Crónicas de Honduras. A 4ª de Alba V. Cando o descoñecido se fai rutina

Sen darnos conta, fomos construíndo as nosas propias rutinas. Xa saben como me gusta o café e cal é o meu número de botas. Eu xa son capaz de identificar a botella de Nadia entre todas, igual que sei perfectamente de quen é cada mochila, dende a de Javi ata a que queda esquecida nun recuncho da oficina.

Son detalles pequenos, pero creo que din moito do tempo que levamos aquí. Sobre as once adoita chegar Mateo, un pequeno de cinco anos que pouco a pouco se converteu nunha das miñas persoas favoritas aqui en Honduras. E resulta curioso porque nunca fun especialmente cariñosa, pero agora atópome esperando velo e esperando a súa aperta.

Sei que lle encanta construír torres, aínda que o seu irmán pequeno teña como misión principal destruílas, e que adora Spiderman. Cousas que, cando cheguei, non sabía e que agora forman parte da miña rutina.

Ás veces penso na miña vida en España e en todas as cousas ás que lles prestaba atención. Podía saber, por exemplo, que os mércores había novidades na páxina de Zara. E agora iso non me pode importar menos. Non porque esas cousas estean mal, senón porque cambiaron as cousas que ocupan a miña cabeza. Agora paréceme moito máis importante saber se Mateo veu á oficina, se queda café ou de quen é aquela mochila que leva dous días no mesmo sitio.

Nesta quincena tivemos tamén a oportunidade de pasar varios días no Chismuyo co equipazo de Frayh, un dos lugares que máis me impresionou ata o de agora. Os seus inmensos manglares parecen non ter fin e, entre as súas raíces e canles, puidemos ver unha cantidade enorme de aves: dende garzas rosadas ata paxaros carpinteiros. Incluso tivemos a sorte de atoparnos cunha gran tartaruga.

Pero o Chismuyo tamén é un lugar que che fai pensar no difícil que é conservar un territorio cando a vida das persoas depende directamente dos recursos que ofrece. Os manglares son fundamentais para as comunidades e para actividades como a pesca, pero ao mesmo tempo están sometidos á presión de diferentes actividades económicas e a problemas como a erosión e a sedimentación.

E creo que isto é algo que estou aprendendo especialmente durante estes meses: que falar de conservación non significa simplemente falar de animais, árbores ou manglares. Significa tamén falar das persoas que viven neses territorios, dos recursos que necesitan e das decisións que teñen que tomar para poder vivir.

Nos nosos días libres tivemos tamén a oportunidade de facer a Ruta Lenca e visitar Copán con varios compañeiros de CODDEFFAGOLF e do ICF que coñeceramos pescando en Amapala durante a nosa primeira semana en Honduras.

E que bonito é pensar nesa relación. Chegamos aquí sen coñecernos e, dous meses despois, estabamos compartindo unha aventura de fin de semana. Creo que é unha das partes máis bonitas de toda esta experiencia: as relacións que aparecen case sen buscalas e que, co paso das semanas, acaban converténdose en amizades e en plans que xa non teñen nada que ver co proxecto inicial.

Poucos lugares me impresionaron e impactaron tanto como as ruínas de Copán. Creo que é difícil estar alí e non sentir certa sensación de pequenez. Camiñar entre aquelas estruturas e pensar que hai centos de anos ese mesmo lugar estaba cheo de vida fai que o tempo pareza algo completamente diferente.

Pero tamén me fixo pensar no propio concepto de territorio. Levamos dous meses coñecendo comunidades, persoas e formas diferentes de relacionarse co lugar no que viven e de repente atopámonos diante da pegada dunha civilización que tamén construíu a súa propia relación co territorio. Copán non é simplemente un conxunto de ruínas bonitas: é a memoria dun pobo que segue formando parte da identidade deste lugar.

Ao volver de Copán asistimos á feira gastronómica de Namasigüe, onde tivemos a sorte de reencontrarnos con Esther, unha das mulleres bravas que coñecimos no mes de marzo en Santiago de Compostela.

E foi moi bonito volver vela aquí. Porque cando a coñecimos en Galicia, Honduras aínda era un lugar afastado para nós, algo que estaba por vir.

Agora estabamos reencontrándonos con ela no seu propio territorio, despois de dous meses vivindo aquí. É desas coincidencias que fan que o mundo pareza un pouco máis pequeno.

E foi tamén despois de Copán cando chegou unha das partes máis difíciles desta quincena: despedirnos de Rubén.

Se algo teño claro é que Alba C e Rubén se converteron dalgún xeito, nestes dous meses, nos meus irmáns putativos. Hai persoas coas que simplemente compartes unha experiencia e outras coas que acabas compartindo moito máis: rutinas, cansanzo, bromas, viaxes, comidas, problemas e centos de momentos que probablemente fóra de aquí nunca terían sucedido.

E así, case sen darnos conta, chegamos aos últimos días do mes. E o luns 31 de agosto celebramos o aniversario sorpresa da nosa coordinadora Nohelia, xunto con varios compañeiros de CODDEFFAGOLF.

Quizais sexa curioso que, despois de falar de manglares, ruínas, comunidades e territorios, o que máis me quede desta quincena sexan cousas tan pequenas: saber de quen é cada mochila, que coñezan o meu número de botas, esperar a aperta de Mateo, compartir unha aventura con persoas que coñecín pescando na miña primeira semana aquí ou darme conta de canto vou botar de menos a Rubén.

Porque creo que, ao final, é aí onde está o verdadeiro cambio.

Non só en todo o que aprendemos sobre Honduras, senón en todo o que empezou a formar parte de nós sen que nos désemos conta.

Hai dous meses viñemos aquí pensando que tiñamos tres meses por diante.

Agora xa empezamos a entender que, aínda que marchemos, algunhas cousas van quedar connosco.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.