Crónicas de Honduras: Martina III
Como corre o tempo! Xa estou chegando á metade da miña estancia, agarrando expresións catrachas e recuperando o moreno que perdín durante os anos universitarios.
Nestas semanas aconteceron bastantes cousas: chegou Chevi, o terceiro PCR; comezaron as festas de San Lorenzo, coas que non compartimos o gusto por botar bombas (fogos) a partir das 4 da mañá pero das que desfrutamos o ambiente festivo; e un señor cantoume a canción La Martina, ao parecer bastante famosa por aquí, pois xa na saída cos pescadores de Amapala que comentei noutra crónica fixéranme referencia a ela pero inda non tivera o gusto de coñecela, así que deixo o enlace para as persoas curiosas.
Unha actividade con CODDEFFAGOLF que me gustou moito foi un día que o pasamos nun laboratorio de química nunha facultade universitaria en Choluteca. Aprendemos a analizar mostras de auga para coñecer o seu estado de eutrofización, que se refire ao enriquecemento excesivo en nutrientes nun ecosistema acuático. Para iso analizamos a clorofila e o nitróxeno e o fósforo, dous elementos presentes no medio de xeito natural pero que aumentan por efecto do ser humano (contaminación, vertidos agrícolas…) e que están relacionados coa proliferación de microalgas. As microalgas en cantidade poden provocar a morte da fauna acuática, e crese que é un factor clave no aumento das mortes de peixes de río que están acontecendo nos últimos anos. Por iso, CODDEFFAGOLF fixo esta análise hai un tempo, na que obtivo un índice moi alto de eutrofización, o cal é algo negativo. Agora, tras facer actividades de conservación na contorna, estase a repetir a análise para ver se o índice mellorou ou non e actuar en consecuencia.
Aproveitando a visita a esta facultade, tres estudantes de química mostráronnos unha serie de piscinas que tiñan con tilapias (un peixe de auga doce que se come) nas que fan estudos tanto da mortalidade desta especie como da profiferación de microalgas segundo as condicións eutróficas das augas, da clorofila, da salinidade, da temperatura, etc. e o sistema de filtrado que empregaban, o cal chamoume moito a atención. A auga dunha das piscinas con peixes era canalizada ata un bidón con pedras de río na que tiña que estar durante 24 horas. De aí mándase a outro bidón con tapóns de plástico de botellas que actúan de biofiltro, pois as bacterias adírense ás tapas e, 24 horas despois, esa auga métese nun circuíto de cultivo de plantas por hidroponía (só con auga, sen precisar de terra) e remata volvendo ao tanque de peixes. Este sistema recibe o nome de acuaponía.
Pois alí estivemos as dúas PCR que non tiñamos nen idea de bioloxía (Sandra e máis eu) aprendendo a analizar elementos químicos na auga, facendo todo o proceso, dende o filtrado e etiquetado das distintas mostras, pasando pola mistura destas con certos químicos para logo facer a lectura das concentracións dos elementos en cuestión co espectrofotómetro. A verdade é que foi unha experiencia ben chula, e ata emocionante, ao ver todo un equipo de persoas, que ao final do día eramos unhas 10, coordinadas para optimizar o tempo no laboratorio.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!