais que habitaremos, en lugar de usalos pasivamente, para recuperar os futuros que nos robaron. Como persoas libres e conscientes», de Marta G. Franco no libro Las redes son nuestras, una historia popular de Internet y un mapa para volver a habitarla.

No mundiño da acción para a transformación ecosocial falamos moito de que queremos que a revolución nos pille bailando, pero a música vai ser de spotify ou da charanga da nosa parroquia?

Outros enlaces que nos gustaron sobre o tema

Este moi ilustrativo con metáforas chulis, ou moi didácticos como este ou este.

Para saber máis sobre mierdificación

Este é algo máis técnico

E este outro aínda máis técnico

Pensando co lápiz. Mulleres tecnólogas de ESF

Pasando o Dia Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, compartimos unhas reflexións de Arantxa, Lucía e Laura, mulleres da base social de ESF.

Arantxa

O modelo educativo STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) leva anos impulsándose como motor do avance na era dixital. Con todo, deixar fóra as artes (Arts) reduciu a capacidade de conectar disciplinas e limitou a creatividade na innovación científica e tecnolóxica. O enfoque STEAM nace precisamente para superar esta barreira, reivindicando a creatividade como un piar esencial da aprendizaxe e rachando coa idea de que o técnico e o artístico son mundos separados.

Pero esta integración non só mellora a educación, senón que tamén pode axudar a reducir a desigualdade de xénero nas disciplinas científicas e tecnolóxicas. Históricamente, o modelo STEM atraeu unha maioría masculina, deixando ás mulleres nunha posición secundaria. A introdución das artes pode ser unha ponte para que máis rapazas se sintan motivadas e representadas nestes campos. Haberia que valorar ata que punto a combinación de arte e tecnoloxía pode abrir novas portas cara a unha educación máis equitativa.

Lucía

Moitos escépticos pensaban que era cousa dunha conspiración cando falabamos dun borrado de muller dos rexistros e da documentación. Crían que eran esaxeracións cando dicíamos que durante centos de anos se fixeron esforzos para eliminar as pegadas da muller na historia. Consideraban que era coincidencia o feito de que semellaba que as mulleres non existisen ata que se aprobou o sufraxio feminino en 1931. Agora non queda dúbida de que se trata dunha estratexia empregada activamente polos representantes dos sistemas patriarcais e fascistas que acceden ao poder coa intención de dominar mellor á poboación.

Non debemos, así e todo, caer na tentación de malgastar esforzos nunha crítica enrabechada desprovista de rumbo, esas son discusións perdidas. Pola contra, podemos empregar as nosas forzas en contribuír a eses rexistros históricos que foron xurdindo no que a representación feminina continúa existindo tal e como sempre formou parte da sociedade. Non se trata tan só de plasmar o nome das científicas e investigadoras que nos agasallaron abrindo as portas cara inventos tan transformadores como a xiringa (Letitia Geer), o envasado ao vacío (Amanda Jones) ou a mismísima WiFi (Hedy Lamarr), senón que consiste en manter viva esa visión da ciencia e da tecnoloxía na que se desenvolve coa intención de resolver dificultades da vida diaria ou de democratizar o acceso a un ben necesario. Se o patriarcado desexa borrar á muller non é só por dominala, faino tamén porque con ela chega outra forma de relacionarse co progreso.

Vandana Shiva, física e ecofeminista, a miúdo fai fincapé nesta diferenza de visión xa que ela mesma sufriu o menosprezo dentro da comunidade científica ao cuestionar a dirección que estaba a tomar o desenvolvemento social e tecnolóxico. Durante séculos, a ciencia foi constrinxida a unha perspectiva que buscaba a dominación da natureza a través da xerarquización das partes que a conformamos. As mulleres que exercía unha ciencia diferente foron consideradas bruxas e os homes que as comprendían foron igualmente queimados como cómplices. A día de hoxe, abonda con borrar o seu nome das enciclopedias e retirarlles o financiamento ás súas investigacións, ou directamente, negarlles un posto de traballo.

Precisamos compartir a historia das mulleres referentes na ciencia non só para inspirar ás futuras xeracións a participar nesta rama do coñecemento, precisámolo porque todos nos podemos beneficiar dunha transformación filosófica na ciencia que favoreza un progreso máis sostible e menos enfocado cara unha potenciación da produción.

Laura

Dise que a meirande parte de traballos do futuro serán de carreiras STEM, que serán os empregos mellor pagados, que a día de hoxe hai moitas vacantes STEM… E dise que faltan mulleres e que a súa porcentaxe de acceso a estas carreiras ou diminúe, ou non aumenta. Que estamos facendo mal?

