Foto: Mulleres Bravas de Honduras e Galicia na Universidade de Santiago de Compostela.

Mulleres Bravas da Economía Social na USC

Nicole Rojas, compañeira da ONG AGARESO, déixanos esta crónica da mesa redonda que tivo lugar en Santiago de Compostela o pasado 12 de maio, dentro do proxecto Mulleres Bravas que impulsamos con Amigos da Terra.


“Se a compañeira veciña non ten terra onde cultivar, fanse parcelas colectivas e a colectividade está a dar bos resultados”: Francisca Sipriana Muñoz, labrega e activista hondureña.

O segundo encontro de Mulleres Bravas organizado por Amigos da Terra e Enxeñería Sen Fronteiras co apoio de AGARESO, levouse a cabo o pasado xoves 12 de maio como parte do curso Escola de Sustentabilidade e Cidadanía Global na Universidade de Santiago de Compostela.

Desde Honduras chegaron de novo algunhas representantes da tenacidade no ámbito ambiental e agrícola do país centroamericano, Leni Suyapa Betancourt e Francisca Sipriana Muñoz, que aproveitaron para compartir e reunirse con outras mulleres galegas, tamén tenaces, que lles falaron un pouco acerca dos proxectos que se producen aquí como Mulleres Salgadas e Arousa en Transición.

Durante o encontro, un espazo aberto para coñecer as experiencias de todas as participantes e o seu traballo, a primeira en tomar a vocería foi Francisca, unha muller hondureña sen pelos na lingua, a quen lle gusta compartir as súas experiencias de máis de 20 anos en defensa do territorio e os dereitos das mulleres. Foi fundadora do Comité Municipal de Defensa da Natureza e da Asociación de Comités Ecolóxicos do Sur de Honduras e, desde hai 4 anos é coordinadora da Oficina Municipal da Muller. Actualmente o seu traballo enfócase nunha escola de campo que basea a súa actividade na agricultura ecolóxica.

A seguinte en participar e contarnos un pouco sobre ela foi Leni, quen fai parte da Comisión Ambiental Municipal do seu pobo e tamén participa de forma activa na defensa do seu territorio ante as ameazas da minería e da industria fotovoltaica.
Leni contou como chegou a integrarse na gandería sostible cando na súa casa comezaron a producir e distribuír leite de vaca e queixos. Ela fai parte dun grupo de mulleres organizadas que traballan para xerar ingresos con estas vendas e así fortalecer o traballo colectivo e os grupos de base.

Ao finalizar os relatos de Leni e Francisca de Honduras, deuse paso a Dores Gómez Ordóñez, directora e representante da Asociación de Mulleres Salgadas, a primeira e única asociación de ámbito autonómico galego de mulleres do sector pesqueiro.

 A asociación de Mulleres Salgadas é unha organización feminista, pois recoñece e promove o valor do traballo das mulleres en calquera ámbito relacionado co mar e busca, por suposto, a mellora nas condicións das traballadoras, razón pola que esta organización acolle todas as profesións e labores do mar. Hoxe en día conta con máis de 1.500 asociadas.

Por último, pero non menos importante, deuse paso a Arousa en Transición, unha ONG que traballa defendendo o medioambiente e busca xerar camiños cara á transición enerxética. Exemplo diso, é o traballo que realizan mediante a sensibilización da poboación para a procura de solucións á crise ecolóxica e procesos de investigación. O seu máximo piar podería dicirse que é a creación dunha comunidade enerxética que logre xerar beneficios ambientais, económicos e sociais e por suposto, enerxéticos.

Pero a xornada non acabou alí, pois ao finalizar as intervencións de todas as representantes, falouse acerca de como o papel da muller nos campos da economía social e a sustentabilidade non é só vital, senón que é moitas veces menosprezado e non se ten en conta a carga doutros aspectos sociais vinculados normalmente ao papel da muller. Inclusive mencionouse como é evidente aínda, a falta de representación en cargos de importancia e directivas fronte á porcentaxe normalmente alta de homes.

Pese ao debate e o desgusto dun sentimento colectivo de desigualdade aínda bastante presente na sociedade e nos gremios alí presentes, a conclusión da xornada foi máis alentador, ao darnos conta de que, aínda que a intres parece que imos a pasos demasiado lentos, son pasos firmes. A colectividade e o traballo en grupo en busca dun ben común, si transforma e é así como, por exemplo, as mulleres hondureñas puideron posicionarse como pezas craves no traballo ambiental no seu país, a pesar da cultura e as dinámicas que historicamente oprimiron e minimizaron o papel da muller

O encontro non podía terminar doutra maneira que non fose agradecendo a todas as Mulleres Bravas presentes. Desde as representantes educando e compartindo as súas historias e proxectos, ata as participantes, escoitando e tratando de empaparnos un pouco de toda esa sabedoría que nos acompañou durante un par de horas nun aula pero que nos quedará como ensino para sempre.

Boletín Oficial ESFeiro. Maio 2022

Ola,


    Un mes máis chega o Boletín Oficial Esfeiro (BOE) de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia (podes consultar os últimos BOE na web de ESF Galicia).
 
