Créase en ESF un grupo para facilitar asesoría técnica a plataformas de defensa do territorio de Galicia

A asociación Enxeñería Sen Fronteiras vén de aprobar na súa asemblea xeral a creación dun grupo de traballo para apoiar a plataformas de defensa do territorio de Galicia que precisen algún tipo de estudo técnico ou asesoramento.

Nos últimos anos incrementouse o número de comunidades que están inmersas en conflitos sociais relacionados co actual modelo de explotación dos recursos naturais (minaría, eólica, etc) e desenvolvemento territorial. Algunhas enfróntanse a ameazas e malas prácticas por parte de empresas extractivas, outras ao ninguneo por parte de representantes políticos, pero o que é común é que non adoitan contar con recursos para afrontar con garantías todos os procesos burocráticos de alegacións e reclamación de dereitos. Hai requisitos administrativos e técnicos que requiren tempo e coñecementos, e aí é onde Enxeñería Sen Fronteiras quere ter un papel de apoio a estes colectivos, sobre todo no que ten que ver coa parte máis técnica, para poñer a enxeñería ao servizo das persoas e colectivos máis vulnerabilizados.

O grupo empezará a funcionar apoiándose nos contactos da asociación, tanto de persoas voluntarias como profesionais que poidan cobrar polos seus servizos, creando unha rede de expertas técnicas de confianza. Inicialmente empezarase con un ou dous proxectos piloto de colaboración para calibrar ben as actividades a realizar e os recursos que implican.

As plataformas que teñan algunha demanda, ou as persoas que queran colaborar no grupo, poden contactar a asociación polos medios que se atopan na web https://galicia.isf.es/

Concurso de iniciativas didácticas de tecnoloxía para os dereitos humanos no ensino secundario galego

Enxeñería Sen Fronteiras Galicia organiza un concurso para o financiamento dun proxecto didáctico en tecnoloxías para o ben común no ensino secundario público de Galicia.

A convocatoria enmárcase dentro do proxecto «Hackers Sen Fronteiras. Tecnoloxías para o ben común e os Dereitos Humanos no ensino secundario de Galicia, fase 1«, financiado pola Convocatoria de Accións de Educación para o Desenvolvemento 2022 da Xunta de Galicia.

Obxectivo

Promocionar a introdución de elementos e enfoques de tecnoloxía para o ben común e os dereitos humanos en centros públicos de ensino secundario.

A convocatoria ten como obxectivo que se desenvolvan propostas didácticas nas que se dea visibilidade o papel que a tecnoloxía pode ter para transformar o mundo promovendo valores como a igualdade de oportunidades, a re-apropiación tecnolóxica ou a tecnoloxía e os dereitos humanos. A tecnoloxía para o ben común se entende dun xeito amplo, onde tan importante como o elemento tecnolóxico “duro” é o xeito de manexalo e a reflexión de quen decide sobre a tecnoloxía (o que se chama a gobernanza da tecnoloxía).

Quen se pode presentar?

Un ou máis centros públicos de ensino secundario de Galicia, liderados por unha persoa docente (co equipo de colaboradoras que desexen).

Cal é o importe do premio?

O premio deste concurso é dun total de 900€.

O premio transferirase nun único pago á conta bancaria do centro ao que pertenza a persoa docente responsable antes de finais de decembro de 2023, para que dispoña dos fondos de xeito anticipado á realización do proxecto.

Cómo participar na convocatoria?

Enviando un correo electrónico a info@galicia.isf.es.

No asunto indicarase CONCURSO HACKERS SEN FRONTEIRAS.

No corpo do correo-e se indicará o nome do proxecto, o centro ou centros promotores, o nome da docente que encabeza o proxecto e o seu contacto (correo-e).

No correo-e se presentará como arquivo anexo ou descargable a descrición da proposta, que pode presentarse en formato pdf (sexa texto ou texto acompañado de imaxes ou infografías, cun máximo de 10 páxinas), ou en calquera tipo de formato audiovisual (non superior a 3 minutos de duración). En calquera caso, nesta descrición da proposta debe constar como mínimo:

  • Título do proxecto ou actividade
  • Centro ou centros involucrados.
  • Profesorado involucrado e departamento/s e/ou materias
  • Número de alumnas e alumnos participantes (desagregados por sexo) e cursos involucrados.
  • Antecedentes e xustificación do proxecto ou actividade.
  • Obxectivos .
  • Como se lle vai dar difusión e a que grupos? (só alumnado participante, todo o centro, participación da ANPA, encontros con outros centros?).
  • Descrición das actividades e produtos esperados e pertinencia con respecto ao obxectivo previsto.
  • Orzamento da proposta e adecuación coas actividades previstas. O centro ou centros poden, se o desexan, co-financiar a actividade para chegar a un máximo de 1200 euros (900 do premio e outros 300 doutros aportes que poidan acadar).

