Entradas

ESFRadio: Episodio 2

Xa está aquí o segundo episodio de ESFRadio,o podcast de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia. Grazas á producción de Jorge Lama!

Neste segundo episodio continuamos na liña de encontro con mulleresa activistas hondureñas. Irene e Sergio entrevistan a Basilia e Teresa, mulleres da auga do sur de Honduras, activistas na Asociación Hondureña de Juntas Administradoras de Agua y Saneamiento-AHJASA (asociación socia de ESF Galicia no programa de promoción do dereito humano á auga dende hai 5 anos), que estes días visitaron Galicia. Aquí podes saber máis do que estiveron a facer na nosa terriña.

A entrevista é en castelán , pódese escoitar aquí

Crónica visita de Teresa e Basilia, as mulleres da auga

Anunciábamos hai pouco tempo a visita da terceira parella de mulleres bravas de Honduras que nos visitaron en 2019, dentro do proxecto Coidadoras da Terra, financiado por Cooperación Galega da Xunta de Galicia. Teresa e Basilia tiñan moito que contar da súa traxectoria na Asociación Hondureña de Juntas Administradora de Agua y Saneamiento-AHJASA defendendo o Dereito á Auga nunha zona, o trópico seco de Honduras, onde cada vez escasea máis a auga.

Elas nos contaron como nalgúns casos contan só cunha hora de auga cada 4 días nas traídas que ellas mesmas xestionan, como as mulleres van gañando relevancia na xestión da auga en moitas das comunidades (se ben queda moito traballo por facer), e como non é sinxelo contar co apoio da administración (porque mesmo cando hai vontade política, non existen medios técnicos nin financieros ante o que xa se pode considerar unha emerxencia hídrica).

Puideron ter un día de descanso trala viaxe para iniciar a semana, que curiosamente foi moi pasada por auga. De feito, era unha fonte de asombro constante para elas a cantidade de auga que veían por todos os lados. É certo que en Galicia é a terra dos mil ríos, pero precisamente por iso a cultura da auga en moitos casos deixa moito que desexar. E cando veñen anos complicados tamén hai certos problemas, aínda que as comparacións son odiosas… Mesmo en 2017, no segundo ano de seca (e a que máis se notou, tratada incluso nunha das nosas palestras), aínda que algunhas aldeas quedaron sen auga, se lles puido subministrar con camións cisternas, e na maioría simplemente houbo algunha restricción de auga (500-700 litros por casa e día foi habitual).

O martes 10 empezaron os encontros, primeiro ás 10:15 en A Coruña, na Escola de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos, con Acacia Naves (profesora da escola experta en Hidroxeoloxía, que colabora con Enxeñería Sen Fronteiras hai varios anos, e que estivo asesorando os dous últimos no programa de dereito humano á auga de ESF en Honduras) e Carlos Ameijenda (director do exitoso proxecto Life Abegondo, de traídas veciñais de auga).

Logo houbo tempo para grabar o segundo episodio do podcast ESFRadio, onde as entrevistaron, aquí se pode escoitar.

Pola tarde, ás 19:30, dentro da Semana polos Dereitos Humanos organizada pola Oficina de Cooperación e Voluntariado da UDC en Ferrol, puideron encontrarse na Escola Politécnica de Serantes con profesorado e estudantado, contando a súa experiencia na defensa do dereito á auga na súa zona, tras unha breve explicación do concepto de Dereito á Auga a cargo de persoas de ESF. Tamén tivo cabida no encontro o papel da enerxía no aseguramento do Dereito á Auga.

O mércores pola mañá empezou a visita a campo. O apoio da asoción Comunidade Xeral de Augas de Galicia-COXAPO foi imprescindible para a organización da visita a Galicia de Teresa e Basilia, e estes dous días eran o evento central, dado que se trataba tanto de ver en campo o traballo da asociación COXAPO como de encontrarse con persoas que, como elas, defenden o seu dereito á auga dende a coxestión veciñal das traídas, organizada nunha asociación de segundo nivel como AHJASA en Honduras. Poñer en contacto sociedades civiles dos dous países é unha das razóns de ser de Enxeñería Sen Fronteiras.

