Proxecto ATOPA-Convivencia nas aulas

Chega o 4º e derradeiro post dos proxectos financiados a cargo do “Programa de Impulso á Investigación Universitaria en Tecnoloxías para o Ben Común“, financiada por Cooperación Galega da Xunta de Galicia e organizada pola red de profesorado universitario Artigo9Tech e Enxeñería Sen Fronteiras.

Desta volta presentamos o proxecto ATOPA, a través da doutora Cristina López, a súa reponsable.

———————————————

O principal obxectivo do proxecto ATOPA e mellorar a convivencia nas aulas. Un bo clima de aula facilita a aprendizaxe, contribúe ao desenvolvemento persoal e social de nenos e nenas, e constitúe unha importante medida para a prevención do acoso.

O primeiro paso para lograr este obxectivo é “atopar” as posibles fontes de conflito (nenos e nenas illados ou rexeitados polos seus compañeiros, con baixa autoestima, a falta de cohesión no grupo, …). A proposta que facemos dende a Asociación de Trastornos do Espectro Autista de Vigo (ASTEAVI) e o grupo de tecnoloxías da información (GTI) da Universidade de Vigo e proporcionar aos equipos de orientación e docencia dos centros educativos de primaria, secundaria e bacharelato, un conxunto de ferramentas -baseadas en indicadores sociométricos- que por unha parte lles permitan analizar o clima de aula e recibir propostas de intervención para traballar aqueles aspectos nos que se detecten deficiencias, e por outra banda proporcionarlles un repositorio de actividades (xogos, vídeos, dinámicas) e publicacións de difusión libre coas que traballar as carencias detectadas. Estas ferramentas deben ter as seguintes características:

  • Que sexan fáciles de manexar
  • Que sexan de utilidade tanto para quen ten experiencia e coñecementos sobre sociometría como para quen non os ten
  • Que xere informes nos que se inclúan os sociogramas e outros indicadores sociométricos relevantes (matriz de eleccións positivas, matriz de eleccións negativas, rexeitamentos recíprocos, …) xunto coas as propostas de intervención que mellor se adaptan a cada aula.

Co fin de axudar os orientadores e docentes no proceso de realización de medidas, e na posterior interpretación dos resultados, ASTEAVI publicou unha guía de axuda “Guía Atopa Convivenciadispoñible neste enlace.

Antecedentes

O proxecto ATOPA nace en ASTEAVI no ano 2018 enfocado a dar resposta as necesidades dos nenos e nenas con TEA. Este trastorno caracterízase por presentar deficiencias na comunicación social o que inflúe e determina a estigamatización frecuente que sofren os nenos e nenas con TEA (diagnosticado ou non) nos centros escolares e que provocan en moitos casos situacións de illamento e rexeitamento.

O proxecto dividiuse en tres partes:

  • A guía “Atopa Convivencia”. Na guía se describen os cuestionarios a realizar na aula, o conxunto de indicadores sociométricos empregados para avaliar o clima da aula, e unha aproximación a intervención: como interpretar os resultados obtidos, en que areas se debería traballar.
  • A web “atopa.es”. Un repositorio cos materias para a intervención na mellora da convivencia. Todos os materias son de libre difusión, e están organizados segundo as distintas etapas educativas (infantil, primaria e secundaria) e estruturados en áreas de intervención (educación emocional, educación en valores, grupo e aula).
  • A aplicación Atopa. Unha ferramenta gratuíta e de código aberto para a realización de cuestionarios sociométricos, a xeración de sociogramas e informes individuais e de grupo (para avaliar o clima da aula), e a xeración de propostas de intervención en función dos problemas detectados. As propostas están enlazadas co repositorio de materias destinados a intervención para o seu acceso simple e directo por parte dos equipos de orientadores e docentes.

Nesta última parte, no desenvolvemento da aplicación, e no que traballamos dende o grupo GTI.

