Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras Realidades 2026. Xa temos participantes!

Xa hai uns días que coñecemos ás participantes de 2026 no noso Programa de Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras Realidades (PCR), e volas queremos presentar

Despois de presentar a súa candidatura, houbo un proceso de selección (coma sempre, encantaríanos que todo o mundo que se presenta poida ter esta experiencia, xa que sempre vese moita motivación e entusiasmo…), e comezou xa a súa formación con sesións presenciais e itinerario formativo en liña. Ás persoas non seleccionadas tamén teñen a posibilidade de facer esta formación cos custos de desprazamento cubertos. É un xeito de apoiar ese entusiasmo que, por que non, pode ter froito en anos sucesivos (algo bastante habitual).

Aquí temos ás participantes no PCR 2026, acompañando a Maigra e Esther, Mulleres Bravas de Honduras que nos visitaron este mes. Primeira pola dereita Alba C., despois Rubén e a 5ª pola dereita Alba V.

Día da auga. Lembranzas poéticas

A continuación deixamos unha escolma das poesías que saíron nun fermoso obradoiro de escrita poética sobre mulleres e auga, que organizamos hai xa varios anos, e que nunca foran publicadas!

Pinga a pinga
paso a paso
sopro a sopro
E así escorrejan os farrapos da vida
lentamente, cada día
por que? Porque eles pensan que todo se pode mercar.
Y también la lluvia
Aquella mañana dijo: yo no voy
- Yo tampoco- dijo la otra en la casa de al lado
- Ni yo- se escuchó un par de minutos después

Danzamos no regato das mil reviravoltas
brincamos e saltamos
de pedra en pedra
agarimando a area
e probamos bocas e mans e ollos e pés
e sangue e sal e xifre e metal
desde a noite en que brotamos
onde nace todo
sempre fomos unha
ti e máis eu
e nunca fomos libres

MULLER?

Muller, non tes poder?
Non podes sobre a túa vida escoller?

Auga, que da alento
é un importante elemento,
máis se non hai muller
non hai auga
non hai nada,
logo… tes poder?

Desperta, prepara, cociña… axiña!
Limpa, recolle, camiña…arriba!
Chega, merca, cociña… veña!
Trae, leva, encarga… larga!
Tralla, aló, acó…
Á merda!

Naciches na auga
e da auga saen os teus alimentos
Auga bendita que cega os teus campos
Auga maldita que debía o teu corpo
A auga viute nacer
e por ela estás a morrer

MULLER TXELZAL

Muller tzetzal
dos altos chiapanecos
indíxena tzetzal
ti que cargas
a auga ao lombo
ao neno no peito

Muller de millo
ti que levas
gota a gota
o cántaro cheo

Pinche gringo
roubou a auga
Gota a gota
Verso a verso
Indíxena tzetzal
ti que cargas
a sol e sombra
o home non carga nada

Muller
ti que viches
ao gringo entrar
no teu cántaro cheo

Amanece, sale el sol
y de nuevo inicio mi viaje cotidiano
nos falta agua y hay que ir a buscarla
me gustaría poder ir a la escuela
pensar que otro mundo es posible
pero cojo el camino y durante este tiempo
de ida, recogida y retorno
pienso en como podría ser otra vida
aprender a leer y escribir…
Poder descubrir otra forma de vivir
mejorar mi casa, compartir historias,
juegos, poder construir un futuro, diferente
para mi y mi familia
El día es largo y daría para mucho
pero no tengo tiempo
el agua es imprescindible
sin ella no podríamos vivir
al no tenerla en casa
mi vida tiene que continuar así
día tras día soñando otra mejor

A tí, muller, feita de agua. Bebo de tí
Auga, vida. Muller,. Miña vida
Auga, vida. Esto es tí. Muller
Bágoas de sal. Mar profunda
Río serpenteante. Doce pracer
Auga, vida. Así es tí. Muller

Lembro unha vez, en Educación Social,
unha proxección moi similar
A auga, a muller, unha relación tal,
que o mundo enteiro quería axudar

