Boletín Sonoro ESFeiro en ESFRadio: marzo 2021

Xa chegou o segundo Boletín Sonoro ESFeiro en ESFRadio, a versión podcast do noso Boletín Oficial ESFeiro. En pouco máis de 5 minutiños podes coñecer o que fixemos en xaneiro en Galicia e #Honduras, novas sobre tecnoloxía e dereitos humanos, recomendación de publicación en físico (que prestamos á nosa base social), axenda de eventos vindeiros e ESFrase do mes.

Se che gustan os podcasts, apúntate a ESFRadio!

Tamén en spotify

O que aprendemos nas Xornadas «Educar con emoción, aprender con paixón»

A semana do 8 ó 11 de Febreiro de 2021 tivo lugar A Semana da Educación “Educar con Emoción, aprender con Paixón” organizado polo Concello de Tomiño.

Según o propio Concello, as xornadas organizaronse para que docentes, persoas educadoras en xeral e pais e nais en particular acudiran a informarse e formarse en diferentes temáticas relacionadas coa educación. Participaron conferenciantes que son grandes profesionais con experiencia na temática, nesta edición tivemos con nós a Octavio Salazar, Almudena González, Marta Peirano e Alberto Soler.

A primeira conferencia “Educación, feminismo e masculinidades.” a cargo de Octavio Salazar abordouse como a educación debería incorporar a perspectiva feminista, o que supón ir máis aló da mera coeducación; habería que desenvolver programas específicos de intervención coa mocidade. O obxectivo non sería outro que dar resposta paritaria ao modelo educativo que marca o artigo 27.2 da Constitución Española e vinculalo co reto de como redefinimos as condicións da vida en común.

Na sesión do martes titulada “Educar a través da emoción musical: beneficios desde a perspectiva neurocientífica.” , Almudena Gonzalez falou sobre como a música é unha arte capaz de provocarnos diferentes emocións e no contexto educativo son importantes as súas implicacións e beneficios. Os estudos de neurociencia analizaron estas cuestións en profundidade e esta conferencia tivo como obxectivo esclarecer os alicerces da emoción musical na educación. Almudena abordou a literatura científica coa música como eixo vertebrador, analizando os diferentes estilos musicais académicos e populares, calidades e aspectos relacionados coa emoción e cognición musical. Afondou na interrelación dos coñecementos neurocientíficos cos musicais, xa que a unión entre estes dous campos proxecta novos camiños tanto dentro da aula como no ámbito familiar.

Nesta sesión unha persoa da nosa base social interviu plantexando un proxecto musical persoal e sobre como a música configura a masculinidade. Este feito deu lugar a unha actividade concreta no grupo de traballo non mixto sobre masculidadades de Enxeñería, pero disto falaremos noutra ocasión.

O xoves, Marta Peirano, xornalista e investigadora desenvolveu a poñencia en torno ó título “Como combater a desinformación con campañas de inoculación efectivas”. Sobre como as Redes Sociais convertéronse no vehículo de transmisión perfecta da desinformación. Non é só un problema técnico, que se poida resolver con algoritmos e Intelixencia Artificial. Plantexou a pregunta Que ferramentas temos para combatela? Dando como resposta o desenvolvemento do noso espíritu crítico.

Houbo duas preguntas da nosa base social.

A primeira foi que opinaba da Deep Web como ferramenta xeradora de desinformación. Marta comentou que foi dende sempre algo demonizado pero que o impacto que ten sobre a xeración da desinformación lle parecía mínimo.

A segunda foi sobre que accións directas poderiamos levar a cabo dende xa mesmo, ao día seguinte da charla. Unha resposta concreta foi xogar nós, coa familia, ou nas aulas, a un xogo onde o obxectivo e «facer desinformación», porque logo é máis sinxelo identificar as técnicas que empregan as fake news para influirnos. O xogo, da Universidade de Cambridge, chámase Bad News, e está pendente de traducir do inglés, pero é moi sinxelo.