Dende COXAPO prepararan dous días intensos e moi didácticos, empezando as visitas en Vilaboa e aldeas do entorno. Pasamos despois por outras aldeas da zona de Moaña, onde tivemos ocasión de facer o primeiro encontro de intercambio con persoas das xuntas de auga mentres comiamos no centro social que a Comunidade de Augas de Meira de Arriba tiña xusto enriba do seu depósito. A continuación visitamos unha comunidade rural do entorno de Vigo (que forma parte do concello de Vigo, pero é de xestión veciñal), para logo seguir cara Tomiño, onde rematamos o día cun par de visitas a comunidades de auga do entorno do núcleo urbano. Distintos tamaños, distintas problemáticas, distintas solucións técnicas, estaba a ser unha visita do máis completa. Pola noite houbo outro encontro aproveitando a cea, onde COXAPO tivo o gran detalle de regalar unhas esculturas de “mulleres da auga” dun escultor local a Teresa e Basilia. Ao día seguinte tivemos tempo aínda, a pesar da intensa choiva, de subir a comunidades pequenas nas zonas altas de Tomiño, para ver como traballan as traídas dende o seu inicio, nos mananciais. Accións iniciais de pouco custo pero moi eficaces son limpar ben os mananciais chegando se é posible á roca fracturada dende onde saen, localizalos, poñerlles peche para evitar que se acerquen animais, sellalos e evitar que chegue a auga a eles levando a auga lonxe con cunetas. Tamén son boa solución os filtros de gravas en manancial (moitos deles adaptados por persoal de COXAPO a partir de diversas probas piloto). De volta a Tomiño, tivemos un encontro no Concello con persoas do goberno municipal. Tamén houbo tempo para visitar o mercado de abastos de Tomiño, e posteriormente ir ao encontro-comida tradicional en Goián, tamén organizada por COXAPO. Queremos transmitir a COXAPO, tamén no nome de Teresa e Basilia, o agradecemento por estes dous intensos días, pola súa magnífica acollida, o ben que nos trataron, e o didáctico da programación. Agradecementos especiais a Eva, por estar pendente en todo momento, e a Rafael, alma máter de COXAPO e guía excepcional, que se está rodeando dunha gran equipa de persoas para loitar polo Dereito á Auga no rural galego.

O venres ás 12 na Facultade de Xeografía e Historia quixemos levar tamén o encontro entre AHJASA e COXAPO, para falar sobre esa xestión veciñal das persoas que se autoorganizan polo dereito á auga onde ningunha administración quixo ou puido chegar. Houbo ocasión de falar das vantaxes, pero tampouco se esconderon os inconvintes e ameazas, así como xeitos de apoiarse nas administracións locais (de quen dependen en última instancia asegurar o dereito á auga tanto en Galicia como en Honduras).

Venres pola tarde houbo tempo para asistir a un encontro do periódico O Salto con motivo da celebración do seu aniversario, no CSA Sar. O sábado houbo visita ao Museo do Pobo Galego e visita a Santiago acompañadas de voluntariado de ESF do grupo ETSE.

Tras unha semana intensa, Teresa e Basilia regresaron ao seu país deixando en Galicia a pegada do seu esforzo e entrega na defensa dun ben tan prezado no trópico seco hondureño como a auga, e con novas ideas para seguir tendendo pontes entre Galicia e Honduras das que pronto falaremos.

Visita de Teresa e Basilia, as mulleres da auga

Teresa Huete e Basilia Palma son dúas mulleres do sur de Honduras, das aldeas de Matapalos Abajo (municipio de El Triunfo) e Cerros de Moropocay (municipio de Nacaome) respectivamente. Elas teñen ampla traxectoria na xestión comunitaria da auga (onde o estado non chega), e forman parte de AHJASA, unha organización da zona, coa que ESF leva colaborando dende o 2014 no programa de promoción do Dereito á Auga en Honduras. Trátase dunha zona de trópico seco, con economía de subsistencia, onde as mulleres non soen tomar parte moi activa da vida pública.

