ACTIVISMO TECNOLÓXICO NAS ORGANIZACIÓNS SOCIAIS. TECNOLOXÍA PARA HACKEAR O SISTEMA (I)
A tecnoloxía que se emprega nas organizacións que pretenden ser transformadoras é moito máis importante para a súa misión do que se soe pensar. Tanto, que se non é axeitada ou non se emprega ben pode neutralizar esa transformación que se estaban perseguindo (ou, no peor dos casos, facer de Cabalo de Troia de produtos e prácticas indesexables).
Non falamos só das tecnoloxías que se empregan en proxectos de cooperación ao desenvolvemento ou en proxectos ambientais ou de inclusión social na nosa contorna (endóxenas, apropiadas, participativas, culturalmente aceptables, que non xeren dependencia nin intensifiquen as fendas de poder, sesgos de xénero, etc.). Tamén hai que ter en conta as que empregamos como parte das campañas de sensibilización, as redes sociais ou o propio día a día das organizacións (incluíndo a comunicación interna e a loxística máis básica).
Hai que empezar a transversalizar o activismo tecnolóxico nas organizacións e deixar de alimentar ao monstro. Non se pode negar que é complicado ser coherentes en todo (sobre todo a nivel persoal, pero tamén a nivel organizacións) pero, como xa dixo algún esfeiro, usar ferramentas de software libre no noso día a día da organización pode ser tan político como empregar produtos de comercio xusto ou de proximidade.
Pode parecer que, se empregamos esas tecnoloxías, non imos ser tan «produtivas» e vai haber que facer un esforzo de adaptación na nosa base social. Pero a coherencia non debería ser o prezo a pagar ante o resultadismo, porque precisamente ese resultadismo forma parte do problema. Sería tan incoherente como facer unha mesa redonda para falar sobre o dereito á auga ofrecendo auga embotellada ás relatoras, ou unhas xornadas sobre comercio xusto ofrecendo café das grandes marcas nos descansos.
Explorar na nosa acción transformadora eidos como a bioconstrución, as ferramentas de baixo custo e abertas, as solucións tecnolóxicas minimalistas (o pequeno é fermoso) e pouco complicadas, que impliquen traballo colectivo e que nos deixen bailar xuntas, é hackear o sistema que queremos mudar. E iso é precisamente porque estas características son o contrario do que o sistema hiperconsumista nos está a vender (todo máis grande, máis complicado, con tecnoloxías cada vez máis lonxanas e inalcanzables no seu manexo e mantemento, ademais de moito individualismo e «dereitos reservados»).
A tecnoloxía xa hai moito que deixou de ser un simple medio, unha ferramenta, para converterse nun suxeito político que, cada vez máis, será clave para acadar (ou non) un mundo solidario, cooperativo e que non deixe a NINGUÉN atrás. Temos que ser consciente dela para hackear o sistema (creando novas tecnoloxías que retroalimenten ese mundo colaborativo) ou, do contraio, estaremos facendo o contrario. Non hai neutralidade posible. Aquí funciona o de «se é gratis, entón o produto es tí».
Se queres saber máis ou tes ideas sobre como facer este activismo tecnolóxico, sexas organización ou sexas unha persoa con inquietudes neste tema, contáctanos. Nun vindeiro post falaremos de exemplos concretos, estades atentxs!
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!