Crónicas dende Honduras. Sofía 1

Sofía participa no noso programa de voluntariado de coñecemento doutras realidades dentro da modalidade “profesorado de secundaria”, que estreamos este curso grazas ao proxecto Hackers Sen Fronteiras. Aquí vai a súa primeira crónica!

———–

Fálavos a terceira das voluntarias deste ano 2023. Hoxe fai unha semana que cheguei a San Lorenzo, logo de voar o día anterior a Palmerola e facer noite en Comayagua. Só unha semana e semella que levase aquí moito máis tempo. O cambio horario non me afectou moito, a calor é algo ao que non conto xa chegar a adaptarme (é demasiado!) e de bichería e picaduras, vou servida, pero vaise levando. Mesmo estou comezando a interpretar o significado de tanto bocinazo!

Se tivese que describir cunha soa palabra esta semana diría que foi intensa. E é que teño a impresión de que nestes sete días sucederon un feixe de cousas. Son moitos os estímulos, os contrastes e as impresións de todo canto estou a vivir aquí. Ata a terra tremeu, cun sismo de epicentro na costa de El Salvador que se fixo sentir en Honduras.

Os primeiros días foron de adaptación e recoñecemento da cidade e, neste sentido, estou moi agradecida a Juan e Celia, tamén a Sandra, polo bo recibimento que me fixeron. Foi unha sorte para min contar coa voz da súa experiencia no mes que levan xa acá.

Das primeiriñas cousas que fixen ao chegar foi pasarme a coñecer Coddeffagolf e presentarme. Esta semana xa tiven a oportunidade de ir entrando un pouco máis en materia e ir coñecendo máis de preto algúns dos proxectos nos que están traballando nestes momentos.

O martes acompañamos á técnica Nidia a dúas escolas das comunidades de Jacalito e Colonia 7 de Mayo, no municipio de Namasigüe. Nelas impartiuse un obradoiro de novas masculinidades ao alumnado, no cal se abordaron cuestións como os estereotipos de xénero ou os métodos anticonceptivos. Alén de asistir ao taller, facilitado por mulleres da Red de Mujeres e por persoal da Oficina Municipal de la Mujer de Namasigüe, tivemos a oportunidade de falar con algunhas das nais agrupadas nesta rede. En ambos casos eran escolas públicas nas que o goberno proporciona alimento para a elaboración das merendas, sendo as nais quen se autoorganizan para preparalas.

Tras isto, Nidia, coñecedora da zona, levounos a ver a Quebrada de Tierras Blancas, un oasis de pozas e remansos no río apto para o baño. Tamén visitamos a cooperativa de mulleres La Sureñita, dedicada ao tratamento para a súa comercialización da semente de marañón (anacardo). Foi fermoso coñecer o proceso de produción deste froito e observar ás mulleres amosándonos o seu traballo. Previa volta a San Lorenzo e tras unha pausa para probar o pozol -unha bebida fría a base de leite que está incríbel-, pasamos por un viveiro a recoller e cargar no coche unhas árbores e plantas aromáticas necesarias nos próximos días.

O mércores acompañei ao técnico Adán a visitar a comunidade de San Juan de las Conchas. Aínda que pertencente ao municipio de Marcovia, a comunidade está integrada na área protexida da baía do golfo de Fonseca. Alí mantívose unha reunión cos pescadores desta comunidade e da comunidade veciña de Los Lirios co fin de conformar un grupo de trece persoas que tomarán parte nun proxecto de reforestación de mangle. O programa incluiría ademais actividades de formación e concienciación ambiental, así como tamén a limpeza conxunta dalgúns esteiros. Se ben a reunión comezou un pouco tensa, axiña os ánimos se calmaron e se chegou a acordo. Máis alá dos obxectivos ambientais do proxecto, resulta destacable o traballo de fortalecemento da base comunitaria.

Á miña volta á sede de Coddeffagolf, aínda tiven a oportunidade de unirme, xunto a Celia e Juan, á primeira das sesións dun taller de Habilidades para a vida no que participaban varios homes e mulleres representantes comunitarios. Sorprendeume moi positivamente a participación dalgunhas das mulleres que alí estaban, do mesmo xeito que se me encolleu o corazón co relato dalgunha das súas vivencias.

O día de hoxe, xoves, foi se cadra o máis cansado de todos. Visitamos, xunto aos técnicos Javier e Onán, as comunidades de Los Pinches e El Marañonal, en Laure. Nelas estanse a implementar Escuelas de Campo, coa intención de poñer en marcha hortos comunitarios con cultivos non habituais na comunidade e, ao mesmo tempo, co obxectivo de traballar a base comunitaria. En ambas comunidades tivemos a oportunidade de tocar a terra e participar na plantación de frijoles, yuka, pepino e camote; tamén algunhas froiteiras e aromáticas.

Se ben estas escolas de campo forman parte dun proxecto con Manos Unidas, o lugar no que se estaba a traballar na comunidade de El Marañonal era un Centro de Servizos Múltiples cuxa construción resultou dun proxecto froito da colaboración entre ESF e Coddeffagolf. Paralizado coa pandemia, a comunidade está a recibir formación en materia empresarial para poñer en marcha as instalacións e impulsar así unha cooperativa de tratamento da semente de marañón.

É moi habitual que as persoas coas que falamos teñan familia ou saiban dalguén que emigrou a España. Polo xeral viven en cidades grandes, como Madrid ou Barcelona, mais desta volta, as fillas de dúas das mulleres da comunidade de Los Pinches resultaron estar a vivir en Galiza, unha delas en Baralla. Foi un momento ben entrañable con videochamada incluída.

Neste tempo que levo aquí, do que máis estou a desfrutar e aprender é das conversacións informais co persoal técnico de Coddeffagolf durante os traxectos en coche ás comunidades, así como tamén coas charlas mantidas coa xente do lugar, que non deixa de nos mirar con curiosidade. A hospitalidade destas persoas é desbordante.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.