Entradas

ESF na esLibre, congreso de cultura e tecnoloxía libres

O sábado pasado tivemos delegación ESFeira por València, participando no congreso esLibre, un evento que busca a promoción das tecnoloxías e a cultura libre. Xa é a terceira vez que participamos! (as anteriores foron en Zaragoza e Vigo). O obxectivo era aportar esa compoñente máis social da tecnoloxía.

Por un lado, Thais fixo un obradoiro sobre «Recursos tecnolóxicos para a comunicación e a participación das persoas con discapacidade«. Falounos de diferentes aplicacións e programas libres que permiten mellorar as posibilidades de comunicación de aquelas persoas que, pola súa situación de saúde, atopan algunhas dificultades para elo. Como ela di, a tecnoloxía debe apoiar e axudar a todas as persoas, sendo, neste caso, un recurso facilitador de los procesos de comunicación. Pero por desgraza, non sempre e así, e estas persoas atópanse con un montón de barreiras no seu día a día.

Jorge tamén deu unha charla sobre «Accesibilidade con Tecnoloxías Libres«, facéndonos un repaso aos proxectos máis interesantes que trataron nos programas do podcast que organiza xunto a outra xente.

No caso da charla sobre o «Papel das tecnoloxías libres para reducir o impacto social e ético«, Jorge e Jose falaron de conceptos como o dereito a reparar, comentando as distintas barreiras existentes para que este dereito sexa real (económicas, falta de repostos, a compoñente social de considerar de «segunda» empregar cousas de segunda man ou con sinais de uso, etc.), e a electrónica ética (con todo o impacto que os nosos aparellos teñen no Sur global durante todo o proceso de fabricación), relacionando estes conceptos coas tecnoloxías libres e da importancia do papel positivo que desempeñan. Falaron tamén de que cando falamos de tecnoloxías libres debemos ter en conta todo o proceso de produción, especialmente no caso do harware, xa que non se pode considerar «libre» un aparello que contén minerais extraídos en condicións de escravitude. Tamén deron unha serie de recomendacións de como contribuír de forma individual a reducir este impacto: alongar, reparar, reutilizar, reciclar, formarse e participar! Mención destacable merece a performance do noso cómico de confianza, Jorge Lama, no emprego do sombreiro para interpretar un dobre personaxe. Ao máis puro estilo Clark Kent con e sen gafas. Aquí deixamos a presentación (versión en galego) que empregaron, á espera de ter os vídeos das intervencións.

Entre charla e charla tamén tiveron tempo de coñecer en persoa á xente de Restarters València e a labor que fan coas súas Restart Parties promovendo o dereito a reparar e a electrónica ética (bueno, entre charla e charla… e pola noite Valencià!)

Sempre é unha boa experiencia pasarse por estes espazos nos que compartir experiencias e ideas, e dos que sempre sae algo interesante!

O de telegram… e a soberanía dixital

Hai uns días tivemos un ciberfaladoiro sobre o caso telegram, e a decisión xudicial (logo revertida) de bloquear o seu servizo en España.  

Danos a impresión de que en España, hai xuíces tomando decisións sobre temas xudiciais sen a formación ou o asesoramento adecuados. Por iso finalmente tivo que dar marcha atrás. Era case imposible e desproporcionado cortar o servizo de telegram en España para solucionar o problema polo que se tomaba esa medida. Falamos no ciberfaladoiro de que podería ser boa idea que haxa certa especialización de xulgados nos temas dixitais (ó mesmo que outros temas como xénero).

Falamos tamén de que, se volve ocorrer esta ameaza, valorararemos empregar un proxy propio. Esto sería porque non vemos claro o aconsellar o uso de VPN ou proxys gratuitos dos que non sabemos en realidade quen está detrás (en realidade, houbo unha avalancha de artigos con solucións para sortear o bloqueo). Ademais, tamén estivemos opinando se o uso de estas ferramentas é legal, como así parece. O que sería ilegal sería a actividade en cuestión; no caso de telegram, non era ilegal usar telegram, xa que o xuíz o que pediu simplemente foi que Telegram non puidera dar servizo en España, sen criminalizar ás usuarias.

Tivemos espazo para falar do debate privacidade vs seguridade. Posiblemente a seguridade que ofrecen para quitar privacidade ao final tampouco sexa seguridade de verdade. O que está claro é que se alguén quere espiar, vai espiar. Pero a cuestión é que non poida espiar calquera. Por outra banda, falamos de que se trata de ser conscientes de que a privacidade 100% nunca vai existir e do que se debe ou non compartir.