    A idea é que, en só 10 minutiños, poidas coñecer as actividades que se foron desenvolvendo no pasado mes desde ESF, así como algunhas outras noticias, próximos eventos e enlaces que pensamos que che poden interesar. Gustaríanos moito se interactúas connosco nas redes sociais twitter e instagram, ou nos segues na nosa canle de telegram. E se che apetece pasar das redes a unha participación máis cercana, en info@galicia.isf.es poñerante en contacto cos grupos de traballo que teñas máis cerca ou daranche opcións para facer voluntariado adaptado as túas circunstancias.

    Unha forte aperta e gracias polo teu apoio. Deixámoste co BOE de maio 2022


CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Enlaces de interese
  • Recomendación artística do mes
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

    En abril o evento máis importante foi a visita das tres primeiras Mulleres Bravas que nos visitarán este ano: Coralia, Adolfina e Karina. Se queredes coñecer a súa axenda, e tamén a axenda de Leni e Francisca (que estarán connosco dende o 7 ao 12 de maio), podedes facelo aquí. Para ver os impactos en redes podedes facelo en twitter coa etiqueta #MulleresBravas, e vos faredes unha idea do gran percorrido que tivo a visita.

    O sábado 30 de abril presentamos nas XVIII Xornadas de Tecnoloxía da Asociación de Profesorado de Tecnoloxía de Galicia (APETEGA) unha proposta de colaboración para apoiar a introdución do enfoque de tecnoloxía para o ben común no ensino secundario, proposta que queremos presentar a financiación da Xunta de Galicia neste 2022. É moi de agradecer a oportunidade que nos deron dende a asociación, coa que en calquera caso queremos colaborar a partir dagora. 

    O 4 de abril, dentro do programa de Mulleres Tecnólogas polo ben común que nos financia a Xunta de Galicia, tivemos a Andrea no IES de Curtis falando da súa traxectoria como muller tecnóloga a alumnado de 4º da ESO.

    Tivemos ocasión de organizar con Ecos do Sur, dentro do proxecto dos Bancos de Reciclaxe Electrónica con Software Libre para pechar a fenda dixital, que financiamos con fondos da casiña solidaria do IRPF, dous obradoiros formativos para familias.


HONDURAS

    En Honduras, no noso programa de soberanía alimentaria, continuamos o traballo co proxecto que desenvolvemos conxuntamente con Amigos de la Tierra y Justicia Alimentaria Global, de Mejora de la gobernanza para el acceso a una alimentación y nutrición adecuada de los colectivos vulnerables de diez municipios del Corredor Seco de Honduras, en colaboración con CODDEFFAGOLF, NASMAR e coa financiación da Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo. Dentro deste proxecto, co noso socio local CODDEFFAGOLF e outras institucións, vense colaborando en programas de mellora participativa de variedades de millo, e xa se vai contando con algún cruce interesante entre variedades locais.

    Ademais, estívose traballando duro na elaboración de duas propostas para novos proxectos, que se presentarán durante maio e xuño a financiadores como a Xunta de Galicia ou AECID. Unha das propostas, dentro do programa de Dereito á Auga, será para apoiar e fortalecer a Juntas Administradoras de Agua y Saneamiento (vecinais). Traballarase con AHJASA, e CODDEFFAGOLF apoiará en introducir enfoque de cunca hidrográfica na xestión comunitaria da auga. A outra proposta é dentro do programa de soberanía alimentaria, continuando o fortalecemento do sector do marisqueo artesanal, moi feminizado e descoidado polas institucións públicas.


ENLACES DE INTERESE

Auga

Comunicación para o (como) desenvolvemento

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Pobreza e exclusión

Políticas e modelos de desenvolvemento

Soberanía alimentaria e desenvolvemento rural

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano

Voluntariado e Persoas


A RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA DO MES

    Este mes queremos recomendar unha película que está xusto en cartelera. Fala do apego á terra de quen vén dunha familia de labregas, da invasión da agroindustria, e deses paradoxos coa “vida moderna” e as novas xeneracións do rural que non saben se correr pola eira ou pasar o día no TikTok. Trátase da película “Alcarràs“, de Carla Simon. Vai vela se podes!


E NO PRÓXIMO MES …

   Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia  consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD (ou subscríbe ao seu boletín quincenal, que conta con ofertas de emprego; formacións e actividades; novidades do sector; convocatorias de bolsas e subvencións; propostas de voluntariado, etc.). Tamén nas nosas redes sociais Facebook instagramTwitter difundimos eventos de interese externos a ESFGalicia de temas vinculados ao noso traballo. 


A ESF-RASE DO MES

“Case o 90% do diñeiro que se dedica a investigación e desenvolvemento gástase na creación de tecnoloxías ao servizo do 10% da poboación máis rica do mundo. O obxectivo da revolución do deseño é mudar esta tendencia”.
Amy Smith, profesora do MIT (Massachusetts Institute of Technology)