Para defender a terra…HAI QUE SER MOI BRAVAS

Mulleres Bravas

Con este proxecto, impulsado por Amigos da Terra e Enxeñería Sen Fronteiras, queremos dar a coñecer os impactos sobre as persoas e o medio ambiente dos proxectos industriais e extractivos en Honduras e Galicia, así como alternativas sustentables, e as loitas das mulleres defensoras da terra por acadar outro xeito de producir.

Para conseguilo, o proxecto artéllase ao redor de dúas liñas de acción:

1. Crear pontes entre organizacións e movementos da sociedade civil de Honduras e Galicia para a protección da vida e/ou que impulsan alternativas sustentables, con especial protagonismo das mulleres

2. Difundir o enfoque de cidadanía global das resistencias ao extractivismo e das alternativas sustentables de aseguramento da vida. Queremos que se compartan experiencias, pero tamén ser conscientes de que non é o mesmo a loita en países como Honduras que en Galicia.

O proxecto xira en torno á visita de 5 mulleres bravas hondureñas a Galicia. Tres delas (Coralia, Adolfina e Yeni) viñeron a finais de marzo-principios de abril de 2022. As outras dúas (Francisca e Leny) en maio de 2022.

Nesta web pretendemos axudar a contar as súas historias, facilitar os encontros con elas e compartir os materiais que se vaian xerando.


Coñece ás nosas Mulleres Bravas

Segunda visita (6 a 12 de maio de 2022)

Leni Suyapa Betancourt

Leni recorda con cariño o consello da súa avoa para que na casa se sementase o mamey, unha planta que tarda en ser colleitada pero que é boa para a terra. Vivían ao pe da área protexida do Cerro de Guanacaure. Cando casou e atopou que a propiedade do seu home era árida e sen vida, pasou anos carretando sacos de terra cada vez que ía visitar a súa nai. Así pouco a pouco converteu un terreo seco nun oasis de froiteiros e cultivos. Moitas organizacións comezaron a solicitar a súa casa para realizar capacitacións, e a ela fóiselle metendo o demo do activismo no corpo. Agora forma parte da Comisión Ambiental Municipal de Namasigüe, o seu pobo, e participa activamente na defensa do seu territorio ante as ameazas da minaría e da fotovoltaica.

Na casa compraron algunhas vacas e comezaron tamén a producir leite, o que a levou a integrarse na cadea de gandería sostible, un grupo de mulleres organizadas que traballan no procesamento e venda do leite e que cos ingresos que xeran fortalecen os seus grupos de base.

Na pandemia, ao non poder entregar o leite, decidiron comezar a facer queixo. O problema converteuse en oportunidade, e o seu queixo afumado é agora o seu produto estrela, do que tanto Leni como o resto da súa familia, están moi orgullosas.

Porque as veces para ser brava hai que ser como o mamey, medrar lentamente, pero polo camiño ir deixando unha terra fértil no que outros, e outras, poidan medrar tamén.

Francisca Sipriana Muñoz

Francisca naceu onde nace o río Tiscagu, por iso quizais defendelo sempre formou parte da súa vida.  Por opoñerse a instalación de tres muíños para a extracción de ouro na súa cunca, botárona do traballo. Pero isto solo a impulsou a organizarse xunto a máis de catro mil persoas que se levantaron contra a industria mineira. Recibiu ameazas, pero finalmente a empresa marchou da comunidade.

Loitadora, feminista, leva máis de 20 anos compaxinando a defensa do territorio e a defensa das mulleres. Foi fundadora do Comité Municipal de Defensa da Natureza de El Corpus, o seu municipio, e da Asociación de Comités Ecolóxicos do Sur de Honduras. Dende hai catro anos coordina tamén a Oficina Municipal da Muller, onde, entre outras cousas, acompaña as vítimas de violencia de xénero. 

Pero todo isto é activismo e ela ser, é labrega. Traballa con outras mulleres nunha escola de campo para a produción agroecolóxica, e cultiva xunto aos  fillos na súa horta biointensiva millo, sorgo e frijol, ademais de moitos tipos de hortalizas.

Porque as veces a loita é defensa, pero outras é procura de alternativas. Outro xeito de producir e cultivar. Outro xeito de mirar cara o territorio.

Porque as veces para ser brava, hai que darlle tempo a terra para que comece a florecer.