Prazo

Pódense presentar propostas até o 10 de decembro de 2023.

Os resultados do proceso de selección comunicaranse o 18 de decembro de 2023.

O proxecto seleccionado deberá desenvolverse entre xaneiro e xuño de 2024. Ao rematar o proxecto, deberá presentarse un dossier de execución con material gráfico sobre as actividades realizadas e/ou os produtos obtidos.

Avaliación

O comité de avaliación estará composto por tres membros do grupo de Educación para a Cidadanía Global de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia, polo menos un dos cales será docente en activo de educación secundaria.

Os únicos requisitos indispensables son que o centro ou centros participantes sexan todos públicos e que a actividade ou proxecto involucren alumnado da Educación Secundaria Obrigatoria (podendo tamén incluír a maiores alumnado de Bacharelato ou FP).

Valorarase:

  • O axuste do proxecto ou actividade docente ao concepto tecnoloxía para o ben común e para os dereitos humanos
  • A viabilidade técnica e económica do proxecto
  • A implicación de diversos axentes da comunidade educativa e da sociedade do entorno do centro ou centros
  • A visibilidade da actividade incluíndo as actividades de difusión previstas
  • O grao de participación e apropiación da actividade ou proxecto por parte do alumnado
  • Que se desenvolva en centros de ensino de concellos rurais

Para calquera dúbida sobre as condicións da convocatoria, é posible contactar no enderezo: info@galicia.isf.es co asunto “Dúbida convocatoria premio Hackers Sen Fronteiras”.

Xuntanza de Outono de ESF. A crónica do que se pode contar

As xuntanzas son encontros da base social de ESF. Soemos ter dúas ao ano, en primavera e outono, coincidindo con sendas asembleas extraordinarias. O lugar vaise cambiando en cada unha, e aprovéitase para facer formacións, obradoiros ou sesións temáticas de traballo.

A deste outono de 2023 fixémola en Allariz, o pasado sábado 4 de novembro. Pola mañá, tivo lugar a Asemblea Xeral Extraordinaria e, pola tarde, tivemos un taller para deseñar o Plan País Honduras, así como un faladoiro de dúas das participantes no Programa de Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras Realidades (PCR), que hai unhas semanas regresaron de Honduras.

Na Asemblea pola mañá, despois dunhas dinámicas de presentación, fixemos un resumo dos distintos grupos en activo na asociación (había moita xente nova!). Un momento importante foi a aprobación (por unanimidade) dunha nova liña ou programa de traballo en ESF: as asesorías técnicas para plataformas de defensa da terra e o territorio en Galicia. Máis información aquí.

Tamén falamos de diversos temas económicos e aprobamos a previsión de contas para 2024. Reflexionamos sobre a coherencia de colaborar con entidades que á súa vez reciban apoio simultáneamente por parte de empresas con valores non compatibles con ESF. Falamos de que non imos deixar estes espazos de colaboración, aínda que non se compartirán actividades apoiadas por estas empresas, de xeito que non apareceremos simultaneamente como colaboradoras.

Outro momento importante foi o cambio de Xunta Directiva. Tras agradecer moito ás persoas que deixan a Xunta (Marc, Tomás, Alberto, Zoe, Mateo e Chelo), demos a benvida ás que conformarán a vindeira «xunta divertida» ESFeira: Jose como presidente, Chus como vicepresidenta (viña de ser vogal na xunta directiva anterior), Chevi como secretario, Ana como tesoureira e, nas vogalías, Thais (que repite como vogal), Alba (que volve á xunta directiva tras varios anos) e Celia.

Pola tarde, comezamos cun obradoiro onde tivemos conexión directa con Honduras (é a foto da cabeceira). Empezamos a traballar o novo Plan País Honduras, onde queremos esbozar as liñas estratéxicas e xeitos de traballar no país para os vindeiros anos. Este primeiro taller foi para pensar que nos aporta como asociación o traballo en Honduras que se está a realizar. Queremos seguir facéndoo? Para que? Queremos mudar algo? Foi unha reflexión interesante que iremos compartindo proximamente.

