Neste ano 2024 empezamos a desenvolver un novo programa en Enxeñeŕia Sen Fronteiras: o de Tecnoloxía para o ben común e os dereitos humanos nos ámbitos profesionais tecnolóxicos de Galicia. Temos asegurada unha primeira fase até finais de 2025, grazas á financiación de Cooperación Galega da Xunta de Galicia (con 35.000 euros) e outros 6.589 euros de Fondos IRPF da casiña solidaria (tamén da Xunta de Galicia).
A consideración das empresas como axente clave na transformación do modelo produtivo e social cara unha economía máis centrada nas persoas non é algo recente. Pero si o é o tratar dalgún xeito de, no tecido profesional existente, impulsar boas prácticas para acadar ese cambio de paradigma en empresas que xa están funcionando, ademais de proporcionar a profesionais (neste caso da enxeñería e a tecnoloxía) elementos para levar a súa vida profesional boas prácticas da educación para a cidadanía global e os dereitos humanos. É un tema no que xa traballamos no seu día, no estudo Outra Empresa é Posible.
Tal vez nestes ámbitos da enxeñería e a tecnoloxía haxa profesionais que coñezan e teñan interese en incorporar esas boas prácticas, e mesmo poden estar algo familiarizadas con elas, pero non sen contar con coñecementos ou espazos para romper esa barreira de levar os valores da vida privada á profesional (isto vén quedando de manifesto dende hai anos nos debates que sobre o tema hai coa base social de ESF, gran parte dela traballadora do eido profesional tecnolóxico, da enxeñería e dos servizos básicos, mesmo con empresas propias).
Para ir introducindo elementos de cambio nas prácticas profesionais de xeito xeneralizado, é necesario tanto identificar prácticas alternativas como explorar os xeitos de adaptalas ao desempeño do día a día das persoas e entidades, vendo se é posible esa adaptación e que criterios deben cumprir as entidades como mínimo para plantexar o traballo con elas. Deste xeito o traballo pode irse focalizando cara modelos e prácticas desexables en entidades que sexan motor de cambio social e teñan o papel que lles corresponde nun sistema onde as persoas estean no centro, o cal no eido tecnolóxico e da enxeñería tradicionalmente custou máis por ese mito de que a tecnoloxía é neutral.
Canto máis aliñadas estean previamente as entidades con estes valores ecosociais, maior será a aprendizaxe e facilidade de avance nesta primeira fase e a posibilidade de crear axentes multiplicadores, de cara a logo ir traballando con entidades menos aliñadas en fases posteriores.
Pero para conseguir eses cambios nas prácticas nas entidades, tamén hai que traballar coas persoas que as conforman.
Por iso nesta primeira fase queremos tocar dúas liñas de traballo:
por unha banda, visibilizar novas posibilidades de facer unha enxeñería mellor no eido profesional (respecto polos dereitos humanos, inclusión, sustentabilidade, etc.). Neste caso, contaríase como axentes multiplicadores con colexios profesionais de enxeñería, organizacións empresariais de segundo nivel (empezando nesta fase coas vinculadas á economía social) e tamén tratar un pilotaxe coa administración pública.
pola outra, involucrar persoas do eido profesional tecnolóxico e da enxeñería en experiencias de voluntariado en tecnoloxía para o ben común transformadoras, das que vimos impulsando en ESF dende que naceu en 1993.
Na primeira liña impulsaremos faladoiros dirixidos a profesionais de empresas tecnolóxicas, colexios profesionais de enxeñería e organizacións empresariais ou da economía social relacionada coa tecnoloxía. Tamén faremos unha diagnose sobre o grao de coñecemento e integración da Tecnoloxía para o Ben Común no eido profesional tecnolóxico privado en Galicia. Organizaremos ademais un Encontro de Tecnoloxía e enxeñería para o Ben Común no eido profesional privado e un premio “Tecnoloxía con dereitos”.