Teresa e Basilia estarán en Galicia entre o 9 e o 15 de decembro, dentro dun proxecto que chamamos Coidadoras da Terra, financiado pola Xunta de Galicia (polo cal outras 4 mulleres a maiores estiveron visitando Galicia, dúas marisqueiras e outras dúas defensoras da terra contra o extractivismo depredador), que pretende visibilizar ás loitas das mulleres e poñelas en contacto con iniciativas da sociedade civil galega. Unha sorte de intercambio de experiencias e coñecementos, e ver que as loitas son comúns porque hai algo común na depredación dos recursos en todo o planeta (aínda que poñendo tamén o ollo nas diferencias a nivel lexislativo e de protección dos dereitos humanos nuns sitios e outros para unir loitas e que non se quede nun “cada un pelexar polo seu”), todo elo coa perspectiva de xénero. Por iso en Galicia, para esta visita, estamos en coordinación coa asociación COXAPO, que é para nós como a AHJASA galega.

A axenda das visitas será a seguinte, as palestras serán todas abertas ao público, nun formato de conversa e encontro:

  • O luns 9 pola tarde será día de paseo en A Coruña.
  • O martes 10 pola mañá, ás 10:15, palestra aberta no salón de graos 2 da Escola de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos da Coruña, palestra «Problemas de xestión da auga en zonas rurais. Casos de Galicia e Honduras», onde teremos ocasión tamén de partillar con Carlos Ameijenda, (director do proxecto Life de Abegondo, concello onde hai varias experiencias moi exitosas de xestión comunitaria da auga) e Acacia Naves (profesora na Escola de Camiños, experta en hidroloxía subterránea e colaboradora de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia).
  • O mesmo martes ás 13h estaremos grabando o episodio 2 de ESFRadio, con Basilia e Teresa como invitadas especiais.
  • Xa pola tarde, ás 19:30, na Escola Politécnica Superior de Ferrol, e dentro da semana de Dereitos Humanos que organiza a Oficina de Cooperación e Voluntariado da Universidade da Coruña, haberá un encontro con elas para falar da «Dereito á auga nas comunidades rurais do sur de Honduras».
  • O mércores 11 será o primeiro día de visitas a campo, coordinadas por COXAPO. Comezaremos pola zona de Moaña e a nosa intención e poder visitar as comunidades de usuarios de Pálmas-Costa  e Meira de Arriba aproximadamente con 400 usuarias  cada unha (1200 persoas abastecidas). Posteriormente iríamos á zona de Vilaboa a visitar alguna comunidade mais pequena.  Posteriormente se nos dese tempo iríamos a visitar unha traída que está renovando todas as instalación para que vexan o proceso. De camiño a Tomiño pararemos ainda nunha traída de Rebordáns, que está situado no parque natural Monte Aloia.  Para rematar o día cearemos en Tomiño falando sobre como se xestionan as comunidades, por que lexislación se rixen tanto autonómica como os seus propios estatutos, etc.
  • O día seguinte, xoves 12, visitaremos as comunidades de Tomiño ( primeiro concello que promoveu a autoxestión), onde naceu Coxapo,  e iremos visitar dende unha comunidade moi pequeniña e aislada ( Vilachan do Monte) a comunidades como Mosteiro, Tomiño, Estás (onde está a sede de coxapo, e foi case o proxecto piloto antes de poñer o sistema en outras traídas) ou Goian, que é a mais grande con 1200 usuarios ( aproximadamente 3500 persoas abastecidas). Teremos tamén reunión de traballo para ver a viabilidade de conseguir fondos europeos e demostrar que é viable este sistema de autoxestión de abastecemento e, en moitos casos, a única vía alternativa. Estarán presentes en todo momento usuarias de comunidades de auga contando a experiencia de autoxestión.
  • O venres 13 ás 12h teremos na aula 5 da Facultade de Xeografía e Historia de Santiago de Compostela a palestra «Experiencias en xestión comunitaria e autoxestión da auga en Galicia e Honduras». Alí nos acompañarán tamén persoas de COXAPO, que nos darán a visión do que ocorre en Galicia.
  • O sábado teremos un encontro informal con Teresa e Basilia (lugar e hora por determinar).
  • O domingo, a pasear e relaxarse por Santiago, que hai que ter tempo para todo e xa terá sido unha intensa semana!

