Iniciativas comunitarias no Congreso de Educación Social “O Xurés”

Crónica da compañeira Sandra Lorenzo da súa participación no Congreso de Educación Social “O Xurés”, hai pouco máis dunha semana. Estiveron presentando o proxecto de mapeo de iniciativas comunitarias que está impulsando xunto con Ángela e que alimenta ao noso Mapa de Iniciativas para o Cambio Ecosocial de Galicia (MICELIO), que pronto sairá á luz, e que conta co apoio de fondos da casiña solidaria do IRPF (Xunta de Galicia) e da Cooperación Galega.

————————–
Ángela Pichel Quintas e eu tivemos a oportunidade de participar no Congreso de Educación Social “O Xurés”, organizado polo Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia. Poder estar no concello de Lobios e na parroquia de Grou, xunto coa veciñanza, permitiunos coñecer de preto proxectos e iniciativas tan interesantes como Melirio Mel, un grupo de apicultores mozos que recollen o relevo xeracional e continúan a manter viva a pegada no Xurés; ou a loita das veciñas das Conchas contra a contaminación do encoro e do río Limia. Nós estivemos nun stand, abrindo un pequeno espazo para recoller todas as propostas e iniciativas comunitarias que se achegasen. E así fomos coñecendo historias de vida fermosas, relatos de autoorganización territorial, experiencias de loita contra a LGTBIfobia, saberes artesanais… e tamén profesionais con ganas de aprender desde o local, desde o comunitario, para facer intervención coa cidadanía e non para a cidadanía.

E, sobre todo, atopamos moitas persoas con ganas de coñecer, de facer rede e de gozar do comunitario e do festivo💜. Formar parte deste espazo permitiunos non só unha aprendizaxe profesional, senón tamén achegarnos a un territorio que non coñeciamos, cun patrimonio cultural e natural impresionante. Permitiunos rir, desfrutar, danzar e falar, compartindo con tanta diversidade de persoas como de flora e fauna habitaba este territorio🪻🌱🦋

Esperamos seguir percorrendo espazos comunitarios e festivos e, sobre todo, seguir aprendendo desde o desfrute, o goce e a foliada. O Xurés rememorounos, dalgún xeito, as pinceladas de Maruja Mallo na súa Verbena, que tanto me recorda a Ánxela. E, aínda que a obra está asociada ás festas populares madrileñas, para min sempre será tamén un reflexo desa verbena enxebre, galega e comunitaria: chea de cor, de música e de aturuxos; de lavadoiros nos que matar a sede; de cheiro a menta e romeu; e da picada da ortiga nas perneciñas 🌿🎨.
Quizais porque tamén hai algo de comunidade na festa, e algo de festa na comunidade✨.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.