Entradas

Crónicas dende Honduras, 2

Trala primeira crónica que nos enviara Carmen, hoxe é o turno de Mateo, que tamén participa no noso Programa de Coñecemento da Realidade en Honduras.


Oooola, aquí Mateo retransmitindo dende San Lorenzo. Xa estamos situadxs neste afable e tranquilo pobo, aquí vos deixo unha pequena crónica destes primeiros días!


Na chegada, despois de facer noite en Comayagüa antes de partir hacia San Lorenzo, fixemos unha paradiña para xantar en Nacaome (un pobo cercano a San Lorenzo). Os inicios por estas terras foron patrocinados por un chile que non sei como non intuín que ía a picar como o demo, co que aprendín que non existe o concepto de “saír a tomar o aire fora”. Tras facer o ridículo durante media hora seguida, por fin puiden volver falar para pedir desculpas polo espectáculo ofrecido. O positivo é que
adelgacei aproximadamente 50.000 kg no proceso.


Os primeiros compases por San Lorenzo foron ben tranquilos. Dende o primeiro día xa me puxen un obxectivo: conseguir que unha persoa local nos levase a un karaoke. Teredes que chegar ao final desta crónica para ver o desenlace… Entre tanto, suamos litros do calor; comimos tortillas e almorzos típicos (plátano macho, carne, quesillo, frijoles e algunha cousa máis) ata que nos sairon polas orellas; seguimos suando un pouco mais; visitamos a illa de Amapala, que parece recén saída dunha peli de
Disney (adxuntamos foto); suamos un pouco máis; e incluso fomos a unha clase para aprender a bailar punta, moi típico aquí (aínda que resultou máis ben ser unha clase de punta/zumba/samba/todo o que se lle fose ocorrendo á profe Guadalupe). Só direi que hai algún vídeo pero non quero que nos boten do país por mancillar a danza típica.

Do que máis estou desfrutando é dos paseos co mercado vello, vendo como a xente nos fala en inglés confundindonos con gringos, e como nos intentan cobrar de máis nalgúns por parecer puros guiris. Non sei que lle ven de raro a vestir con pantaloneta e sandalias de velcro…E finalmente, conseguimos que o compa Carlos de CODDEFFAGOLF nos sacase de paseo ao karaoke a cantarnos uns temas, non había ninguén máis no local, así que puidemos pedir cancións de maneira infinita, foi un espéctaculo, como ver unha orquestra desafinada (falo por min, había talento pola outra banda). Adxuntamos vídeo a até a próooxima :))

Crónicas dende Honduras, 1.

Xa están en Honduras as participantes no Programa de Coñecemento da Realidade 2022. Nos irán contando as súas experiencias persoais a través das súas crónicas. Aquí vai a primeira, de Carmen.


Recén desembarcados comezamos co choque de calor, e lembrámonos da chaqueta que no puidemos evitar traer na maleta…

Inesperadamente esa noite durmimos nun hotel mexicano preto do aeroporto. Alí coincidimos cun misionero mentres almorzábamos o “típico”, é dicir aguacate, queixo, frijoles, revolto, e tortillas de maiz.

Ao día seguinte chegamos ao noso destino, San Lorenzo, un municipio de 30.000 habitantes, moi bonito e tranquilo, cunha zona turística que ten un paseíño ao lado do mar, aínda que non é recomendable bañarse nesas praias, pero sí vemos moitas embarcacións.

Fixemos o traslado das camas para o pisiño que temos alugado aquí, xunto co bidón de auga potable. Menos mal que mercara o anticucarachas no súper, así podo sitiar o cuarto desta pequena invasión… O primeiro día non tiñamos auga, pois a municipalidade deixou de servila, e son as comunidades de veciños quen se ocupa de encargala, e pagala claro.

Ao día seguinte tivemos visita a Tegucigalpa para unha reunión de ESF coa coparte AHJASA (Asociación Hondureña De Juntas Administradoras De Sistemas De Agua), onde coñecemos a Don Omar e parte do seu equipo, aos que esperamos ver de novo por San Lorezno. De Tegus, so podo falar dos seus atascos, unha hora e pico no atasco ao chegar, e outro tanto ao saír!