No último relatorio o psicólogo Alberto Soler falounos sobre “Normas, límites, premios e castigos”. Sobre algo que parece tan razoable como que a maioría estamos de acordo en que queremos educar aos nosos fillos e fillas con grandes doses de amor, agarimo e respecto. Pero sempre hai situacións nas que é necesario establecer algúns límites que os protexan ou para ensinarlles cal é a forma axeitada de comportarse. Entón é cando a moitas familias e docentes asáltanlles as dúbidas: de verdade fan falta as normas e os límites?, cales?, a partir de que idade?, como podemos establecelos de forma clara e respectuosa coas súas emocións? E todo isto lévanos aos premios e os castigos. Xa sabemos, porque o falamos moitas veces, que non son nin a única nin a mellor ferramenta para educar a fillos, fillas ou alumnado pero, si non premiamos nin castigamos, que facemos cando superan eses límites ou incumpren as normas que puxemos?

En torno a estes temas, Alberto plantexou un interesantísimo relatorio sobre diferentes métodos, opinións concretas e accións directas para levar a cabo a educación das criaturas con un impacto emocional negativo mínimo na súa evolución vital.

Finalmente, dar os parabéns ao Concello de Tomiño a organización destas xornadas, as cales desfrutamos e nas cales aprendemos moitas cousas de utilidade. Estas iniciativas dende e eido local son moi de agradecer.

8M. Visibilizando a mulleres bravas de Honduras!

Nunha preciosa campaña impulsada dende AECID-Honduras, presentáronse distintas mulleres traballadoras e lideresas das que colaboran coas distintas ONGD españolas presentes en Honduras. Queremos presentarvos ás que temos a sorte de coñecer e coas que compartimos esforzos nos programas que Enxeñería Sen Fronteiras impulsa no sur de Honduras, neste caso en colaboración con CODDEFFAGOLF e financiación da Cooperación Galega da Xunta de Galicia.

Neste enlace pódense ver as imaxes de catro delas:

  • Lorena Núñez, presidenta do grupo de mulleres marisqueiras de San Lorenzo
  • Nelly Villagra, do grupo de mulleres marisqueiras de San Lorenzo
  • María Teresa Flores, emprendedora do grupo de mulleres marisqueiras Estrellas del Mar de Marcovia
  • Mariela Burgos, presidenta do grupo de mulleres marisqueiras Estrellas del Mar de Marcovia

Neste outro pódese coñecer ao resto:

  • Dania Brugos, comercializadora de alimentos (marisco e tortillas)
  • Grupo de mulleres marisqueras emprendedoras

Aproveitamos para lembrar a visita doutras 6 mulleres bravas a Galicia hai xa ano e medio. A de cousas que pasaron dende aquela…

Boletín Oficial ESFeiro: marzo 2021


CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Enlaces de interese
  • Publicacións en físico
  • A recomendación artística do mes
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

  Este mes, ademais de celebrar que o BOE xa ten un irmán sonoro en forma de podcast, engadimos duas novas seccións: a «Recomendación artística do mes» e, dentro da sección Enlaces de interese, unha subsección para o tema de enerxía e cambio climático (que ademais vén fortísima na súa estrea).  

Tivemos a boa nova da creación dun incipiente grupo de enerxía e cambio climático de ESF, que foi o detoante de que adiquemos ese apartado específico a novas neste eido. Empezaron forte, impulsando un dos ciberfaladoiros realizados no mes, o de «alternativas para unha transición enerxética: que podo facer eu?«, do que se fixo un resumo por se non puideches asistir. O outro ciberfaladoiro foi sobre Outras realidades: Mozambique (é posible que pronto empecemos a facer algunha cousiña sobre este país).

    Tivemos tempo de asistir á presentación da nova Estratexia Dixital da Xunta de Galicia, e nos suscitou dúbidas que queremos compartir aquí.

