Que é un PCR?

O PCR inclúese dentro das actividades de Educación para a Cidadanía Global de ESF, xa que se entende como un programa de formación específica de persoas voluntarias no coñecemento da realidade concreta dos países nos que ESF traballa, co fin de fortalecer o pensamento crítico das participantes e a súa capacidade e criterios de actuación.


As prazas do PCR están abertas a toda a poboación interesada en coñecer realidades de países empobrecidos nos que traballe ESF Galicia. Debido á natureza formativa do PCR e a nosa vinculación coa Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano e o Ben Común, había unha tendencia a que estas persoas voluntarias sexan alumnado universitario e que poida vincular os seus estudos (a través de traballos de investigación ou proxectos fin de mestrado ou grao) coa experiencia do traballo que realizarán no país, sen que isto fose en absoluto un requisito necesario para participar no programa.


O PCR vencéllase a programas de cooperación ao desenvolvemento nos que participe activamente ESF. Non se expón como unha experiencia illadas de estancia en terreo, senón dentro dun programa educativo máis amplo, destinado a potenciar a aprendizaxe e a desenvolver capacidades, tanto técnicas como sociais, para participar activamente no reto de construír unha sociedade máis xusta e solidaria.

Polo tanto, a filosofía do PCR, baséase en ofrecer a quen participa a posibilidade de coñecer a realidade dun país de traballo, buscando un forte compromiso da persoa voluntaria, e que este transmita non só á asociación senón a toda a súa contorna o que aprendeu durante a súa estancia. En ningún momento a persoa voluntaria asumirá accións críticas para o desenvolvemento do proxecto, diferenciándose deste xeito das “Visitas Técnicas ao Terreo”. As visitas técnicas ao terreo correspóndense con necesidades específicas do proxecto que o mesmo proxecto debe cubrir, non con PCR (porque o obxectivo último destes non é satisfacer as necesidades do proxecto), senón con persoal especialmente capacitado, que pode ser ou non voluntario. As viaxes de identificación, de seguimento, de avaliación, asesorías técnicas, etc, incluiríanse dentro deste apartado.

A participación no PCR implica (pero non se limita a) a realización dunha estancia nun país de traballo de ESF durante un período de tempo o suficientemente longo como para coñecer a realidade do lugar. A persoa voluntaria pode ademais colaborar co seu traballo nunha serie de actividades que ESF definiu previamente, xa sexa nos seus proxectos cos seus socios locais, con outras institucións no país coas que ESF ten convenios, etc. Ademais, a persoa participante no PCR realizará unha serie de actividades de sensibilización á súa volta. A asociación apoia este compromiso da persoa evitando que a persoa voluntaria realice o gran esforzo económico que supón unha viaxe destas características.

Para que é o PCR?

Co PCR búscase que quen participa asimile unha realidade diferente e enfronte directamente cos problemas da pobreza e que sexa consciente das desigualdades entre os países do Norte e os do Sur globais e comece a intuír as súas causas. Tamén se ofrece (aínda que isto non é básico para o programa nin ten por que se dar sempre) a oportunidade de colaborar desde a experiencia no terreo en calquera das nosas actividades ou outras relacionadas co noso ámbito de traballo. Todo isto supón un fortalecemento tamén para ESF, pola contribución á xeración de coñecemento á súa volta. Tamén a experiencia da persoa ten un impacto non desdeñable no seu entorno cercano, que empezan a mirar esas outras realiades doutro xeito só polo feito de coñecer directamente a unha persoa que as viviu.

Por todo iso, ESF considera que o PCR teñen unha grande importancia para a asociación. Trabállase de maneira moi diferente cando se estivo no país de traballo. As participantes no PCR constitúen un motor para ESF. As actividades de sensibilización adquiren consistencia se as persoas voluntarias coñeceron de primeira man o traballo realizado e as persoas coas que se traballa..

Condicións e criterios de selección

Cada ano se sacan unhas bases cos criterios de selección para a convocatoria ordinaria do programa (este é o exemplo de 2022). Pode ocorrer que haxa algunha convocatoria extraordinaria tamén no mesmo ano (se quedan prazas desertas ou se hai prazas con criterios especiais, como a praza específica que se empezou a sacar en 2023 para profesorado de secundaria). Para a selección se constitúe sempre unha comisión de selección, e logo hai un grupo de acollida ás persoas seleccionadas, ás que se lles da formación previa á estancia en terreo. Esa formación será de temas vencellados coa multiculturalidade, equidade de xénero, a realidade do país ao que se viaxará, seguridade e saúde e algúns temas dos que tratan os proxectos que se estean desenvolvendo.

Hai uns requisitos básicos comúns que se contemplan sempre:

  • Estancia mínima de 2 meses (excepto lugares excepcionais pola súa extrema dureza ou por outras circunstancias a valorar onde o tempo podería ser menor, como no caso de profesorado de secundaria, que se reduciu a mes e medio para facilitar a estancia no verán).
  • Compromiso de colaboración activa coa asociación con algunha actividade concreta á volta (e da selección e formación das participantes polo menos o ano seguinte)
  • Ter asinado o compromiso de voluntariado e ser socia no momento de iniciar a estancia, así como un compromiso específico de colaboración este programa (onde tamén se anexa unha proposta orientativa de actividades na estancia).
  • Compromiso de ser “os ollos da asociación” na súa estancia e que nos vaian contando como lles vai. Iso se foi facendo en distintos blogues ou redes sociais e, xa dende hai uns anos, na nosa páxina web cunha etiqueta específica para o programa.
  • O PCR é un programa desenvolvido e xestionado por ESF. Será ESF quen oferte as prazas e quen as financie (cubrindo polo menos viaxe, seguro e aloxamento, quedando os gastos correntes e a manutención á conta da participante). A asociación garantirá mediante fondos propios unhas prazas mínimas anuais, que se poderán ampliar en caso de conseguir financiamento externo.

Algúns datos do programa

Dende que comenzou, en 2004, xa foron máis de 60 persoas as que participaron nunha experiencia deste tipo en 6 países distintos, como se ve na táboa. Ademais, no 2016 fixemos unha avaliación do programa que nos amosou a importancia que tiña para a asociación.

PAÍSHOMESMULLERESTOTAL
Ecuador11
El Salvador358
Honduras162642
Nicaragua3710
Peru11
Sahara (campamentos de refuxiados en Alxeria)112
TOTAL244064
Os datos de participación no PCR de 2004 a 2023 (inclusive)