Na segunda liña impulsaremos experiencias de voluntariado internacional en cooperación para profesionais tecnolóxicos. Tamén a realización de tres estudos colaborativos con persoas voluntarias de empresas ou entidades da economía social que involucren algún tema de tecnoloxía para o ben común. Ademais, favoreceremos a participación de voluntariado do eido profesional nos grupos de ESF de Enxeñería e tecnoloxía para a defensa do territorio con enfoque de cidadanía global e de Bancos de reciclaxe electrónica con software libre. Por último, favoreceremos a participación en encontros de profesionais activistas da tecnoloxía para o ben común de rede estatal Ingeniería Sin Fronteras Galicia.
Xeneraranse materiais divulgativos para redes sociais, podcast e outros medios, para ir dando a coñecer este programa.
https://galicia.isf.es/wp-content/uploads/2024/11/ESFpro.jpg10241024Enxeñeria Sen Fronteirashttps://galicia.isf.es/wp-content/uploads/2017/07/Una_linea_Naranja_Blanco-300x92.pngEnxeñeria Sen Fronteiras2024-11-12 22:07:142024-11-12 22:07:14Programa de Tecnoloxía para o Ben Común no eido profesional da tecnoloxía e a enxeñería. ESFpro
Antonte tivemos a xuntanza anual da rede galega de bancos de reciclaxe electrónica con software libre. Desta vez decidimos aprobeitar para facer un Repair Café no banco de Teo, o máis antigo da rede. Invitamos tamén á xente de Composcleta, que nos explicou os distintos compoñentes dunha bicicleta, as averías máis habituais e de como realizar un correcto mantemento. Tamén nos falaron das distintas iniciativas que levan a cabo en Santiago de Compostela para facer a cidade máis ciclable e das súas vantaxes a todos os niveis (moito hai que aprender doutros lugares de Europa aínda…).
O obxectivo destes Repair Cafés é que a xente traia os seus aparellos e que coa nosa axuda sexan elas mesmas quen os arranxen, reapropiándose da tecnoloxía que usan no seu día a día. Tivemos tempo de falar de dereito a reparar, de ensinar a nosa exposición «Coñeces o teu móbil?», de resucitar un par de ordenadores, de ver como se pode convertir un ordenador moi antigo nunha consola retro, aprender a parchar rodas de bicicleta… E por suposto, todo isto cheo de bo rollo.
Para rematar, a xa tradicional quedada-comida da rede de bancos para comentar o último ano e as actividades que se veñen. Vémonos na seguinte!
https://galicia.isf.es/wp-content/uploads/2024/10/photo_2024-10-07_15-26-24.jpg9601280Enxeñeria Sen Fronteirashttps://galicia.isf.es/wp-content/uploads/2017/07/Una_linea_Naranja_Blanco-300x92.pngEnxeñeria Sen Fronteiras2024-10-07 20:57:322024-10-07 20:57:32Repair Café de bicicletas e ordenadores en Teo
Aquí queda a segunda crónica de Víctor, que está en Honduras na súa estancia dentro do Programa de Voluntariado Internacional de Coñecemento da Realidade, grazas ao proxecto de Tecnoloxía para o Ben Común no eido profesional (ESFpro), financiado con fondos de Cooperación Galega e de IRPF, da Xunta de Galicia.
—————————————————————————————————
Din có tempo fai trocar de pareceres e, tambén, que en ocasións as opinións mudan máis axinha do que afincaron. Eis, o que aconteceu con aquele sapoconcho de Punta Ratón: que encomezou sendo un bon presaxio, porén, botando umha olhada ás costas, mírase que tan só foi un simples premio de consolación.
De certo cá semana comezaba con boa fada. Decidirá vir pra acó cá menor información posíbel, facela viaxe ás toas, e deixar có país fora surprendéndome ó seu xeito. Mais, a cousa ía melhor do agardado. Era o meu primeiro luns eiquí e xa ía caminho dumha mostraxe de Tartarugas Golfinas (Lepidochelys olivacea), velaí a única arela que trouxera comigo na maleta. A oportunidade xurdira sen procurala. Sen máis. Abondara apenas umha conversa ó chou o domingo, pra que, agora, me atopara viaxando canda Marvin, un dos practicantes de CODDEFFAGOLF, cara Punta Ratón. Umha das áreas onde están a investigaren se o período de veda da especie é aquelado pras necesidades desta, ou se, pola contra, sería preciso de amplialo e melhorar eisí a conservación da mesma.
