A alma autoxestionaria de Galiza. Presente e futuro da xestión comunitaria
Sergio traenos este artigo dun tema que lle encanta, a xestión comunitaria dos bens que precisamos para a vida. Nos últimos días coincidiu a nosa participación en diversos eventos nos que a xestión comunitaria foi eixo central. Ademais, estamos deseñando un xogo de mesa sobre xestión comunitaria de montes…, algunha proba xa fixemos!
—————————————————————————————————————————–
Galiza ten unha característica que a fai diferenciarse da maioría das rexións do entorno europeo e do resto do mundo. Esa característica, ademais, veu condicionando poderosamente a paisaxe e a organización territorial dende hai varias décadas. Trátase do feito de que en Galiza, case todo o mundo ten un anaco de terra propio.
Máis aló do que legalmente podemos facer nel cando temos un anaco de terra (algunhas expertas falan de “feixes de dereitos”, feixes que poden ser máis ou menos grandes segundo nos atopemos nunha zona urbana, ou cerca a un elemento patrimonial ou un área de interese ambiental onde temos máis limitacións, ao lado dun río, etc.), o feito é que parece que posuír un anaco de terra ten un sentido espiritual e de conexión con algo que está máis aló da nosa individualidade.
Nun mundo como o actual, no que o individualismo foi gañando terreo, semella que a propiedade privada individual é o único xeito de sentir esa conexión telúrica e de ter esa potencialidade de deixar unha parte de nós na organización da paisaxe e do territorio. Tal vez o clima, a abundancia de auga ou o relevo, ou unha combinación, foron causantes de que a poboación galega estea tan dispersa (na Galiza están a metade dos núcleos de poboación do Estado Español) e se dera un reparto da terra máis amplo unha vez se foron liquidando as grandes propiedades relixiosas ou feudais, que logo co sistema de herdanzas ampliouse aínda máis. Pero xa antes de todo iso existía en Galicia outro xeito de sentirse propietaria da terra aínda máis vinculada ao territorio. Tanto, que se se abandonaba o territorio era como se se abandonara a propia terra e, polo tanto, se perdía o dereito de propiedade. É un tipo de tenza da terra que vén do dereito xermánico e que no noroeste da península Ibérica deuse en organizar con diferentes formas nas chamadas terras comunais, baldíos en Portugal e, en Galicia, os montes veciñais en man común.
Hai quen di que toda organización comunitaria autoxestionada, como os montes en man común de Galicia e máis exemplos que existiron ou existen en Galicia (as xuntas veciñais de auga, as mutuas de seguros gandeiros, as caixas rurais, as confrarías de marisqueiras ou, xa máis recentemente, as comunidades enerxéticas), xorden esencialmente pola propia necesidade de supervivencia de comunidades humanas vinculadas á terra, formadas por persoas que quedan sen auga cando tí quedas sen auga, como dí Marta Peirano. Cando corren tempos duros e non hai un estado protector nin se lle espera (ou ese estado está a outras cousas ou favorecendo outros intereses), é esa auto-organización cuasi-tribal que herdamos dende que estabamos nas árbores a que nos permite sobrevivir do que o noso entorno nos pode dar. Tampouco se trata de idealizar a xestión comunitaria, que é complexa e non exenta en absoluto de conflictos. Sobre todo tendo en conta que, ese proceso acelerado de hiper-individualización no que vivimos, nos está quitando moitas ferramentas operativas e psicolóxicas para o traballo en grupos con esta meta da xestión comunitaria. Trátase dun método de gobernanza máis, moi interesante en certos contextos e para certos recursos (a diversidade é boa para a adaptación e resiliencia dos sistemas e polo tanto para o seu mantemento, tanto se se trata de eco-sistemas como de sistemas de gobernanza).
En moitas aldeas galegas xa case se perdeu o concepto de comunidade. É curioso como, en cambio, en moitas zonas de Centroamérica e Sudamérica non se fala do concepto de “aldea”, senón de “comunidade”. Tal vez teña que ver con que na Galiza xa moita xente vive no rural, pero non do rural…
Sen embargo, nos últimos tempos parece haber un rexurdimento do orgullo da autoxestión, de ser capaces de auto-organizarse sen depender de entes lonxanos que non se sabe cando se poderá contar con eles (ou que moitas veces directamente poñen paus nas rodas nas necesidades da comunidade). Estase querendo saír da machacona dicotomía de individuo vs. estado coa que levan décadas bombardeándonos, para visibilizar ese terceiro anel da gobernanza que está entre o individual e o público, do que falaba E. Ostrom, a nobel de economía que quixo desmontar as falacias da Traxedia dos Comúns que se resumía no dito galego de “cousas do común, cousas de ningún”. Unha gobernanza equilibrada precisa un equilibrio entre eses tres aneis, e na Galiza xa hai camiño recorrido.
Hai tres expresións desta xestión comunitaria, vixentes hoxe en día na Galiza, que queremos destacar aquí, como xeito de conectar o pasado co futuro.