Fixémonos a pregunta de “como gaña cartos Telegram”? A resposta curta parece ser que non gaña. Pero o modelo de multimillonario que mantén unha ferramenta da que depende a comunicación de moitas organizacións, tampouco é algo que  nos convenza demasiado (por moi altruista que pareza). Sen embargo, o feito de que polo menos o cliente sexa opensource é o que  nos fai decantarnos polo telegram máis que polo whatsapp, avanzando na escala de grises cara a unha maior soberanía dixital (que queremos que teña tamén certo equilibrio coa facilidade de uso e o número de usuarixs). O que si tivemos claro é que, nese avance pola escala de grises, non queremos ir cara atrás…

Enxeñería Sen Fronteiras Galicia chega ao Fediverso

Despois dun tempo dándolle voltas, estamos no Fediverso. As redes sociais convencionais seguen a ser interesantes para nós, pero cada vez compensa menos a incoherencia de crear contido para unhas plataformas gobernandas por grandes tecnolóxicas que comercian coa privacidade, con respecto á rede que se pode xenerar para impulsar unha tecnoloxía para o ben común.

Pensamos que as instancias descentralizadas e federadas que son e sustentan o Fediverso están moita máis en consonancia coa idea de gobernanza da tecnoloxía, e de reapropiación tecnolóxica que defendemos en ESF, como primeiros pasos cara unha tecnoloxía para o ben común. Ademais, cremos que as entidades e persoas que moran xa no Fediverso parten duns valores moi na liña dos que defendemos, e que se pode facilitar a xeneración dunha masa crítica social que impulse estes valores. No noso caso, podemos aportar a visión de cidadanía global que nos da o traballo en diversos países e con distintas culturas, tratando de impulsar pontes entre sociedade civil galega e doutros lugares poñendo a tecnoloxía ao servizo da defensa dos dereitos humanos.

En que redes do Fediverso estamos?

De momento, en dúas:

Taller de FreeBDS, software libre para autodefensa dixital

O pasado día 21 de xullo tivemos o 4º taller da serie de obradoiros de Autodefensa Dixital, que vén organizando o voluntariado do Banco de Reciclaxe Electrónica con Software Libre da Coruña unha vez ao mes na Domus de A Coruña, onde nos acolle as compas de Bricolabs.

Desta volta, Jesús Manuel Mariño Valcarce falounos deste sistema operativo libre, co obxectivo de ver alternativas de sistemas GNU/Linux, ter unha primeira toma de contacto co sistema, a sú configuración, instalación de aplicacións, diferenzas con outros sistemas e, sobre todo, porque nos mola argallar con tecnoloxías libres e coñecer xente riquiña!

Aquí queda a presentación que utilizou Jesús Manuel, a quen agradecemos moito que compartira os seus coñecementos

Des-Googlización: Alternativas libres ás ferramentas de Google

Hai uns días tivemos o taller de des-googlización, para avanzar na soberanía dixital e a protección dos nosos datos. Queriamos dar alternativas libres ás ferramentas de google, que semellan terse convertido en imprescindibles (iso é o que queren que pensemos). A concentración de servizos (de calquera tipo) en poucas organizacións e cada vez maiores, aumenta a dependencia e favorece a opacidade dos procesos. Por iso, como parte do traballo con enfoque de Tecnoloxía para o Ben Común, se promove tanto o software libre como a tecnoloxía libre en xeral, e se optan sempre que sexa posible por servizos de gobernanza descentralizada cun maior control comunitario.

A continuación deixamos esta pequena publicación que o voluntariado de ESF recompilou co material do que se tratou no taller. Grazas a Jose, Sergio e Jorge!! Ah, e tamén deixamos unha recomendación bibliográfica, a novela O Círculo, de Dave Eggers, moi relacionada coas prácticas das grandes empresas que trafican cos datos.

DESCARGA: https://archive.org/details/alternativas-google-hibrido

Bancos de Reciclaxe Electrónica. Software Libre contra a fenda dixital

Cando se está cumplindo un ano do primeiro tele-obradoiro sobre darlle nova vida a vellos ordenadores, que logo desembocou na conformación do Grupo de Apoio Mútuo Dixital, queremos contarvos que a cousa seguiu rodando até conseguirmos montar un Banco de Reciclaxe Electrónica.

O Banco de Reciclaxe Electrónica ESFeiro botou andar no noso local na Escola de Enxeñería de Camiños no campus de Elviña (A Coruña) durante o mes de abril. Esperamos facer algúns obradoiros chulos de cacharreo nel, ademais de colaborar coa ONG Ecos do Sur para pechar a fenda dixital con familias que precisen máquinas e que ademais queiran aprender a cacharrear con GNU-Linux. De momento, contamos co apoio financeiro dunha subvención do IRPF da Xunta de Galicia, e o espazo que podedes ver na foto nunha esquiniña da nosa oficina. Se tes algún material informático que queiras doar e estar pola zona da Coruña (tamén recollemos puntualmente en Ourense), escrebe a

bancoreciclaxecoruna@galicia.isf.es

Ademais, se queres colaborar botando unha man revivindo equipos e aprendendo os fundamentos do «cacharreo», tamén podes escreber!!

