Entradas

Xa están en Honduras as participantes no Programa de Coñecemento da Realidade 2020-2021

Eva e Xoel, as primeiras participantes do noso Programa de Coñecemento da Realidade (PCR) da era COVID, chegaron hoxe a San Pedro Sula (Honduras), onde Raquel, a nosa representante-país, xa os estaba esperando.

Eva vén do mundo da arte e a danza, e do activismo feminista. Xoel do mundo da enxeñería (Minas e Enerxía pola Universidade de Vigo).

Despois de seren seleccionades na convocatoria de 2020, finalmente non puideran viaxar nese ano por mor da COVID19. Sen embargo, foron quen de facer o proceso de formación previo (neste caso cun itinerario formativo a distancia, xa que só se puideron atopar presencialmente unha vez, xusto antes de iniciarse o cofinamento en 2020). Durante 2020 e o que levamos de 2021 agardaron con paciencia a oportunidade de viaxar. Por sorte, as súas circunstancias lles permitiron esperar até este 2021 e, se ben con moita incertidume (e pelexar para que lles puideran recoñecer a súa condición de cooperantes para entrar no grupo especial de vacinación e non seguir adiando a viaxe, co apoio da Coordinadora Galega de ONGD), xa están en Honduras.

Estarán no país máis de 2 meses, coñecendo a realidade hondureña, os proxectos que temos en marcha na zona do Golfo de Fonseca e, sobre todo, coñecendo ás persoas e esforzo que hai detrás. Irannos contando as cousas que vaian aprendendo!

Este programa é unha das actividades de ESF máis importantes de promoción de voluntariado transformador cunha perspectiva de cidadanía global, e este ano puidemos levalo a cabo grazas á financiación da Xunta de Galicia en sendos proxectos de Educación para o Desenvolvemento neste 2021. Eva viaxará dentro do proxecto de «Mulleres bravas de Honduras e Galicia. Tendendo pontes entre defensoras da vida», onde poñemos en contacto activistas dos dous lados do Atlántico. Xoel o fará dentro do proxecto «Tecnoloxía ao servizo do ben común, da cidadanía global e da inclusión nas escolas técnicas da universidade galega», como parte das actividades para que os estudos técnicos das universidades galegas inclúan esta perspectiva global dentro da súa formación.

Estamos moi contentas de que finalmente poidan estar alí. Esperamos o ano que vén volver sacar unha nova convocatoria deste programa!

O que aprendemos nas Xornadas «Educar con emoción, aprender con paixón»

A semana do 8 ó 11 de Febreiro de 2021 tivo lugar A Semana da Educación “Educar con Emoción, aprender con Paixón” organizado polo Concello de Tomiño.

Según o propio Concello, as xornadas organizaronse para que docentes, persoas educadoras en xeral e pais e nais en particular acudiran a informarse e formarse en diferentes temáticas relacionadas coa educación. Participaron conferenciantes que son grandes profesionais con experiencia na temática, nesta edición tivemos con nós a Octavio Salazar, Almudena González, Marta Peirano e Alberto Soler.

A primeira conferencia “Educación, feminismo e masculinidades.” a cargo de Octavio Salazar abordouse como a educación debería incorporar a perspectiva feminista, o que supón ir máis aló da mera coeducación; habería que desenvolver programas específicos de intervención coa mocidade. O obxectivo non sería outro que dar resposta paritaria ao modelo educativo que marca o artigo 27.2 da Constitución Española e vinculalo co reto de como redefinimos as condicións da vida en común.

Na sesión do martes titulada “Educar a través da emoción musical: beneficios desde a perspectiva neurocientífica.” , Almudena Gonzalez falou sobre como a música é unha arte capaz de provocarnos diferentes emocións e no contexto educativo son importantes as súas implicacións e beneficios. Os estudos de neurociencia analizaron estas cuestións en profundidade e esta conferencia tivo como obxectivo esclarecer os alicerces da emoción musical na educación. Almudena abordou a literatura científica coa música como eixo vertebrador, analizando os diferentes estilos musicais académicos e populares, calidades e aspectos relacionados coa emoción e cognición musical. Afondou na interrelación dos coñecementos neurocientíficos cos musicais, xa que a unión entre estes dous campos proxecta novos camiños tanto dentro da aula como no ámbito familiar.

