Entradas

Estudo sobre Tecnoloxía para o Ben Común no ensino secundario galego

Como parte da primeira fase do programa Hackers Sen Fronteiras: Tecnoloxías para o ben común e os Dereitos Humanos no ensino secundario de Galicia, elaborouse un estudo sobre o coñecemento e a aceptación na comunidade galega do ensino secundario do enfoque de Tecnoloxía para o Ben Común.

Por un lado, se obtivo información de profesorado e por outro de alumnado (no caso do alumnado, só dos 3 centros que participan como centros piloto de Hackers Sen Fronteiras). Queremos agradecer á Asociación do Profesorado de Tecnoloxía de Galicia (APETEGA) a súa implicación para mover a enquisa entre as súas asociadas.

DESCARGAR ESTUDO

Algúns datos de interese

Para recoller a información aportada polo alumnado deseñouse un cuestionario online 2 cunha batería de preguntas pechadas realizado polas rapazas e rapaces participantes no proxecto dos tres centros educativos. A finalidade desta enquisa é medir os seus coñecementos e actitudes en relación á tecnoloxía (e, de xeito máis concreto, á tecnoloxía para o desenvolvemento humano e o ben común).
Finalmente, a enquisa baséase en 125 cuestionarios válidos (54% mulleres). A distribución por centro é dun 58% do IES de Celanova, 22% do IES San Rosendo de Mondoñedo e 19% do IES de Curtis3.

A pesar que case a metade do alumnado cree posuír un pouco de coñecemento sobre a TpBC (e o 20% afirma ter bastante ou moito) na pregunta inicial sobre autopercepción, as respostas ás seguintes preguntas apuntan a que, en realidade, o enfoque da TpBC está moi afastado da súa realidade.

Fenda de xénero: as rapazas continúan sen percibir o eido tecnolóxico como propio, sen optar por el como futuro profesional. Neste caso, nunha escala do 0 ao 10, os rapaces sitúan a probabilidade dun posible futuro laboral vinculado á tecnoloxía no 6,5, fronte ao 3,8 de media das
rapazas.

✓ No momento de sinalar o que pensan que é tecnoloxía, existe unha fenda enorme entre os exemplos de tecnoloxía duras (mencionados por unha porcentaxe de alumnado moi elevadas, de entre o 76% e o 98%) e as brandas (sinaladas como exemplos de tecnoloxía tan só por entre o 6% e o 46%). Por exemplo, a mocidade participante ten claro que os teléfonos móbiles ou os robots con intelixencia artificial son tecnoloxía, mentres que non entrarían neste concepto cousas como a organización veciñal para a xestión da monte ou unha campaña de reciclaxe.
✓ Tamén se observa esta forte tendencia ao escoller os conceptos ou ideas que, segundo o alumnado, gardan relación co eido tecnolóxico. Por exemplo, máis do 90% cre que termos como robótica, internet e informática están vinculados á tecnoloxía, fronte a menos do 10% a vincula á solidariedade, fame ou igualdade.
✓ Ademais, evidénciase que non perciben o impacto potencial que poida ter a tecnoloxía no avance no desenvolvemento humano e a consecución dos dereitos humanos. É dicir, desde a súa visión, a contribución da tecnoloxía a promover a democracia ou a erradicar a fame no mundo, por exemplo, é pouca.

A información aportada polo profesorado foi recollida a través dun cuestionario realizado de xeito online por un total de 21 persoas. 7 destas persoas pertencen aos tres centros educativos implicados no proxecto (3 do IES de Celanova, 3 do IES de Curtis e 1 do IES San Rosendo de Mondoñedo) e o resto traballan en diferentes centros de secundaria de toda Galicia. En total, cóntase coa representación de 16 centros.

O profesorado que coñecen o concepto de TpBC é moi pouco, e manifestan unha autopercepción media do seu coñecemento sobre ese tema de 4,6 nunha escala do 0 ao 10.

Porén, o interese medio manifestado por coñecer a tecnoloxía para o desenvolvemento humano e o ben común é moi alta, situándose no 8,4 na mesma escala.


Case 3 de cada 4 afirman que ten bastante ou moita importancia ese enfoque na súa actividade docente e tan só o 19% sinala que pouca ou ningunha. Ao preguntar de novo polo seu interese por introducir nalgún momento este enfoque nas aulas, saen resultados moi positivos (nunha escala do 1 ao 5, outorgáronlle un 4 de media á afirmación “Teño interese en introducir o enfoque TpDH nas miñas clases en algún momento”).

É importante subliñar que tan só o 11% do profesorado (2 persoas) considera que ten bastantes materiais ou recursos que lle axuden a introducir o enfoque da TpBC na impartición das súas materias.

Esta escaseza de coñecementos, materiais e recursos pode estar detrás de que tan só unha persoa recoñeza que realizou moitas iniciativas para traballar este enfoque na aula (e o 33% afirma que nunca). A esta liña apuntan as súas respostas ao preguntarlles polas necesidades que perciben para poder introducir o enfoque da TpBC con maior frecuencia nas aulas: máis formación-coñecementos e máis recursos didácticos son as opcións máis frecuentes (mencionadas por un 67% e 58% respectivamente).

Estudo sobre tecnoloxía para o ben común nas universidades

Dentro do programa que temos en marcha de Tecnoloxía Sen Fronteiras, de promoción da tecnoloxía para o ben común nas escolas técnicas das universidades públicas galegas, fixemos en 2022 unha liña de base (diagnose) para ver o grao de coñecemento e aceptación na comunidade universitaria deste enfoque da tecnoloxía. Deste xeito, poderemos ir estudando nas seguintes fases do programa en que medida vai cambiando esta percepción.

DESCARGA VERSIÓN COMPLETA

DESCARGA RESUMO

Algunhas conclusións interesantes

✓ Destaca o coñecemento sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. En relación coa temática concreta desta intervención, posición media (2,8 sobre 5), sen estar de acordo nin en desacordo coa afirmación “teño un bo coñecemento sobre a Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano e o Ben Común”.
✓ En termos xerais e exceptuando o acceso a servizos básicos, o alumnado non percibe que actualmente a tecnoloxía estea a contribuír de xeito notable ao desenvolvemento humano e sostible a nivel global.
✓ Amosa acordo coa idea de que o enfoque da Tecnoloxía para o Ben Común é necesario para a súa formación e para o seu futuro e que sería
interesante que houbese máis materias con este enfoque.

✓ Destaca o alto coñecemento sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. En relación coa Tecnoloxía para o Ben Común, posición media-baixa no grao de coñecemento (2,5 sobre 5).
✓ En termos xerais e exceptuando o acceso a servizos básicos, o Persoal Docente e Investigador (PDI) tampouco percibe que actualmente a tecnoloxía estea a contribuír de xeito notable ao desenvolvemento humano e sostible a nivel global.
✓ Amosa certo acordo coa idea de que o enfoque da Tecnoloxía para o Ben Común é necesario para o futuro profesional do seu alumnado e que este tería
interese.
✓ Manifesta certo desacordo co afirmación de que contan cos coñecementos necesarios para introducir a Tecnoloxía para o Ben Común na súa docencia.