Outra boa nova é que tamén estaremos tamén apoiando un banco similar que se estivo formando en Vigo, na Escola de Telecomunicación, con persoas da asociación IEEE colaborando con ACCEM. Así que, se estás na zona de Vigo, podes contactar neste formulario.

Non nos esquecemos do decano destes bancos de reciclaxe con software libre, o que xestiona a asociación Aberteo, se estás na zona de Santiago de Compostela.

Se sabedes dalgún banco máis en Galicia deste estilo, onde o uso de software libre sexa innegociable, avisade!

FORA FENDA DIXITAL!!!!

Únete ao noso Grupo de Apoio Mútuo Dixital

Dende que organizaramos o «1º Tele-obradoiro de ESF: como darlle nova vida a vellos ordenadores para uso educativo de nenas e nenos», xa tivo lugar outro máis e ademais vimos en constituir o que chamamos Grupo de Apoio Mútuo Dixital. É o xeito que se nos ocorreu para darlle continuidade a esta iniciativa, onde colabora xente de ESF e tamén doutros movementos como BricoLabs, así como persoas individuais que se acercan a aportar e a aprender. Calquera persoa, sexa cal sexa o su grao de coñecemento nestes temas informáticos, pode participar. Para empezar a participar é necesario simplemente enviar un mail a info[arroba]galicia.isf.es indicando o desexo de participar no Grupo de Apoio Mútuo Dixital.

Os obxectivos seguen a ser os mesmos que cando fixemos o primeiro tele-obradoiro. Eses ordenadores vellos que temos por casa pódennos ser útiles con esta situación de «escola na casa» (que se pode ademais prolongar no futuro), así que queremos darlles unha nova vida. Con esta actividade queremos:

O xeito de traballo é facer encontros periódicos en liña (normalmente xoves de 22:30 a 23:30) onde compartimos algún consello ou procedemento que nos pode axudar a recuperar algúns destes aparatos que temos por casa, para logo que cada quen na súa casa poida argallar. Nun grupo de telegram ou vía email se pode plantexar calquera dúbida para ir solucionando, ou se non esperar ao seguinte encontro en liña. Esperamos a medio prazo poder facer tamén encontros presenciais en distintos lugares onde sexa necesario.

Aquí se pode ver un video dos que se comparten nas quedadas en liña, neste caso sobre como crear un pendrive cun sistema operativo Lubuntu (de sofware libre e moi lixeiro) que permita facer funcionar unha computadora vella (e mesmo aínda que non teña disco duro!).

Eleccións Galegas 2020: as propostas de ESF aos partidos

Dende Enxeñería Sen Fronteiras Galicia fixemos chegar aos partidos unha serie de propostas no eido da Tecnoloxía para os Dereitos Humanos e o Ben Común.

En 2020 cumprimos 27 anos de traballo en Galicia, e pola nosa condición de asociación experta en servizos básicos e tecnoloxía para os dereitos humanos, ese traballo se desenvolveu tanto en Galicia como en diversos países do mundo (actualmente en Honduras). Iso danos unha visión global dos problemas e causas da pobreza e desigualdade, e das posibilidades de actuar dende o local para acabar con elas. Esta visión de cidadanía global e de activismo tecnolóxico é a que queremos poñer ao servizo das organizacións políticas concorrentes ao proceso electoral galego neste ano tan complicado. Máis que nunca, somos conscientes de que a sociedade global é un sistema, e non queremos que haxa elos débiles na cadea, nin en Galicia nin en outros lugares. E non o queremos tanto por unha razón ética e moral, como por outra máis pragmática de pura sustentabilidade socio-ambiental no único planeta que temos para vivir.

A continuación, presentamos as propostas en 8 piares básicos do noso traballo:

  1. Dereito á auga
  2. Dereito á enerxía: novo modelo enerxético
  3. Dereito á alimentación: soberanía alimentaria, desenvolvemento endóxeno e proximidade
  4. Dereito á información e a comunicación: soberanía dixital e transparencia radical
  5. Xestión de residuos: residuo cero
  6. Educación e tecno-ciencia para o ben común
  7. Outras realidades no mundo. Cooperación ao desenvolvemento no mundo post Covid 19
  8. Tecnoloxía para a inclusión

Aquí as tendes!!

Consejos para mejorar el funcionamiento de móviles Android

Con esta pequeña publicación hemos querido dar unas directrices de mantenimiento de móviles Android, para optimizar su gasto energético y su durabilidad, tratando de reducir su obsolescencia. Este material se ha realizado en el año 2019, dentro de la línea de trabajo de ESF Galicia de Electrónica Ética y reducción del uso de materiales de la minería extractiva, cofinanciada por la Xunta de Galicia.

Aquí se puede descargar (ignora advertencias de seguridad).