Axenda da segunda visita

DATALUGAREVENTO
Sábado 7 de maio. 11 a 14hCentro Etnográfico do Mandeo, Teixeiro (Curtis)Encontro de activistas pola defensa da terra. Só con inscrición previa
– Recepción e presentación
– De que falamos cando falamos de ecofeminismo?
– As mulleres tampouco somos territorio de conquista
Sábado 7 de maio. 16:30 a 19:30hCentro Etnográfico do Mandeo, Teixeiro (Curtis)Encontro de activistas pola defensa da terra. Só con inscrición previa
– Señoros, machismos e outros obstáculos no activismo
Domingo 8 de maio. 10 a 13hCentro Etnográfico do Mandeo, Teixeiro (Curtis)Encontro de activistas pola defensa da terra. Só con inscrición previa
– O activismo será feminista ou non será
– Conclusións
Luns 9 de maio. TardeVilasantar (A Coruña)Visita proxecto finca agroecolóxica Millo e Landras
Martes 10 de maio. MañáBurrés, Arzúa (A Coruña)Visita á Granxa A Curiscada
Martes 10 de maio. TardeMeaño (Pontevedra)Visita proxecto A Milpa do Salnés
Mércores 11 de maio. MañáGondomar (Pontevedra)Visita proxecto monte veciñal Monte do Couso
Mércores 11 de maio. 17-20hEdificio Miralles. CUVI. Aula 1. VigoMesa redonda ABERTA con outras mulleres bravas galegas do eido da economía social e sustentable (Horta do Cadaval, Aldea Coop e Espazocoop), dentro do curso Escola de Sustentabilidade e Cidadanía Global da Universidade de Vigo
Xoves 12 de maio. 17-20hEscola Técnica Superior de Enxeñería. Aula 3. Santiago de CompostelaMesa redonda ABERTA con outras mulleres bravas galegas do eido da economía social e sustentable (Mulleres Salgadas, Arousa en Transición e Hortasan), dentro do curso Escola de Sustentabilidade e Cidadanía Global da Universidade de Santiago de Compostela

Primeira visita (29 de marzo a 7 de abril de 2022)



Coralia Argentina Turcios

Non teño medo, a miña comunidade apóiame e se me toca defender novamente os noso mangle faríao unha e outra vez”

Cora, como lle chaman na súa comunidade, é sobre todo unha muller valente. 

É lideresa comunitaria e tamén “garda recursos” voluntaria, unha especie de garda forestal para as áreas protexidas e a vida silvestre no seu país, Honduras.

A súa loita céntrase en defender dende hai xa máis de vinte anos o mangle da Bahía de Chismuyo, un refuxio natural para miles de especies que no ano 2000 foi ameazado polos intereses persoais do alcalde da vila. Pretendía vender os bosques de mangle a unha industria camaroneira para súa explotación.  

Nese momento Cora, como presidenta do Patronato Comunitario que era, opúxose ao alcalde, e con tan só vinte anos, liderou a defensa dos bosques de mangle, unha das zoas ancestrais comunitarias do seu pobo. Coa axuda dos seus veciños e veciñas derribaron as cercas que xa instalara a empresa e “liberaron” o mangle. Co paso dos anos outras ameazas viñeron, pero  grazas a Cora e a outros defensores e defensoras como ela, os bosques de mangle da Baía de Chismuyo seguen a ser un dos humidais mellor conservados do país.

E que as veces, para defender a vida, hai que ser moi brava.

O mangle da Baía de Chismuyo

Os bosques de mangle son espazos dun valor biolóxico incalculable. Xeran un ecosistema único onde aniñan moitos dos peixes e das aves que logo repoboarán a baía. Son ademais unha fonte indispensable para a supervivencia de comunidades como as de Cora. Deles sacan a madeira, os curiles ( unha espeice de ameixas ) punches e tiguacales ( cangrexos)  e por suposto, peixes. 31. 600 hectáreas de bosques de mangle, humidais e esteros xunto a 38 comunidades poboadas na súa maioría por persoas que se adican a pesca artesanal e a agricultura.

Sóache esta historia?

Espazos naturais cedidos a empresas para que se instalan case a perpetuidade? Industrias contaminando as aguas e o chan e impedindo as mariscadoras que desenvolvan o seu traballo ancestral?  Haberá que preguntarlles aos da Ría de Pontevedra, que disto, algo saben, non si?

