Entradas

Visita de Alba e Lourdes, lideresas de pesca e marisqueo no sur de Honduras

Visitarán Galicia dentro do proxecto Coidadoras da Terra. Falaremos máis delas, pero primero queremos invitarvos a que as coñezades. Aquí vos deixamos a súa axenda para a vindeira semana.

Domingo 6 outubro. Día libre en Santiago de Compostela
Luns 7 outubro. As 11 am. Encontro aberto con Lourdes e Alba na Escola Técnica Superior de Enxeñería de Santiago de Compostela. Local de ESF.
Martes 8 outubro. Pola mañá. Visita campo con marisqueiras e persoal técnico na Ría do Burgo.
Martes 8 outubro. Visita depuradora de marisque de Oleiros
Martes 8 outubro. De 18 a 20h. Encontro aberto con Lourdes e Alba na Escola de Enxeñería de Camiños da Coruña.
Mércores 9 outubro. Visita á Fundación Lonxanet en A Coruña
Mércores 9 outubro. Tarde libre para visita Coruña
Xoves 10 outubro. Mañá. Visita guiada ao Mercado de Abastos de Santiago
Xoves 10 outubro. Mañá. Visita ao Museo do Pobo Galego
Xoves 10 outubro. 18:30. Encontro aberto en Santiago. Libraría Os Mundos de Carlota (Rúa de San Pedro 52, baixo).
Venres 11 outubro. Mañá. Visita a campo coa confradía de San Andrés de Lourizán e persoal do CETMAR e da Xunta de Galicia, para coñecer o traballo coas mariscadoras

COIDADORAS DA TERRA

Boas novas! Até fin de ano, grazas ás axudas de educación para o desenvolvemento da Xunta de Galicia, dentro da política pública de Cooperación para o Desenvolvemento autonómica pola que tanto temos pelexado, teremos a oportunidade de convidar a Galicia a 6 mulleres coidadoras da terra e a auga de Honduras,para coñecermos os seus relatos e conectar activismos contra problemas que teñen unha orixe común (hiperconsumo extractivista) e toman diversas formas segundo o lugar e contexto no que se manifesten. Quérese poñer de manifesto o papel de activismo e loita das mulleres, invisibilizado en demasiadas ocasións. Porque Berta xa son millóns.

Os temas nos que se incidirá teñen que ver coa defensa da terra e o territorio nos que ESF ven traballando en Honduras e Galicia nos últimos anos, e que nos que soe ser clave o uso de tecnoloxía que non ten en conta a realidade socio-ambiental:

  • O Dereito á Auga
  • O Dereito á Alimentación, especificamente no que ten que ver coa soberanía alimentaria, neste caso a defensa da pesca e marisqueo de baixo impacto
  • O Dereito á Información e a tecnoloxía necesaria para aseguralo, a través da electrónica ética e a mobilización para a defensa do territorio ante as ameazas do extractivismo incontrolado das grandes mineiras para explotar os materiais imprescindible para a fabricación de dispositivos electrónicos de uso masivo (como ordenadores ou móbiles)

As actividades que se impulsarán nas tres liñas de traballo son:

  • a investigación sobre tecnoloxías tradicionais galegas no eido da auga, a minaría e o marisqueo artesanal (sobre todo no que fai referencia á participación das mulleres nas mesmas), así como a súa posterior divulgación.
  • a xeración de material divulgativo baseado na investigación e no traballo de ESF en Honduras nestas temáticas, tratando de asociar as problemáticas galega e hondureña para visibilizar as causas profundas do problema do extractivismo, e como
    afecta ás dúas zonas, co fin de empatizar con outras realidades e ao mesmo tempo tomar consciencia dende unha perspectiva crítica dese modelo extractivista.
  • O fortalecemento de redes de coidadoras da terra nos tres temas mencionados anteriormente, a partir dos contactos que ESF ten en Honduras con organizacións da sociedade civil coas que se vén colaborando dende hai máis de 5 anos. Organizarase a viaxe de 6 mulleres en tres delegacións das tres temáticas de traballo mencionadas como base da acción pola defensa da terra (auga da asociación AHJASA, alimentación dos grupos de mulleres marisqueiras que se impulsan con CODDEFFAGOLF e defensa do territorio ante extractivismo mineiro con movementos como el Frente Triunfeño en Defensa de la Vida), para os meses de setembro, outubro e novembro respectivamente. Cada delegación serán 2 mulleres activistas na temática dese mes, cunha viaxe dunha semana de duración a Galicia, onde se desenvolverá unha axenda que contará diversas actividades (non teñen por que ser todas en cada unha das visitas) como encontros con activistas de Galicia na temática de que se trate, algunha visita de campo para coñecer experiencias de activismo ou de boas prácticas, algunha reunión institucional e faladoiros en distintos entornos (máis informais ou nalgunha facultade da universidade con estudos relacionados á temática da delegación de que se trate).

Trátase, en resumo, dunha aposta por unha investigación aplicada ao coñecemento das realidades globais, promovendo a conexión de loitas e o intercambio de experiencias e saberes. Neste sentido, é importante destacar que no proxecto participará tamén unha persoa que xa foi seleccionada por ESF dentro do seu Programa de Coñecemento da Realidade (PCR). Esta persoa participará a primeiros de setembro nun campamento dunha Red Internacional de Jóvenes por el Clima en Honduras, contactando alí tamén coas persoas das delegacións que logo viaxarán a partir de setembro, co compromiso de colaboración no resto do programa de visitas dende Honduras até decembro, cando regrese a Galicia.

