Crónica do Programa de Coñecemento da Realidade Honduras 2021, III. Tartarugas golfinas

Desta volta é Xoel quen nos informa sobre a estancia del e de Eva en Honduras, dentro do Programa de Coñecemento da Realidade 2020-2021, que cofinancia Cooperación Galega da Xunta de Galicia.

————————————————
Xa levamos 1 mes en Honduras terra catracha! Tras as dúas primeiras semanas de adaptación xa comezamos a entender o funcionamento das xentes desta fermosa terra, a gozar da súa cultura, das súas comidas, das súas froitas, e incluso do seu clima tan diferente ao noso.


Aproveitamos as fins de semana ao máximo visitando toda paraxe natural que podemos: Illa do Tigre, Illa dos Páxaros, Praia do Amor, Praia do Venado … E tamén comunidades moi acolledoras como Ojojona , San Marcos, El Zamorano entre outras tantas… O tempo pasa voando nestes novos lares.


Comezamos as colaboracións coas organizacións hondureñas, Eva dende CODDEFFAGOLF realizando numerosas actividades e obradoiros en temas de xénero e autocoidado e Xoel dende a Mancomunidad NASMAR axudando con levantamentos topográficos para logo poder construír sistemas de auga.


Unha das actividades máis molonas deste mes foi ir ao campamento tortuguero e axudar na recuperación da tartaruga golfina. Un sono feito realidade. Apertas dende Honduras, ESFeirxs! Vémonos na próxima entrada!

Crónica do ciberfaladoiro “Axuda o eucalipto ao rural galego?”

A pasada semana, dentro dos nosos ciberfaladoiros vinculados á defensa da terra e do territorio, tocamos o tema da eucaliptización de Galicia.

Partimos da base de que as plantacións de eucalipto non son un bosque. Non se poden considerar un ecosistema completo, con todas as súas funcións. E encher o territorio de plantacións destas implica poñer en risco sistemas naturais que non acabamos de comprender, sobre todo cando se fai de xeito descontrolado, sen planificación e/ou sen seguimento e xestión (por exemplo, por non executar sancións a quen non respecta distancias de plantación, planta en territorios de concentración parcelaria, etc.).


Falamos de que posiblemente a principal razón de que continúe a aposta polo modelo de monocultivo forestal é a existencia dunha potente industria papeleira, que condiciona as políticas do goberno da Xunta dende hai lustros. Esta empresa, ENCE, é totalmente privada dende que en 2001 o estado vendera as participacións que lle quedaban na empresa.


Sen unha aposta decidida da administración pública por outro modelo non baseado no curtoprazismo e no extractivismo non imos poder saír deste círculo vicioso. Para as persoas é moi tentador unha plantación forestal que pode dar cartos en 12-15 anos. Ademais, vai seguir sendo necesario o papel, e hai quen di que se non se fai aquí o que se fará é relocalizar en lugares con menos controis ambientais e sociais, pero que aquí seguiremos consumindo papel (coa hipocrisía que iso implica). Isto fai que haxa persoas con terreos en zonas do interior aos que lles gustaría tamén poder plantar variedades de eucalipto que aguantan as condicións máis frías, e que consideran  que é inxusto que se leve moitos anos con vía libre a plantacións en zonas costeiras de Galicia, e agora non permitan isto noutras zonas. 


Toda esta visión cremos que non está tendo en conta os múltiples servizos ambientais, paisaxísticos e culturais do bosque. Non se poñen en valor, nin tampouco hai compensación para as persoas que manteñen leiras con bosques autóctonos, ou que reforesta con estas especies. Só o farán entón persoas que non precisan cartos e que ademais son un pouco “frikis”. Non todo o mundo vai facer como o protagonista do precioso conto  “O home que plantaba árbores” (que podes atopar nesta publicación nosa onde o traducimos).


Todo isto, sen entrar no carácter pirófito desta especie, á que se lle permitiu unha expansión descontrolada (mesmo agora coa moratoria, que non fixo máis que aumentar as plantacións xusto antes de que entrase en vigor). 


Así que pensamos que o xeito de romper o círculo vicioso é empezar pola administración pública competente en política forestal e de ordenación de territorio. Débese definir un modelo territorial e económico para Galicia, que dea peso ao equilibrio poboacional rural-urbano, e non sexa o de ter cidades rodeades de grandes extensións de pastos e eucaliptais sen xente que viva aló. Seguirá habendo sitio para eucaliptos, porque dan rendibilidade e teñen certa demanda (cada vez máis monopolizada, co perigo que iso implica de que de pronto caian os prezos), ademais de que poden crecer en zonas de monte non aptas para outros bosques. Pero en absoluto debería protagonizar nin condicionar as políticas forestais, e por ende de desenvolvemento rural, da administración galega.