Avaliación dos programas en Honduras entre 2010 e 2017

A continuación podedes ver os informes de avaliación externa dos nosos programas en Honduras entre 2010 e 2017 que foron financiados por Cooperación Galega da Xunta de Galicia:

PROGRAMA DE PROMOCIÓN DO DEREITO Á ALIMENTACIÓN CON ENFOQUE DE SOBERANÍA ALIMENTARIA: https://cooperacion.xunta.gal/sites/w_coopga/files/avaliacions/4.2.1._informe_evaluacioun_expost_esf_sobal.pdf

PROGRAMA DE PROMOCIÓN DO DEREITO Á AUGA: https://cooperacion.xunta.gal/sites/w_coopga/files/avaliacions/4.2.2._informe_evaluacion_expost_esf_agua.pdf

Temos visita! Delegación da Mancomunidade NASMAR Honduras

No marco do proxecto de fortalecemento de capacidades técnicas para a xestión pública da auga nos sete municipios hondureños conforman a NASMAR, financiado por Cooperación Galega da Xunta de Galicia e o Fondo Galego de Cooperación, unha delegación composta de seis alcaldes e unha alcaldesa dos sete municipios que compoñen a Mancomunidade de Municipios do Sur de Honduras (NASMAR), así como a súa coordinadora técnica, estarán en Galicia a vindeira semana coa idea de compartir experiencias na xestión pública da auga con municipios galegos, desde a visión do Dereito Humano á Auga.

O contexto dos municipios da NASMAR, situados nunha área do trópico seco, moi vulnerables ás secas e aos efectos do cambio climático, fan que a xestión da auga sexa un dos seus principais desafíos. En Galicia a xestión da auga empezou a poñerse en primeiro plano o ano pasado, coas alertas de seca, pero xa viña sendo obxecto de preocupación por falta de transparencia na tramitación de concesións, cortes de auga a persoas que non poden pagar o servizo, problemas graves de saneamento, etc.

A xestión municipal da auga é unha cuestión que afecta a todos os países, e moitas das problemáticas e solucións que se presentan son comúns a todos os territorios. A experiencia desta delegación servirá para compartir as experiencias duns e doutros municipios, as solucións adoptadas e os atrancos aínda existentes na xestión municipal da auga desde o enfoque do Dereito Humano á Auga.

AXENDA

LUNS 26. 10h. Coruña. Encontro no Reitorado da Universidade da Coruña coa Vicereitora de Relacións da UDC.
LUNS 26. 13:30h. Recepción por parte do Presidente da Deputación da Coruña no pazo Mariñán.
LUNS 26. 16:30h. Encontro con grupos de investigación da Universidade da Coruña. Sala de Xuntas da ETSE de Camiños, Canais e Portos.
MARTES 27. 11:30h. Encontro con delegación municipal en Arteixo
MARTES 27. 18:00h. Encontro con delegación municipal en Castrelo de Miño
MÉRCORES 28. 9h. Encontro con Alcalde de Santiago de Compostela e Concelleira Concha Fernández.
MÉRCORES 28. 11:30. Xornada aberta «O Dereito Humano á Auga desde a xestión municipal. Experiencias desde Honduras e Galicia», na Escola Galega de Administración Pública, en Santiago de Compostela. Encontro de intercambio de experiencias sobre transparencia na xestión da auga dende a administración local, desafíos nun contexto de cambio climático e a axenda 2030. Especialmente dirixido a persoal técnico e político das administracións locais galegas. Precisa inscrición, até luns 26 de novembro, en info(arroba)galicia.isf.es
MÉRCORES 28. 16h. Encontro con delegación municipal de Teo
XOVES 29. 10h. Santiago de Compostela. Encontro coa Subdirección Xeral de Cooperación da Xunta de Galicia.
XOVES 29. 12h. Santiago de Compostela. Encontro con Augas de Galicia.
VERNES 30. 19h. A Coruña. Encontro con base social de ESF

