Programa de Tecnoloxía para o Ben Común no eido profesional da tecnoloxía e a enxeñería. ESFpro
A consideración das empresas como axente clave na transformación do modelo produtivo e social cara unha economía máis centrada nas persoas non é algo recente. Pero si o é o tratar dalgún xeito de, no tecido profesional existente, impulsar boas prácticas para acadar ese cambio de paradigma en empresas que xa están funcionando, ademais de proporcionar a profesionais (neste caso da enxeñería e a tecnoloxía) elementos para levar a súa vida profesional boas prácticas da educación para a cidadanía global e os dereitos humanos. É un tema no que xa traballamos no seu día, no estudo Outra Empresa é Posible.
Tal vez nestes ámbitos da enxeñería e a tecnoloxía haxa profesionais que coñezan e teñan interese en incorporar esas boas prácticas, e mesmo poden estar algo familiarizadas con elas, pero non sen contar con coñecementos ou espazos para romper esa barreira de levar os valores da vida privada á profesional (isto vén quedando de manifesto dende hai anos nos debates que sobre o tema hai coa base social de ESF, gran parte dela traballadora do eido profesional tecnolóxico, da enxeñería e dos servizos básicos, mesmo con empresas propias).
Para ir introducindo elementos de cambio nas prácticas profesionais de xeito xeneralizado, é necesario tanto identificar prácticas alternativas como explorar os xeitos de adaptalas ao desempeño do día a día das persoas e entidades, vendo se é posible esa adaptación e que criterios deben cumprir as entidades como mínimo para plantexar o traballo con elas. Deste xeito o traballo pode irse focalizando cara modelos e prácticas desexables en entidades que sexan motor de cambio social e teñan o papel que lles corresponde nun sistema onde as persoas estean no centro, o cal no eido tecnolóxico e da enxeñería tradicionalmente custou máis por ese mito de que a tecnoloxía é neutral.
Canto máis aliñadas estean previamente as entidades con estes valores ecosociais, maior será a aprendizaxe e facilidade de avance nesta primeira fase e a posibilidade de crear axentes multiplicadores, de cara a logo ir traballando con entidades menos aliñadas en fases posteriores.
Pero para conseguir eses cambios nas prácticas nas entidades, tamén hai que traballar coas persoas que as conforman.
Por iso nesta primeira fase queremos tocar dúas liñas de traballo:
- por unha banda, visibilizar novas posibilidades de facer unha enxeñería mellor no eido profesional (respecto polos dereitos humanos, inclusión, sustentabilidade, etc.). Neste caso, contaríase como axentes multiplicadores con colexios profesionais de enxeñería, organizacións empresariais de segundo nivel (empezando nesta fase coas vinculadas á economía social) e tamén tratar un pilotaxe coa administración pública.
- pola outra, involucrar persoas do eido profesional tecnolóxico e da enxeñería en experiencias de voluntariado en tecnoloxía para o ben común transformadoras, das que vimos impulsando en ESF dende que naceu en 1993.
Na primeira liña impulsaremos faladoiros dirixidos a profesionais de empresas tecnolóxicas, colexios profesionais de enxeñería e organizacións empresariais ou da economía social relacionada coa tecnoloxía. Tamén faremos unha diagnose sobre o grao de coñecemento e integración da Tecnoloxía para o Ben Común no eido profesional tecnolóxico privado en Galicia. Organizaremos ademais un Encontro de Tecnoloxía e enxeñería para o Ben Común no eido profesional privado e un premio “Tecnoloxía con dereitos”.
Na segunda liña impulsaremos experiencias de voluntariado internacional en cooperación para profesionais tecnolóxicos. Tamén a realización de tres estudos colaborativos con persoas voluntarias de empresas ou entidades da economía social que involucren algún tema de tecnoloxía para o ben común. Ademais, favoreceremos a participación de voluntariado do eido profesional nos grupos de ESF de Enxeñería e tecnoloxía para a defensa do territorio con enfoque de cidadanía global e de Bancos de reciclaxe electrónica con software libre. Por último, favoreceremos a participación en encontros de profesionais activistas da tecnoloxía para o ben común de rede estatal Ingeniería Sin Fronteras Galicia.
Xeneraranse materiais divulgativos para redes sociais, podcast e outros medios, para ir dando a coñecer este programa.