Entradas

Encontro Hackers Sen Fronteiras de alumnas de secundaria

Este encontro tivo lugar o 12 decembro 2023 na Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela, no marco do proxecto Hackers Sen Fronteiras, que se levaba xa dende mediados de 2022 desenvolvendo. A organización levouse a cabo por Enxeñería sen Fronteiras da man con facilitación de Rexenerando.

O grupo de alumnas convidado a este encontro de peche foi un grupo heteroxénero 15 de nenas e mulleres adolescentes de tres IES de zonas rurais que participaron como centros piloto nesta primeira fase de Hackers Sen Fronteiras, cun rango de idades entre 12 e 17 anos.

Nesta sesión grupal abordáronse competencias transversais xa traballadas anteriormente a través do interese das rapazas na tecnoloxía e a súa vinculación co seu percorrido formativo dos próximos anos e as súas posibilidades. Participou tamén a directora da Escola Politécnica de Lugo para dar a coñecer as liñas de educación superior, de traballo e de investigación do centro da USC. Acercar ás alumnas dos institutos á formación universitaria da rama das enxeñerías pode supoñer a materialización dos intereses das mulleres que están a piques de finalizar os estudos de bacharelato na súa incorporación a estudios específicos, apostando pola rama tecnolóxica na nosa comunidade, e coñecendo eidos de estudo da tecnoloxía que non asociaban a posibilidades académicas ou laborais.

Tamén se traballaron contidos mais amplos dende un enfoque de xestión emocional e de creatividade, tendo en conta ás necesidades do grupo de mulleres de menor e de maior idade, que serviu para facer un traballo colectivo de repensar as fortalezas e debilidades que teñen de cara os seus estudos e os retos que supón cada unha das suas etapas educativas.

Algúns elementos que saíron foron o gran esforzo que supoñen este tipo de estudos, a superación das materias, a aprendizaxe a través da creación e creatividade grupal e o interese personal nos campos de estudo específicos de cada unha delas. Con esto último, as mulleres alumnas fomentaron a súa resiliencia nos estudos a través do replantexamento das suas inquedanzas persoais, formativas e futura aplicacións profesionais, de xeito que consideraron de gran importancia traballar nas dificultades para chegar os seus obxetivos propostos. Estos últimos, xiraban en torno á especialización e o desfrute das materias mais interesantes para cada unha delas, tendo en conta as necesidades para chegar a aquelo que desexan ser e facer a longo prazo, coa mirada posta nas exixencias da educación formal. Moitas delas estaban máis preocupadas do curto prazo e as esixencias do curso actual, tendo esa sensación moitas veces de que as materias vinculadas a tecnoloxía custan máis. Pero tamén saiu o descoñecemento que pode haber acerca de eidos da tecnoloxía que non se plantexaran e lles interesan.

Queremos destacar tres tres ideas que saían con forza entre as alumnas no propio espazo e que nos pareceron relevantes despois de escoitalas:

  1. Están en anos nos que teñen outros intereses e preocupacións e polo tanto imaxinar o futuro ás veces toca coa esixencia, co difícil que é estudar, e isto tamén en relación ás carreiras máis técnicas ou científicas. Se cadra habería que pensar aquí posibles apoios ou incentivos
  2. Entre eses apoios podería estar rachar co mito de que é moi difícil ou que hai que ser as mellores
  3. Apoialas, con exemplos e referentes e ampliar o imaxinario do que é tecnoloxía, que soe activar marcos de moita masculinidade tóxica. Hai que mostrar alternativas de tecnoloxías que se están xa aplicar, en que ámbitos e para que tipo de problemas moito máis na liña do ben común, e tamén que estudos hai que ter para desenvolver estas tecnoloxías.

A valoración foi moi boa e cremos que estes foros poden ser de gran valor para compartir experiencias entre pares e así tratar de entender as causas tempranas que pode haber detrás da fenda de xénero nos estudos tecnolóxicos.

O IES Primeiro de Marzo de Baiona gaña o concurso de iniciativas didácticas de tecnoloxía para os dereitos humanos no ensino secundario

Como peche da primeira fase do proxecto de Hackers Sen Fronteiras, organizaramos un concurso de iniciativas didácticas por parte de profesorado de centros de ensino secundario para achegar a tecnoloxía para o ben común á súa comunidade educativa. A iniciativa gañadora veu do IES Primeiro de Marzo de Baiona, dende o departamento de tecnoloxía.

O IES Primeiro de Marzo é un instituto que acolle alumnado dos concellos de Baiona e Oia, a maioría da contorna rural.

Este curso procedeuse á actualización da aula de informática. Os ordenadores antigos que se van substituír son o obxectivo deste proxecto. Retiraranse os que están fallando continuamente e sobre os que hai incidencias continuas cada certo tempo, aproveitándose os compoñentes que funcionen ben (memoria, fonte de alimentación, etc.). Algúns equipos prepararanse para a súa instalación nos departamentos que o necesiten e os equipos restantes serán prestados ou doados ao alumnado con necesidades ou asociacións sen ánimo de lucro da contorna.

Está previsto que o alumnado de Dixitalización de 4ºESO proceda ao cambio dos ordenadores vellos polos novos equipos, previa exposición dos tipos de conectores e portos existentes, disposición, ventilación e normas de coidado xeral. Procederá tamén á verificación do correcto funcionamento, actualización e instalación de software (que será libre).

As actividades a desenvolver serán:

  • Reparación e actualización dos equipos
  • Difusión interna e instalación no centro
  • Difusión externa e préstamos

Deste xeito, búscase xerar un impacto social na comunidade impulsado dende o centro de ensino.

