Promover a tecnoloxía para o ben común nas universidades públicas galegas. Ese sería o obxectivo do programa, no que ESF leva traballando dende a súa fundación xa no 1993.
O concepto de “Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano” (ou para o ben común e a emancipación, como vimos denominándoo ultimamente), parte de cuestionar o uso histórico da tecnoloxía e apostar por unha tecnoloxía participativa e non excluínte que permita lograr a equidade e a xustiza social cun enfoque de ben común. Esta ferramenta comprende os coñecementos, mecanismos e estratexias que fan que certas solucións técnicas potencien a calidade de vida das persoas de xeito inclusivo. Para isto é necesario entender a tecnoloxía non coma un fin en si mesmo, senón coma un medio, e dentro dun contexto social, económico e cultural (contexto que simultaneamente pode determinar o propio uso da tecnoloxía para a súa supervivencia, de aí que a TpDH sexa unha aproximación crítica e supere ao concepto de tecnoloxía apropiada).
Con este programa quérese impulsar o concepto de tecnoloxía para o ben común na docencia, investigación e activismo da comunidade educativo universitaria galega de base tecnolóxica.
Para conseguir este obxectivo, na actualidade o programa se apoia na colaboración coa rede creada en 2019 de profesorado técnico universitario Artigo9Tech, da que ESF foi impulsora e forma parte. É un xeito de que a propia comunidade universitaria sexa protagonista para impulsar este enfoque da tecnoloxía.
Hai dúas grandes liñas de traballo segundo o grupo de persoas da comunidade universitaria destinatarias ou protagonistas:
- Liña de traballo co alumnado
- Liña de traballo con PDI/PAS
Liña alumnado
Dende sempre, hai un interese de ESF en promover un alumnado crítico e mobilizado, que poida participar máis aló das accións académicas formais e se involucre dende a súa época universitaria na transformación social, xa sexa a través do voluntariado e activismo en ESF ou noutras organizacións, pero sempre cun enfoque de voluntariado transformador (no que o voluntariado e partícipe do deseño e desenvolvemento das accións, que non son meramente asistencialistas). Se se consegue alumnado implicado e sensibilizado coa cidadanía global e o ben común, no seu día a día futuro (tanto persoal como profesional) tamén poderán ser axentes de transformación interiorizan eses valores nalgunha medida.
Actividades propostas nesta liña
- Faladoiros e cursos de distinta duración e temática (sempre vinculada a distintos sectores da tecnoloxía) nas escolas e facultades (sobre todo as técnicas) das universidades públicas galegas
- Actividades “Fora da aula!” para impulsar accións que unan actividades docentes con servizo social,
- Apoio ao programa de coñecemento da realidade de ESF
- Premio Enxeñería Solidaria
- Impulsar a convocatoria de bolsas de matrícula dende as universidades, para alumnado de países prioritarios para a cooperación galega
Liña PDI/PAS
Hai moitas razóns polas que nos parece clave o traballo con PDI e PAS neste programa. Imos destacar 3:
- Pola súa acción institucional para incluír nas prácticas docentes e de administración da universidade ese enfoque de cidadanía global
- Pola compoñente investigadora que desenvolve o PDI e a importancia de que poidan enfocala cara a tecnoloxía para o ben común
- Por ser multiplicadoras cara o alumnado de coñecementos, habilidades e actitudes que poden fortalecer e poñer o foco nos dereitos humanos e o ben común
Actividades propostas nesta liña
- Encontros de PDI/PAS que fortalecerán a rede Artigo9Tech,
- Participación no Programa de mulleres tecnólogas onde participen PDI e poidan involucrar alumnas nos faladoiros en secundaria
- Programa de investigacións enfocadas á tecnoloxía para o ben común, como a que o que se convocou en 2022.
- Actividades “Fóra do despacho!”, para impulsar dende PDI exemplos de visibilización e comunicación de enfoques didácticos e investigadores participativos (tamén fora da propia universidade, para conectala coa sociedade).
- Xa algo máis ambicioso e a medio plazo, se está estudando a viabilidade dun Mestrado Interuniversitario de Tecnoloxía para a Innovación Social e a Sustentabilidade
Comentar, por último, que se levantou en 2021-2022 un estudo de liña de base para ver en que medida ese enfoque alternativo da tecnoloxía para o ben común e os dereitos humanos era coñecida na comunidade universitaria e que acollida tiña. Aquí se pode ver.