Pra cando chegamos á comunidade onde íamos ficar as dúas noites que duraría a mostraxe – dous días por semana e sitio, segundo metodoloxía-, serían contras catro da tardinha. De primeiras, a comunidade non me dixo ren, ou, máis ben, sendo certos, confésovos que non lhe emprestei moita atención. A sensación de desabafo por baixarme do carro tinha toda a minha atención, pois botaramos toda a manhá de recados, deiquí pra acolá, sen baixarmos dele, cocinhándonos coma un bon cocido na cocinha de ferro. Saudei os nosos “enlaces” por inercia, cáseque sen emprestarlhe atención ós nomes, e logo de baixarmos as nosas cousas dispuxémonos a agardar pola marea. Estombalhámonos. Namentres, o desabafo foi virando en acougo: o lugar onde iamos durmire era moito milhor do que pintarán en gabinete! Vinhera cá ideia de que íamos botar a noite embaixo dun teito pendurado sobor catro paus mal postos, no meio de ningures, cando, en realidade, se trataba do soportal dumha casa en primeira linha de costa, vixiándolhe as costas de Ilha Tigre, quen nos espreitaba dende a outra beira do golfo.
A iso das seis do serán, cando a maré encomezaba a encherse, arrincamos cara cas do Víctor: trabalhador multifacético – normalmente ó xornal- e tortugueiro que xa ben choiando cá asociación dende ha tempo, e que, pras mostraxes fai o papel de guía-protector. Chegamos, ou, cando menos cheguei, a súa morada cá ledicia de xa termos olhado a primeira tartaruga da semana. Tocounos agardar un retrinco a que saíse. Agardamos por ele á porta do seu lar, conversando un chisco ca súa mulher e mais umha das filhas, amenizados pola música que saía da igrexa evanxélica que lindaba cá casa, e que substituíra ó culto que ouviramos namais chegarmos a comunidade e vir saudalo.
O seu traxe de faina era diferente ó que traía entón. Mudara as roupas de albanel e mais o calzado de obra por umha gorra con viseira, niqui e pantalón longos e umhas chancletas; todo il xunto cas ferramentas aqueladas pra xornada nocturna: umha lanterna e umha bolsa de plástico, aonde, á espera dos ovos de tartaruga, traía dúas bolsas de auga. Fomos tras dele. En ringleira. Sentíndome o albo de miradas non-discretas fomos arrodeado as fochancas que deixaran os últimos trebóns, e que, agora, se converteran nas piscinas onde brincaban as crianzas. Pra cando chegamos a praia a noite xa deixaba ver as súas cores, e no areal un fato de pescadores apuraban as últimas tarefas da xornada: enxugaban as barcas, recollían os aparelhos e limpaban as derradeiras capturas, ao tempo que cochos e paxaros ían aproveitando os refugallos que estes deixaban. E nós, puxémonos a caminhare. Pois niso consisten as mostraxes: en percorrer a praia, ventala sorte e parolar até que saían as tartarugas. Porén, desta volta non tivemos sorte; aínda que tampouco estragamos a noite.
A nosa lanterna acendíase de cando en cando, de esquerda a dereita, rastrexaba o anaco de ourela que alcanzaba. O seu feixe de luz asinalaba a nosa posición. Localizábamos dentro dun ecosistema criado exclusivamente arredor das tartarugas. Todos aqueles focos que tremelucían ó longo da praia conformaban umha especie de constelación antrópica que anhelaba os seus ovos. Cada quen coa súa técnica; uns estabelecendo pontos de vixía, móbeis ou fixos, outros percorrendo a praia a pé ou en moto, pro todos agardaban poder rematar a noite levando un ingreso extra pras súas familias. Namentres, eu, parola a parola, cuestión a cuestión, fun adeprendendo acerca de aquele nicho de supervivencia, desvelando os fluxos enerxéticos que definen o ecosistema.