Concurso de iniciativas didácticas de tecnoloxía para os dereitos humanos no ensino secundario galego

Enxeñería Sen Fronteiras Galicia organiza un concurso para o financiamento dun proxecto didáctico en tecnoloxías para o ben común no ensino secundario público de Galicia.

A convocatoria enmárcase dentro do proxecto «Hackers Sen Fronteiras. Tecnoloxías para o ben común e os Dereitos Humanos no ensino secundario de Galicia, fase 1«, financiado pola Convocatoria de Accións de Educación para o Desenvolvemento 2022 da Xunta de Galicia.

Obxectivo

Promocionar a introdución de elementos e enfoques de tecnoloxía para o ben común e os dereitos humanos en centros públicos de ensino secundario.

A convocatoria ten como obxectivo que se desenvolvan propostas didácticas nas que se dea visibilidade o papel que a tecnoloxía pode ter para transformar o mundo promovendo valores como a igualdade de oportunidades, a re-apropiación tecnolóxica ou a tecnoloxía e os dereitos humanos. A tecnoloxía para o ben común se entende dun xeito amplo, onde tan importante como o elemento tecnolóxico “duro” é o xeito de manexalo e a reflexión de quen decide sobre a tecnoloxía (o que se chama a gobernanza da tecnoloxía).

Quen se pode presentar?

Un ou máis centros públicos de ensino secundario de Galicia, liderados por unha persoa docente (co equipo de colaboradoras que desexen).

Cal é o importe do premio?

O premio deste concurso é dun total de 900€.

O premio transferirase nun único pago á conta bancaria do centro ao que pertenza a persoa docente responsable antes de finais de decembro de 2023, para que dispoña dos fondos de xeito anticipado á realización do proxecto.

Cómo participar na convocatoria?

Enviando un correo electrónico a info@galicia.isf.es.

No asunto indicarase CONCURSO HACKERS SEN FRONTEIRAS.

No corpo do correo-e se indicará o nome do proxecto, o centro ou centros promotores, o nome da docente que encabeza o proxecto e o seu contacto (correo-e).

No correo-e se presentará como arquivo anexo ou descargable a descrición da proposta, que pode presentarse en formato pdf (sexa texto ou texto acompañado de imaxes ou infografías, cun máximo de 10 páxinas), ou en calquera tipo de formato audiovisual (non superior a 3 minutos de duración). En calquera caso, nesta descrición da proposta debe constar como mínimo:

  • Título do proxecto ou actividade
  • Centro ou centros involucrados.
  • Profesorado involucrado e departamento/s e/ou materias
  • Número de alumnas e alumnos participantes (desagregados por sexo) e cursos involucrados.
  • Antecedentes e xustificación do proxecto ou actividade.
  • Obxectivos .
  • Como se lle vai dar difusión e a que grupos? (só alumnado participante, todo o centro, participación da ANPA, encontros con outros centros?).
  • Descrición das actividades e produtos esperados e pertinencia con respecto ao obxectivo previsto.
  • Orzamento da proposta e adecuación coas actividades previstas. O centro ou centros poden, se o desexan, co-financiar a actividade para chegar a un máximo de 1200 euros (900 do premio e outros 300 doutros aportes que poidan acadar).

Prazo

Pódense presentar propostas até o 10 de decembro de 2023.

Os resultados do proceso de selección comunicaranse o 18 de decembro de 2023.

O proxecto seleccionado deberá desenvolverse entre xaneiro e xuño de 2024. Ao rematar o proxecto, deberá presentarse un dossier de execución con material gráfico sobre as actividades realizadas e/ou os produtos obtidos.

Avaliación

O comité de avaliación estará composto por tres membros do grupo de Educación para a Cidadanía Global de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia, polo menos un dos cales será docente en activo de educación secundaria.

Os únicos requisitos indispensables son que o centro ou centros participantes sexan todos públicos e que a actividade ou proxecto involucren alumnado da Educación Secundaria Obrigatoria (podendo tamén incluír a maiores alumnado de Bacharelato ou FP).

Valorarase:

  • O axuste do proxecto ou actividade docente ao concepto tecnoloxía para o ben común e para os dereitos humanos
  • A viabilidade técnica e económica do proxecto
  • A implicación de diversos axentes da comunidade educativa e da sociedade do entorno do centro ou centros
  • A visibilidade da actividade incluíndo as actividades de difusión previstas
  • O grao de participación e apropiación da actividade ou proxecto por parte do alumnado
  • Que se desenvolva en centros de ensino de concellos rurais

Para calquera dúbida sobre as condicións da convocatoria, é posible contactar no enderezo: info@galicia.isf.es co asunto “Dúbida convocatoria premio Hackers Sen Fronteiras”.

Xuntanza de Outono de ESF. A crónica do que se pode contar

As xuntanzas son encontros da base social de ESF. Soemos ter dúas ao ano, en primavera e outono, coincidindo con sendas asembleas extraordinarias. O lugar vaise cambiando en cada unha, e aprovéitase para facer formacións, obradoiros ou sesións temáticas de traballo.

A deste outono de 2023 fixémola en Allariz, o pasado sábado 4 de novembro. Pola mañá, tivo lugar a Asemblea Xeral Extraordinaria e, pola tarde, tivemos un taller para deseñar o Plan País Honduras, así como un faladoiro de dúas das participantes no Programa de Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras Realidades (PCR), que hai unhas semanas regresaron de Honduras.

