BOE

Boletín Oficial ESFeiro: xaneiro 2026


CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Mozambique
  • Enlaces de interese
  • Recomendación artística
  • E proximamente …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

    Decembro foi un mes intenso en Galicia. 

    Dentro do programa de ESFprofesional, organizamos a  primeira edición do Concurso de Iniciativas de tecnoloxía para o ben común aplicadas ao eido profesional, e premiouse unha iniciativa da agrupación forestal A Croa, de Camariñas, que se levará a cabo en 2026, sobre uso de aplicacións de software libre para xestión participativa de montes abandonados, así como outro de robótica hospitalaria para humanizar a atención sanitaria, do Colexio Profesional de Enxeñería Informática. Tamén compartimos o estudo sobre tecnoloxía para o ben común na Economía Social e no eido profesional da enxeñería en Galicia que fixemos en colaboración con Ao Paso. Tamén fixemos un novo podcast temático de ESFRadio, neste caso falando con persoas de diversas disciplinas para saber «Por que Altri Non?«. Varias persoas da base social participaron na manifestación de Altri Non en Santiago, convocada pola Plataforma Ulloa Viva e a Plataforma de Defensa da Ría de Arousa. Ademais, tivemos presenza no Congreso Galego de Economía Social e Solidaria en Carballo. Tivemos a boa nova da celebración dun Repair Café en Covelo, onde hai un grupiño de persoas con moito interés en mover estes temas. Seguro que haberá máis!

    No programa Hackers Sen Fronteiras (tecnoloxía para o ben común no ensino secundario galego), rematou a Fase 2, e tivemos o encontro final co profesorado colaborador. Aquí podedes ver unha crónica, onde ademais hai un resumo do acadado nestes xa 5 anos do programa. Tamén houbo un Repair Café no IES Rosalía de Castro de Compostela. Tamén houbo encontros do grupo  Mulleres Tecnólogas para organizar o 3º encontro da rede de alumnas tecnólogas, que tivo lugar tamén ao final desta fase que rematou. Encheunos de orgullo o dobre premio nacional para centros de Zas por fomentar as competencias dixitais (o IES gañou tamén o premio Hackers Sen Fronteiras 2025).

    No programa ESF na Universidade, participamos no Grupo focal proxecto D-PATTERN sobre a xestión urbana da auga e depuración descentralizada en zona de Santiago. Tamén houbo un encontro formativo con alumnado e colaboradorxs do novo Banco de Reciclaxe de Compostela, que está na Escola Técnica Superior de Enxeñería, no Campus Vida. Tivemos ademais un encontro en liña para organizar un proxecto de Aprendizaxe-Servizo no Mestrado de Videoxogos da UDC en Ferrol, e un obradoiro presencial na Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo para probar co alumnado o xogo Comuneiras, xogo didáctico de Montes Veciñais en Man Común. Pasámolo xenial!

    No programa Mulleres Bravas tivemos o segundo encontro en liña Soberanía Dixital Galicia-Honduras, coas compañeiras de Barracón Dixital. Tamén houbo un faladoiro con alumnado do Grao de Administración Pública nun proxecto de Aprendizaxe-Servizo

    Tivemos tempo de compartir reflexións sobre temas variados, como un artigo ben interesante dando voz a persoas expertas sobre Que facer cos incendios en Galicia, ou sobre a alma autoxestionaria de Galicia e e xestión comunal.  

    Houbo ademais un encontro de base social en Vigo e, como xa e tradición, a finais de mes tivemos un almorzo da base social na Coruña, e o gran encontro de Nadal, con xantar incluido, en Compostela. Tempo para reflexionar e mirar o futuro, e para celebrar o pasado.


HONDURAS

    No eixo de traballo de Soberanía Alimentaria e defensa do territorio, coa nosa socia CODDEFFAGOLF, houbo no programa de Restauración de lagunas de invierno, unha actividade de monitoreo biolóxico e outra de monitoreo hídrico. No programa de marisqueo, organizouse unha mesa de mulleres marisqueiras.

    No eixo de traballo de Dereito á Auga, tivemos coa nosa socia Mancomunidade NASMAR, a boa nova da inauguración do sistema de auga e saneamento na comunidade de Tres Piedras (municipio de El Triunfo). Ademais, agradecimos a invitación como observadoras na asemblea extraordinaria da nosa socia no programa de apoio á xestión comunitaria da auga, a Asociación Hondureña de Juntas de Agua y Saneamiento.

    Aproveitamos para darlle dende aquí a despedida á nosa compa Sandra, do equipo técnico de Honduras, e desexarlle moita sorte nos novos camiños que emprenda.


MOZAMBIQUE

    No mes de decembro tivo lugar unha nova visita técnica a Mozambique na que na que se traballou coa Administración Regional de Aguas do Sul (ARA Sul) na continuación da formación práctica para a realización de estudos de inundacións empregando o software IBER. Con estas formacións perséguese que a ARA Sul teña capacidade para desenvolver pola súa conta devanditos estudos. Durante o mes de decembro tamén se traballou coa ARA Centro nos primeiros pasos para que no 2026 acompañe a ARA Sul nas formacións relacionadas con inundacións. Ademais, no mes de decembro traballouse na monitoria da seca coas 3 ARAs e avanzouse, cos departamentos xurídico e técnico da ARA Sul, na análise da situación normativa vinculada a xestión de inundacións.


ENLACES DE INTERESE

Activismo e persoas

Auga

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Pobreza e exclusión

Políticas e modelos de desenvolvemento

Soberanía alimentaria e defensa do territorio

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano


RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA

    Este mes toca escultura. Arte feita do que o mar xa non quere: así son as ‘Especies varadas’ de Sergio Ordóñez


E PROXIMAMENTE …

    Temos un novo apartado na nosa páxina web, onde se pode ver a axenda de próximos eventos ESFeiros ou que nos parecen interesantes pola temática. Ademais:

  • 1 de xaneiro: Día do Dominio Público
  • 12 de xaneiro: Día internacional polo decrecemento
  • 17 de xaneiro. Tercer sábado de xaneiro. Día da Loita da Veciñanza Comuneira na Defensa do Monte Veciñal
  • 26 de xaneiro: Día Mundial da Educación Ambiental
  • 28 de xaneiro: Día Europeo da Protección de Datos
  • 30 de xaneiro: libraría A Tobeira de Oza. A Coruña. 17:30-20:30h
  • 2 de febreiro: Día dos Humedais

   Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia  consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD


A ESF-RASE DO MES

    Un sorriso amable, unha palabra prometedora, un pouco de calor no corazón, unha perspectiva humana, a liberdade ou, máis ben, o dereito que posúe o individuo a escoller el mesmo o camiño por onde se adentrará, sen corda, nin cadea, nin barreiras. Foi necesario moi pouco, mais ese pouco é todo. Se conseguides cambiar o clima da vosa aula, se deixades que se desenvolva a libre actividade, se sabedes quentar un pouco os corazóns cun raio de luz que suscite a confianza e a esperanza, superaredes o traballo de soldado e o voso traballo renderá ao cento por cento. 

Célestin Freinet. Pedagogo