Fun, asemade, tirando outro veu de acima. Deixando atrás esa olhada idílica que traía respeito do proceso de desove das tartarugas, situándoo na súa própria realidade e entendendo que ese mal corpo que se me puxera ó saber que, de atoparemos umha tartaruga, os ovos ían ser pro tortugueiro, pra vendelos ele, claro, era por mor do meu maxín. Pois, todo o que sabia arredor do proceso e da especie vinha configurado por documentários e, seguramente, tambén acompanhado por certo adubo sentimental derivado da “beleza” da especie e da súa proximidade evolutiva – sempre é máis sinxelo adivinhar o sentire en quen ten trazos semelhantes a nós pra expresalo-. Mais…, quen son eu pra xulgar?! Eu!, que dentro do sistema-mundo venho da parte opulenta, do lar aonde se incentivan os fluxos mundiais que están tras da crise ecolóxica e que terman do que hoxe conhecemos coma Sexta Extinción. Logo, como podemos responsabilizar a esta xente do devalo da especie? Quen pode culpalos de tirar proveito dos servizos ecosistémicos que tenhen á man? Máis cando eiquí, por exemplo, de atopar umha tartaruga, que trae entre 70 e 150 ovos, poden tirar mínimo umhas 560-1200 lempiras; mentres un albanel ganha, segundo a categoría, entre 300-800 lempiras á xeira, é dicir, umhas dez horas partindo o lombo. E de facelo, non sería isto umha inxustiza climática máis? Non estariamos a facer, entón, umha análise probe, a pequena escala, sen entendermos o que ven dicir a crise ecolóxica?
Acordamos cas primeiras raiolas do sol e, dende entón, fomos consumindo o día devagar, matando as horas paseninhamente. Observabamos a estampa marítima que tínhamos á fronte, absortos no arranxo dun trasmalho e acompanhados das vistas de Ilha Tigre – sin, fiquei prendado dela-, quen nos primeiros intres da manhá decidiu agasallarmos cumha fermosa vista, deixando ó descuberto o seu cráter. Botamos, en fin, o día folgando nas hamacas, á bartola. Tan soio trocamos o sosego do seu vaivén pra estrincarmos os corpos un chisco e pra escorrentar a calor na auga morna do Pacífico, onde nos mergulhabamos co permiso dos gavilanes (Rhinoptera bonasus) que entraban á costa a alimentárense, ao tempo que fomos intimando cos nosos anfitrións: quer con Don Julio, marinheiro de baixura de profesión e, nestes intres, custodio da propriedade que nos deu acubilho, quer ca súa dona, Argentina, cocinheira a meia xornada, alén de ama de casa e mai a tempo completo. Así foi que souben cós restos de edificacións e muros que salpementaban os arredores da casa eran en realidade os refugallos da primeira linha de praia orixinal, extinta por mor da mudanza climática, disfrazada esta ó xeito dun golpe de mar que, fai máis menos 10 anos, fixo subir o nivel da auga uns 400 metros pra que endexamais voltase á normalidade.
A segunda noite foi idéntica á anterior. A sorte, ou, máis ben, as tartarugas continuaron fuxidías, e iso que, desta volta, ficamos na praia máis aló da preamar. O único é que, nesta ocasión, tivemos o pracer de cearmos dentro da morada da familia do Víctor, aonde, alén de ver un chisco da telenovela que segue a familia, tambén puiden comprobar cás 160 lempiras que pagamos pola cea e mailo xantar – até agora do milhor que probei- eran tan soio un dos centos de ingresos que auto-xeraba a familia pra tiraren: tarxetas pros móbiles, ventas de frescos e alimentos, xornais dispersos… e, por suposto, os ovos das tartarugas, for pra venda ou for pra semearen. Sin! Madía leva! A min tambén me sorprendeu abondo saber que, durante a época de veda, os tortugueiros pasaban de levar os ovos a sementalos coma se foran croques, cun marco de 60×60 centímetros, nuns lugares previamente delimitados e aquelados pra eles e, tambén, pros zancudos que tiveron o gusto de papárenme enteirinho nos cinco minutos que estivemos lá.