- Que non a carguen! Que se subleven!
Canalicémola! Por elas!- dixeron

Preguntaron os técnicos, chamaron ós sabios
decidiron os occidentais
o que precisaban as demais
Creouse unha canalización
e as mulleres xa non se xuntan, non
A elas… ningunén as consultou
Xa non cargan, agora xa teñen fonte
Xa non falan, xa non se educan,
iso…, iso era onte

Cada unha, á tardiña, á súa casa,
e así, da liña, ninguha se pasa

Xa teñen fonte, xa teñen canalización
Acabouse a camiñada á tardiña
e rematou tamén a feminina socialización

Dos teus beizos, o saber
do teu peito, a calor
dos teus brazos, o coidado
das túas mans, o amor
Do teu ventre, a esperanza
dos teus pés, o camiñar
do camiño, a fonte
da fonte, a auga
da auga, a vida

MUJER Y AGUA

Por el camino
andando, andando
despacio
con mis pies
sin descanso
fui trayendo la vida

Por el camino
andando, andando
despacio
con mis dos manos
sin descanso
fui trayendo tu vida

Por el camino
andando, andando
despacio
sobre mi espalda
fui trayendo nuestra vida

Por el camino
andando, andando
despacio
con los ojos cerrados
fui dejando mi vida
MULLER E AUGA

Polo camiño
camiñando, camiñando
paseniño
cos meus dous pés
sen descanso
fun traendo a vida

Polo camiño
camiñando, camiñando
a modo
coas miñas dúas mans
sen descanso
fun traendo a túa vida

Polo camiño
camiñando, camiñando
de vagar
sobre as miñas costas
fun traendo a nosa vida

Polo camiño
camiñando, camiñando
a pouquiños
cos ollos pechados
fun deixando a vida

A VIAXE Á AUGA DA MULLER DE AUGA

Camiño de ida:

Muller chea de auga onde medra o seu bebé
Muller que percorre desertos a pé
Vai na procura doutra auga
Auga para beber: ella, o deserto e o bebé


Camiño da volta:

Muller que baila ó ritmo da auga sobre a súa cabeza
Bebé que baila no seu berce líquido tamén

El agua, fuente de vida
recurso que los poderosos agarran con todas sus fuerzas – Si controlas
el agua, controlas la vida- le dice el viejo al niño

La mujer es fuente de vida
recurso como el agua
necesita márgenes -límites-
si controlas a las mujeres
lo controlas todo -le dice el viejo al niño-
Queremos una fuente en la plaza del pueblo
Ya libres seremos de tanta faena
amigos, aulas y sol anhelo

Matilde da Torila lavaba as caixas do peixe coas redes vellas.
A auga era algo que levaba e que traía.
Traía alimento.
Levaba homes e fillos.
Trouxo o refuxio cando a Papa Toto quixeran pasealo. Agochouse semanas nos acantilados tras das Sisargas. A auga coidábao. A auga levoulle ao home camiño do Perú.
Tróuxolle dúas fillas pequenas e rebuldeiras.
Levoulle irmás, primos e sobriños.
Tróuxolle sustento e horas de traballo.
Esas caixas de madeira erosionadas polo mar e o sal, e as redes, foron o groso da súa vida.
O cheiro a peixe, o marido alcohólico e as fillas jipis eran como a dor nos osos das súas mans permanentemente húmidas: algo inevitable.
A súa voz tamén era líquida e fermosa.
O seu corazón, era profundo como o Atlántico.
A súa trenza cando desfacía o periquete, unha cascada.
A súa alegría inmensa como o Pacífico.
Os seus ollos grises semellantes ao mar cando fai nordés.
O seu corpo era o dunha serea.
De tantos talentos acuáticos eu só herdei o seu lendario mal pronto, capaz de facer tremer as armadoras da dársena, do que meu avó dicía que temía máis ca calquera temporal do Gran Sol.
Cando María da Ascensión, tamén chamada Chela a do Roxo, coñecida despois como Chela a Barbeira, comezou a barbear, tiña 15 anos.
E a auga era:
o bálsamo que abrandaba as barbas rexas dos mariñeiros
A maxia hipnotizante da primeira lavandeira, incrible aparello que conseguía manter ás súas cinco crianzas quedas e asombradas polo adianto tecnolóxico.
A raiba áceda e salgada que non percorreu a súa faciana cando levaron preso ao meu avó.
O mar da praia de Babrés, no que o reume lle impedía mergullarse.
O alimento dos chuchamel do río Anllóns.
O feitizo de reseira e fiuncho co que me lavaba a cara no San Xoán.
O único alimento soportable cando o cancro de estómago chegou pra quedarse.
Exemplo orixinal dun dos textos

Móbiles na adolescencia

O impacto do acceso descontrolado e cada vez máis temprano a móbiles intelixentes con internet sen restriccións, está creando moitos conflictos e preocupacións na comunidade educativa e tamén nas familias.