    Tamén houbo reunións do grupo de Dereito Humano á Auga para seguir traballando no mapeo do estado da xestión do abascemento nos concellos de Galicia en colaboración con Ecoloxistas en Acción e a Universidade da Coruña, así como do grupo de Soberanía Alimentaria e Defensa do Territorio, que estivo definindo accións para este 2021. O 13 de febreiro houbo o III Ciber-vermú do grupo de homes esfeiros (ao que chamamos agarimosamente «micromachiños»), onde compartimos inquietudes sobre masculinidades alternativas.

    O Grupo de Apoio Mútuo Dixital tivo o primeiro encontro con membros de Ecos do Sur, para arrincar a proxecto de redución de Fenda Dixital en familias vulnerables coa reutilización de equipos vellos «voltos á vida» con software libre, apoiado por fondos IRPF da Xunta de Galicia.


HONDURAS

    En Honduras tivemos a boa nova da reincorporación da nosa representante país Raquel (apertas!!), e a viaxe de Irene para dar apoio nos meses de febreiro e marzo no país no peche de proxectos que toca nestes dous meses.

    Dentro do programa de soberanía alimentaria e defensa do territorio, en febreiro rematouse o proxecto, financiado pola Xunta de Galicia, de apoio á actividade marisqueira na súa fase 1 (nos vindeiros meses estaremos buscando a financiación para continuar). Presentouse a versión mellorada da ferramenta de mapeo participativo de áreas de alto valor ambiental e de agresións ambientais, SIROS, desenvolta co apoio do cartoLAB da Universidade da Coruña. Ademais, mulleres marisqueiras tiveron unhas xornadas de sementeira de marisco.

    Tamén nese programa, pero noutro proxecto, financiado pola Axencia Española de Cooperación, a organización hondureña socia de ESF, CODDEFFAGOLF, participou na mesa de Seguridad Alimentaria y Nutricional de la municipalidad de Nacaome.

    No último dos proxectos que temos en marcha dentro deste programa, tamén financiado pola Xunta de Galicia,  estamos a colaborar co CEXEF apoiando a grupos de mulleres con  CODDEFFAGOLF e ás oficinas municipales de la mujer de los 7 municipios da Mancomunidad NASMAR. En febreiro tivo lugar o primeiro foro de sanación grupal, «Tejiendo ternura en colectividad «, como un espazo reflexivo para as compañeiras que defenden a vida xunto ao mar.


    Xa no outro programa que temos en Honduras, o de promoción do dereito humano á auga, quixemos chamar a atención sobre a nosa aposta por ir introducindo no programa a hidroxeoloxía como sustento científico para fortalecer as accións das nosas socias na xestión da auga en Honduras. O estamos a facer coa Universidade da Coruña. Ademais, estivemos a preparar unha proposta para obter financiación da Deputación da Coruña para apoiar o programa de Formación de Técnicas Comunitarias de Auga.

A mala nova foi ter que lamentar o pasamento da alcaldesa de El Triunfo Gina Bonilla, coa que colaboramos estreitamente na defensa do dereito á auga na zona e que tivo a ocasión de visitar Galicia en 2018. Con ela, vaise unha loitadora e un exemplo para a clase política de Honduras. Foi pracer ter compartido esforzos con ela.


ENLACES DE INTERESE

Auga

Comunicación para o (como) desenvolvemento

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Políticas e modelos de desenvolvemento

Sensibilización

Soberanía alimentaria e defensa do territorio

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano

Voluntariado e Persoas


PUBLICACIÓNS EN FÍSICO

(se che interesan, están no local de A Coruña ou fácilmente accesibles, e as persoas da base social de ESF poden solicitalas para préstamo).

Aquí podes ver moitas das publicacións que temos disponibles para préstamo á base social xa catalogadas.

Este mes:

  • Atlas Ecosocial de Galicia. Editorial Catroventos

A RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA DO MES

    Esta é unha nova sección de BOE, onde recomendaremos algunha obra artística que nos pareza especialmente inspiradora. Cancións, libros, películas, obras de teatro, banda deseñada…, calquera peza de arte pode ter cabida!

