Crónicas de Honduras. A segunda de Rubén: Que vale máis, un poste da luz ou unha árbore de cen anos?
Foi Don Modesto quen nos deixou as Albas e a min esta pregunta gravada na cabeza. Falabamos de desenvolvemento, de electricidade e de todo o que supón mellorar a vida das comunidades. Dicía que o progreso é necesario, pero sempre debe avanzar da man do ecosistema e non por riba del. E foi entón cando nos lanzou esta pregunta: «Que vale máis, un poste da luz ou unha árbore de cen anos?». Non buscaba unha resposta, senón facernos reflexionar sobre o equilibrio entre avanzar e conservar.
Nestes xa máis de 30 días percorrendo o golfo de Fonseca, paso a darlle o protagonismo da apertura desta crónica a Don Modesto, un auténtico loitador e protector do ecosistema e da vida.
Coñecer as comunidades e vivir, aínda que só sexa por un pequeno intre, formando parte da vida da súa xente, é algo indescritible. Pero houbo unha delas que foi un pouco máis alá no meu sentir e no meu apego: a comunidade de Moropocay. Tampouco sei explicar moi ben o porqué, así que simplemente deixo reflectido que un anaquiño do meu corazón queda alí.
Tiven tamén a sorte de poder impartir un obradoiro de primeiros auxilios na comunidade de Aguas Calientes e, crédeme, foi toda unha experiencia. Nun lugar onde a ambulancia e os servizos médicos non chegan, supuxo un reto intentar adaptar a formación a ese contexto. Cando aprendemos primeiros auxilios, case todo vai orientado á chegada dos servizos de emerxencia, pero aquí a realidade é ben distinta.
Polo demais, a experiencia segue medrando e eu con ela. Tivemos a oportunidade de entrar en Nicaragua e podo afirmar que cruzar a fronteira foi toda unha aventura, pero mereceu a pena. Cidades como Granada, León e Managua teñen un encanto e unha historia que recomendo descubrir a calquera que teña ocasión de pasear polas súas rúas.
Tamén estivemos en O Salvador, no alto do volcán Conchagua, unha auténtica marabilla. Desde alí puidemos contemplar unha das vistas máis impresionantes da viaxe: todo o golfo de Fonseca e os tres países —Honduras, Nicaragua e O Salvador— practicamente sen ter que xirar a cabeza.
Espero que nas escasas tres semanas que teño ata regresar a Galicia poida seguir acumulando vivencias, que estou seguro de que así será.
Déixovos unhas fotiños destas últimas semanas.















Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!