Hai moitos obstáculos cos que unha muller se topa ao longo da súa carreira científica, e ao final ou abandona, ou non promociona o que debera. Somos moi poucas mulleres, e onde estamos, estamos soas. Somos a voz disidente nun equipo de traballo formado por homes, onde os estereotipos, quéirase ou non, están. E é moi complicado avanzar así, a confianza vese minguada cando a maioría opina distinto. E se fallas, o castigo é moito maior, porque a sociedade está gobernada por homes, onde se ve á muller como un ser diferente e á que se lle poñen unhas esixencias moito máis altas. Unha vez que estás na carreira científica, avanzar soa é case imposible.

E por que non hai máis? Por que as nenas non elixen carreiras STEM con todas as vantaxes que aporta? A falta de referentes pode ser un dos motivos, mais eu creo que o esencial é o camiño que lle traza a sociedade a tódalas rapazas. A educación dunha rapaza é diferente. Os debuxos animados e os xoguetes están orientados á solidariedade e disciplina destas, pero fomentan a toma de decisións e protagonismo dos rapaces. Basta ver os xoguetes de coidados “das rapazas” fronte os de acción “dos rapaces”, ou as formas de moverse e actuar dos debuxos animados en función de se son rapaces ou rapazas: elas son máis pacientes, máis comprensivas; eles son activos e a voz cantante.

Na adolescencia empeora: as nenas maduran antes ca eles, polo que son conscientes, por exemplo, da importancia dos estudos, e focalízanse máis neles, intentando superalos. A maioría dos rapaces, pola contra, non lle dan tanta importancia, seguramente porque aínda non alcanzaron este período de madurez e están nunha idade na que as prioridades son outras. Deste xeito, teñen máis tempo libre e o poden investir en descubrir actividades que lles gustan, moitos probablemente introducíndose nas STEM dun modo lúdico (videoxogos, vídeos, inventos, experimentos…) e coñecendo os campos que máis lles atraen. Elas, pola contra, estudan máis e no seu tempo libre non se van a poñer a mirar estas cousas, porque están “cansas” de estudar, e invisten o seu tempo co que a sociedade lles propón: maquillarse, ir de compras, facer deporte… Deste xeito, non descobren a súa paixón, chegando ao momento de decisión de carreira sen saber o que lles gusta porque non tiveron tempo de probar. Das grandes disciplinas só coñecen o que se ve na clase, e non saben que hai máis aló, ao contrario dos rapaces, que si que tiveron tempo para investigar xogando. Deste xeito, moitos dos homes que entran en carreiras STEM teñen, ademais de coñecementos previos, vocación; e elas non.

E é así, como no momento de decisión da súa carreira, a maioría non opta por Enxeñarías, porque non saben o que son, e si que escollen as carreiras que se corresponden con asignaturas que tiveron no instituto, moitas rematando como profesoras en vez de nas empresas ou na investigación. No caso de medicina, farmacia, enfermaría… tamén son bastante solicitadas polas rapazas, e neste caso non é porque se deran no instituto, senón porque están orientadas a coidados, algo co que as rapazas si que experimentaron ao longo da súa vida.

En resumo, a sociedade vai guiando os camiños dos homes e mulleres para poñelos “onde teñen que estar”. Os cambios teñen que vir da base, da estrutura, da educación, para que cada persoa sexa libre de escoller o que lle gusta, e non se vexa tan descaradamente influenciada polo que lle marca este sistema patriarcal.

BOE

Boletín Oficial ESFeiro: febreiro 2025

CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Mozambique
  • Enlaces de interese
  • Recomendación artística
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

   En xaneiro abrimos o prazo para solicitar unha das 3 prazas do Programa de Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras Realidades (PCR) 2025, que estará aberto até o 16 de febreiro. Ademais, o grupo de Apoio a Plataformas de Defensa da Terra elaborou un Visor de mapas de afectación da ampliación da autovía A52, que se une ao que se fixera xa da Mina Touro-O Pino. Tamén deste grupo, Alberto participou en Escairón e en Lalín nuns encontros con comunidades de montes e faloulles de Boas prácticas para a transición ecosocial. O potencial dos montes veciñais en Galicia  (cunha presentación que paga a pena ver).

    Fíxose a tradución do manifesto da reparación ao galego. Tivemos varios Cafés Formativos en Santiago, falando sobre decrecemento, así como un faladoiro da nosa compañeira Sandra no IES Celanova (onde ela estudiara), sobre a súa traxectoria como cooperante. Non faltaron repair cafés, en Lira (Salvaterra de Miño) e na Domus da Coruña.