Xornadas «Galicia en Seca». Causas, efectos e solucións da seca en Galicia

DATA E LUGAR
Xoves 21 de decembro de 9:30 a 14:30. Escola Técnica Superior de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos. A Coruña.
OBXECTIVO:
Poñer en claro cais son as problemáticas que teñen que ver coa seca, como elemento condicionante no Dereito Humano á Auga en todo o mundo e, desgraciadamente, tamén en Galicia nos últimos meses. Determinar en que medida os problemas relacionados coa seca veñen dados por unha mala xestión e/ou por outras causas máis externas (cambio climático). Pretendemos abordar o problema de xeito interdisciplinar, dende un punto de vista técnico, pero servindo de ponte entre a sociedade civil e este ámbito máis técnico. Tratamos de traer a persoas que teñan algo que dicir sobre o tema de seca (tanto por ser afectadas directas como por ter estudado causas, efectos ou solucións á mesma). 
PÚBLICO AO QUE SE DIRIXE
Persoas de concellos (técnicos e políticos), que en última instancia teñen que asegurar o acceso. Persoas de xuntas de auga rurais ou asociacións de veciñxs especialmente afectadas, que teñan este espazo para interactuar con expertas, expoñer dúbidas e necesidades. Estudantes da Escola de Camiños e do resto do campus da UDC. Sociedade civil en xeral. ENTRADA LIBRE.
PROGRAMA
9:30 PRESENTACIÓN E BENVIDA
  • Ignasi Colominas. Director da Escola Técnica Superior de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña
  • Miño Guerreiro. Presidente de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia
10-12 PALESTRA SOBRE CAUSAS E SOLUCIÓNS
  • Cambio climáticoJuan Añel. Investigador e docente da Universidade de Vigo
  • Índices de seca, técnicas de avaliación e aplicación a un proxecto concreto. Manuel Álvarez. Investigador colaborador do GEAMA
  • As administracións públicas na xestión da auga en Galicia. Laura Fernández. Persoal técnico de planificación hidrolóxica de Aguas de Galicia
  • Participación, transparencia e boa gobernanza na xestión da auga. Miño Guerreiro. Presidente de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia

MODERA: Juan Domingo Quintela. Enxeñería Sen Fronteiras Galicia

12-12:30 DESCANSO. Café e auga (de xerra)
12:30- 14:30 PALESTRA SOBRE EFECTOS E MEDIDAS PALIATIVAS
  • O acceso á auga no rural. Rafael Carrera. Presidente de COXAPO
  • Escaseza de auga na área urbana. María García. Concelleira de medio ambiente e mobilidade sostible do Concello da Coruña
  • Ecosistemas e seca. Verónica Torrijos.  ADEGA
  • Vivir con 50 l de auga ao día? Veremos un video facilitado polo periodista David Pou, autor desta experiencia

MODERA: Cristina Sesto. Enxeñería Sen Fronteiras Galicia

14:45 PETISCOS
Máis información. Daniel Vila ou Miño Guerreiro (881011479). info@galicia.isf.es

Foro aberto: o Dereito Humano á Auga na xestión municipal no Concello de Carballo

O vindeiro xoves día 5 de outubro falaremos en Carballo de Dereito Humano á Auga, e de en que medida está asegurado este dereito no concello. A idea é que todo o mundo poida achegarse e traer as súas propostas e inquedanzas, e compartilas para ver como solucionalas. Non se trata só de que salga auga potable da billa, senón tamén que a súa xestión sexa boa e coñecida pola cidadanía (ou sexa, «transparente», e nunca mellor dito cando falamos de auga).

Este foro é continuación dos realizados en 2015 noutros 4 concellos galegos, e está cofinanciado por Cooperación Galega da Xunta de Galicia e o Concello de Carballo.

LUGAR: Biblioteca Rego da Balsa. Carballo

HORA: 18:30