Entradas

ESFRadio. A Sabia, moeda social galega

Neste novo programa temático queremos tocar un tema que aínda é relativamente descoñecido: as moedas sociais. Non temos dúbida de que os cartos son unha tecnoloxía con moitos séculos de historia. Sen embargo, estase poñendo esta tecnoloxía ao servizo do ben común?

Como o imprescindible investigador José Manuel Naredo leva anos denunciando, a economía cada vez está máis financiarizada (que non financiada). Por dicilo de xeito sinxelo, a economía está baseada cada vez en máis porcentaxe en productos financieiros ficticios sen base no mundo real. Entón é cando xurden iniciativas como as moedas sociais.

Para explicarnos que son e como funcionan temos connosco hoxe a Sabela e Alberto, que colaboran en A Sabia, Moeda Social Galega

ENLACE: https://i.gal/30-esf-radio

Tamén en Spotify

Produce: Jorge Lama

Guión: Jorge Lama e Sergio Fernández
Presenta: Jorge Lama

Participan: Sabela e Alberto

Mesa Redonda Mulleres Bravas da Economía Social

Asinado convenio con Espazocoop, unión de cooperativas galegas

Hoxe temos o gusto de anunciarvos a sinatura dun convenio de colaboración con Espazocoop, asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores.

Para ESF, que levamos anos traballando o tema de Outra Economía Posible, con distintos estudos e tamén tratando de levar este concepto ao educativo e aos nosos proxectos de cooperación internacional (en Honduras é un dos piares básicos do noso Programa de Soberanía Alimentaria), é un paso moi importante para tender lazos co sector galego da economía social.

Espazocoop xa nos prestou apoio nunha das mesas redondas do proxecto Mulleres Bravas (na imaxe, a segunda pola dereita é Mar Pernas, de relacións institucionais de Espazocoop, xunto co resto de participantes na mesa redonde de Mulleres Bravas da Economía Social na Universidade de Vigo). A raíz de aí, xurdiu a idea de seguir colaborando con elas e coas súas cooperativas asociadas para dar a coñecer e potenciar ese outro xeito de facer economía, un que poña ás persoas no centro, tanto en Galicia coma nos nosos países de traballo. Así sexa!

ESFRadio. Un tema de ESF ao mes: Mulleres Bravas da economía social de Honduras

A terra non se vende, deféndese!!! Con este berro comenzamos o programa de hai dous meses, cando tivemos a visita de 3 mulleres bravas defensoras da terra ante as ameazas do extractivismo en Honduras.


Desta volta, en ESFRadio, queremos falar con Francisca e Leni, 2 mulleres bravas de Honduras, que buscan alimentar o mundo producindo doutro xeito. Dun xeito que teña en conta as necesidades das persoas, pero tamén do planeta que nos da sustento. Elas visitaron Galicia dentro do proxecto Mulleres Bravas, que desenvolvemos xunto con Amigos da Terra, e puidemos entrevistalas nun encontro sobre activismo con enfoque de xénero que tivo lugar en Teixeiro o 7 e 8 de maio pasados.


A pequena produción agropecuaria e pesqueira vén dende hai décadas sendo cuestionada polas grandes teorías económicas, que defenden o máis grande como única alternativa posible para alimentar un planeta cada vez máis superpoboado. Pero a realidade é que o modelo da gran agroindustria non deixa de ser unha cara máis do extractivismo, que está a rematar cos ecosistemas. Pan para hoxe, fame para mañá. Como di o título dun interesantísimo ensaio a partir de investigacións feitas aquí en Galicia por Emilio Carral e Xoan Carreira, da Universidade de Santiago, O PEQUENO É GRANDE.

Tamén nesta loita por outro modelo produtivo hai moitas mulleres invisibilizadas, que asumen traballos de coidados, comunitarios e produtivos (o triple rol), pero que están aprendendo a integrar todo no seu modo de vida, aínda que a costa de grandes esforzos. Tamén elas son MULLERES BRAVAS. Aquí podes escoitar as súas experiencias.

Produce: Jorge Lama

Guión: Sergio Fernández e Jorge Lama

Presentan: Claudia Méndez e Marc Romero

Participan: Leni Betancourt e Francisca Muñoz

Foto: Mulleres Bravas de Honduras e Galicia na Universidade de Santiago de Compostela.

Mulleres Bravas da Economía Social na USC

Nicole Rojas, compañeira da ONG AGARESO, déixanos esta crónica da mesa redonda que tivo lugar en Santiago de Compostela o pasado 12 de maio, dentro do proxecto Mulleres Bravas que impulsamos con Amigos da Terra.