Na Asemblea pola mañá, despois dunhas dinámicas de presentación, fixemos un resumo dos distintos grupos en activo na asociación (había moita xente nova!). Un momento importante foi a aprobación (por unanimidade) dunha nova liña ou programa de traballo en ESF: as asesorías técnicas para plataformas de defensa da terra e o territorio en Galicia. Máis información aquí.

Tamén falamos de diversos temas económicos e aprobamos a previsión de contas para 2024. Reflexionamos sobre a coherencia de colaborar con entidades que á súa vez reciban apoio simultáneamente por parte de empresas con valores non compatibles con ESF. Falamos de que non imos deixar estes espazos de colaboración, aínda que non se compartirán actividades apoiadas por estas empresas, de xeito que non apareceremos simultaneamente como colaboradoras.

Outro momento importante foi o cambio de Xunta Directiva. Tras agradecer moito ás persoas que deixan a Xunta (Marc, Tomás, Alberto, Zoe, Mateo e Chelo), demos a benvida ás que conformarán a vindeira «xunta divertida» ESFeira: Jose como presidente, Chus como vicepresidenta (viña de ser vogal na xunta directiva anterior), Chevi como secretario, Ana como tesoureira e, nas vogalías, Thais (que repite como vogal), Alba (que volve á xunta directiva tras varios anos) e Celia.

Pola tarde, comezamos cun obradoiro onde tivemos conexión directa con Honduras (é a foto da cabeceira). Empezamos a traballar o novo Plan País Honduras, onde queremos esbozar as liñas estratéxicas e xeitos de traballar no país para os vindeiros anos. Este primeiro taller foi para pensar que nos aporta como asociación o traballo en Honduras que se está a realizar. Queremos seguir facéndoo? Para que? Queremos mudar algo? Foi unha reflexión interesante que iremos compartindo proximamente.

Rematamos o día con dúas das participantes no PCR. Sofía participou como parte do proxecto Mulleres Bravas e Sofía como parte de Hackers Sen Fronteiras. Entre as dúas, apoiadas por unha boa cantidade de fotos, fomos asomándonos un pouquiño ás súas experiencias, que contaban mentres aínda lles brillaban os ollos coas lembrazas. Tamén nolo foran contando en diversas crónicas, pero escoitalas a elas é distinto…

Tiñamos ganas de espazo presencial, pero tamén se puido participar en liña!

Análisis de libros de texto con enfoque de tecnología para el bien común

Con el programa que ESF Galicia desarrolla de Hackers Sen Fronteiras, se pretende impulsar el concepto de tecnología para el bien común en la comunidad educativa de la enseñanza secundaria en Galicia. Dentro de este programa, quisimos pararnos a analizar como tratan los libros de texto el tema de la tecnología y, en qué medida, pueden estar constribuyendo a mantener la visión estereotipada de una tecnología productivista y puesta al servicio del hiperconsumo, poco inclusiva y manifiestamente insostenible.

Para ello, primero hubo que diseñar una metodología que permitiera el análisis de libros de texto, especialmente de los específicos de tecnología o asignaturas similares.

Desgraciadamente, la tecnología y sus docentes han sido de los más maltratados por los cambios de sistema educativo, generando gran incertidumbre en los contenidos y materiales didácticos de apoyo. Por eso, aunque existen libros de apoyo, nos hemos encontrado con que son muy poco usados por el profesorado, que prefiere desarrollar su propio material. Aun así, tomando como estudios de caso dos libros de texto, se desarrolló la metodología, que explicamos en esta primera versión de la Guía para análisis de libros de texto con perspectiva de tecnología para el bien común. Está en construcción, pero ya validada con esos dos libros de texto, con lo cual pensamos que puede ser útil compartirla.

Por otro lado, también compartimos el análisis de los dos libros de texto, de 1º y 2º de ESO, de la materia Tecnología y digitalización, de la editorial Santillana. El análisis de libros de texto desde diferentes perspectivas es algo habitual desde los movimientos sociales en los últimos años. El enfoque de género o ambiental es el más habitual, y hemos querido integrarlos, como no puede ser de otra manera, en la perspectiva de tecnología para el bien común.

Como conclusiones generales en los libros analizados, aunque se ha trabajado bastante el enfoque de género y étnico, no ha ocurrido lo mismo con personas con discapacidades (muy ausentes en general). A nivel ambiental, hay ciertas reflexiones, ejercicios e incluso imágenes que sí reflejan impactos del uso indiscriminado de aparatos y materiales, pero sin pararse a pensar en alternativas reales más allá de las más trilladas (que en realidad tampoco nos salvarán…). Por último, hay una alarmante falta de contenidos donde se cuestione la tecnología como algo más que instrumentos materiales sin conexión con quién los maneja, para qué y quién toma las decisiones de su manejo, por qué usar unos u otros y si se beneficia a una mayoría. La gobernanza de la tecnología es parte intrínseca del hecho tecnológico y, sin abordarlo, cualquier texto de tecnología quedará incompleto y contribuirá a perpetuar este modelo insostenible. No es posible la neutralidad en estos casos.

Crónicas dende Honduras. Sofía

É domingo en San Lorenzo e xa non me sorprende oír a misa dende casa, unha vez pola mañá e outra pola tarde. Vivimos en pleno centro, moi preto dunha igrexa católica -un fermosos edificio de influencia colonial- que incorpora un altofalante no seu campanario, de xeito que a celebración litúrxica chega a todas as casas do barrio. O certo é que a relixión forma parte importante da vida hondureña, con predominancia das igrexas católica e evanxélicas, e isto faise palpable dende as alusións a deus en calquera conversa, ata en letreiros pola rúa ou mesmo nos rótulos dos autobuses.