Dende Enxeñería Sen Fronteiras, pensamos que formación e a actitude de nais, pais e titorxs, xunto cos centros escolares, é a clave para solucionar este problema social, un exemplo de libro de como as “tecnoloxías extractivas” (feitas para facernos pasar moito tempo diante das pantallas e monetizar a nosa vida dixital) nos collen sen defensas. Non se trata simplemente de manexar conceptos como DSN, ou control parental. Se nos limitamos a todo este arsenal técnico, sen traballar as actitudes e valores máis fondos dxs nenxs e adolescentes, será como poñer portas ao mar. Conseguiremos, iso si, unha xeneración impresionante de hackers, expertas en saltarse todas esas barreiras.

Dende as familias, hai dúas bases importantes sobre as que traballar, e nos parecen elementos que inflúen de xeito determinante en como podemos educar mellor dixitalmente (e tamén noutros ámbitos) a nenxs e adolescentes.

A primeira delas é dar exemplo. Se non hai acción exemplificante na casa, será complicada a formación das adolescentes, que soen sinalar tamén ás persoas adultas do seu entorno como malas usuarias dos teléfonos intelixentes. E os datos non lles quitan a razón… É común que rapaces e rapazas tendan a ter comportamentos na liña do que ven no seu fogar. Se hai un uso excesivo e inaxeitado do móbil (a horas intenpestivas, deixando de lado a comunicación ou as actividades coas que temos ao redor), sentiranse lexitimadas a tamén elas usalo, pensando ademais que poden controlalo.

A segunda é adicar tempo ás nosas nenxs e adolescentes. Isto da para reflexións máis fondas sobre como está montado o noso sistema socioeconómico, o que nos demanda a máquina do extractivismo e o que nos deixa de forzas para os coidados. Tal vez deberiamos darlle a volta ás prioridades, pero iso moitas veces non está nas nosas mans, e temos que xogar coas cartas que nos tocan. O que si podemos é non caer nesa exposición a pantallas dende ben novas (mesmo bebés), para que sexa máis fácil darlles de comer, ou que estean tranquilas na casa ou na cafetería, ou nas viaxes en coche… O camiño longo é adicarlles tempo, todo o que poidamos, non sustituirnos por pantallas nin delegar a educación e o ocio en reels de redes sociais. Tamén, falar dende pequenas destes temas de educación dixital, sexual, etc.

O mundo dixital está aí, é unha realidade máis (antes só tiñamos a «realidade real»), e non podemos obviar a acción exemplarizante que temos que ter tamén na casa, nin tampouco crear burbullas artificiais á xente nova. Por moito que se consiga un pacto, ou cambios lexislativos para o non acceso a smartphones até os 16 anos, ou restrinxir o uso das redes sociais até esta idade, a educación dixital ten que vir dende moito antes para que logo cando teñan acceso a el non estean indefensas. Para iso tamén temos que revisarnos como adultas. O ideal, certamente, é retrasar o posible o acceso libre a internet con estes dispositivos, pero falando das razóns coas afectadas, aprendendo xeitos de poñer límites, cultivando a corresponsabilidade e coñecendo máis de temas técnicos para protexerse. Tamén, por que non, participando en movementos de profesorado e proxenitorxs que traballan por levar ao debate social e ás políticas públicas ese acceso paulatino e con sentidiño aos smartphones.

FOTOGRAFÍA: fonte piqsels.com (licenza dominio público)

Boletín Oficial ESFeiro: marzo 2026

CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Mozambique
  • Enlaces de interese
  • Recomendación artística
  • E proximamente …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

    En Galicia, tivemos o proceso de selección das tres persoas que participarán en 2026 no Programa de Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras Realidades (PCR). Foi complicado seleccionar entre os bos perfiles das candidatas, pero finalmente Alba C, Rubén e e Alba V. foron as seleccionadas. Pronto as coñeceredes!