A primeira versión da aplicación foi desenvolvida no ano 2020. Pero debido a pandemia non foi posible comezar as probas en centros educativos ata un ano despois. Nese momento, e tras as primeiras probas atopamos una serie de problemas:

  • A arquitectura da aplicación desenvolvida era complexa, o que dificultaba a súa instalación nos centros educativos. A complexidade non se derivaba dun fallo no deseño se non da resolución de problemas complexos:
    • Permitir que os cuestionarios se puidesen facer en liña (para que todos os estudantes os puidesen facer a vez) e o mesmo tempo preservar a protección dos datos pois son considerados de carácter persoal.
    • Permitir que o equipo de orientadores e docentes puidesen compartir os resultados (de novo requirindo o uso de servidores) e o mesmo tempo preservar os datos de carácter persoal.
    • Dispoñer de versións para os sistemas operativos e navegadores mais comúns.
  • A arquitectura da aplicación era pesada (debía incluír un servidor, as veces una máquina virtual, …), o que tamén dificultaba a súa instalación nos equipos informáticos de orientadores e docentes.
  • A aplicación non se podía instalar de forma sinxela en ABALAR, un dos sistemas operativos mais usados nos centros educativos que dependen da Xunta de Galicia.
  • Os informes xerados – se ben eran moi completos – resultaban complexos para aqueles que non tiñan unha ampla experiencia en sociometría, incumprindo un dos requisitos de partida do proxecto.

Non obstante, a pesar dos problemas sinalados, gustaría indicar que a realimentación que tivemos por parte dos centros nos que finalmente se probou a aplicación foi moi positiva.

Obxectivos

Co fin de dar resposta os problemas mencionados no apartado previo, no marco do programa de impulso á investigación universitaria en Tecnoloxías para o Ben Común, neste proxecto propuxémonos alcanzar os seguintes obxectivos:

  • Redefinir a arquitectura da aplicación para que fose mais lixeira e fácil de instalar nos centros educativos, mantendo a garantía da protección de datos de carácter persoal.
  • Asistir os centros que quixeran empregar aplicación, axudándoos tanto na instalación como na elaboración inicial dos cuestionarios.
  • Incluír a posibilidade de personalizar os informes xerados pola aplicación de xeito que solo mostren aqueles datos que son de interese para a persoa usuaria, simplificando deste xeito a súa compresión.


Para lograr estes obxectivos contamos co apoio de Enxeñaría Sen Fronteiras que nos permitiu contratar un bolseiro por un período de catro meses.

Resultados

O primeiro paso no proxecto foi definir a nova arquitectura. Neste caso o que buscabamos era proporcionar os centros unha sistema simple, ó que se puidese conectar tanto o profesorado como o alumnado usando os seus propios equipos. A solución elixida foi instalar todos os compoñentes necesarios nunha Raspberry Pi (servidores de DNS, funcións de encamiñamento, servidores Web, aplicación Atopa en versión Web). A escolla ven motivada por varios motivos:

  • O custe é asequible
  • A instalación é sinxela xa que os centros so necesitarían unha tarxeta SD co software necesario pregravado
  • As bases de datos e o servidor estarían no propio centro, reducindo os problemas de acceso non autorizado aos datos de carácter persoal.


Unha vez definida a arquitectura, recodificouse toda a aplicación, pasando de empregar Python Django a empregar Dart + Flutter. O feito de empregar un marco como Flutter buscaba facilitar a posibilidade de empregar a aplicación tanto nun PC (con Linux ou Windows) como nun dispositivo móbil (con Android ou iOS), sen incrementar o peso da aplicación.

Mais alá da recodificación engadíronse novas funcionalidades:

  • Creación do rol de administrador por centro educativo, que ten acceso a todos os cuestionarios
  • Importación do conxunto de estudantes de cada centro dende un arquivo csv
  • Selección do conxunto de estudantes dunha clase a partir do conxunto de estudantes do centro
  • Personalización dos informes de resultados (selección dos parámetros de interese)
  • Inclusión dos sociogramas na versión en pdf dos informes de resultados (na primeira versión so estaba dispoñible na web)

Estas novas funcionalidades introducíronse a partir da realimentación recibida por parte dos primeiros centros que probaron a aplicación.

Liñas futuras


Se ben a nova versión mellora algúns dos problemas detectados, aínda quedan cuestións por resolver. En primeiro lugar debemos probar a nova arquitectura nun entorno real, verificando que efectivamente a instalación é mais sinxela, e que o persoal dos centros, pode xestionala sen ter coñecementos informáticos. En segundo lugar é preciso elaborar os manuais de usuario e tutoriais da nova versión da aplicación. En terceiro lugar facer una campaña nos centros educativos para que coñezan a aplicación, e para apoialos a hora de instalada e empregala. E por último validar que toda aplicación funciona de forma efectiva e contribúe a mellora da convivencia nas aulas.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.