O mércores (31) o espertador soou ben cedo, a iso das 3 da manhá, cando a Chuchita, umha cadela que se arrexuntara a Julio e Argentina nun troque mutuo de necesidades, deu xente. Primeiro, ventou algún movemento na parte alta da finca, xunta ó caminho que levaba á comunidade, o que fixo que Julio fora perimetrar a finca e tambén a agocharse na parte alta da casa. Logo namentres ele estaba enriba, a cadela voltou ladrar xusto a minha esquerda, onde incluso eu sentín algún movemento estranho. Ó final, esa noite non houbo ningún asalto. Igual os ruídos non foron nada, ou, cecais, fora calquer animal; mais tambén podían ser algún dos malandros que andan a facer das súas na comunidade, pois, como nos dixeran Julio, mesmo tinhan desvalixado a casa cando estaba outro garda-chaves, tambén Víctor deu conta deles, de feito a primeira noite non ficará tranquilo deixándonos voltar sos da praia, sentirase coma se deixara o seu cometido a meias (“—Por aquí hay un par de malas personas que podrían atrever a asaltaron. Sobre todo, al mirarte de fuera, que pueden pensar que tenes pisto—“, díxonos, explicando o porque o seu mal sentiré pola noite anterior).
A iso das cinco da manhá estábamos rumo a Choluteca, onde íamos atopármonos con outra xente de Codefa. O plan era deixarmos o carro de Marvin nalgures, e irmos todos xuntos – Miguel, Stefano, Flor, Marvin e mais eu- até o Quebrachal, onde tinhan que levantar umhas enquisas pra un proxecto da cooperación suíza sobre a pesca. Porén, o país, as súas circunstancias e os seus tempos fixeron que este se vinhese abaixo. A estrada que comunica San Lorenzo con Choluteca tinha sido tomada polos doentes renais, que, entre outras cousas, exixíanlle ó estado que se fixera cargo dos tratamentos. A nós, pola nosa banda, toucounos ire improvisando paradas pra facer tempo, procurando sombras pra deter o carro e agardar a que chegasen as instrucións dende a oficina, que comunicaran se o plan se modificaba ou se adiaba ou o que for. Mais, a cousa alargouse e, cansos de procurar acubilho, fomos pasar a manhá ó centro comercial de Choluteca. Sen facer ren máis. Só ficar a velas vir.
No Quebrachal xa estaban agardando por nós un grupinho xeitoso de mulheres. Logo duns intercambios iniciais, o Miguel, agrónomo e asalariado de CODDEFFAGOLF, pasou dar umha breve explicación do que, do como é mais do porqué das enquisas que se ían facer. Así como rematou, despregáronse polas proximidades e, sen perder un intre, encetaron a trabalhar. De primeiras, a min tocoume sentar numha cadeira e espreitar dende perto como se desenvolvían as entrevistas dun dos companheiros, e explicarlle ás comunitarias que eu estaba lá simplesmente pra observar – non sei por que, coma voluntarios, non podemos ter un papel máis activo-. Pro, ó final, dei superado esa sensación de afastamento e de sobrante, e ós poucos fun facendo conversa cumha das comunitarias, Armidia.
A conversa axiña evoluíu dende a intranscendencia do principio ás típicas preguntas persoais, pra rematar nun pequeno paseo pola Lagoa de Inverno, un rico sistema lacunar marítimo e estacional que linda cá comunidade. Armidia, que fala que dá gusto ouvila, foi explicándome o que significa a lagoa pra elas, o proceso actual de restauración ecolóxica que están levando a cabo da man de Codefa, e as problemáticas asociadas a este ecosistema, así coma o historial de brigas que mantivo a vecinhanza do Quebrachal contra a camaroneira, o estado e mais a policía, pra evitaren a privatización do seu meio natural e, así, hoxe poder seguir tirando proveito dele. Porén, o eiquí escrito é só o esquema da historia da lagoa, a tona dunha relación simbiótica marcada polo conflito, a precariedade e, sobor todo, polo orgulho de termar do común. Dado que eu, alheio á súa realidade, síntome deslexitimado pra transmitirvos todo o seu calado con fidelidade, poisque acho có milhor é achegarmos a ela da man dos seus protagonistas e, se todo marcha ben, agardo que así poida ser.