    No programa de ESF na universidade, estivemos en Ferrol na materia de Xogos Serios do Máster Universitario en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, nunha primeira sesión dun proxecto de aprendizaxe servizo, no que o estudantado elaborará un videoxogo sobre algún dos temas propostos, relacionados co tema social. Na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago está a campaña de sensibilización elaborada por bolseiras colaboradoras de ESF (para o día da auga están organizando tamén cousiñas!). Tamén nesta escola, tivemos un Repair Café de electrónica e bicicletas coa asociación Composcleta e, dentro da materia de Aula Profesional, o faladoiro Transición enerxética xusta?. As compas do Banco de Reciclaxe Electrónica con Software Libre do Campus Vida fixeron a súa primeira entrega de equipos reacondicionados, e foi á sociación de Peruanos en Santiago de Compostela y Ames.  Ademais, tivemos tempo para mandar unhas recomendacións ás candidatas á reitoría da USC, relacionadas coa pouca presenza dos dereitos humanos e a cooperación para o desenvolvento no organigrama institucional da USC, así como da excesiva dependencia dixital de ferramentas privativas e de grandes empresas tecnolóxicas extranxeiras.

    No programa de ESF pro, participouse nun ciberfaladoiro con Amigas de la Tierra sobre IA, outro aberto no que falamos sobre experiencias na organización de Repair Café con entidades de distintas zonas de España, e tivemos en Coruña unha nova sesión da Escola de inverno e repair café. Falamos das ferramentas Comaps e Zerotier, na Domus.

    Con Hackers Sen Fronteiras, programa que temos en centros de secundaria e FP, estivemos no IES de Teis cun Repair Café, e no IES de Brión falando sobre Bancos de Reciclaxe Electrónica e cacharreo de reparación, así como de electrónica ética. Houbo tamén un encontro en liña do grupo Mulleres Tecnólogas polo Ben Común.

    No programa de Mulleres Bravas estiveron moi atarefadas pechando a axenda ante a inminente visita de Esther e Maigra, que estes días están xa por Galicia.


HONDURAS

    En febreiro, no eixo de traballo de soberanía alimentaria e defensa do territorio, seguiu o traballo no programa de restauración de lagoas de inverno. No programa de restauración de lagoas de invreno, en coordinación coa UNAH Campus Choluteca  e pescadorxs locais da Laguna La Berbería, iniciouse un estudo para a identificación de flora e fauna. Dentro do programa financiado pola AECID, de traballo con sistemas alimentarios sustentables, fíxose unha Escola de campo para familias labregas. Ademais,dentro deste mesmo programa, a Mesa Municipal de Seguridad Alimentaria y Nutricional del municipio de Nacaome iniciou o proceso participativo para a construcción de la Política Municipal de Seguridad Alimentaria.

No terceiro programa que temos en marcha neste eixo, o programa de fortalececemento de capacidades no marisqueo e pesca artesanal, financiado por Cooperación Galega da Xunta, houbo unhas xornadas de fortalecemento en productos gastronómicos do mar.

    No programa de dereito á auga, tivemos á visita dun grupo de investigadoras galegas e portuguesas que teñen un proxecto complementario e nos vai permitir coñecer máis sobre posibles contaminantes nas augas e solos dunha zona piloto das que traballamos en Honduras (El Sartenejal), que poden ser causante do gran número de casos de insuficiencia renal crónica que se dan na zona. Tivo repercusión en Galicia, pero tamén moita en Honduras. Aquí se pode ver unha crónica. Ademais, a Mancomunidade de Municipios NASMAR, unha das nosas socias, tivo asemblea para elexir nova xunta directiva.

    Ademais, puidemos lembrar con Aída a súa experiencia en Honduras coas participantes en anos anteriores do programa Mulleres Bravas, cun relato moi emotivo.