Rematamos o día con dúas das participantes no PCR. Sofía participou como parte do proxecto Mulleres Bravas e Sofía como parte de Hackers Sen Fronteiras. Entre as dúas, apoiadas por unha boa cantidade de fotos, fomos asomándonos un pouquiño ás súas experiencias, que contaban mentres aínda lles brillaban os ollos coas lembrazas. Tamén nolo foran contando en diversas crónicas, pero escoitalas a elas é distinto…

Tiñamos ganas de espazo presencial, pero tamén se puido participar en liña!

Boletín Oficial ESFeiro: novembro 2023


Se prefires a versión sonora deste boletín, aquí está o Boletín Sonoro de novembro 2023.

   Este mes, queremos destacar o malestar do sector da Cooperación para o Desenvolvemento galego cos orzamentos presentados polo goberno da Xunta de Galicia, onde dan as costas a un dos sectores máis ninguneados das políticas públicas. Este ninguneo é máis rexeitable aínda neste contexto internacional. Esperamos que nas subsanacións do orzamento se corrixa esta inxustiza.


CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Mozambique
  • Enlaces de interese
  • Recomendación artística
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

   Este mes publicamos no blog La Tecnología no nos Salvará, no diario El Salto, o artigo ¿Están la tecnología y la ciencia al servicio del bien común? ¿usted qué opina?. Ademais, quixemos presentar un proxecto que empezamos a executar neste ano, grazas á financiación da Cooperación Galega da Xunta de Galicia. Trátase da segunda fase de Mulleres Bravas, tendendo pontes entre defensoras da vida de Honduras e Galicia, con algunha novidade interesante. Entre as actividades polo día da reparación, o 19 tivemos un Repair Café na Escola Técnica Superior de Enxeñería en Compostela, e o 21, o propio Día da Reparación, houbo outro no Banco de Reciclaxe de Ames en Milladoiro. Dende os Bancos de Reciclaxe Electrónica con Software Libre de Galicia deixáronnos esta pílula formativa sobre formatos abertos e libreoffice.

A princios de mes tivemos un ciberfaladoiro falando de Tecnoloxía na Educación Secundaria, onde contamos con algún do profesorado que colabora con ESF no programa Hackers Sen Fronteiras.
Este mes, aproveitando o evento de tecnoloxía libre AtlanticaConf, xa comentada no pasado BOE, presentouse oficialmente o Visor de Abastecementos Municipais de Auga de Galicia. Pero durante outubro impulsamos varias publicacións para difundilo:

👉🏼 O artigo no que presentamos o visor no xornal Praza.gal
👉🏼 A entrevista que fixeron a unha das voluntarias do grupo de Dereito Humano á Auga de ESF
👉🏼 A entrada da nosa web presentando o visor


HONDURAS

    En Honduras unha nova destacada en outubro foi a da concesión de financiación adicional para acelerar a execución do proxecto Restauración de las lagunas de invierno como modo de vida de las poblaciones pesqueras de Namasigüe y El Triunfo. Esta financiación, a cargo da Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo, servirá para abordar a restauración de varias lagoas máis, fortalecendo o proceso iniciado coa financiación da Cooperación Galega da Xunta de Galicia. Este proxecto está encadrado dentro do programa de Soberanía Alimentaria e Defensa do Territorio, que desenvolvemos con CODDEFFAGOLF.

No programa de Dereito á Auga, houbo unha actividade importante para iniciar coa recompilación de información relevante para o proceso de certificación de zona de protección forestal “Microcuenca Río Laure”.

Aproveitamos para explicar a diferencia entre microcunca e nanocuncas hidrográficas, segundo a terminoloxía que empregan en Honduras.A principios de mes tivemos a ocasión de compartir a última crónica das participantes no Programa de Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras Realidades, en Honduras. Correu a cargo de Celia.


MOZAMBIQUE

    Estes días temos a Víctor, coordinador do convenio AquaMoz de Augas de Galicia e Enxeñería Sen Fronteiras, en Mozambique. Aquí deixamos a súa crónica.


ENLACES DE INTERESE

Auga

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Pobreza e exclusión

Políticas e modelos de desenvolvemento

Soberanía alimentaria e defensa do territorio

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano

Voluntariado e Persoas


RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA

    Este mes voltamos á música, cunha das representantes do «rap rural»: Bewis de la Rosa. Aquí deixamos unha canción co videoclip que nos chegou ao fondo… «Mi tierra«.


E NO PRÓXIMO MES …

   Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia  consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD


A ESF-RASE DO MES

«Non comemos baterías. Vaise a auga, vaise a vida». Comunidades indíxenas da provincia de Jujuy, extremo noroeste da Arxentina