Que é Hackers Sen Fronteiras?

Hackers Sen Fronteiras é un programa no que traballamos o enfoque de Tecnoloxía para o Ben Común no ensino secundario e de formación profesional de base tecnolóxica no territorio galego. Xa leva enriba dúas fases. Comezou no 2022 e imos a pola terceira durante os anos 2026 e 2027, financiada pola Convocatoria de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global 2026 da Xunta de Galicia.

A Tecnoloxía para o Ben Común, para os Dereitos Humanos (DDHH) ou a Tecnoloxía Emancipadora, aborda a tecnoloxía dende un enfoque crítico, sostible e participativo, co obxectivo de acadar a equidade e a xustiza social. Plantexa a tecnoloxía non coma un fin en si mesmo, senón coma un medio, dentro dun contexto ecosocial, económico e cultural.

Para potenciar este enfoque nas aulas queremos abordalo dende o alumnado, con actividades que van dende a escoita ata o baile, pasando por manchar as mans, como tamén dende o profesorado, creando colectivamente recursos didácticos que transversalicen a Tecnoloxía para o Ben Común nas súas aulas.

Faladoiros e obradoiros

Para abordar co alumnado un concepto tan amplo como o é a Tecnoloxía para o Ben Común, creamos un catálogo de faladoiros e obradoiros cos que achegarnos ás distintas pezas do puzzle que o define: sostibilidade, apropiación, inclusión, feminismo, soberanía, ecoloxía, creatividade, comunidade…

Plantexamos 27 actividades dende as que traballar e crear espazos de reflexión arredor das problemáticas medioambientais e sociais que hai no mundo; dar a coñecer diversos xeitos de habitar, consumir e construír; tamén para cacharrear e comprender o software e hardware libre; visibilizar a fenda de xénero e a falta de inclusión en moitos ámbitos, e até explorar a expresión dende a arte.

A meirando parte das actividades son impartidas pola base social voluntaria de Enxeñería Sen Fronteiras, quenes pola súa traxectoria profesional ou persoal teñen coñecementos sobre distintos temas. Tamén hai actividades nas que se contrata á persoas externas á asociación, financiadas polo proxecto.

O proceso para solicitar faladoiros e obradoiros é sinxelo: través do correo-e martina.paramos@isf.es podes contactar coa técnica responsable, enviar as ideas de actividades de interese e concertar un encontro en liña para falar da dispoñibilidade e perfilar conxuntamente as actividades.

Aquí o catálogo de faladoiros e obradoiros.

Comando Hackers

A maiores dos faladoiros e obradoiros, nesta terceira fase seguimos animando ás docentes a realizar pequenos proxectos cun pouco máis de recorrido que involucren ao alumnado para desenvolver o seu pensamento crítico e conectar coa súa contorna.

A estes proxectos chamámoslles Comando Hackers. No catálogo de actividades recóllense algunhas propostas e son moi benvidas novas iniciativas relacionadas coa Tecnoloxía para o Ben Común e os Dereitos Humanos. Aquí van Comandos Hackers doutras fases para dar ideas:

Recursos didácticos para docentes relacionados coa Tecnoloxía para os DDHH

O profesorado xoga un papel clave como axente multiplicador de coñecementos, habilidades e actitudes. Por elo, dentro do programa xeramos espazos onde co-crear e compartir material didáctico para as aulas e tamén onde seguirse formando co enfoque de Tecnoloxía para o Ben Común. O grupo fórmano profesorado de secundaria e de formación profesional do eido tecnolóxico sensibilizado co proxecto. Nesta terceira fase continuamos a potenciar esta rede de docentes facilitando encontros, acompañamento e formacións.

Algúns materiais de interese:

Rede de alumnas tecnólogas

A fenda de xénero no eido tecnolóxico é unha realidade que comeza xa a percibirse no ensino secundario, por non decir antes. A presenza da muller en todos os ámbitos é clave para unha cidadanía xusta, por elo, dende a primeira fase do programa apostamos por visibilizar a desigualdade de xénero no sector e dar voz nas aulas a mulleres tecnólogas relacionadas coa Tecnoloxía para o Ben Común, e comezamos a crear unha rede de alumnas.

Na segunda fase realizamos tres encontros que foron espazos de reflexión e participación, tanto de xeito individual como colectivo, sobre as súas motivacións dentro da rede, a percepción que teñen da fenda de xénero e a identificación das barreiras que xa teñen presentes. Aquí deixamos a crónica do último celebrado.

Nesta terceira fase continuaremos co traballo.

Concurso Hakers Sen Fronteiras

Trátase dun concurso para financiar un proxecto didáctico relacionado coa Tecnoloxía para o Ben Común onde pode participar calquera centro público de ensino secundario ou FP de Galicia. Aquí as bases da anterior convocatoria.

O obxectivo é implicar aos centros en proxectos que sensibilicen ao alumnado cos Dereitos Humanos, dentro ou fóra das aulas, facilitando os fondos que poidan precisar.

Nesta terceira fase a convocatoria sairá a principios do 2027. Atenta ás nosas redes! Tamén acualizaremos neste post a información.

Programa de Coñecemento doutras Realidades (PCR)

Co obxectivo de promover unha cidadanía global, crítica e solidaria, potenciando o proceso de aprendizaxe a través do coñecemento de primeira man das desigualdades entre países, ESF organiza todos os anos e dende 2004 o Programa de Coñecemento doutras Realidades.

Nesta fase reservaranse dúas prazas, unha para a convocatoria de 2026 e outra para 2027, para profesorado de secundaria ou FP interesado en participar nunha experiencia de coñecemento doutra realidade e do traballo en cooperación internacional nun dos países de actuación de ESF. A estancia desenvolverase durante un período de entre mes e medio e tres meses no verán.

As persoas seleccionadas reciben formación previa á viaxe, en clave de cooperación internacional e interculturalidade, intégranse na base social de ESF e participan á volta en accións de transferencia.

Prácticas de FP na Economía Social e Solidaria

Como novidade da fase 3, desenvolveremos con REAS Galicia un catálogo de empresas da ESS galegas para facilitar a alumnado de formación profesional a coñecer outros modelos produtivos e económicos nas prácticas dos seus estudos.

Estadística recollida de xaneiro 2022 (fase 1) a outubro 2024 (fase 2)

– 25 persoas dinamizaron ou impartiro faladoiros e obradoiros, das cais, 23 voluntarias de ESF, 11 delas mulleres

– máis de 50 actividades en aula

– 13 temáticas distintas relacionadas con tecnoloxía para o ben común e a transición ecosocial

– 15 centros de ensino (en 2 dos cais se fixeron actividades tanto en FP como en secundaria)

– Máis de 20 docentes colaboradoras

– Máis de 1500 alumnos e alumnas participantes

E… por que o nome de Hackers Sen Fronteiras?

Porque queremos reivindicar a curiosidade, o empoderamento tecnolóxico e o cuestionamento á propia tecnoloxía sen renunciar a ela, e iso é o que impulsa a este movemento (e que fixo que se vira cuestionado e perseguido, como se conta neste artigo).