Paramos a almorzar nun sitio ben interesante, que é como cafetería e zoo ao mesmo tempo. Pequeno pero tiña ata un leopardo! Restaurante ecológico el Ocotal, se chamaba, pois promove a conciencia e coidado animal, ainda que nos poida resultar algo contradictorio…

Coñecendo San Lorenzo, fomos ao mercado, a escoitar a banda tocar… ten un ritmo collonudo a verdade. Xa preguntamos se nos aceptarían, dixeron que sí! Agora están practicando a diario xa que pronto será a guerra de bandas no estadio municipal. San Lorenzo é favorito!

Por fin empeza a organizarse o meu sono, maldito jet lagggg…

Tivemos reunión en CODDEFFAGOLF, aquí en San Lorenzo, coparte de ESF, e principal organización coa que imos colaborar aquí, que nos acolle nas súas oficinas. É unha organización experimentada, pois naceu en 1988, e cuxo obxectivo é promover unha xestión eficaz e sostible da biodiversidade nos espazos naturais e protexidos, coa participación activa das comunidades, dos gobernos locais e da poboación en xeral. Levan a cabo accións de distinto tipo, como a xestión de espazos naturais, accións para o desenvolvemento socioeconómico local, fortalecemento de grupos de base, consecución de influencia política. Eles axúdannos a enfocar o noso rol nesta experiencia, combinando os nosos coñecementos e intereses coas súas necesidades.

Tamén tivemos reunión coa Red de Jóvenes por el clima, moi interesante, chea de persoas ben ben espertas e concienciadas, con quen acordamos colaborar para levar a cabo un cine foro, día de concienciación ambiental na praia, ou charlas sobre a navegación segura por Internet ou taller de reparación de equipos.

En cantidade de tendas e oficinas está o aire acondicionado, pois ao final si que lle imos dar uso á chaqueta!

Na finde aproveitamos para ir a Amapala, unha illa preto de San Lorenzo, no Golfo de Fonseca. Primeiro no bus, despois na lancha. Xa na illa collimos un mototaxi, non temos claro que fose moi necesario pero é o que nos toca aos turistas… Mais dunha vez confundíronnos con gringos!

A praia preciosa, e mirábase El Salvador ao fondo, que como turista sempre fai ilusión, non sei que nos pasa cas fronteiras… A agua quente quentísima, coñecemos lugareños moi amables, as persoas coas que atopamos en xeral son espectaculares, a verdade da gusto, eu coido que unha das cousas polas que mai paga a pena Honduras é polos seus habitantes e a súa forma de relacionarse, desde logo mais tranquila, amable e cercana que en España. Ademais a comida está boísima tamén! peixe babosa con platano frito, recomendo!

Programa de Coñecemento da Realidade. Honduras 2022

Xa está aberta a convocatoria do Programa de Coñecemento da Realidade (PCR) 2022 de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia. Se che interesa o voluntariado de cooperación para o desenvolvemento para coñecer novas culturas e aumentar o teu compromiso solidario, podes presentarte até o 1 de marzo. Temos 3 prazas para participar no programa, que inclúe estancia de 2-3 meses en Honduras antes de finais de 2022, coñecendo os nosos proxectos e o xeito de traballar das organizacións hondureñas coas que traballamos dende xa hai anos.

Aquí están as bases da convocatoria. Máis información en info[arroba]galicia.isf.es

Crónica do Programa de Coñecemento da Realidade Honduras 2021, III. Tartarugas golfinas

Desta volta é Xoel quen nos informa sobre a estancia del e de Eva en Honduras, dentro do Programa de Coñecemento da Realidade 2020-2021, que cofinancia Cooperación Galega da Xunta de Galicia.

————————————————
Xa levamos 1 mes en Honduras terra catracha! Tras as dúas primeiras semanas de adaptación xa comezamos a entender o funcionamento das xentes desta fermosa terra, a gozar da súa cultura, das súas comidas, das súas froitas, e incluso do seu clima tan diferente ao noso.


Aproveitamos as fins de semana ao máximo visitando toda paraxe natural que podemos: Illa do Tigre, Illa dos Páxaros, Praia do Amor, Praia do Venado … E tamén comunidades moi acolledoras como Ojojona , San Marcos, El Zamorano entre outras tantas… O tempo pasa voando nestes novos lares.


Comezamos as colaboracións coas organizacións hondureñas, Eva dende CODDEFFAGOLF realizando numerosas actividades e obradoiros en temas de xénero e autocoidado e Xoel dende a Mancomunidad NASMAR axudando con levantamentos topográficos para logo poder construír sistemas de auga.