A cidade volve hoxe á normalidade tras unha intensa semana de festexos. Creo que non vou botar nada en falta os foguetes que abriron cada unha das xornadas aínda ben non amencera o día facendo estremecer as ventás… Dende o xoves a afluencia de xente foi aumentando, mais tal como nos anunciaran, o día grande foi onte coa celebración do carnaval, un dos máis soados en Honduras. Houbo desfile hípico, desfile de carrozas, pirotecnia e, sobre todo, moita música. Ao longo dunha abarrotada rúa principal situáronse, case en cada cruce, ata unhas dez orquestras que amenizaron a festa dende a noitiña ata a madrugada. Dende o escenario da praza principal retransmitiuse o carnaval por televisión, coa actuación do coñecido grupo de música de punta Kazzabe.

O que antes de virme me parecía que ía ser moito tempo, decátome agora de que non chega a nada. Malia que o meu proceso de adaptación foi bastante rodado, entrar a comprender o contexto -en particular, o dos proxectos- e construír relacións de confianza coas persoas coas que tratamos leva tempo. Esta semana marchou o compañeiro PCR Juan e quizais iso fíxome ser máis consciente de que a miña volta está tamén cada vez máis cerca. Case con cada “plática” aprendo un pouco máis do país, á vez que asumo a cantidade de lugares, realidades e proxectos que non vou chegar sequera a coñecer. Toca, polo tanto, aproveitar e espremer os días que me restan por estas latitudes.

Nesta semana, participamos o mércores no cuarto e derradeiro módulo da formación de Habilidades para la Vida. Este obradoiro, que se veu impartindo nas semanas anteriores de maneira separada para as microcuncas de Laure e Panasacarán, tivo un peche común, ao xuntar en San Lorenzo ás persoas participantes das comunidades de ambas as dúas microcuncas. Esta última sesión tiña por tema a incidencia política, comezando por tratar de definir colectivamente por grupos este concepto. Co fin último de mellorar a xestión comunitaria, fíxose fincapé na capacidade que as comunidades teñen para facer valer os seus dereitos e esixir cambios que melloren as súas vidas, pensando sempre no ben común. Neste sentido, propúxose un exercicio de avaliación de necesidades individuais, sociais e políticas. É curioso como, alén do plano individual, as prioridades das distintas comunidades eran moi semellantes: auga potable, melloras en vivendas e letrinas e mellora das vías, isto último especialmente na parte de Moropocay (cunca de Panascarán), onde teñen problemas de acceso polo mal estado dos camiños. Así tamén, as súas esixencias a nivel político non foron moi dispares, centrándose en cuestións tan básicas como son a saúde, a educación e o traballo. A implicación das persoas participantes, sempre dispostas e ávidas de aprender, contrasta coa queixa compartida de que falta compromiso nas comunidades e relevo xeracional.

O xoves tiven a oportunidade de acompañar a varios técnicos de Coddeffagolf nunha xira por Amapala xunto a representantes de SENPRENDE (Servico Nacional de Emprendimiento y de Pequeños Negocios). Esta é unha institución do goberno que nace coa vontade de fomentar o emprendemento empresarial, servíndose neste caso dunha organización local como é Coddeffagolf para achegarse a pequenas produtoras do sur do país. Con esta idea desprazámonos á Illa do Tigre, onde nos encontramos con dous dos catro grupos de marisqueiras cos que Coddeffagolf está a traballar en Amapala. Primeiro, tocoulle a Bella Mar, un grupo de dezanove mulleres que conta cun Centro de Acopio no mercado de Amapala, e logo foi Mujeres Marisqueras Servicios Múltiples, grupo conformado por trece mulleres afincadas en torno a Playa Negra. O persoal de SEMPRENDE puido coñecer de primeira man o xeito de organizarse e funcionar destes grupos, así como tamén escoitar as súas demandas, centradas especialmente na falta de capital. Mais falouse igualmente doutras problemáticas, como é o histórico conflito entre Nicaragua, El Salvador e Honduras pola soberanía das augas do Golfo de Fonseca, o cal limita o traballo dos pescadores hondureños. Hoxe por hoxe, e malia os fallos en favor de Honduras do Tribunal da Haia, El Salvador nega a saída de Honduras a augas internacionais, non sucedendo así con Nicaragua, quen si recoñece a súa fronteira marítima con Honduras.

E para finalizar a semana, volvín á illa de El Pacar, desta volta para participar nunha actividade conxunta entre Coddeffagolf e a UNAH (Universidade Nacional Autónoma de Honduras). Unha vintena de estudantes voluntarixs procedentes do campus de Choluteca prestáronse a realizar unha limpeza do entorno do Centro de Investigación Mariña (CIM) existente na illa. O traballo, consistente basicamente en rozar os sendeiros e facer unha recollida do lixo, estendeuse durante a xornada do venres e a mañá do sábado, de xeito que fixemos pernocta na illa.

As instalacións do CIM, construídas con fondos da cooperación alemá, deseñáronse baixo criterios de sustentabilidade, con tanques para a recuperación de auga de chuvia e paneis solares para o subministro eléctrico. Porén, a falta de uso e mantemento, fixo que nestes días se detectaran algunhas deficiencias, como auga con mal olor debido a filtros en mal estado, condutos tupidos e auga salgada procedente dun pozo escavado. O da auga é un problema grande no sur de Honduras, sendo escaso o acceso á auga potable. Ao non existir tratamento de augas, sucede que a propia auga dos pozos presenta en moitos casos e.coli, non sendo apta para o consumo. E esta contaminación afecta tamén ao mar, tal como se vén desprendendo dos resultados das análises que se están facendo no CIM de monitoreo de augas na contorna de Amapala.

