I Concurso de iniciativas de tecnoloxía para o ben común no eido profesional
Enxeñería Sen Fronteiras Galicia organiza un concurso para seleccionar unha boa práctica relacionada coa tecnoloxía (NON SÓ A DIXITAL) para levar a cabo no ámbito profesional da enxeñería ou da economía social galega.
A convocatoria enmárcase dentro do noso programa de Tecnoloxía para o ben común e os dereitos humanos nos ámbitos profesionais tecnolóxicos de Galicia, financiado pola convocatoria de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global 2024 de Cooperación Galega da Xunta de Galicia.
Obxectivo
Promocionar a introdución de elementos e enfoques de tecnoloxía e enxeñería para o ben común e os dereitos humanos no ámbito profesional da enxeñería e tamén no eido da economía social e solidaria (onde os proxectos empresariais parten xa dunha visión transformadora, pero ás veces non integran o elemento tecnolóxico como axuda/freo a esa transformación).
A convocatoria ten como obxectivo que se desenvolvan propostas moi sinxelas e replicables no eido empresarial a realizar nun futuro inmediato, nas que se dea visibilidade o papel que a tecnoloxía pode ter para transformar o mundo promovendo valores como a igualdade de oportunidades, a re-apropiación tecnolóxica ou a tecnoloxía para os dereitos humanos. A tecnoloxía para o ben común enténdese dun xeito amplo, onde tan importante como o elemento tecnolóxico “duro” é o xeito de manexalo e a reflexión de quen decide sobre a tecnoloxía (o que se adoita chamar gobernanza).
Quen se pode presentar?
- Persoas físicas ou xurídicas galegas que desenvolvan a súa laboura profesional no eido da enxeñería e a tecnoloxía, e/ou no eido da economía social.
- Colexios profesionais de enxeñería/arquitectura de ámbito galego ou a súa delegación galega, ou outros colexios profesionais que fagan unha proposta da liña de tecnoloxías transformadoras e para o ben común.
Cal é o PREMIO?
O premio deste concurso é dun total de 400€. Ademais, Enxeñería Sen Fronteiras dará apoio e visibilidade no proceso de implementación da proposta gañadora.
O importe transferirase nun único pago á conta bancaria correspondente á persoa ou entidade gañadora, antes de final do 2025, para que dispoña dos fondos de xeito anticipado para impulsar esa boa práctica xa en 2026.
Como participar na convocatoria?
Enviando un correo electrónico a info@galicia.isf.es.
No asunto indicarase CONCURSO TECNOLOXÍA PARA O BEN COMÚN NO EIDO PROFESIONAL.
No corpo do correo-e indicarase o nome do proxecto, a entidade empresarial ou persoa promotora, o nome da persoa enlace do proxecto e o seu contacto (correo-e).
Como arquivo anexo ou descargable, enviarase a descrición da proposta, que pode presentarse en formato pdf (sexa texto ou texto acompañado de imaxes ou infografías, cun máximo de 3 páxinas) ou en calquera tipo de formato audiovisual (non superior a 3 minutos de duración). En calquera caso, nesta descrición da proposta debe constar como mínimo:
- Título da proposta.
- Empresa ou empresas seleccionadas.
- Persoas e áreas da entidade involucradas.
- Persoas ás que se estima que se vai chegar coa iniciativa ou a boa práctica unha vez se implemente
- Antecedentes e xustificación. De onde nace a idea e por que é interesante implementala?
- Obxectivos, resultados e/ou productos concretos esperados
- Como se lle vai dar difusión?
- Que actividades concretas que se van abordar fan falta para poñela en marcha?
Prazo
Pódense presentar propostas até o martes 9 de decembro (inclusive) de 2025.
Os resultados do proceso de selección comunicaranse a semana do 17 de decembro de 2025.
A iniciativa gañadora deberá desenvolverse entre xaneiro e xuño de 2026. Ao rematar a entidade ou persoa impulsora presentará un breve dossier sobre como de desenvolveu e participará nunha sesión breve de avaliación da mesma, para obter aprendizaxes para réplicas posteriores. Tamén se espera que poida participar no xurado de seguintes edicións do premio.
Avaliación
O comité de avaliación estará composto por tres membros de Enxeñería Sen Fronteiras, polo menos un dos cais estará vinculado ao desempeño profesional no eido da enxeñería e a tecnoloxía.
Valorarase:
- Que a proposta sexa unha boa práctica a implementar no desempeño da entidade ou persoa que a presenta no seu eido profesional e laboral.
- A replicabilidade.
- A implicación de diversas persoas e colectivos
- A visibilidade da actividade incluíndo as actividades de difusión previstas.
- O grao esperable de participación e apropiación da iniciativa
- Que se desenvolva en empresas de economía social e/ou do eido tecnolóxico, ou en colexios profesionais (sobre todo de enxeñería, se ben se poden presentar aínda que non sexa de enxeñería)
Para calquera dúbida sobre as condicións da convocatoria, é posible contactar no enderezo: info@galicia.isf.es co asunto “Dúbida convocatoria concurso Tecnoloxía para outra empresa posible”.











Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!