Xornadas sobre xénero e tecnoloxía

Dende Enxeñería Sen Fronteiras estamos a promover, xunto co Centro de Estudos de Xénero e Feministas da Universidade da Coruña (CEXEF), coa cofinanciación da Cooperación Galega da Xunta de Galicia e o apoio da Normal e a Libraría Berbiriana, estas Xornadas de Xénero e Tecnoloxía.

Nesta edición, continuación das I Xornadas de Xénero e Tecnoloxía, intentaremos dar a coñecer iniciativas galegas para romper coa fenda de xénero no uso e acceso ás novas tecnoloxías da información e comunicación xunto con un obradoiro específico sobre o uso de ferramentas tecnolóxicas para fomentar a denuncia da violencia de xénero desde un enfoque intercultural (uso de streaming, redes sociais e impacto de xénero). A diferencia nos usos e accesos ás novas tecnoloxías provoca enormes desigualdades que poden verse na eleccións nas formacións entre homes e mulleres. Por esto resulta importante continuar coas tarefas de sensibilización e aportar referentes diversos do que as novas tecnoloxías poden facer por lograr a equidade de xénero, na liña de poñer a tecnoloxía ao servizo do desenvolvemento humano e a emancipación que promove ESF, para o que conta coas especialistas do CEXEF.

LUGAR: A Coruña.

DÍAS: xoves 26 e venres 27 de outubro 2017

INSCRICIÓN: Serán de balde, simplemente inscribíndose aquí  (naturalmente, eses datos só se empregarán a efectos de notificacións para estas xornadas)

PROGRAMA DAS XORNADAS

  • 26 outubro. 16:30-20:30h (IMPORTANTE: traer ordenador, darse de alta en wikipedia e traer unha foto).
    Taller na Normal (UDC) Paseo de Ronda, 47 (Riazor).
    . Patricia Horrillo [Coordinadora de Wikiesfera de Medialab-Prado, fai parte de Wikimujeres]. “Visibilidade, coñecemento aberto e mulleres na rede”.
  • 27 outubro . 19:00-21:00h
    Librería Berbiriana. Mesa Redonda: “Nodos feministas na Galicia dixital: a relación ciberactivismo e territorio”.  Uqui Permuy [Deseñadora gráfica e artista visual] Paula Rios [Feminista ciberactivista/Community Manager] Revista Revirada [Revista Feminista Online]

XORNADAS DE CONCIENCIA ECOLÓXICA: FERRAMENTAS PARA A TRANSFORMACIÓN SOCIAL. SALCEDA DE CASELAS

Terán lugar o 21 de outubro, no Centro Social “ADevesa”, en Salceda de Caselas. Son de balde.

Organizadas pola Asociación TrezeCatorze e Enxeñería Sen Fronteiras Galicia, coa financiación do Concello de Salceda de Caselas e Cooperación Galega da Xunta de Galicia.

Programa:

12:00 h. OBRADOIRO : “POR QUE NECESITAMOS O FEMINISMO?” Unha toma de conciencia individual e colectiva das desigualdades. Mar Cendón

16:30 h. PROXECCIÓN DOCUMENTAL “FÍOS FÓRA”. Amarante-Setém e Illa Bufarda

19:00 h. CHARLA-COLOQUIO: PROXECTOS DE VIDA PARA A TRANSFORMACIÓN SOCIAL.

  • Economías alternativas
  • Eficiencia enerxética
  • Feminismo
  • Autoxestión da saúde
  • Agricultura ecolóxica
  • Agrarismo e movementos sociais

21:00 h. TEATRO DA OPRIMIDA: “A VIAXE DE ANA”.

O teatro da oprimida e unha práctica teatral que pretende transformar as realidades opresivas a través de medios estéticos e o diálogo entre as e os oprimidos.

Nos descansos ofrecerase mostras de productos de cercanía e comercio xusto, e tamén haberá unha exposición de Amarante sobre “Coiro e calzado en Bangladesh: o custo real da súa produción”.

CONTACTO:
trezecatorze@gmail.com
675421115 / 676158590

VINDE XA. VENID YA

Enxeñería Sen Fronteiras apoia a campaña Venid Ya a prol da acollida a persoas refuxiadas

  • 1.499 reasentadas de Turquía, Líbano ou Grecia que teñen que chegar antes do 20 de julio de 2017.
  • 15.888 reubicadas de Italia ou Grecia que teñen que chegar antes do 26 de setembro de 2017.

A pesar das campañas, mobilizacións e do respaldo dunha grande parte da cidadanía, o Goberno español non está a cumprir os seus compromisos e en maio de 2017 só acollera a un 7,5% das persoas refuxiadas.

Esiximos que se respecte o Dereito Internacional, os Dereitos Humanos e os compromisos asumidos. Un xeito de esixilo é mediante un contador de tempo con conta atrás que amosa os días, horas, minutos e segundos que quedan até a data final do 26 de setembro.