Tecnoloxías libres para a transición ecosocial

En Enxeñería Sen Fronteiras apostamos por unha tecnoloxía que poña no centro ás persoas e ao medioambiente. A través do proxecto “Tecnoloxías libres para a transición ecosocial” queremos promover o uso de tecnoloxías libres, sostibles e inclusivas, combater a fenda de xénero no ámbito tecnolóxico e crear pontes entre comunidades do software libre galegas e hondureñas.

O proxecto abrangue unha ampla variedade de accións. Algunhas delas son: faladoiros de Mulleres Tecnólogas para o Ben Común en institutos galegos, especialmente no rural; apoio á Rede de Bancos de Reciclaxe Electrónica con Software Libre, que recupera e reacondiciona ordenadores para darlle unha segunda vida, reducindo o lixo electrónico e facilitando o acceso dixital a persoas e colectivos que o precisan; Repair Cafés e formacións e divulgación de tecnoloxías libres.

Como actividades a destacar temos as seguintes:

  • Unha xornada formativa adicada a ONG, plataformas activistas e colectivos interesadas en transicionar ao software libre, para facilitar a adquisición de soberanía do seu eido dixital así como para mellorar a ciberseguridade no mesmo.
  • Pontes entre comunidades de software libre de Galicia e Honduras, en continuidade coa liña de cooperación internacional de ESF baseada en relacións horizontais e coñecemento mútuo, como xa se fai co Programa de Coñecemento doutras Realidades ou Mulleres Bravas. En 2025 comezaremos con tertulias en liña entre comunidades de software libre galegas e hondureñas, como punto de partida para compartir visións e desafíos. En 2026 prevese dar un paso máis cunha viaxe internacional dunha persoa da comunidade de software libre de Honduras a Galicia. Esta liña busca vincular comunidades que empregan a tecnoloxía como ferramenta de xustiza social, recoñecendo puntos comúns e diferenzas de contexto.

Este proxecto insírese no camiño cara a transición ecosocial que precisamos. Non só falamos de ordenadores ou software: tamén de dereito á reparación, cooperativismo, xestión comunitaria da auga e da enerxía, inclusión, de tecnofeminismo e moito máis.

O proxecto está financiado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ao abeiro da convocatoria 2025-2026, destinada a impulsar actuacións para o fomento do uso do software e hardware libre en Galicia cunha achega de 15.000 €.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.