Unha das actividades máis molonas deste mes foi ir ao campamento tortuguero e axudar na recuperación da tartaruga golfina. Un sono feito realidade. Apertas dende Honduras, ESFeirxs! Vémonos na próxima entrada!

Programa de Coñecemento da Realidade 2021. Primeiras comunicacións dende Honduras!

Aquí nos mandan Xoel e Eva as primeiras sensacións tras a súa aterraxe en Honduras, a pasada semana, dentro da estancia no país que é parte do Programa de Coñecemento da Realidade na súa edición 2020-2021 (adiada pola COVID19).

—————————

Tras 5 días de estadía en terras hondureñas, xa tivemos tempo de perdernos polas rúas de San Lorenzo na marxe dunha cuadra (para saber que significa “cuadra” ver acepción 9 aquí) dando voltas mentres unha tormenta tropical nos deixaba a roupa pegada a pel, de sorprendernos coas paisaxes e natureza salvaxe que esta terra ten e degustar as delicias dos seus froitos e pratos tradicionais (moitos nomes novos que aprender….pupusa, baleadas, marañones, e mil cincocentos máis) e das súas xentes e as súas ganas de vivir.

Xa coñecemos a algunhas das copartes (organizacións hondureñas coas que colabora ESF) coma CODDEFFAGOLF e NASMAR onde nos presentaron os proxectos que teñen en marcha e aqueles aos que nos poderíamos unir.

Temos moita motivación!

Saúdos Esefeiros!

Xa están en Honduras as participantes no Programa de Coñecemento da Realidade 2020-2021

Eva e Xoel, as primeiras participantes do noso Programa de Coñecemento da Realidade (PCR) da era COVID, chegaron hoxe a San Pedro Sula (Honduras), onde Raquel, a nosa representante-país, xa os estaba esperando.

Eva vén do mundo da arte e a danza, e do activismo feminista. Xoel do mundo da enxeñería (Minas e Enerxía pola Universidade de Vigo).

Despois de seren seleccionades na convocatoria de 2020, finalmente non puideran viaxar nese ano por mor da COVID19. Sen embargo, foron quen de facer o proceso de formación previo (neste caso cun itinerario formativo a distancia, xa que só se puideron atopar presencialmente unha vez, xusto antes de iniciarse o cofinamento en 2020). Durante 2020 e o que levamos de 2021 agardaron con paciencia a oportunidade de viaxar. Por sorte, as súas circunstancias lles permitiron esperar até este 2021 e, se ben con moita incertidume (e pelexar para que lles puideran recoñecer a súa condición de cooperantes para entrar no grupo especial de vacinación e non seguir adiando a viaxe, co apoio da Coordinadora Galega de ONGD), xa están en Honduras.

Estarán no país máis de 2 meses, coñecendo a realidade hondureña, os proxectos que temos en marcha na zona do Golfo de Fonseca e, sobre todo, coñecendo ás persoas e esforzo que hai detrás. Irannos contando as cousas que vaian aprendendo!

Este programa é unha das actividades de ESF máis importantes de promoción de voluntariado transformador cunha perspectiva de cidadanía global, e este ano puidemos levalo a cabo grazas á financiación da Xunta de Galicia en sendos proxectos de Educación para o Desenvolvemento neste 2021. Eva viaxará dentro do proxecto de “Mulleres bravas de Honduras e Galicia. Tendendo pontes entre defensoras da vida”, onde poñemos en contacto activistas dos dous lados do Atlántico. Xoel o fará dentro do proxecto “Tecnoloxía ao servizo do ben común, da cidadanía global e da inclusión nas escolas técnicas da universidade galega”, como parte das actividades para que os estudos técnicos das universidades galegas inclúan esta perspectiva global dentro da súa formación.

Estamos moi contentas de que finalmente poidan estar alí. Esperamos o ano que vén volver sacar unha nova convocatoria deste programa!

Voluntariado de cooperación. Programa de Coñecemento da Realidade 2020

Xa está aberta a convocatoria do Programa de Coñecemento da Realidade 2020 de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia. Se che interesa o voluntariado de cooperación para o desenvolvemento para coñecer novas culturas e aumentar o teu compromiso solidario, podes presentarte até o 7 de febreiro. Temos 3 prazas para participar no programa, que inclúe estancia de 2-3 meses en Honduras coñecendo os nosos proxectos e o xeito de traballar das organizacións hondureñas coas que traballamos dende xa hai anos.

Aquí están as bases da convocatoria. Máis información en info[arroba]galicia.isf.es