A primeira é a que vimos mencionando, esa modalidade de propiedade privada colectiva representada en Galicia polos Montes Veciñais en Man Común, que contan cunha lexislación propia que os protexe e lles da entidade, a pesar das vicisitudes históricas que tiveron que atravesar. A pesar desta protección legal, hai intentos dende os propios poderes públicos para convertelos en propiedade privada individual, que están sendo denunciados. En moitos casos os montes veciñais en man común, pese a ser propiedade colectiva, non se xestionan colectivamente (non é o mesmo propiedade que xestión). Isto en gran parte foi causado polas políticas públicas erráticas (cando non inexistentes) de apoio ás comunidades de montes, con axudas pouco accesibles e mal adaptadas aos distintos tipos de montes veciñais existentes. Pouco ten que ver un monte veciñal periurbano, con relevo xeneracional e moita xente comuneira, con algúns montes do interior onde apenas quedan comuneiros e son moi maiores. Se ben o réxime de propiedade é o mesmo, cada comunidade de montes é un mundo a nivel organizativo. Ese potencial para que cada comunidade poda aprobar os seus propios estatutos, sempre vinculado a que as persoas vivan no territorio (con lume e fume), ten unha enorme adaptabilidade ao territorio e as conxunturas. A Organización Galega de Montes Veciñais en Man Común agrupa a moitas destas comunidades e loita por protexer esta figura.
A segunda figura que queremos destacar son as xunta veciñais de auga. Estímase que máis de 300.000 persoas na Galiza teñen acceso á auga a través de sistemas de abastecemento que son xestionadas pola propia veciñanza, sen intervención das administracións públicas. De feito, estes abastecementos estiveron moi abandonados á súa sorte (moitos foron construídos pola veciñanza hai décadas, cos seus recursos, e sempre foron xestionados pola propia veciñanza) e, as administracións públicas (sobre todo os concellos, que por lei teñen que asegurar o abastecemento de auga a toda a veciñanza), os deixaban estar porque era menos traballo e recursos que adicar. A realidade é que, como en toda organización comunitaria, había e hai unha variedade enorme de formas de xestionar. Mentres algunhas comunidades eran exemplares, outras arrastraban graves problemas de infraestruturas en mal estado, protocolos de saúde e control moi deficientes, e outros conflitos. Quixemos destacar ás xuntas veciñais de auga como segundo exemplo esperanzador porque nos últimos anos vense dando certo acercamento negociado entre as administracións públicas e moitas xuntas veciñais. Van saíndo axudas para que as xuntas as soliciten para mellorar as infraestruturas (sempre manifestamente insuficientes, pero algo é algo) e se intervén máis nos procesos de control da calidade da auga cun enfoque máis de apoio e colaboración que de monitoreo ou control (que soe molestar moito á veciñanza, con iso de que “nunca aparecen por aquí e cando aparecen é para multar”). Destacar aquí o papel dunha asociación de Xuntas Veciñais de Auga como é COXAPO, que impulsou entre as cada vez máis xuntas de augas que se asocian a ela o apego por coñecer de onde vén a súa auga, como mellorar as infraestruturas e involucrarse na gobernanza da mesma, ademais de ser entidade de referencia para negociación coas administracións públicas.
A terceira figura a destacar son as comunidades enerxéticas. É a figura que conecta co futuro, xa que aínda que hai algúns exemplos en Galiza, queda moito que recorrer para acadar un recoñecemento social e legal. Ante o problema de acadar unha transición enerxética xusta, que impulse ás enerxías renovables de produción descentralizada, pero sen arrasar territorios ignorando ás persoas que os habitan (aos que se chaman, falando de procesos de extractivismo, territorios de sacrificio, e que operan moito nas relacións centro-periferia), as comunidades enerxéticas ofrecen moitas vantaxes no noso país. Queremos destacar tres delas. A primeira é que, en zonas con alma autoxestionaria como Galicia, serían máis sinxelo impulsar este sistema de gobernanza, podendo ademais apoiarse noutras estruturas similares xa existentes (como as comunidades de montes). Outra vantaxe é que se impulsaría, ademais da produción descentralizada, o consumo descentralizado (e o autoconsumo que, casualmente, non tivo máis que atrancos por parte das administracións públicas no seu desenvolvemento real, tal vez porque se quere gobernar a transición ás renovables cos mesmos parámetros do extractivismo enerxético liderado por grandes empresas, portas xiratorias e demais). Os sistemas de distribución teñen un impacto enorme e case sempre invisibilizado (ademais de ser unha canle máis de extractivismo periferia-centro que habería que equilibrar). A terceira vantaxe que queremos destacar aquí sería a posibilidade de que a veciñanza sexa dona da súa enerxía e se co-responsabilice colectivamente da súa produción e xestión. Un xeito de loitar contra a pobreza enerxética e de quitar poder ás grandes eléctricas que só buscan o lucro e que son realmente quen viñeron definindo a política enerxética no noso país. Hai que facer á enerxía social.
Estas tres figuras conectan ás persoas cos seus recursos, as fan máis conscientes da escaseza e dificultade de produción e manexo de bens básicos para a vida (auga, enerxía, territorio), e tamén as fan máis empáticas aos problemas que, noutras zonas do mundo, teñen as persoas con máis dificultades para acadalas. Por outra banda, xeran traballo local e fixan poboación, ademais de devolver nas persoas o orgullo de formar parte de verdadeiras comunidades, cuns lazos e inercias de traballo que facilitarán a acción colectiva ante calquera ameaza ou problema común que haxa que afrontar. A visibilización das boas prácticas neste eido e a formación de profesionais capacitadxs para impulsar, fortalecer e soster estes modelos vai ser moi importante para aproveitar estas alternativas que xa son nosas, e desterrar iso de «cousas do común, cousas de ningún».












Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!