Boletín Sonoro ESFeiro: setembro 2021

Chega o Boletín Sonoro ESFeiro en ESFRadio, a versión podcast do noso Boletín Oficial ESFeiro.

En 5 minutiños podes coñecer o que fixemos en agosto en Galicia e Honduras, novas sobre tecnoloxía e dereitos humanos, axenda de eventos vindeiros e a ESFrase do mes.

Se che gustan os podcasts, apúntate a ESFRadio!

Pincha aquí para escoitalo

Tamén en Spotify

Boletín Oficial ESFeiro: setembro 2021


CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Enlaces de interese
  • A recomendación artística do mes
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

    O pasado mes de agosto estivemos recargando as pilas para comezar o novo curso con forza, tanto no proxecto do Banco de Reciclaxe Electrónica (que seguiu en marcha mesmo con novas incorporacións), como nos dous novos que estaremos desenvolvendo coa rede Artigo9Tech nas escolas técnicas das universidades galegas, e con Amigos da Terra poñendo en contacto mulleres activistas pola defensa da terra de Honduras e Galicia. Fixémonos eco en redes sociais das mensaxes de partidos da oposición no Concello de Santiago de Compostela para que se recuperen as prometidas axudas para a Cooperación ao Desenvolvemento, que o Goberno de Bugallo aínda non sacou por distintas excusas.

Tamén tivemos traballo de chamar a moitas portas para conseguir que se administrara a vacina monodose contra a COVID19 a Xoel e Eva, voluntarias no Programa de Coñecemento da Realidade, para que puideran viaxar durante agosto. Foi complicado, pero ao final acadouse.

Felicitámonos de que o Goberno de España prorrogara a moratoria de corte de subministros básicos até o 31 de outubro tras a campaña que se desenvolveu por varias organizacións do Estado, aínda que debería mudarse de raíz o sistema e que non se poidan cortar nunca.

E, por suposto, puidemos desfrutar do podcast do Boletín Sonoro de xullo.


HONDURAS

Aquí nos mandan Xoel e Eva as primeiras sensacións tras a súa aterraxe en Honduras, a pasada semana, dentro da estancia no país que é parte do Programa de Coñecemento da Realidade na súa edición 2020-2021 (adiada pola COVID19).

Continuamos o proxecto coas Oficinas Municipales de la Mujer (OMM) das alcaldías da NASMAR e con CODDEFFAGOLF con apoio da Cooperación Galega, desta volta construindo alianzas cun encontro de representantes das OMM, sociedade civil e a Cooperación Española en Honduras (AECID), visibilizando problemáticas e propoñendo camiños cara a redución da fenda de xénero.

Dentro do convenio coa Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo, séguese a apoiar hortos familiares adaptados ás condicións do sur de Honduras.


ENLACES DE INTERESE

Auga

Comunicación para o (como) desenvolvemento

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

  • Lo tuyo es puro teatro. La reforma en ciernes de la Ley de Cooperación Internacional solo tiene sentido si articulamos respuestas globales a los retos que afrontamos.

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Políticas e modelos de desenvolvemento

Sensibilización

Soberanía alimentaria e desenvolvemento rural

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano

Voluntariado e Persoas


A RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA DO MES

    Este mes compartimos esta canción que estrearon polo día Internacional dos pobos indíxenas: PUEBLOS, de Sara Curruchich ft. Lila Downs


E NO PRÓXIMO MES …

   Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia  consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD (ou subscríbe ao seu boletín quincenal, que conta con ofertas de emprego; formacións e actividades; novidades do sector; convocatorias de bolsas e subvencións; propostas de voluntariado, etc.).

Tamén nas nosas redes sociais twitter, instagram e na nosa canle de telegram, difundimos eventos de interese externos a ESFGalicia de temas vinculados ao noso traballo.


A ESF-RASE DO MES

Que as empresas teñan especial influencia na política significa que a democracia está enferma. O propósito da democracia é asegurarse de que os ricos non teñan unha influencia proporcional á súa riqueza. E si teñen máis influencia que tí ou que eu, iso significa que a democracia está fallando. As leis que se obteñen desta forma non teñen autoridade moral, senón a capacidade de facer dano.
Richard Stallman