Queremos estrear a sección con Manu Chao e o seu Clandestino, case un himno. Aquí podes escoitalo!


E NO PRÓXIMO MES …

   Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia  consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD (ou subscríbe ao seu boletín quincenal, que conta con ofertas de emprego; formacións e actividades; novidades do sector; convocatorias de bolsas e subvencións; propostas de voluntariado, etc.). Tamén nas nosas redes sociais FacebookinstagramTwitter difundimos eventos de interese externos a ESFGalicia de temas vinculados ao noso traballo. 


A ESF-RASE DO MES

A ciencia non é senón unha perversión de si mesma, a menos que teña como obxectivo final o melloramento da humanidade
Nikola Tesla

Ciberfaladoiro. Alternativas para a transición enerxética: que podo facer eu?

Neste ciberfaladoiro, que fixemos a pasada semana, quixemos compartir as pequenas ou grandes cousas que podemos facer dende a nosa vida diaria para impulsar esa necesaria transición enerxética. Non faltaron as reflexións sobre o contexto no que estamos inmersas, que dificultan en moitos casos as apostas persoais por boas prácticas e eleccións tecnolóxicas ao servizo dunha transición realmente sustentable. O mundo non aposta de momento de xeito masivo polo modelo de recuperación, reciclaxe e redución, pero esperamos que iso estea cambiando. Non queda moito tempo…

No entanto, dentro das nosas posibilidades, fomos partillando algunhas solucións que algunhas de nós estamos a implementar, e outras que as vemos viables e desexables, a pesar de que non esteamos a implementalas aínda. Empezando dende o máis sinxelo ao máis complexo ou custoso:

  • Redución doméstica de gasto, para evitar despilfarro de enerxía en luz e outras fugas de electricidade. Tamén xurdiu o tema de electrodomésticos eficientes e o sempre recorrente aforro en auga (que de facto tamén o é en enerxía). Aproveitar mellor a auga ao fregar cacharros, uso da auga da ducha mentres non quence para encher caldeiros que permitan fregar a casa/usala na cisterna/regar as plantas (tamén a do deshumidificador), reducir o caudal da cisterna (por exemplo metendo unha botella).
  • Non quedou sen mencionar, aínda que brevemente (tamén é un bo melón), o tema da compra de cercanía e tempada, apostando por alimentos Km0 ou o máis achegados posibles. Tamén a parte de greenwashing de empresas como Amazon que, sen embargo, teñen gran impacto nas emisións polo reparto.
  • O feito de vivir nunha casa igual da pé a maior posibilidade de implementar prácticas a maior nivel, como pequenas obras que permitan un mellor reaproveitamento de auga (de augas grises, por exemplo)
  • Á hora de contratar o servizo de abastecemento eléctrico, facer unha aposta por pequenas comercializadoras que ofrezan electricidade 100% renovable, e mellor se son cooperativas (onde as persoas socias son tamén clientas, e se involucran máis nas decisións e gobernanza sobre a electricidade que consumen). Algunhas destas cooperativas chegan ao nivel de xerar, por ser donas de parques solares. Falamos do caso de Nosa Enerxía, dado que dúas das persoas que estaban no ciberfaladoiro eran socias desta cooperativa.
  • Xa se nos queremos meter a rehabilitar ou facer unha vivenda, aquí hai moitas posibilidades, pero a selección de bos illantes axuda moito á redución do gasto enerxético (os estándares de casa pasiva están crecendo na súa implementación, ou polo menos se non é co sello de Pasive House, si cos materiais e técnicas equivalentes). E xa, a outro nivel, o emprego de materias de bioconstrución, moi interesantes para esas solucións de illamento, pero que tamén pretenden acadar a sustentabilidade no resto do seu ciclo de produción (incluíndo a proximidade de materiais), aínda que aquí hai que buscarse máis a vida, cada vez vai sendo máis habitual atopar profesionais (máis no deseño que na construción en si). ESPIGA é unha boa porta de entrada. Neste eido da construción tamén deu tempo a falar de diversas tecnoloxías de xeración descentralizada para instalacións domésticas como a de paneis solares (con ou sen baterías, que baixaron moito de prezo no último ano, pero seguen a ter os seus problemas), ou xeotermia vs aerotermia (máis cara e eficiente a primeira), e outras que poderían ser interesantes pero non hai apoio da lexislación (como o gas natural renovable a partir do lixo ou excrementos, complicadísimo de implementar a nivel doméstico polas trabas lexislativas, ou a mini-hidráulica). O abastecemento descentralizado e non conectado a rede tamén deu para falar. Dependendo do consumo, pode ser complicado, pero si hai exemplos que o poden facer viable. A cuestión é que quizais non é tan eficiente no seu balance final enerxético con respecto a conectarse á rede (sobre todo cando á rede aumente no mix enerxético as fontes renovables con respecto a fósiles, ou á nuclear, que ten outro tipo de problemas). Que ten menos pegada, estar todas conectadas a unha rede que saca a enerxía de plantas fotovoltaicas, eólicas ou hidráulicas, ou ter cada unha na casa os medios para obter a enerxía de uso doméstico? Porque hai que contar que hai industrias que precisan de potencias moi grandes, por non falar do tema de que pasa co transporte.
  • O melón do transporte. Aquí metémonos algo no eido do coche eléctrico, ao que é posible que lle adiquemos un ciberfaladoiro só para el… A potencia que precisa é moi grande, e complica bastante a xeración doméstica, polo menos tal e como está a cousa montada actualmente. Certo que a I+D+I é como se acabara de empezar neste eido. En calquera caso, non parece máis que un patadón cara adiante da industria do automóbil, que en realidade ten pouco que aportar á transición realmente sustentable.
  • Tamén xurdiu o tema do activismo persoal, participando en iniciativas de presión política (que parece que nos quedan moi lonxe, pero son realmente importantes) e de aprender máis desta realidade enerxética posta ao servizo dun sistema insustentable (como participando en ciberfaladoiros!!! :D), ou tratando de que outra xente coñeza unha realidade da transición enerxética da que non se fala tanto, máis aló do «crecemento verde» e outras solucións incompletas e enganosas (aquí hai unha publicación da que falamos, que é o máis parecido ao apocalipse zombie, pero en versión transición enerxética, e da moito que pensar). Unha iniciativa actualmente en marcha é a de tratar de que España saia da Carta da Enerxía (na que se entrou nos 90, e que impón moitas restricións ás capacidades de cada país asinante da carta á hora de ir movéndose cara maior soberanía enerxética, clave na nosa opinión para unha transición enerxética xusta e verdadeiramente sustentable). Neste senso da sensibilización, tamén houbo certo laio con respecto ás boas ideas sobre tecnoloxías ao servizo deste modelo máis «decrecentista» que se desenvolven en traballos fin de grao o máster nas universidades, e quedan sen difundir nin desenvolver, metidos nun caixón. Dende ESF pretendemos levar á universidade esta realidade escondida da transición enerxética (e doutros temas como auga, soberanía alimentaria ou soberanía dixital), desmontando o super-optimismo tecnolóxico, e animando a desenvolver unha tecnoloxía ao servizo doutro modelo distinto de desenvolvemento que non deixen a ninguén atrás.Houbo moitas cousas que quedaron no tinteiro, que tampouco queriamos que nos deran as uvas. Unha delas pode ser o gasto en tecnoloxías dixitais (tamén na casa, e no noso día a día coa cantidade de información que enviamos e recibimos por traballo, ocio, relacións sociais…, que ten un impacto cada vez maior). Que se vos ocorre a maiores? Deixádenolo nos comentarios ou dicídenolo en info[arroba]galicia.isf.es para tocar en vindeiros ciberfaladoiros