Marchei da comunidade matinando cá historia da lagoa era o vivo exemplo da própria evolución de CODDEFFAGOLF. Xa que logo, nos seus inicios, o Comité para la Defensa y el Desarrollo de la Flora y Fauna del Golfo de Fonseca, que nasceu como altofalante das necesidades e loitas das comunidades do golfo, tiña un accionar centrado nas tomas e na contestación popular, pra, co paso do tempo, ir evoluíndo cara un perfil máis profesional e técnico, a partir do cal procurar amanharen as necesidades das comunidades dun xeito autónomo e, ó mesmo tempo, formándoas e valorizando os seus saberes.
Pra cando chegamos a San Lorenzo, xa tinha entrado a noitinha, i eu lisquei pro lar cá sensación de ter que darlhe as grazas a algún deus por chegar san e salvo, logo de imbuírme de pleno na aventura da condución catracha. O resto da semana foron días de apousento, pois non saímos de San Lorenzo. A manhá do xoves (día 1), paseina entre a cama e o banho, nada que non solucionasen umhas doses de Fortasec; simplesmente tocou sofrir a ”sarna” do grolo de auga que bebín “con gusto” mércores. Paseino sen proídos, pois onte, após dumha a tarde enteira o sol e de sofrir os zancudos da lagoa, aquele grolo de auga caerame coma auga bendita; vaia se o desfrutei! O resto da xornada pasou sen máis. Igual có venres (2), que foi día de consumir o día no Expresso Americano, pois houbo corte de enerxía, dos programados, a diferenza dos que ha de cote, amais, dumha toma feita polo profesorado, que impediu a saída a campo.
Pola contra, a fin-de voltou ser de turisteo. En primeiro lugar, o sábado (3) fomos todas até San Marcos de Colon, xunto a Flor e Marvin, a desfrutar dun rico café e dun clima agradábel que ía a par do ambiente amigábel da vila; pra rematarmos a saída, tocou pagar por entrar nun miradoiro, nada máis e nada menos ca 50 lempiras – pra todo ha umha primeira vez-. O domingo (4), en segundo lugar, tocou deixar ás companheiras PCRs atrás e ir até Tegucigalpa en bus, ó encontro dumha posíbel aventura, quen tivo a ben levarme de paseio até Valhe de Angeles e mais Santa Lucia; lonxe do forno de San Lorenzo.
FOTO DE PORTADA: estombalhado
Garrobo en San MarcosDecoración en San MarcosEfeitos do câmbio climáticoEfeitos do câmbio climáticoDon julio e o trasmalho en diante de Ilha TigreDecoración en San MarcosLusco fusco tras ilha tigre
https://galicia.isf.es/wp-content/uploads/2024/09/portada-scaled.jpeg19202560Enxeñeria Sen Fronteirashttps://galicia.isf.es/wp-content/uploads/2017/07/Una_linea_Naranja_Blanco-300x92.pngEnxeñeria Sen Fronteiras2024-09-09 21:22:432024-09-09 21:22:43Crónicas de Honduras: Víctor 2. Diario d’abordo, do 29 de xulho ó 4 de agosto
This website uses cookies to improve your experience. We'll assume you're ok with this, but you can opt-out if you wish.AcceptRead More
Privacy & Cookies Policy
Privacy Overview
This website uses cookies to improve your experience while you navigate through the website. Out of these, the cookies that are categorized as necessary are stored on your browser as they are essential for the working of basic functionalities of the website. We also use third-party cookies that help us analyze and understand how you use this website. These cookies will be stored in your browser only with your consent. You also have the option to opt-out of these cookies. But opting out of some of these cookies may affect your browsing experience.
Necessary cookies are absolutely essential for the website to function properly. This category only includes cookies that ensures basic functionalities and security features of the website. These cookies do not store any personal information.
Any cookies that may not be particularly necessary for the website to function and is used specifically to collect user personal data via analytics, ads, other embedded contents are termed as non-necessary cookies. It is mandatory to procure user consent prior to running these cookies on your website.