O IES Primeiro de Marzo de Baiona gaña o concurso de iniciativas didácticas de tecnoloxía para os dereitos humanos no ensino secundario

Como peche da primeira fase do proxecto de Hackers Sen Fronteiras, organizaramos un concurso de iniciativas didácticas por parte de profesorado de centros de ensino secundario para achegar a tecnoloxía para o ben común á súa comunidade educativa. A iniciativa gañadora veu do IES Primeiro de Marzo de Baiona, dende o departamento de tecnoloxía.

O IES Primeiro de Marzo é un instituto que acolle alumnado dos concellos de Baiona e Oia, a maioría da contorna rural.

Este curso procedeuse á actualización da aula de informática. Os ordenadores antigos que se van substituír son o obxectivo deste proxecto. Retiraranse os que están fallando continuamente e sobre os que hai incidencias continuas cada certo tempo, aproveitándose os compoñentes que funcionen ben (memoria, fonte de alimentación, etc.). Algúns equipos prepararanse para a súa instalación nos departamentos que o necesiten e os equipos restantes serán prestados ou doados ao alumnado con necesidades ou asociacións sen ánimo de lucro da contorna.

Está previsto que o alumnado de Dixitalización de 4ºESO proceda ao cambio dos ordenadores vellos polos novos equipos, previa exposición dos tipos de conectores e portos existentes, disposición, ventilación e normas de coidado xeral. Procederá tamén á verificación do correcto funcionamento, actualización e instalación de software (que será libre).

As actividades a desenvolver serán:

  • Reparación e actualización dos equipos
  • Difusión interna e instalación no centro
  • Difusión externa e préstamos

Deste xeito, búscase xerar un impacto social na comunidade impulsado dende o centro de ensino.

Remata a Escuela de Habilidades para la Vida

A Escuela de Habilidades para la Vida que CODDEFFAGOLF impulsou dentro do proxecto de apoio a grupos marisqueiros en Honduras financiado pola Cooperación Galega da Xunta de Galicia, culminou con éxito o seu proceso.

Nela participaron 25 homes e mulleres de 5 grupos organizados das comunidades de: Ojo de Agua, Agua Caliente, Nueva Concepción (del municipio de El Triunfo), El Quebrachal en el Municipio de Namasigüe.


O propósito foi fortalecer aos grupos mediante o desenvolvemento de destrezas esenciais para enfrontar os desafíos da vida cotiá. Tivo catro módulos:

  • Autocoñecemento
  • Xénero e Novas Masculinidades
  • Liderado e Cultura de Paz
  • Liderado Xerencial

A valoración foi moi positiva por parte das participantes e este último día, coa entrega de certificados, tivo un carácter festivo e lúdico.

Boletín Oficial ESFeiro: decembro 2023

Se prefires a versión sonora, aquí está o podcast en ESFRadio do Boletín Sonoro decembro 2023.

CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Mozambique
  • Enlaces de interese
  • Recomendación artística
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

    En Galicia, novembro foi un mes con varios eventos multitudinarios para traballar colectivamente. Participamos nun interesante encontro sobre posible impacto da inxección de aerosois na atmosfera para contrarrestar o cambio climático, así como no V Encontro de Comunidades e Saberes Arredor do Rural e nun encontro sobre ‘Enerxías alternativas e socioecosistemas: paisaxes presentes e futuras’. Algunhas de nós viviron a mobilización de Vigo contra o xenocidio en Gaza

O compañeiro Iván, do Banco de Reciclaxe de Teo, seguiu cos seus vídeos didácticos, como o de Primeiros pasos cunha torre para reutilizar. Houbo un par de encontros virtuais dos Bancos de Reciclaxe Electrónico con Software Libre (un deles con invitadas de Aragón), e unha xornada ben interesante de Alternativas profesionais para unha transición enerxética xusta: as Comunidades Enerxeticas, na Escola de Minas e Enerxía de Vigo. En Pontevedra, puidemos falar de Soberania alimentaria vs seguridade alimentaria na Escola de Xestión e Administración Pública, no marco dunha colaboración dun proxecto de Aprendizaxe-Servizo cunha das docentes da escola.

