Violencia por parte das compañías de telefonía

Se fai un par de meses vos traiamos un caso de violencia administrativa, hoxe traémosvos un de violencia por parte da empresa privada. En concreto das compañías telefónicas, e tamén de forma secundaria por parte de compañías financeiras e das cobradoras de morosos.

Alá polo 2021, un compañeiro de Enxeñería Sen Fronteiras decidiu mudar a compañía coa que tiña contratado o servizo de fibra no seu domicilio. Fixo os trámites requiridos, que foi comunicarllo á compañía e devolver o rúter, e esta deulle un xustificante de acordo co cal devolvera correctamente o equipo. Menos mal que o noso compañeiro conservou este xustificante.

Aos poucos meses do cambio comezou a recibir cartas ameazantes reclamándolle unha suposta débeda coa compañía por non ter devolto o rúter. Estas cartas chegaban de múltiples empresas de cobradores de morosos. Ademais, recibía tamén chamadas nas que, de foi malas formas, lle reclamaban o pago desa débeda. O primeiro que lle chamou a atención é en cada carta e en cada chamada o valor da débeda subía ou baixaba. Nin que cotizara en bolsa. O que era constante era o estilo: explicábase a débeda, o importe e a conta bancaria á que debía aboarse. Tamén se indicada que en caso de non pagala, iríase aplicando un interese que aumentaría dita débeda, podendo derivar nun proceso xudicial.

Antes tal acoso, o noso compañeiro foi á tenda na que devolvera o rúter para que lle aclarasen a situación. Alí comprobaron que efectivamente devolvera o rúter correctamente (ademais de que o noso compañeiro tiña o xustificante), e que a débeda non procedía. O proceso de cartas e chamadas continuou, ata que despois de acudir un par de veces á tenda estas cesaron, polo que o noso compañeiro desentendeuse do tema.

Cal é a súa sorpresa cando, fai este ano (é dicir, xa pasaran tres anos dende que cesaran as cartas e as chamadas) , ao intentar solicitar a tarxeta desconto dunha gasolineira, esta veulle denegada. Púxose en contacto coa entidade financeira que a emitía pero esta, de moi malas formas, non lle quixo aclarar a razón da denegación. Unha semana despois volveu recibir unha carta dunha empresa de cobro a morosos reclamándolle a famosa débeda da que xa falamos. E aí foi onde atou cabos. Buscou por internet como ía isto das listas de morosos, e cal é a súa sorpresa cando se decatou que levaba tres anos na lista de morosos da ASNEF. Aí lembrouse tamén que no seu día lle denegaran a tarxeta dun supermercado, inda que daquelas non lle deu máis importancia.

O primeiro paso foi poñerse en contacto coa entidade responsable da lista de morosos, solicitando a baixa desta. A pesar do que indica a lei orgánica de protección de datos, en ningún momento se lle comunicou a súa inclusión (con nome a apelidos) no listado, cos danos e prexuízos ocasionados. Aos poucos días de solicitar a eliminación, a entidade responsable da lista de morosos confirmoulle a súa baixa, xa que a compañía de telefonía non aclarara o motivo da súa inclusión.

Tras isto, o noso compañeiro acudiu á Oficina do Consumidor do seu consello, quen lle asesorou de moi boa forma sobre como proceder. Meses despois, o Instituto Galego de Consumo e de Competencia comunicoulle a resolución do conflito a favor do noso compañeiro. Achegou tamén unha carta da compañía na que, sen admitir o erro cometido e o dano e prexuízo causado, procedía a anular a (falsa) débeda do noso compañeiro.

Deste caso podemos sacar varias conclusións:

  • A impunidade coa que operan as grandes compañías de telefonía, xa que salvo que noso compañeiro intente continuar o proceso por outra vía, á empresa non lle suporá ningunha consecuencia. Compañías que, por certo, se reparten entre practicamente catro o oligopolio de internet a nivel estatal (e incluso supraestatal),co impacto que iso supón para a nosa soberanía dixital.
  • A lacra que supón para a sociedade estas empresas de cobro de débedas que operan ao borde da lei acosando sen límites ás persoas.
  • A mala praxis coa que tamén operan as grandes financeiras, xa que está claro que no caso da solicitude da tarxeta da gasolineira, a propia compañía probablemente lle comunicou á empresa de cobro de morosos que o noso compañeiro tiña unha débeda con outra entidade, a ver se rascaban algo. É moita casualidade que despois de anos sen recibir cartas nin chamadas, xusto volva a recibilas unha semana despois.
  • E por último e máis importante. A importancia de seguir dispoñendo de servizos públicos de calidade, como a Valedora do Pobo ou as Oficinas de Consumo, que protexan aos cidadáns dos abusos da administración e das empresas, respectivamente. E xa non só que existan estes servizos públicos, se non que se lles garantan as súas plenas competencias para poder defendernos e asesorarnos.
0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.