“Se a compañeira veciña non ten terra onde cultivar, fanse parcelas colectivas e a colectividade está a dar bos resultados”: Francisca Sipriana Muñoz, labrega e activista hondureña.

O segundo encontro de Mulleres Bravas organizado por Amigos da Terra e Enxeñería Sen Fronteiras co apoio de AGARESO, levouse a cabo o pasado xoves 12 de maio como parte do curso Escola de Sustentabilidade e Cidadanía Global na Universidade de Santiago de Compostela.

Desde Honduras chegaron de novo algunhas representantes da tenacidade no ámbito ambiental e agrícola do país centroamericano, Leni Suyapa Betancourt e Francisca Sipriana Muñoz, que aproveitaron para compartir e reunirse con outras mulleres galegas, tamén tenaces, que lles falaron un pouco acerca dos proxectos que se producen aquí como Mulleres Salgadas e Arousa en Transición.

Durante o encontro, un espazo aberto para coñecer as experiencias de todas as participantes e o seu traballo, a primeira en tomar a vocería foi Francisca, unha muller hondureña sen pelos na lingua, a quen lle gusta compartir as súas experiencias de máis de 20 anos en defensa do territorio e os dereitos das mulleres. Foi fundadora do Comité Municipal de Defensa da Natureza e da Asociación de Comités Ecolóxicos do Sur de Honduras e, desde hai 4 anos é coordinadora da Oficina Municipal da Muller. Actualmente o seu traballo enfócase nunha escola de campo que basea a súa actividade na agricultura ecolóxica.

A seguinte en participar e contarnos un pouco sobre ela foi Leni, quen fai parte da Comisión Ambiental Municipal do seu pobo e tamén participa de forma activa na defensa do seu territorio ante as ameazas da minería e da industria fotovoltaica.
Leni contou como chegou a integrarse na gandería sostible cando na súa casa comezaron a producir e distribuír leite de vaca e queixos. Ela fai parte dun grupo de mulleres organizadas que traballan para xerar ingresos con estas vendas e así fortalecer o traballo colectivo e os grupos de base.

Ao finalizar os relatos de Leni e Francisca de Honduras, deuse paso a Dores Gómez Ordóñez, directora e representante da Asociación de Mulleres Salgadas, a primeira e única asociación de ámbito autonómico galego de mulleres do sector pesqueiro.

 A asociación de Mulleres Salgadas é unha organización feminista, pois recoñece e promove o valor do traballo das mulleres en calquera ámbito relacionado co mar e busca, por suposto, a mellora nas condicións das traballadoras, razón pola que esta organización acolle todas as profesións e labores do mar. Hoxe en día conta con máis de 1.500 asociadas.

Por último, pero non menos importante, deuse paso a Arousa en Transición, unha ONG que traballa defendendo o medioambiente e busca xerar camiños cara á transición enerxética. Exemplo diso, é o traballo que realizan mediante a sensibilización da poboación para a procura de solucións á crise ecolóxica e procesos de investigación. O seu máximo piar podería dicirse que é a creación dunha comunidade enerxética que logre xerar beneficios ambientais, económicos e sociais e por suposto, enerxéticos.

Pero a xornada non acabou alí, pois ao finalizar as intervencións de todas as representantes, falouse acerca de como o papel da muller nos campos da economía social e a sustentabilidade non é só vital, senón que é moitas veces menosprezado e non se ten en conta a carga doutros aspectos sociais vinculados normalmente ao papel da muller. Inclusive mencionouse como é evidente aínda, a falta de representación en cargos de importancia e directivas fronte á porcentaxe normalmente alta de homes.

Pese ao debate e o desgusto dun sentimento colectivo de desigualdade aínda bastante presente na sociedade e nos gremios alí presentes, a conclusión da xornada foi máis alentador, ao darnos conta de que, aínda que a intres parece que imos a pasos demasiado lentos, son pasos firmes. A colectividade e o traballo en grupo en busca dun ben común, si transforma e é así como, por exemplo, as mulleres hondureñas puideron posicionarse como pezas craves no traballo ambiental no seu país, a pesar da cultura e as dinámicas que historicamente oprimiron e minimizaron o papel da muller

O encontro non podía terminar doutra maneira que non fose agradecendo a todas as Mulleres Bravas presentes. Desde as representantes educando e compartindo as súas historias e proxectos, ata as participantes, escoitando e tratando de empaparnos un pouco de toda esa sabedoría que nos acompañou durante un par de horas nun aula pero que nos quedará como ensino para sempre.