O noso “apelido”de Sen Fronteiras ten que ver co afán da asociación por promover unha cidadanía global. O que se soe dicir sobre actuar dende o local ou o noso entorno, pero pensando no global. Para poder pensar cunha solidariedade global é necesario promover unha empatía entre os pobos, as culturas e as distintas formas de entender o mundo. Sen coñecer esas outras visións, acercarse ás problemáticas doutros lugares (e doutras persoas que viven noutro contexto que non é o noso e que o sistema está invisibilizando progresivamente, pero pode que moi preto fisicamente de nós), é máis complicado xerar esa empatía.

Unha das liñas de traballo de ESF é, deste xeito, o coñecemento doutras realidades, a multiculturalidade e a expansión da nosa mente cara outros xeitos de entender a vida (e, polo tanto, o desenvolvemento). Simplemente o contacto co diferente xa pode ser unha incrible ferramenta de xeración de empatía, de verdadeiras pontes (permitídenos a metáfora enxeñeril) entre a sociedade civil dos distintos lugares do mundo. Porque, en realidade, as problemáticas soen partir dunhas causas profundas comúns, que se manifestan de xeito distinto nos distintos lugares e contextos e, para combatelas e acadar un mundo máis xusto e solidario, precisamos esas diferentes visións de como afectan en distintos lugares.

Un exemplo pode ser como unha multinacional (ou transnacional, como prefiren chamarlle xa moitas), aproveitándose do contexto de colonización ou post-colonización, extrae recursos dun país (tradicionalmente oprimido ou polo menos privado da liberdade de definir o seu propio camiño, que vén marcado dende a metrópole). Xa o contexto de partida non é xusto, e o que mal empeza… Pero, se por riba a multinacional realiza malas prácticas, saltándose a lexislación do país, ou facendo amaños coa elite dese país a cambio de contratos de explotación, e apenas deixando riquezas a través de impostos ou traballos ben remunerados, o que fai ao final é só extraer riqueza e bens do país sen favorecer nin o fortalecemento técnico, nin o social, nin o institucional (é máis, se a nivel ambiental tampouco fai ben as cousas, o que fai é empobrecelo aceleradamente e xerar desequilibrio social e máis debilidade institucional). No país de procedencia desa transnacional a cousa inicialmente quizás non vai tan mal, porque esa riqueza xerada polos recursos do país ou países onde extrae recursos revirten máis a través de salarios de postos de traballo mellor remunerados, impostos declarados ou reparto de dividendos ás persoas donas da empresa. Pero, co tempo, as industrias de segunda transformación que estaban no país de orixe da transnacional empezan a trasladarse a outros países onde é máis barata a produción, os salarios baixan moito, as condicións de traballo empeoran, e empezan a aflorar problemas. Ademais, cada vez repercuten no país de orixe da multinacional menos riquezas das xeradas , porque xa atopan mecanismos para pagar menos impostos a través de complicados entramados empresariais que se apoian en países máis laxos en control de impostos e transparencia, os chamados “paraísos fiscais”. Será ganancia para os donos destas empresas (que, en última instancia, é unha minoría do mundo).

No exemplo anterior identifícase como un problema, producido por un modelo que prima a xeración curtopracista de beneficios, impacta de xeito distinto no país de onde se extraen recursos do “país metrópole” (non ten nin por que ser país “rico”, aínda que as donas da empresa probablemente si o sexan). Pero o problema fondo é o mesmo, e para propoñer alternativas e xeitos de atallalo é importante coñecer os impactos nos distintos lugares e denuncialos a nivel global. Esta é probablemente a razón máis importante pola que traballamos tamén noutros países lonxe do noso entorno, ese establecemento de contactos e pontes entre sociedades civís e coñecemento da realidade que permitan visualizar mellor as interrelacións globais, polo menos con exemplos concretos que se poidan abarcar de xeito máis didáctico.

Un exemplo disto son campañas impulsadas en Galicia como a da Verdadeira Historia de Rodolfo, para denunciar a problemática de progresivo acantoamento da actividade artesanal e a pequena escala na produción de langostinos no Golfo de Fonseca en Centroamérica, e en Galicia. Incluía unha serie de materiais de denuncia (un cartel, unha curta de animación…), campaña en redes sociais sobre todo na época pre-nadal e un estudo en colaboración co Laboratorio do Territorio da Universidade de Santiago de Compostela, Amigos da Terra Galicia e organizacións de Honduras, Nicaragua e El Salvador (que comparten o Golfo de Fonseca) empregando imaxe satelital para analizar o avance das piscinas artificiais para engorde de langostino sobre outros ecosistemas dende os 80.

Outro exemplo é o estudo elaborado en colaboración co Centro de Estudos de Xénero e Feministas da Universidade da Coruña, comparando a presenza das mulleres no funcionamento das Xuntas Veciñais de Auga de dúas aldeas de Honduras e dúas de Galicia (que amosa elementos ben interesantes, aínda que non sexa estatísticamente válido).

Ademais, seguimos pendentes do que ocorre noutros países onde traballamos anteriormente, difundindo as problemáticas que chegan de alí aínda que non impacten directamente nos programas que temos en execución. Nicaragua, El Salvador, a problemática dos refuxiados saharauís e do Sahara Occidental e, en Honduras, o golpe de estado de 2009, as irregularidades das eleccións do 2017 ou as agresións a defensorxs dos dereitos humanos. Tamén nos importa visibilizar exemplos de loitas e movementos sociais a prol de dereitos básicos noutros países, sobre todo en temas que teñen que ver cos nosos eidos de traballo, ou de situacións de inxustiza flagrante como Palestina.

Pero, probablemente, a actividade máis importante que desenvolvemos neste eido das outras realidades sexa o Programa de Coñecemento da Realidade. Xa son 60 persoas as que pasaron por el dende que comezou en 2004, sen contar con toda a base social e colaboradoras implicada nas formacións e as persoas que participan en charlas posteriores sobre a experiencia das persoas participantes no programa. Aquí pódese ver a avaliación do programa que fixemos en 2017, que amosa o impacto que veu tendo na asociación.