Crónicas dende Honduras. Sofía

É domingo en San Lorenzo e xa non me sorprende oír a misa dende casa, unha vez pola mañá e outra pola tarde. Vivimos en pleno centro, moi preto dunha igrexa católica -un fermosos edificio de influencia colonial- que incorpora un altofalante no seu campanario, de xeito que a celebración litúrxica chega a todas as casas do barrio. O certo é que a relixión forma parte importante da vida hondureña, con predominancia das igrexas católica e evanxélicas, e isto faise palpable dende as alusións a deus en calquera conversa, ata en letreiros pola rúa ou mesmo nos rótulos dos autobuses.

A cidade volve hoxe á normalidade tras unha intensa semana de festexos. Creo que non vou botar nada en falta os foguetes que abriron cada unha das xornadas aínda ben non amencera o día facendo estremecer as ventás… Dende o xoves a afluencia de xente foi aumentando, mais tal como nos anunciaran, o día grande foi onte coa celebración do carnaval, un dos máis soados en Honduras. Houbo desfile hípico, desfile de carrozas, pirotecnia e, sobre todo, moita música. Ao longo dunha abarrotada rúa principal situáronse, case en cada cruce, ata unhas dez orquestras que amenizaron a festa dende a noitiña ata a madrugada. Dende o escenario da praza principal retransmitiuse o carnaval por televisión, coa actuación do coñecido grupo de música de punta Kazzabe.

O que antes de virme me parecía que ía ser moito tempo, decátome agora de que non chega a nada. Malia que o meu proceso de adaptación foi bastante rodado, entrar a comprender o contexto -en particular, o dos proxectos- e construír relacións de confianza coas persoas coas que tratamos leva tempo. Esta semana marchou o compañeiro PCR Juan e quizais iso fíxome ser máis consciente de que a miña volta está tamén cada vez máis cerca. Case con cada “plática” aprendo un pouco máis do país, á vez que asumo a cantidade de lugares, realidades e proxectos que non vou chegar sequera a coñecer. Toca, polo tanto, aproveitar e espremer os días que me restan por estas latitudes.

Nesta semana, participamos o mércores no cuarto e derradeiro módulo da formación de Habilidades para la Vida. Este obradoiro, que se veu impartindo nas semanas anteriores de maneira separada para as microcuncas de Laure e Panasacarán, tivo un peche común, ao xuntar en San Lorenzo ás persoas participantes das comunidades de ambas as dúas microcuncas. Esta última sesión tiña por tema a incidencia política, comezando por tratar de definir colectivamente por grupos este concepto. Co fin último de mellorar a xestión comunitaria, fíxose fincapé na capacidade que as comunidades teñen para facer valer os seus dereitos e esixir cambios que melloren as súas vidas, pensando sempre no ben común. Neste sentido, propúxose un exercicio de avaliación de necesidades individuais, sociais e políticas. É curioso como, alén do plano individual, as prioridades das distintas comunidades eran moi semellantes: auga potable, melloras en vivendas e letrinas e mellora das vías, isto último especialmente na parte de Moropocay (cunca de Panascarán), onde teñen problemas de acceso polo mal estado dos camiños. Así tamén, as súas esixencias a nivel político non foron moi dispares, centrándose en cuestións tan básicas como son a saúde, a educación e o traballo. A implicación das persoas participantes, sempre dispostas e ávidas de aprender, contrasta coa queixa compartida de que falta compromiso nas comunidades e relevo xeracional.

O xoves tiven a oportunidade de acompañar a varios técnicos de Coddeffagolf nunha xira por Amapala xunto a representantes de SENPRENDE (Servico Nacional de Emprendimiento y de Pequeños Negocios). Esta é unha institución do goberno que nace coa vontade de fomentar o emprendemento empresarial, servíndose neste caso dunha organización local como é Coddeffagolf para achegarse a pequenas produtoras do sur do país. Con esta idea desprazámonos á Illa do Tigre, onde nos encontramos con dous dos catro grupos de marisqueiras cos que Coddeffagolf está a traballar en Amapala. Primeiro, tocoulle a Bella Mar, un grupo de dezanove mulleres que conta cun Centro de Acopio no mercado de Amapala, e logo foi Mujeres Marisqueras Servicios Múltiples, grupo conformado por trece mulleres afincadas en torno a Playa Negra. O persoal de SEMPRENDE puido coñecer de primeira man o xeito de organizarse e funcionar destes grupos, así como tamén escoitar as súas demandas, centradas especialmente na falta de capital. Mais falouse igualmente doutras problemáticas, como é o histórico conflito entre Nicaragua, El Salvador e Honduras pola soberanía das augas do Golfo de Fonseca, o cal limita o traballo dos pescadores hondureños. Hoxe por hoxe, e malia os fallos en favor de Honduras do Tribunal da Haia, El Salvador nega a saída de Honduras a augas internacionais, non sucedendo así con Nicaragua, quen si recoñece a súa fronteira marítima con Honduras.

E para finalizar a semana, volvín á illa de El Pacar, desta volta para participar nunha actividade conxunta entre Coddeffagolf e a UNAH (Universidade Nacional Autónoma de Honduras). Unha vintena de estudantes voluntarixs procedentes do campus de Choluteca prestáronse a realizar unha limpeza do entorno do Centro de Investigación Mariña (CIM) existente na illa. O traballo, consistente basicamente en rozar os sendeiros e facer unha recollida do lixo, estendeuse durante a xornada do venres e a mañá do sábado, de xeito que fixemos pernocta na illa.

As instalacións do CIM, construídas con fondos da cooperación alemá, deseñáronse baixo criterios de sustentabilidade, con tanques para a recuperación de auga de chuvia e paneis solares para o subministro eléctrico. Porén, a falta de uso e mantemento, fixo que nestes días se detectaran algunhas deficiencias, como auga con mal olor debido a filtros en mal estado, condutos tupidos e auga salgada procedente dun pozo escavado. O da auga é un problema grande no sur de Honduras, sendo escaso o acceso á auga potable. Ao non existir tratamento de augas, sucede que a propia auga dos pozos presenta en moitos casos e.coli, non sendo apta para o consumo. E esta contaminación afecta tamén ao mar, tal como se vén desprendendo dos resultados das análises que se están facendo no CIM de monitoreo de augas na contorna de Amapala.

En calquera caso, foi un gustazo poder desfrutar deste entorno privilexiado e tan ben acompañada. E é que tiven ocasión de falar relaxadamente con estudantes de últimos anos de carreira sobre as súas inquedanzas e expectativas de futuro, así como tamén de coñecer un pouco máis o funcionamento do sistema educativo aquí. Atopeime con persoas que me ofreceron unha visión crítica do seu país, que están desencantadas cos sucesivos gobernos e que non demandan outra cousa que a posibilidade de poder traballar e desenvolverse profesionalmente sen ter que emigrar.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.