MOZAMBIQUE

    No mes de febreiro traballouse na elaboración dos informes de peche da anualidade 2025. Tamén foi elaborada unha análise da continuidade das accións de apoio as Administracións Rexionais da Auga de Mozambique (ARAs), valorando a situación actual e os avances acadados ata o momento, o modelo de cooperación para o desenvolvemento que estamos a realizar (Cooperación Técnica)  e o esquema de traballo en rede (Augas de Galicia, Cooperación Galega, ESF, UdC-GEAMA) que estamos a implementar. En febreiro tivo continuidade o traballo de apoio as ARAs para a análise de inundacións e o acompañamento na monitoria de secas e precipitacións. Tamén se organizaron uns seminarios na USC que terán lugar a principios de marzo.


ENLACES DE INTERESE

Activismo e persoas

Auga

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Pobreza e exclusión

Políticas e modelos de desenvolvemento

Soberanía alimentaria e defensa do territorio

  • Libro «Chocolate negro», de Alfonso Molera. Sobre o cacao no mundo, sobre todo en África Subsahariana. Entrevista ao autor sobre o libro. A orixe do libro foi, polo traballo de Alfonso, que deuse conta de que «en Togo (e moitos outros países), los productores de cacao, nunca habían comido chocolate». Hai 5 millóns de productorxs de cacao, e só 7 grandes multinacionais que controlan o 60% da transformación de cacao a chocolate. Deste xeito, cun mercado especulativo, xeneran moita dependencia dos productores (deforestación e posteriormente plantacións a 30 anos).
  • A Xunta arquiva o proxecto de Altri tras a decisión do Goberno de excluílo da rede eléctrica

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano


RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA-CULTURAL

    Este mes traemos un dos festivais autoxestionados máis importantes de Galicia. O Festival Cultural  de Artes Escénicas y Tradición Popular. Faise en agosto de cada ano en Covelo.


E PROXIMAMENTE …

    Temos un novo apartado na nosa páxina web, onde se pode ver a axenda de próximos eventos ESFeiros ou que nos parecen interesantes pola temática. Ademais:

  • 3 de marzo: Día Mundial da Natureza e a Vida Silvestre
  • 3 de marzo: Día dos datos abertos, Spain Opendata Day
  • 3 a 9 de marzo: xira por Galicia de Esther e Maigra, do programa Mulleres Bravas. Axenda
  • 4 de marzo: Día Mundial da Enxeñería para o Desenvolvemento Sustentable
  • 5 de marzo: Día Mundial da Eficiencia Enerxética
  • 6 de marzo de 16 a 19 Repair Café en Ferrol. Edificio de usos múltiples, local do banco de reciclaxe electrónica. Campus de Esteiro.
  • 7 de marzo. 11-14h. Obradoiro de reparación colectiva, repair café. Casino de Carballo.
  • 8 de marzo: actividades polo día das mulleres traballadoras
  • 11 de marzo, 12:00-13:00h. Palestra “O soporte de Windows 10 remata nuns meses, vai valer o meu pc para actualizar a Windows 11? E agora que fago con ese pc?” Facultade de Informática. A Coruña
  • 12 de marzo. 12h. Aula 7 da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago de Compostela. Faladoiro “Proxectos de dereito á auga na cooperación internacional para o desenvolvemento (tipo A). ETSE. Aula 7“.
  • Xoves 13 de marzo. 16-19h. Repair Café en Ferrol dentro das actividades polo “Marzo ambiental” da Oficina de Sustentabilidade da UDC. Lugar: Aula –1.5, Soto. Edificio de Apoio ao Estudo. INSCRICIÓN de balde aquí
  • 14 de marzo: Día Internacional de Acción contra as represas e polos ríos, o auga e a vida
  • 15 de marzo: Día dos Dereitos do Consumidor
  • 15 de marzo: pecha o prazo para inscrición ao curso gratuíto e presencial en Lugo de  ‘Planeamento territorial participativo para adaptación ao cambio climático’. Organiza IBADER e Laboratorio do Territorio. +INFO e INSCRICIÓNS
  • 20 de marzo. 12-17h. Repair Café na Coruña dentro das actividades polo “Marzo ambiental”. Lugar: Andar 0 (zona orlas), ETSE Camiños, Canais e Portos UDC. INSCRICIÓN de balde aquí. Tamén se poderá ver a exposición Coñeces o teu móbil?
  • 20 de marzo. 12.30-13.30h na Aula de Proxectos da Escola Técnica Superior de Enxeñería de Santiago. Faladoiro sobre Electrónica ética e consumo responsable de tecnoloxía.
  • 20 de marzo. 16-18h na Escola Técnica Superior de Enxeñería de Santiago. Repair café e cacharreo con computadoras. Aprendendo a darlle nova vida a vellas computadoras
  • 20 de marzo: Día Internacional da Felicidade
  • 21 de marzo: Día Forestal Mundial
  • 21 de marzo: Día Internacional da Eliminación da Discriminación Racial
  • 22 de marzo: Día Mundial da Auga. No entorno deste día, haberá actividades na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Compostela.
  • 28 de marzo (último sábado de marzo): A Hora da Terra
  • 30 de marzo: Día do documento libre
  • 17 e 18 de abril: congreso esLibre en Melide, sobre cultura libre. Haberá moita presenza esfeira, coa compañía de Elena, da asociación hondureña Barracón Dixital
  • 19 de abril: Feira de Sementes da Fundación Galicia Verde, en Leboso (Forcarei), onde presentaremos a Guía de Autodefensa Dixital (e pode que nos atrevamos a facer algo de cacharreo e reparación)
  • 25-26 de abril: en Carballo, teremos a Xuntanza de Primavera de Enxeñería Sen Fronteiras

   Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia  consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD


A ESF-RASE DO MES

    A tecnoloxía e as máquinas deberían servir para liberar ao ser humano, non para afianzalo a esa roda do hámster que é o capitalismo

Alberto Garzón Espinosa

Material didáctico: Xogo TecnoloxíaParaTodas (Tech4All)

Deixamos á vosa disposición un material didáctico que empregamos en ESF Galicia cando queremos contar como traballamos en tecnoloxía para o ben común, os distintos sectores de traballo e como se van enlazando as accións para construir procesos transformadores da sociedade, cara unha máis xusta e solidaria.

É un xogo colaborativo para 2-6 participantes (aínda que pode facerse equipos de até 5 persoas que tomen as decisións consensuadamente, puidendo chegar entón a xogar 30 persoas), e se pode xogar con algunhas variantes que aumentan a complexidade.

O tempo dunha partida completa, a primeira vez que se xoga, pode ser unha hora ou máis, pero para o xogo básico a mecánica é moi sinxela.

O xogo consiste en que todas as participantes colaboran para construir procesos de desenvolvemento en diversos sectores de actuación (que coinciden cos que máis traballamos en ESF):

  • dereito á auga,
  • soberanía alimentaria,
  • enerxía,
  • TIC
  • educación en tecnoloxías para o ben común

Conta con 50 cartas de xogo, máis as cartas de instrucións. Algunhas das cartas de xogo levan un símbolo de feminismos, que se poden usar nunha das modalidades opcionais de xogo, que o dificultan pero ao final fai que as puntaxes sexan maiores. Isto pretende reflexar que os procesos, para que sexan realmente transformadores, deben levar transversalizado o enfoque de xénero, con recursos e accións, aínda que o proceso se alongue ou complique.

Na variente básica, todas as participantes poden realizar as mesmas accións no seu turno. Noutra variante, que complica aínda máis o xogo, dependendo do número de participantes, cada unha adopta un rol específico dentro do abano de axentes da cooperación para o desenvolvemento:

  • Organización Non Gobernamental de Desenvolvemento
  • Administración Pública Local (do país de traballo)
  • ONG Local (do país de traballo)
  • Administración Pública Doante
  • Doante privado
  • Axencia internacional (tipo ONU)

Aquí o xogo vólvese asimétrico, xa que cada axente poderá facer accións distintas, o que pretende transmitir as limitacións de cada unha delas, e como esa relación que se establece, a pesar de ser complicada, pode dar lugar a estes procesos se todas traballan na mesma dirección.

DESCARGA

Pode descargarse o xogo completo en pdf para imprimir aquí e, para descargar a versión editable para poder traducir ou cambiar calquera cousa e facer a vosa propia versión, aquí están os arquivos.

Calquera comentario, proposta ou dúbida, escrébenos a info[arroba]galicia.isf.es

REFERENCIAS: sistema de xogo baseado no xogo de mesa Hanabi, de Antoine Bauza.