Nesta sesión unha persoa da nosa base social interviu plantexando un proxecto musical persoal e sobre como a música configura a masculinidade. Este feito deu lugar a unha actividade concreta no grupo de traballo non mixto sobre masculidadades de Enxeñería, pero disto falaremos noutra ocasión.

O xoves, Marta Peirano, xornalista e investigadora desenvolveu a poñencia en torno ó título “Como combater a desinformación con campañas de inoculación efectivas”. Sobre como as Redes Sociais convertéronse no vehículo de transmisión perfecta da desinformación. Non é só un problema técnico, que se poida resolver con algoritmos e Intelixencia Artificial. Plantexou a pregunta Que ferramentas temos para combatela? Dando como resposta o desenvolvemento do noso espíritu crítico.

Houbo duas preguntas da nosa base social.

A primeira foi que opinaba da Deep Web como ferramenta xeradora de desinformación. Marta comentou que foi dende sempre algo demonizado pero que o impacto que ten sobre a xeración da desinformación lle parecía mínimo.

A segunda foi sobre que accións directas poderiamos levar a cabo dende xa mesmo, ao día seguinte da charla. Unha resposta concreta foi xogar nós, coa familia, ou nas aulas, a un xogo onde o obxectivo e «facer desinformación», porque logo é máis sinxelo identificar as técnicas que empregan as fake news para influirnos. O xogo, da Universidade de Cambridge, chámase Bad News, e está pendente de traducir do inglés, pero é moi sinxelo.

No último relatorio o psicólogo Alberto Soler falounos sobre “Normas, límites, premios e castigos”. Sobre algo que parece tan razoable como que a maioría estamos de acordo en que queremos educar aos nosos fillos e fillas con grandes doses de amor, agarimo e respecto. Pero sempre hai situacións nas que é necesario establecer algúns límites que os protexan ou para ensinarlles cal é a forma axeitada de comportarse. Entón é cando a moitas familias e docentes asáltanlles as dúbidas: de verdade fan falta as normas e os límites?, cales?, a partir de que idade?, como podemos establecelos de forma clara e respectuosa coas súas emocións? E todo isto lévanos aos premios e os castigos. Xa sabemos, porque o falamos moitas veces, que non son nin a única nin a mellor ferramenta para educar a fillos, fillas ou alumnado pero, si non premiamos nin castigamos, que facemos cando superan eses límites ou incumpren as normas que puxemos?

En torno a estes temas, Alberto plantexou un interesantísimo relatorio sobre diferentes métodos, opinións concretas e accións directas para levar a cabo a educación das criaturas con un impacto emocional negativo mínimo na súa evolución vital.

Finalmente, dar os parabéns ao Concello de Tomiño a organización destas xornadas, as cales desfrutamos e nas cales aprendemos moitas cousas de utilidade. Estas iniciativas dende e eido local son moi de agradecer.

Tele-obradoiros de ESF: como darlle nova vida a vellos ordenadores para uso educativo de nenas e nenos I

O vindeiro mércores 27 de 18 a 19 h teremos un pequeno obradoiro de iniciación sobre Recuperación de vellos ordenadores para uso educativo de nenos e nenas que, nesta situación de alarma, teñen que seguir as aulas a distancia.

Eses ordenadores vellos que temos por casa pódennos ser útiles agora con esta situación (que se pode ademais prolongar no futuro), así que queremos darlles unha nova vida. Con esta actividade queremos:

A idea é que esta sexa unha sesión inicial online para crear un grupo de apoio mútuo, onde as participantes teñan persoas de referencia que as acompañen nesta recuperación de elementos informáticos vellos. Así, daráselles apoio técnico e haberá reunións periódicas para compartir as dificultades e éxitos. Se a cousa ten aceptación, cando se poida se poderían organizar tamén algúns obradoiros presenciais en distintas zonas de Galicia.

O obradoiro é de balde, pero hai que apuntarse antes do vindeiro 26 de maio en info[arroba]galicia.isf.es