CETMAR e a Cooperación Española visitan o proxecto de mulleres marisqueiras no sur de Honduras
A pasada semana houbo moita actividade no programa de Soberanía Alimentaria que desenvolvemos no sur de Honduras xunto con CODDEFFAGOLF. Por un lado, a visita técnica do Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) e, por outro, un dos días, a visita do embaixador de España en Honduras xunto cunha delegación da Cooperación Española no país.
As compas do CETMAR compartiron as súas experiencias na adecuada xestión da investigación para mellorar os recursos mariños costeiros, así como o desenvolvemento e innovación na pesca. Estiveron a traballar cos colectivos de mulleres marisqueiras de Amapala, Marcovia e San Lorenzo. Tamén levaron a cabo reunións de coordinación con diversas institucións gobernamentais e municipalidades. A clave da actuación é o acompañamento técnico a procesos orientados a sostibilidade, como son coñecer mellor o medio e dar o paso de recolectorxs a cultivadorxs de noluscos. Para iso se supervisan procedementos de análise de auga e interpretación de datos, así como procedementos de captura de sementes e crecemento en zonas naturais concentradas e controladas.
O luns 18 houbo unhas primeiras formacións de contacto con persoal de CODDEFFAGOLF, presentación de equipos técnicos e procedementos. Tamén se falou de calibración de sonda multiparamétrica e medidas biométricas en moluscos bivalvos. Houbo tempo para un primeiro taller de alimentos con grupos de mulleres de Amapala.
O martes 19 continuaron as formacións técnicas, neste caso coa revisión dos captadores dispostos, o manexo dos mesmos, a disposición de sacos de rede para crecemento, medidas biométricas e toma de datos e tamén unha visita cos grupos marisqueros (a coñecer os chiqueros onde pescan e o centro de acopio).
O día 20 foi a visita do Embaixador de España en Honduras, Diego Nuño García, así como a delegación da Cooperación Española e Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo (AECID). O propósito da visita foi coñecer de cerca a perspectiva do sector pesqueiro e marisqueiro no municipio de Amapala. Tiveron a ocasión de falar con mulleres marisqueiras e pescadoras dos grupos aos que apoiamos co programa de soberanía alimentaria e defensa da terra, co proxecto financiado por AECID e o proxecto financiado pola Cooperación Galega (no que se encadra a visita de CETMAR).
O xoves 21 pola mañá houbo formacións con CETMAR. Compartíronse vivencias relacionadas coas tarefas cotiás da recolleita de mariscos, así como coas costumes e coñecementos que a rodean. Posteriormente, brindouse a oportunidade de experimentar na creación de novas receitas, usando os mariscos como ingredientes principais. Ademais, realizouse unha reseña da actividade marisqueira en Galicia para identificar que accións se poden considerar para a súa aplicación.
Xa pola tarde houbo unha reunión institucional, con DIGEPESCA, SENASA, UNAH-CURLP, CODDEFFAGOLF, a Mancomunidade NASMAR, CETMAR e ESF, da que queremos compartir as conclusións:
- É importante que todos os axentes se desenvolvan ao mesmo ritmo, con diferentes funcións: investigación, regulación e normativa, e o sector económico. A administración debe apoiar o sector e dinamizalo para que teña sentido o esforzo e a regulación. Debe existir un equilibrio entre o apoio e as esixencias para evitar desaxustes (excesiva presión sobre o sector ou o contrario).
- É importante que os investimentos e a investigación se axusten á demanda e ás necesidades do sector. Pódese comezar con métodos sinxelos baseados na artesanía e no control cercano dos grupos, e posteriormente apoiar con investigación ou investimentos á medida que o sector avance. Os investimentos deben ser analizados desde unha perspectiva de sostibilidade en sentido amplo: ambiental e ecolóxica, social, económica e de capacidades humanas.
- Considerase relevante o fortalecemento das capacidades humanas de todos os axentes e a creación dun perfil formativo para melloralas. Esta mellora da formación considérase pertinente tanto para o sector como para a administración e as entidades de investigación, especialmente no ámbito dos moluscos.
- Como primeiros pasos, considérase a necesidade de realizar a taxonomía das especies de moluscos, sardiñas capturadas en cercados e outras especies aproveitables polos colectivos mariscadores. Tamén é importante comezar con pequenos pasos de mellora na comercialización, como a clasificación e venda diferenciada por especie e tamaño. A través de ensaios de cultivo en especies con mellores rendementos produtivos e económicos, poderase determinar a necesidade de futuros investimentos ou investigacións.
- Consultase a posibilidade de apoio continuo do CETMAR / Xunta de Galicia á Digepesca, especialmente na formación do persoal técnico e na orientación dos plans de desenvolvemento do sector. Por parte de Digepesca, compartirase un perfil do equipo de dirección para presentar unha proposta a financiadores públicos galegos e españoles.
- Acórdase retomar o papel da comisión de bivalvos, ampliada, co obxectivo de establecer unha hoaxe de ruta para o desenvolvemento do sector e harmonizar proxectos identificados ao longo do tempo.
O venres 22 levouse a cabo unha avaliación e conclusións das actividades realizadas, coa participación de persoal de CODDEFFAGOLF e representantes de 5 grupos de mulleres marisqueiras. Compartíronse valiosas observacións para mellorar os seguimentos da calidade da auga e das poboacións de moluscos bivalvos, a xestión dos datos e os procedementos. Isto permitirá establecer un mecanismo de alerta temperá directamente desde as comunidades, liderado polas mulleres marisqueiras que son peza chave como investigadoras comunitarias.
Tamén houbo tempo xa o sábado 23 antes da volta para visitar as lagoas de inverno onde se desenvolverá o programa de restauración, que comeza neste 2023.
A impresión xeneralizada foi dunha semana moi fructífera, de compartir e aprender, fortalecendo as redes de traballo con diversos actores.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!