Adolfina Contreras

“Queren saquear o noso cerro pero por San Jorge non van pasar. Somos unha comunidade forte e unida e non imos quedar sós”

Adolfina, a pesar de que é mestra, define a súa profesión como defensora de bens comúns. Os bens de todos e todas. Que importante.

Pertence a San Jorge, unha pequena comunidade no municipio de Pespire. É unha desas mulleres cunha vida pragada de loitas, porque ao final defender o medio ambiente é tamén defender as persoas. É presidenta do Comité de crédito para o desenvolvemento económico local, forma parte da Mesa de Seguridade alimentaria e nutricional e  tamén do grupo impulsor para a defensa dos Dereitos Humanos nas comunidades. 

No ano 2013 unha empresa panificadora conseguiu de xeito presuntamente irregular a licencia para dragar un afluente do rio Nagore na procura de area, grava e outros materiais. A actividade minería afectaría a catro pozos e a este río que abastece de auga as máis de 12 mil persoas  que nos verán xa acusan períodos de sequía.  Este foi o detonante para que Adolfina e as súas compañeiras e compañeiros  comezasen unha loita titánica contra a compañía, conseguindo declarar Pespire Libre de Minería.  Foi un histórico día do ano 2018. 

E que as veces, para defender a agua, hai que ser moi brava.

As ZEDES, zonas “disfrazadas” de empleo e desenvolvemento económico.

Tres anos despois o equipo integrado por Adolfina consigue tamén declarar Pespire Libre de Zonas de Empleo y Desarrollo Económico (ZEDES). As ZEDES son unha polémica medida do goberno hondureño que rexeitan a maioría das persoas que viven nas comunidades. Estas zonas son definidas pola Secretaría de Desenvolvemento Económico de Honduras como áreas do territorio nacional que están suxeitas a un “réxime especial” e onde os inversionistas están a cargo da política fiscal, da seguridade e da resolución de conflitos.  Segundo os colectivos que as combaten, trátase realmente da venda do territorio, a soberanía e os dereitos de todas as persoas que viven nesas zonas, e a súa instalación, advirten, desencadeará graves afectacións sociais, económicas e ambientais.

Sóache esta historia?

En Galicia existen 3.000 comunidades de montes veciñais que ocupan preto de 700.000 hectáreas de superficie do país. O que correspodería a medio millón de propietarios en común; unha quinta parte dos galegos e galegas, segundo o estudo o Laboratorio Ecosocial do Barbanza – HISTAGRA / GESPIC. Estas zoas de monte amosan a incrible fortaleza histórica que as comunidades locais tiveron para definir e manexar o seu territorio durante séculos incluso fronte a axentes externos con grande capacidade de intervención. Neste momento, ante a falta dun relevo xeracional os montes comunais encaran un proceso de extinción dos convenios de xestión que manteñen coa Xunta, e o perigo radica en que estes novos contratos poñan parte da xestión en mans de empresas que usen o monte para beneficio individual.

Yeni Karina Aguilar

“Mandaban coches á comunidade cando estabamos no campamento, na noite. A min perseguíronme dúas veces. Sempre estamos expostas”

Yeni leva a loita metida no corpo. 

Só ten 23 anos e  xa acumula cinco batallando contra o megaproxecto fotovoltaico que ameaza o seu pobo. Cóntanos como están fartas de ver como estas grandes, grandísimas empresas métense nos territorios das comunidades sen sequera consultar, e contaminan os seus campos e os seus ríos polo interese duns poucos.

Para defender a terra botou, xunto coas súas compañeiras e compañeiros, nove meses vivindo nun campamento improvisado na zona onde pretendían instalarse máis proxectos fotovoltaicos. Tan só no seu municipio hai dez proxectados a día de hoxe.

O 8 de marzo do 2017, como se dunha lección as mulleres alí instaladas se tratase, o xuiz ditou un desaloxo e maquinaria entrou. As que alí estaban foron perseguidas, hostigadas, criminalizadas. Denunciadas.

Sen embargo, e a pesares de que o activismo págase moi caro en Honduras, Yeni nunca cesou no seu empeño.  A denuncia que lle puxeron por “danos a propiedade privada” foi arquivada por falta de probas e co apoio do 97,3 % do municipio de Namasigüe conseguiron declaralo como zona libre de Minería e Fotovoltaica. Ata agora.

E que as veces, para defender a terra, hai que ser moi brava.

Activismo medio ambiental, unha actividade de risco, sobre todo en Honduras.

