Crónicas PCR 2026. A primeira de Alba V. Primeiros 15 días en Honduras: aprendendo a mirar o mundo con outros ollos
Hai xa 15 días que aterrizamos en Honduras e aínda custa poñer en palabras todo o que estamos vivindo. Parece pouco tempo, pero a cantidade de experiencias, persoas e aprendizaxes que caben nestes días fai que sintamos que levamos moito máis camiño percorrido.
O primeiro contacto coa realidade hondureña chegou coa adaptación ao noso novo fogar: San Lorenzo. Un lugar que ao principio era descoñecido, pero que pouco a pouco vai deixando de ser “o sitio onde estamos” para converterse na nosa casa. Porque ás veces unha casa non é só un lugar físico, senón as rutinas que vas creando, as persoas que coñeces e os pequenos momentos que fan que un lugar empece a sentirse próximo.
O primeiro fin de semana tivemos a sorte de compartir esta aventura con outra rapaza galega do programa PCR que está en San Marcos de Colón, a unhas dúas horas de aquí. Xuntos descubrimos Amapala, un pequeno recuncho do Golfo de Fonseca que nos roubou o corazón. A súa tranquilidade, a súa xente e esa sensación de que o tempo pasa dun xeito diferente fixeron que nos namorásemos dun lugar no que se respira calma.
O luns comezou oficialmente a nosa aventura en CODDEFFAGOLF, onde nos recibiron cos brazos abertos. Dende o primeiro día fixéronnos sentir parte do equipo e, grazas a todos os técnicos e técnicas que nos acompañan, estamos podendo coñecer de preto realidades e proxectos que ata agora só coñeciamos desde a distancia.
Unha das experiencias máis especiais foi poder asistir a un monitoreo de pesca en Amapala. Alí coñecimos un dos proxectos nos que están traballando coa instalación de arrecifes artificiais para favorecer os ecosistemas mariños e apoiar ás comunidades pesqueiras. Estar nunha barca, observar o traballo das persoas que levan anos loitando polo seu territorio e entender a importancia do mar para estas comunidades foi unha aprendizaxe enorme.
Tamén tiven a oportunidade de facer case unha ruta de sendeirismo para chegar a unha microcuenca de auga potable. Un camiño que non só foi físico, senón tamén unha viaxe de aprendizaxe. Alí puiden ver como traballan enxeñeiras e técnicas ao outro lado do océano, coñecer outras formas de entender a xestión da auga e comprobar que, aínda que esteamos a miles de quilómetros, moitas das preocupacións e retos son compartidos.
Pero se hai unha experiencia que levo especialmente marcada nestes primeiros días foi a visita a unha comunidade que vive entre os manglares. Coñecer as súas casas, a súa forma de vida e a maneira na que se relacionan co seu entorno fíxome entender aínda máis o significado do nome deste programa: Coñecemento doutras realidades. Porque non se trata só de visitar outro país, senón de escoitar, observar e aprender doutras maneiras de vivir e de entender o mundo.
Algo que tamén me sorprendeu moito nestes días é a forma de compartir da xente. A hospitalidade, a alegría e, sobre todo, esa maneira de facer da comida un momento de encontro. En Honduras cómese moi ben, pero máis alá dos pratos, queda a sensación de que cada comida é unha oportunidade para compartir, conversar e facer comunidade.
Xa levamos aproximadamente un 17% desta experiencia completada. E, aínda que non vou negar que hai momentos nos que a morriña pola familia e pola casa pesa, cada día que pasa estou máis agradecida por estar aquí. Por saír da zona coñecida, por aprender de persoas que teñen moito que ensinar e por vivir unha experiencia que, sen dúbida, vai deixar unha pegada enorme.
O segundo fin de semana decidimos quedar en San Lorenzo, simplemente para desfrutar tamén da nosa nova rutina. Porque, dalgún xeito, este pequeno recuncho do Valle xa comeza a sentirse un pouco como casa.
E isto é só o comezo dunha experiencia que, seguro, nos seguirá cambiando por dentro e ensinando a mirar o mundo con máis calma, máis respecto e máis gratitude.











Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!