HONDURAS

    Na comunidade de Tres Piedras seguiron os traballos do sistema de abastecemento e saneamento, que podemos ver neste vídeo e nestas fotos e estas xa con detalles das latrinas, coa financiación de AECID.

    No programa de restauración de lagoas de inverno financiado por AECID e Cooperación Galega da Xunta, quixemos chamar a atención sobre o problema de invasión de algas e os xeitos de tratalo. Tamén se realizaron as sesións da Escola de Incidencia Política que durou unha semana con 22 líderes locais. Tamén se conseguiu a personería xurídica de 5 grupos organizados de mulleres.


MOZAMBIQUE

No mes de xaneiro traballouse na elaboración dos informes técnico e financeiro do ano 2024 e tamén se lle está a dar continuidade as accións de acompañamento a ARA Sur no ámbito da análise de inundacións e de coordinación coa ARA Centro para o desenvolvemento dos taballos en inundacións neste ano. Alén disto estase a avanzar co deseño da campaña de comunicación do proxecto que será desenvolvida nas próximas datas e na organización de charlas divulgativas do proxecto. Ademais, aquí deixamos a crónica das visitas de Víctor e Manuel en novembro e decembro. Tivemos un encontro en Compostela onde nos contaron como foi todo, e tamén a complicada situación no país.


ENLACES DE INTERESE

Activismo e persoas

Auga

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Pobreza e exclusión

Políticas e modelos de desenvolvemento

Soberanía alimentaria e defensa do territorio

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano


RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA

    Este mes voltamos coa música, desta volta o dúo Los Sara Fontán, que ademais da súa valía artística, encántannos pola súa filosofía. Aquí un artigo/entrevista.


E NO PRÓXIMO MES …

    Temos un novo apartado na nosa páxina web, onde se pode ver a axenda de próximos eventos ESFeiros ou que nos parecen interesantes pola temática. Ademais:

   Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia  consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD


A ESF-RASE DO MES

    O que precisamos é confiar en que podemos construír espazos dixitais que habitaremos, en lugar de usalos pasivamente, para recuperar os futuros que nos robaron. Como persoas libres e conscientes

Marta G. Franco no libro Las redes son nuestras, una historia popular de Internet y un mapa para volver a habitarla

Boas prácticas para a transición ecosocial. O potencial dos montes veciñais en Galicia

Hai uns días, fomos invitadas por Acción contra a Fame a un par de encontros (en Escairón e Lalín) para falar sobre o futuro do rural e do potencial dos montes veciñais en man común, dentro dun dos seus programas. Alberto Molares, voluntario do grupo de boas prácticas para a transición ecosocial, estivo por alí, onde ademais Presentouse o programa Caprif-CC por parte da Fundación Juana de Vega, e da “Rede de Áreas Conservadas por Comunidades Locais” de Galicia.

Esta colaboración a fixemos dentro do noso programa de Tecnoloxía para o ben común no eido profesional técnico (ESFPro), que iniciamos coa financiación de fondos da casiña solidario do IRPF e da Cooperación Galega.

AQUÍ deixamos a completísima presentación que fixo Alberto, onde analiza problemáticas como o esgotamento das materias primas enerxéticas (petróleo, gas, carbón, biomasa, diésel, biocombustibles, uranio). Tamén os problemas de consumo enerxético no transporte, que pode pasar o hidróxeno verde como vector de almacenamento, se podemos electrificar o transporte e industria totalmente (e se realmente iso sería necesario), Tamén se mete na parte de fertilizantes e agroquímicos, uso da auga…

Algunhas solucións a explorar poden ser de baixa tecnoloxía (o cal implicaría un cambio en produción e consumo, unha redución controlada en vez de a descontrolada que está cada vez máis cerca), pero tamén o xeito de organizar a produción e o consumo (comunidades enerxéticas, por exemplo, ou mobilidade eléctrica rural compartida). Tamén produción e consumo máis endóxenos, ou solucións como a xeotermia. Tamén é importante a ciencia e monitoreo cidadá, como se fixo dende ESF co visor de abastecementos de auga, e outros exemplos como o mapa de contaminación da auga por nitratos. Contou algúns casos de éxito en comunidades de montes, vendo a importancia de visibilizar esas sementes de cambio e traballar en rede.

Para todo isto a financiación é importante, e mencionou tamén algunhas iniciativas de finanzas éticas (FIARE, Coop57 ou a máis local AIS O Peto).

E moito máis… pódese ver na presentación!

Esperamos seguir colaborando en eidos que nos propios encontros identificaron as presentes: colaborar co mapeo da contaminación dos ríos que estamos pendentes de abordar, explorar os usos comunitarios tradicionais da tecnoloxía, así como analizar a viabilidade das comunidades enerxéticas.