En calquera caso, foi un gustazo poder desfrutar deste entorno privilexiado e tan ben acompañada. E é que tiven ocasión de falar relaxadamente con estudantes de últimos anos de carreira sobre as súas inquedanzas e expectativas de futuro, así como tamén de coñecer un pouco máis o funcionamento do sistema educativo aquí. Atopeime con persoas que me ofreceron unha visión crítica do seu país, que están desencantadas cos sucesivos gobernos e que non demandan outra cousa que a posibilidade de poder traballar e desenvolverse profesionalmente sen ter que emigrar.

Crónicas dende Honduras. Terceira semana de Sofía!

Pois van xa tres semanas que ando por aquí por Honduras e, como tal, superado o ecuador do que vai ser a miña estadía aquí. Non me explico que o tempo se escape tan rápido… Agás pola canícula, cunha sensación térmica que por momentos me deixa K.O., a experiencia ata o momento está sendo moi positiva.

Onte deron comezo oficial as festas patronais na honra de San Lorenzo, se ben xa ao longo da semana se sentían os preparativos e se empezaba a ver un ambiente máis animado. Hai postos de comida e artesanía, tómbolas, atraccións, máis música da xa habitual, bombas e gran afluencia de xente. Duran toda a semana, culminando o vindeiro sábado co que chaman o gran carnaval; seica traen un montón de grupos musicais e fan a festa na rúa principal ao longo de todo o día.

Polo que respecta á rutina diaria, esta semana tiven de novo a oportunidade de acompañar ao persoal técnico de Coddeffagolf nalgunhas das súas actividades, o que me serve non só para coñecer máis polo miúdo os proxectos nos que están a traballar, senón tamén para achegarme á xente local e irme situando un pouco mellor na contorna de San Lorenzo.

O martes fun cos técnicos Víctor e Carlos ao CIM (Centro de Investigación Mariña), na Illa de Pacar, municipio de Amapala. Trátase dun pequeno illote situado xunto á Illa do Tigre á que chegamos en lancha dende o peirao de Coyolito. Se ben no Centro contan cun laboratorio no que se fan análises do estado das augas do Golfo de Fonseca, o propósito desta visita era a realización de inventario de materiais na aula divulgativa e o recoñecemento do estado das instalacións para a planificación de próximas actividades na illa, pois tiñan sufrido algún estrago a causa das últimas tormentas. Con este fin, percorremos tamén os sendeiros habilitados con paneis informativos sobre aspectos relevantes da zona, como o mangle, as tartarugas, o traballo marisqueiro ou as aves. Nun destes sendeiros levántase unha torre a xeito de mirador cunhas vistas espectaculares do golfo.

O mércores asistimos ao terceiro dos catro módulos do programa formativo de Habilidades para la Vida, centrado desta volta na resolución de conflitos. Xa tiñamos participado no primeiro, polo que xa coñecíamos ás persoas asistentes, representantes dalgunhas comunidades rurais. Este tipo de obradoiros, destinados a reforzar a base comunitaria e mellorar a súa xestión diaria, encádrase dentro do proxecto de Mellora da Xestión Pública e Social para a Gobernanza dos recursos hídricos en varios municipios do Golfo, no que toma parte ESF. Persoalmente, gustoume moito integrarnos nos grupos de traballo e poder escoitar as achegas e vivencias de cada unha das nove persoas participantes. E é que coa escusa dos conflitos, falouse moito e de moitas cousas, como dos desencontros que se producen a diario nalgunhas xuntas de auga, da xestión das emocións nestas situacións e mesmo de conflitos a maior escala, como o da guerra entre El Salvador e Honduras no 1969 ou a actual guerra na Ucraína. Nestas sesións danse relatos moi duros e emocionantes, mais nunca falta unha boa dose de humor.

O certo é que o mércores foi un día bastante completo, pois logo do xantar, Juan e eu acompañamos ao técnico Carlos á Escola 15 de Septiembre, no barrio de Buenavista. Alí impartiu unha breve charla a alumnado de entre 9 e 12 anos sobre as áreas protexidas de Honduras, e máis concretamente, sobre a Baía de San Lorenzo, dentro do Proxecto de Apoio ao Plan Bianual de Áreas Protexidas da Zona Sur. Para a impartición destas actividades de concienciación ambiental, selecciónanse aquelas escolas que están máis próximas aos esteiros e zonas de mangle.

Xa xoves tivo lugar na cidade de Choluteca a Ecolecta, unha campaña de recollida de aparellos eléctricos e electrónicos en desuso, organizada por Coddeffagolf en colaboración con outras entidades. Ata alí acudiu alumnado de varios centros educativos do lugar a depositar os seus residuos, pasando boa parte da rapazada polo posto de Coddeffagolf, no que se dispuñan de diversos materiais lúdicos e divulgativos. Na presentación do acto interveu, entre outras persoas, o presidente da asociación Modesto Ochoa. Foi un gusto saudalo e conversar un ratiño con el, logo de telo coñecido na súa xira por Galiza un par de meses antes de viaxar eu aquí.

Malia que os venres non adoita haber saídas, esta semana si acompañei ao técnico Javier nunha visita de seguimento a varias comunidades rurais pola zona de El Laure, algunhas delas xa coñecidas das Escolas de Campo. Onde máis tempo nos detivemos foi en Los Piches, onde nos sentamos co grupo de mulleres para conversar e avaliar os pasos dados ata o momento (estado das contas, funcionamento interno do grupo, estado do reparto de plantas e evolución dos cultivos, etc). Con enfoque de xénero, nestas comunidades estase a traballar o empoderamento das mulleres, polo xeral relegadas ao traballo reprodutivo e de coidados, para así tratar de fomentar a súa autoorganización e capacidade emprendedora.