Yeni está integrada nun programa de protección oficial de defensores e defensoras en Honduras. Ante calquera ameaza ten un número ao que poder chamar para sentirse máis segura. Algo insuficiente no país máis perigoso de Centroamérica para o activismo medio ambiental segundo Amnistía Internacional, que xa documentou tres asasinatos de activistas no que vai deste 2022. Dende a morte de Berta Cáceres, a coñecida defensora asasinada no 2016,  xa perderon a vida polo menos 43 activistas por defender o seu territorio dos abusos empresariais. Sen embargo Honduras, segue sen firmar o Acordo de Escazú, o primeiro tratado de dereitos humanos ambientais de América Latina e o Caribe, que entrou en vigor no 2021 e que obriga aos Estados asinantes a protexer ás persoas defensoras do medio ambiente.

Sóache esta historia?

A loita veciñal acabou co megaproxecto da Mina de Touro-O Pino, na provincia da Coruña,  tras case catro anos de mobilizacións sociais. A Xunta de Galicia rexeitaba en marzo do 2021 por segunda vez as aspiracións da empresa Cobre San Rafael pola súa falta de “sustentabilidade ambiental”.   A loita por parte da mineira deixou un historial de  acoso, espionaxe e presións  que denunciaron moitos dos activistas que se posicionaron na súa contra, ademais dunha campaña de greenwashing que incluía, a “compra” de medios de comunicación a través de contratos publicitarios ou o patrocinio de equipos de fútbol como o FC Compostela, entre outras manobras de dubidosa legalidade. 

Axenda da primeira visita

DATALUGAREVENTO
Mércores 30 de marzo. 17-20hEdificio Miralles. CUVI. Aula 1. VigoMesa redonda ABERTA con outras dúas mulleres bravas galegas (grupo Comando Ghichas e Asociación de Defensa da Ría de Vigo, dentro do curso Escola de Sustentabilidade e Cidadanía Global da Universidade de Vigo
Xoves 31 de marzo. 17-20hEscola Técnica Superior de Enxeñería. Aula 3. Santiago de CompostelaMesa redonda ABERTA con outras tres mulleres bravas galegas (da Plataforma Mina Touro Non, da Plataforma pola Defensa da Ría da Arousa e da plataforma Casalonga Limpa de Residuos), dentro do curso Escola de Sustentabilidade e Cidadanía Global da Universidade de Santiago de Compostela
Venres 1 de abril pola tardeSantiago de CompostelaEncontro informal coas bases socias de Amigos da Terra e Enxeñería Sen Fronteiras
Sábado 2 de abril pola mañáRairiz de Veiga (Ourense)Encontro con alternativas de produción Labregos Daiquí (alimentos ecolóxicos) e Movemento Ecoloxista da Limia
Sábado 2 de abril
19:30
A Galleira. OurenseEncontro ABERTO con Marcha Mundial das Mulleres
Domingo 3 de abril. Mañá
Cortegada (Silleda)Encontro con alternativas de produción Trasdeza Natur
Domingo 3 de abril. 16-18hComplexo do Santuario da Saleta (Silleda)Encontro con mulleres activistas: Salvemos Catasos, Eolicos en Terra de Montes e Forcarei
Luns 4 de abril. 12hSede da Director Xeral de RREE e coa UE da Xunta de GaliciaEncontro institucional con Jesús Gamallo, Director Xeral de RREE e coa UE da Xunta de Galicia
Luns 4 de abril. 20hCentro Cultural A Forna. San Salvador de Budiño (Porriño)Encontro para coñecer problemática das canteiras con persoas da Asociación de Afectadas polas Canteiras de Budiño
Martes 5 de abril. TardeSerra do GaliñeiroEncontro para coñecer a problemática coa ameaza de aeroxeneradores nesta zona de gran interés cultural e paisaxístico coa Plataforma Pola Protección da Serra do Galiñeiro
Mércores 6 de abril. 12hSalón de Actos da Facultade de CC da Educación. Campus de Elviña. A CoruñaMesa redonda ABERTA “Mulleres Bravas: muller, terra, territorio”

Descargas e documentación do proxecto


Contáctanos!

Se tes dúbidas, suxerencias, ou queres saber máis deste proxecto de Mulleres Bravas, podes escribir a info[arroba]galicia.isf.es

Ademais, en redes sociais estaremos usando a etiqueta #MulleresBravas