    Ademais, tivemos ocasión de presentar en Augas de Galicia do visor de sistemas de abastecemento municipal, nunha xornada ben interesante de intercambio de coñecementos.

Non podemos esquecernos da Xuntanza de Outono da Base Social de ESF, que foi en Allariz, e onde oficializamos o nacemento dun novo grupo de traballo para facilitar asesoría técnica a plataformas de defensa do territorio de Galicia.


HONDURAS

En Honduras houbo visita de colaboradoras de Universidade da Coruña, que viñeron estreitar lazos e colaboracións con persoas da Universidade Nacional Autónoma de Honduras. Ademais, se fixeron formacións no eido da hidroxeoloxía e a cartografía participativa. Foi un pracer ter de novo a Acacia e Adrián por aquí!

Continuou o programa de mellora de sementes crioulas de millo coa nosa socia CODDEFFAGOLF e grupos de labregxs do sur de Honduras. Ademais, no proxecto de mellora da actividade marisqueira, houbo diversas formacións para mulleres dos grupos, como talleres de autoaxuda para a xestión emocional.


MOZAMBIQUE

Este mes, trala visita de Víctor, chega a Mozambique a visita de Manuel, o noso experto técnico en hidroloxía. Manuel leva anos colaborando no programa AquaMoz, e estará máis dun mes no país traballando coas Administracións Rexionais da Auga (na do sur apoiando agora en temas de inundacións e curvas de embalses, ou «barragens» como se di aló; no centro e norte estase empezando coa parte de xestión das secas, como se fixo xa na do sur nestes últimos anos).


ENLACES DE INTERESE

Auga

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Pobreza e exclusión

Políticas e modelos de desenvolvemento

Soberanía alimentaria e defensa do territorio

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano

Activismos e Persoas


RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA

    Este mes a recomendación volve ser musical, desta volta cun dúo de mulleres galegas que o está petando. É o tema II. Lisístrata, máis coñecido como Varre Vasoira, de Fillas de Cassandra. A guerra, a guerra, a guerra imos parar…


E NO PRÓXIMO MES …

  • 1 de decembro: Encontro da Rede Artigo9Tech de profesorado pola tecnoloxía para o ben común. 10:30h na aula de graos da Escola de Telecomunicación, Vigo.
  • 1 de decembro: Día Mundial da Loita contra o SIDA
  • 2 de decembro: Día Internacional para a Abolición da Escravitude (segue habendo moitos tipos dela…).
  • 3 de decembro: Día internacional das Personas con Discapacidade
  • 3 de decembro: Día Internacional non uso de plaguicidas
  • 5 de decembro: Día Internacional do Voluntariado para o Desenvolvemento Económico e Social
  • 5 de decembro: Día Mundial do Solo
  • 9 de decembro: Día Internacional contra a Corrupción
  • 9 de decembro: Día Internacional para a Conmemoración e Dignificación das Víctimas do Crime de Xenocidio e para a Prevención dese Crime
  • 9 de decembro: Día Internacional da Informática
  • 10 de decembro: pecha o prazo para presentarse ao Concurso de iniciativas didácticas de tecnoloxía para os dereitos humanos no ensino secundario galego
  • 10 de decembro: Día dos Dereitos Humanos
  • 14 de decembro: Repair Café na Escola de Enxeñería Informática de Ourense. 16:30h
  • 18 de decembro: Día Internacional da Persoa Migrante
  • 19 de decembro: Día das Nacións Unidas para a Cooperación Sur-Sur
  • 20 de decembro: Día Internacional da Solidariedade Humana
  • 21 de decembro: 10:30h. Encontro de nadal de ESF en Coruña (local de ESF en Camiños).
  • 27 de decembro: 14h. Encontro de nadal de ESF en Santiago de Compostela
  • TODO O MES: abrirá a convocatoria da rede Artigo9Tech para pequenos proxectos de investigación en tecnoloxía para o ben común nas universidades. Toda a info estará na web da rede. Esta foi a convocatoria 2022, e pouco variará.

   Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia  consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD


A ESF-RASE DO MES

“O móbil que xa tes é o máis ético posible, se o mantés”

Sara Domínguez García, enxeñeira electrónica e activista pola electrónica sostible