E para rematar ben a semana, a parte do equipo PCR con máis experiencia -Juan e Celia- planificaron irmos sábado ata a Illa do Tigre. É un sitio ben fermoso, do máis turístico que vin ata o momento aquí polo sur. Bañámonos en Playa Grande, a onde se ven chegar as lanchiñas co peixe fresco, e comemos a pé de praia na de Reinita, muller do grupo de marisqueiras coñecida por Juan e Celia das visitas con Coddeffagolf. Ofreceume un mixto de peixe chamado babosa con camaróns que estaba exquisito!

Para a semana máis 🙂

Crónicas dende Honduras. Sofía 1

Sofía participa no noso programa de voluntariado de coñecemento doutras realidades dentro da modalidade «profesorado de secundaria», que estreamos este curso grazas ao proxecto Hackers Sen Fronteiras. Aquí vai a súa primeira crónica!

———–

Fálavos a terceira das voluntarias deste ano 2023. Hoxe fai unha semana que cheguei a San Lorenzo, logo de voar o día anterior a Palmerola e facer noite en Comayagua. Só unha semana e semella que levase aquí moito máis tempo. O cambio horario non me afectou moito, a calor é algo ao que non conto xa chegar a adaptarme (é demasiado!) e de bichería e picaduras, vou servida, pero vaise levando. Mesmo estou comezando a interpretar o significado de tanto bocinazo!

Se tivese que describir cunha soa palabra esta semana diría que foi intensa. E é que teño a impresión de que nestes sete días sucederon un feixe de cousas. Son moitos os estímulos, os contrastes e as impresións de todo canto estou a vivir aquí. Ata a terra tremeu, cun sismo de epicentro na costa de El Salvador que se fixo sentir en Honduras.

Os primeiros días foron de adaptación e recoñecemento da cidade e, neste sentido, estou moi agradecida a Juan e Celia, tamén a Sandra, polo bo recibimento que me fixeron. Foi unha sorte para min contar coa voz da súa experiencia no mes que levan xa acá.

Das primeiriñas cousas que fixen ao chegar foi pasarme a coñecer Coddeffagolf e presentarme. Esta semana xa tiven a oportunidade de ir entrando un pouco máis en materia e ir coñecendo máis de preto algúns dos proxectos nos que están traballando nestes momentos.

O martes acompañamos á técnica Nidia a dúas escolas das comunidades de Jacalito e Colonia 7 de Mayo, no municipio de Namasigüe. Nelas impartiuse un obradoiro de novas masculinidades ao alumnado, no cal se abordaron cuestións como os estereotipos de xénero ou os métodos anticonceptivos. Alén de asistir ao taller, facilitado por mulleres da Red de Mujeres e por persoal da Oficina Municipal de la Mujer de Namasigüe, tivemos a oportunidade de falar con algunhas das nais agrupadas nesta rede. En ambos casos eran escolas públicas nas que o goberno proporciona alimento para a elaboración das merendas, sendo as nais quen se autoorganizan para preparalas.

Tras isto, Nidia, coñecedora da zona, levounos a ver a Quebrada de Tierras Blancas, un oasis de pozas e remansos no río apto para o baño. Tamén visitamos a cooperativa de mulleres La Sureñita, dedicada ao tratamento para a súa comercialización da semente de marañón (anacardo). Foi fermoso coñecer o proceso de produción deste froito e observar ás mulleres amosándonos o seu traballo. Previa volta a San Lorenzo e tras unha pausa para probar o pozol -unha bebida fría a base de leite que está incríbel-, pasamos por un viveiro a recoller e cargar no coche unhas árbores e plantas aromáticas necesarias nos próximos días.

O mércores acompañei ao técnico Adán a visitar a comunidade de San Juan de las Conchas. Aínda que pertencente ao municipio de Marcovia, a comunidade está integrada na área protexida da baía do golfo de Fonseca. Alí mantívose unha reunión cos pescadores desta comunidade e da comunidade veciña de Los Lirios co fin de conformar un grupo de trece persoas que tomarán parte nun proxecto de reforestación de mangle. O programa incluiría ademais actividades de formación e concienciación ambiental, así como tamén a limpeza conxunta dalgúns esteiros. Se ben a reunión comezou un pouco tensa, axiña os ánimos se calmaron e se chegou a acordo. Máis alá dos obxectivos ambientais do proxecto, resulta destacable o traballo de fortalecemento da base comunitaria.

Á miña volta á sede de Coddeffagolf, aínda tiven a oportunidade de unirme, xunto a Celia e Juan, á primeira das sesións dun taller de Habilidades para a vida no que participaban varios homes e mulleres representantes comunitarios. Sorprendeume moi positivamente a participación dalgunhas das mulleres que alí estaban, do mesmo xeito que se me encolleu o corazón co relato dalgunha das súas vivencias.

O día de hoxe, xoves, foi se cadra o máis cansado de todos. Visitamos, xunto aos técnicos Javier e Onán, as comunidades de Los Pinches e El Marañonal, en Laure. Nelas estanse a implementar Escuelas de Campo, coa intención de poñer en marcha hortos comunitarios con cultivos non habituais na comunidade e, ao mesmo tempo, co obxectivo de traballar a base comunitaria. En ambas comunidades tivemos a oportunidade de tocar a terra e participar na plantación de frijoles, yuka, pepino e camote; tamén algunhas froiteiras e aromáticas.

Se ben estas escolas de campo forman parte dun proxecto con Manos Unidas, o lugar no que se estaba a traballar na comunidade de El Marañonal era un Centro de Servizos Múltiples cuxa construción resultou dun proxecto froito da colaboración entre ESF e Coddeffagolf. Paralizado coa pandemia, a comunidade está a recibir formación en materia empresarial para poñer en marcha as instalacións e impulsar así unha cooperativa de tratamento da semente de marañón.

É moi habitual que as persoas coas que falamos teñan familia ou saiban dalguén que emigrou a España. Polo xeral viven en cidades grandes, como Madrid ou Barcelona, mais desta volta, as fillas de dúas das mulleres da comunidade de Los Pinches resultaron estar a vivir en Galiza, unha delas en Baralla. Foi un momento ben entrañable con videochamada incluída.

Neste tempo que levo aquí, do que máis estou a desfrutar e aprender é das conversacións informais co persoal técnico de Coddeffagolf durante os traxectos en coche ás comunidades, así como tamén coas charlas mantidas coa xente do lugar, que non deixa de nos mirar con curiosidade. A hospitalidade destas persoas é desbordante.

Estudo sobre Tecnoloxía para o Ben Común no ensino secundario galego

Como parte da primeira fase do programa Hackers Sen Fronteiras: Tecnoloxías para o ben común e os Dereitos Humanos no ensino secundario de Galicia, elaborouse un estudo sobre o coñecemento e a aceptación na comunidade galega do ensino secundario do enfoque de Tecnoloxía para o Ben Común.

Por un lado, se obtivo información de profesorado e por outro de alumnado (no caso do alumnado, só dos 3 centros que participan como centros piloto de Hackers Sen Fronteiras). Queremos agradecer á Asociación do Profesorado de Tecnoloxía de Galicia (APETEGA) a súa implicación para mover a enquisa entre as súas asociadas.

DESCARGAR ESTUDO

Algúns datos de interese

Para recoller a información aportada polo alumnado deseñouse un cuestionario online 2 cunha batería de preguntas pechadas realizado polas rapazas e rapaces participantes no proxecto dos tres centros educativos. A finalidade desta enquisa é medir os seus coñecementos e actitudes en relación á tecnoloxía (e, de xeito máis concreto, á tecnoloxía para o desenvolvemento humano e o ben común).
Finalmente, a enquisa baséase en 125 cuestionarios válidos (54% mulleres). A distribución por centro é dun 58% do IES de Celanova, 22% do IES San Rosendo de Mondoñedo e 19% do IES de Curtis3.

A pesar que case a metade do alumnado cree posuír un pouco de coñecemento sobre a TpBC (e o 20% afirma ter bastante ou moito) na pregunta inicial sobre autopercepción, as respostas ás seguintes preguntas apuntan a que, en realidade, o enfoque da TpBC está moi afastado da súa realidade.

Fenda de xénero: as rapazas continúan sen percibir o eido tecnolóxico como propio, sen optar por el como futuro profesional. Neste caso, nunha escala do 0 ao 10, os rapaces sitúan a probabilidade dun posible futuro laboral vinculado á tecnoloxía no 6,5, fronte ao 3,8 de media das
rapazas.

✓ No momento de sinalar o que pensan que é tecnoloxía, existe unha fenda enorme entre os exemplos de tecnoloxía duras (mencionados por unha porcentaxe de alumnado moi elevadas, de entre o 76% e o 98%) e as brandas (sinaladas como exemplos de tecnoloxía tan só por entre o 6% e o 46%). Por exemplo, a mocidade participante ten claro que os teléfonos móbiles ou os robots con intelixencia artificial son tecnoloxía, mentres que non entrarían neste concepto cousas como a organización veciñal para a xestión da monte ou unha campaña de reciclaxe.
✓ Tamén se observa esta forte tendencia ao escoller os conceptos ou ideas que, segundo o alumnado, gardan relación co eido tecnolóxico. Por exemplo, máis do 90% cre que termos como robótica, internet e informática están vinculados á tecnoloxía, fronte a menos do 10% a vincula á solidariedade, fame ou igualdade.
✓ Ademais, evidénciase que non perciben o impacto potencial que poida ter a tecnoloxía no avance no desenvolvemento humano e a consecución dos dereitos humanos. É dicir, desde a súa visión, a contribución da tecnoloxía a promover a democracia ou a erradicar a fame no mundo, por exemplo, é pouca.

A información aportada polo profesorado foi recollida a través dun cuestionario realizado de xeito online por un total de 21 persoas. 7 destas persoas pertencen aos tres centros educativos implicados no proxecto (3 do IES de Celanova, 3 do IES de Curtis e 1 do IES San Rosendo de Mondoñedo) e o resto traballan en diferentes centros de secundaria de toda Galicia. En total, cóntase coa representación de 16 centros.

O profesorado que coñecen o concepto de TpBC é moi pouco, e manifestan unha autopercepción media do seu coñecemento sobre ese tema de 4,6 nunha escala do 0 ao 10.

Porén, o interese medio manifestado por coñecer a tecnoloxía para o desenvolvemento humano e o ben común é moi alta, situándose no 8,4 na mesma escala.


Case 3 de cada 4 afirman que ten bastante ou moita importancia ese enfoque na súa actividade docente e tan só o 19% sinala que pouca ou ningunha. Ao preguntar de novo polo seu interese por introducir nalgún momento este enfoque nas aulas, saen resultados moi positivos (nunha escala do 1 ao 5, outorgáronlle un 4 de media á afirmación “Teño interese en introducir o enfoque TpDH nas miñas clases en algún momento”).

É importante subliñar que tan só o 11% do profesorado (2 persoas) considera que ten bastantes materiais ou recursos que lle axuden a introducir o enfoque da TpBC na impartición das súas materias.

Esta escaseza de coñecementos, materiais e recursos pode estar detrás de que tan só unha persoa recoñeza que realizou moitas iniciativas para traballar este enfoque na aula (e o 33% afirma que nunca). A esta liña apuntan as súas respostas ao preguntarlles polas necesidades que perciben para poder introducir o enfoque da TpBC con maior frecuencia nas aulas: máis formación-coñecementos e máis recursos didácticos son as opcións máis frecuentes (mencionadas por un 67% e 58% respectivamente).

Boletín Oficial ESFeiro: marzo 2023


Benvidx ao BOE de marzo 2023. Se prefires a versión sonora resumida en 7 minutiños en formato podcast, aquí podes escoitala!


CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Mozambique
  • Enlaces de interese
  • Recomendación artística
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

    Démoslle xa a benvida a Sandra, que a segunda semana de febreiro se incorporou ao equipo de traballadoras de ESF en Honduras.

    No proxecto Hackers Sen Fronteiras de impulso da tecnoloxía para os dereitos humanos no ensino secundario, tivemos un mes movidiño, con faladoiros de cacharreo electrónico e electrónica ética nos IES de Celanova e Mondoñedo. Ademais, comenzou un Comando Hacker (son traballos fora da aula), neste caso no IES Mondoñedo, sobre tecnoloxías tradicionais no que terán que entrevistar a parientes ou veciñxs maiores. Ademais, a escritora Antía Yañez fixo un obradoiro de escrita creativa en Celanova.

    Saiu ao aire o 2º programa de ESF-Televisión, onde entrevistamos a Héctor Tejón. El defínese como politólogo, sociólogo, acti-vista, investigador social, doutorando en Socioloxía UDC e con-vivindo con Esclerose Múltiple. Falamos con el de moitos temas, incidindo na hostilidade das cidades para as persoas con problemas de mobilidade, e o complicado acceso a tecnoloxías de apoio para estas persoas.

    Tivemos un par de encontros en liña de persoas da Rede de Bancos de Reciclaxe Electrónica con Software Libre de Galicia con activistas de Reutilizak e Ereuse.org, para ir ampliando contactos.  

    Houbo tamén un encontro en liña con participantes no Programa de Coñecemento da Realidade 2022, que nos contaron como lles foi (algún deles aínda non volveu!). En febreiro ademais pechou o prazo de solicitude da bolsa para este programa no 2023, aínda que unha das 3 prazas quedou deserta (a que é específica para profesorado de secundaria), e ampliouse o prazo até o 19 de marzo.


HONDURAS

    No programa de soberanía alimentaria, e no marco do proxecto de marisqueo, en febreiro, proséguese coas reunións con axentes responsables da vixilancia e cumprimento da normativa ambiental nas zonas protexidas da rexión sur, especialmente nas áreas mariñas e costeiras. Aquí unha delas de coordinación moi importante, coa Fuerza de Tarea, que ten representación de diversos axentes da Administracion Pública de Honduras.

    No programa de auga, asinamos o convenio coas nosas socias CODDEFFAGOLF e Mancomunidade NASMAR para executar o novo proxecto de “Mejora de la gestión pública y social para la gobernanza de los recursos hídricos en 9 municipio de la región 13 Golfo de Fonseca F1”, financiado pola Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo.

    Estamos preparando ademais unha máis que probable visita a Galicia de Modesto Ochoa, presidente de CODDEFFAGOLF, dentro dunha xira de defensorxs da terra que organiza a Coordinadora Galega de ONGD coa rede Futuro en Común.


MOZAMBIQUE

    Durante o mes de febreiro continuou a visita técnica a Mozambique de Manuel. Nela, ademais das actividades programadas en relación ao seguimento da seca nas Administracións Rexionais da Auga do Sur e do Norte, traballouse, a petición dos nosos socios do Norte, no control e avaliación do estado do almacenamento do encoro de Locumue, cuxa xestión é moi relevante xa que é o que abastece de auga á cidade de Lichinga (capital da provincia de Niassa). Para iso, foi especialmente motivador traballar de novo co actual director da División de Xestión da Conca do Rovuma e antigo coñecido do proxecto en anteriores postos. Ademais do traballo coas ARAs, traballouse coa Universidade Eduardo Mondlane nos contidos do traballo de fin de mestrado que será co-titorizado desde o proxecto e que se baseará en parte do traballo de seguimento da seca que se está realizando co ARA Sur.


ENLACES DE INTERESE

Auga

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Pobreza e exclusión

Políticas e modelos de desenvolvemento

Soberanía alimentaria e desenvolvemento rural

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano

Voluntariado e Persoas


RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA

    Este mes imos aos clásicos. Un libro imprescindible para toda activista anticolonialista, de Eduardo Galiano,  Las venas abiertas de América Latina (1971).


E NO PRÓXIMO MES …


A ESF-RASE DO MES

    Tecnoloxízanse algunhas partes, por exemplo moitas persoas usan a televisión para coidar aos nenos, ou soñan con que pequenos robots limpen e fagan todas as tarefas, incluso se anuncia que se converterán en compañeiros de piso; creo que esta non é a sociedade que queremos. Estannos preparando para unha sociedade na que as persoas estean cada vez máis illadas. Creo que podemos afirmar que isto non encaixa nunha óptica emancipatoria.

Sivia Federici