Entradas

Novos Bancos de Reciclaxe Electrónica con Software Libre en Galicia: Ferrol e Baiona

Nas últimas semanas tivemos a boa nova de dous novos Bancos de Reciclaxe Electrónica con Software Libre en Galicia, a raíz do apoio de Enxeñería Sen Fronteiras.

Un deles, dentro do noso programa de ESF na Universidade, impulsado no campus de Ferrol co apoio de profesorado e da Oficina de Cooperación e Voluntariado. Pódese atopar no Edificio de Apoio ao Estudo (ver foto). Avenida de Vigo s/n. Campus de Esteiro. 15403. Ferrol, e o contacto de correo-e para doar equipos, ofrecerse a colaborar ou calquera outra xestión: bancoreciclaxeferrol(arroba)galicia.isf.es. Xa aparece como parte da Rede de Bancos de Galicia.

O outro ten unha característica máis especial, xa que se trata dunha iniciativa didáctica dun Banco de Reciclaxe Escolar no IES Primeiro de Marzo de Baiona, que impulsouse dentro da Fase 1 do programa Hackers Sen Fronteiras, de tecnoloxía para o ben común no ensino secundario. Esta iniciativa foi a gañadora do I concurso de propostas de tecnoloxía para o ben común en secundaria, e xa se empezou a levar a cabo. Contan mesmo cunha páxina web!

Os Bancos de Reciclaxe pretenden ser, ademais dunha iniciativa colectiva de reapropiación tecnolóxica, un xeito de acercar o académico á súa contorna social, sendo conscientes de problemáticas como a fenda dixital (que se puxo aínda máis de manifesto na pandemia), o problema do lixo de electrónico e, tamén, queremos que sexan puntos de xeneración de debate sobre Electrónica Ética.

ESF na esLibre, congreso de cultura e tecnoloxía libres

O sábado pasado tivemos delegación ESFeira por València, participando no congreso esLibre, un evento que busca a promoción das tecnoloxías e a cultura libre. Xa é a terceira vez que participamos! (as anteriores foron en Zaragoza e Vigo). O obxectivo era aportar esa compoñente máis social da tecnoloxía.

Por un lado, Thais fixo un obradoiro sobre «Recursos tecnolóxicos para a comunicación e a participación das persoas con discapacidade«. Falounos de diferentes aplicacións e programas libres que permiten mellorar as posibilidades de comunicación de aquelas persoas que, pola súa situación de saúde, atopan algunhas dificultades para elo. Como ela di, a tecnoloxía debe apoiar e axudar a todas as persoas, sendo, neste caso, un recurso facilitador de los procesos de comunicación. Pero por desgraza, non sempre e así, e estas persoas atópanse con un montón de barreiras no seu día a día.

Jorge tamén deu unha charla sobre «Accesibilidade con Tecnoloxías Libres«, facéndonos un repaso aos proxectos máis interesantes que trataron nos programas do podcast que organiza xunto a outra xente.

No caso da charla sobre o «Papel das tecnoloxías libres para reducir o impacto social e ético«, Jorge e Jose falaron de conceptos como o dereito a reparar, comentando as distintas barreiras existentes para que este dereito sexa real (económicas, falta de repostos, a compoñente social de considerar de «segunda» empregar cousas de segunda man ou con sinais de uso, etc.), e a electrónica ética (con todo o impacto que os nosos aparellos teñen no Sur global durante todo o proceso de fabricación), relacionando estes conceptos coas tecnoloxías libres e da importancia do papel positivo que desempeñan. Falaron tamén de que cando falamos de tecnoloxías libres debemos ter en conta todo o proceso de produción, especialmente no caso do harware, xa que non se pode considerar «libre» un aparello que contén minerais extraídos en condicións de escravitude. Tamén deron unha serie de recomendacións de como contribuír de forma individual a reducir este impacto: alongar, reparar, reutilizar, reciclar, formarse e participar! Mención destacable merece a performance do noso cómico de confianza, Jorge Lama, no emprego do sombreiro para interpretar un dobre personaxe. Ao máis puro estilo Clark Kent con e sen gafas. Aquí deixamos a presentación (versión en galego) que empregaron, á espera de ter os vídeos das intervencións.

Entre charla e charla tamén tiveron tempo de coñecer en persoa á xente de Restarters València e a labor que fan coas súas Restart Parties promovendo o dereito a reparar e a electrónica ética (bueno, entre charla e charla… e pola noite Valencià!)

Sempre é unha boa experiencia pasarse por estes espazos nos que compartir experiencias e ideas, e dos que sempre sae algo interesante!

Boletín Oficial ESFeiro: xuño 2023

Pódese escoitar a versión sonora deste boletín en conxunto coa do mes de xullo neste enlace.

CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Mozambique
  • Enlaces de interese
  • Recomendación artística
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

    Este mes, por segundo ano consecutivo, tivemos a sorte de participar na Asemblea da Asociación de Profesorado de Tecnoloxía de Galicia (cun obradoiro de licenzas libres e bancos de reciclaxe con software libre para impulsar nos institutos, e un pequeno espazo na Asemblea Xeral para presentarnos e falar do programa Hackers Sen Fronteiras). 

    Fixemos un faladoiro na Escola de Minas e Enerxía da UVigo para que Xoel, participante no Programa de Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras Realidades en 2021 e estudante desa escola, contara a súa experiencia.

    Participamos nas sesións de Vigo e A Coruña da Semana da Cooperación Universitaria, nas mesas de Alianzas ONG-Universidade e de Persoas na Cooperación respectivamente.

    A actividade dos Bancos de Reciclaxe con Software Libre seguiu nos locais semana a semana, pero ademais estiveron 2 representantes nada menos que no congreso EsLibre en Zaragoza, falando desta iniciativa. A finais de mes tiveron tempo de organizar a terceira das xornadas do curso de Autodefensa Dixital que se leva a cabo na Domus da Coruña. Esta vez falaron do Fediverso e as redes sociais federadas como Mastodon, como alternativa a twitter (e a outras manexadas polas grandes multinacionais tecnolóxicas que comercian cos nosos datos persoais). Aquí podes ver a presentación utilizada.

    Xa rematando o curso, aínda houbo movemento no programa Hackers Sen Fronteiras de tecnoloxía para o ben común nos instis de secundaria. Houbo un par de obradoiros para 3º da ESO do IES Curtis sobre cacharreo con computadoras (a xente dos bancos de reciclaxe non para!), así como outro de tecnoloxía inclusiva para persoas con problemas de mobilidade no IES Isaac Díaz Pardo de Sada.

    Incluso tivemos ocasión de participar na mesa redonda en liña de Conectividade Global Efectiva, organizada pola Asociación de Enxeñería de Telecomunicacións de Galicia, onde falamos sobre como poñemos en ESF as TIC ao servizo de ben común. Aquí a podes ver!

    Quedounos aínda tempo para proñoñer en redes sociais unha pequena adiviña tecnolóxica que agora tamén deixamos aquí. Ademais, deixamos unha reflexión polo Día do Comercio Xusto, un deses que deberían durar todo o ano…


HONDURAS

   En Honduras estívose presentando o traballo de CODDEFFAGOLF nos proxectos que ten en marcha no Municipio de Marcovia, como parte da coordinación que é importante facer coas administracións públicas locais nos proxectos de cooperación. Ademais, hubo o II Foro comunitario “Cambio Climático con enfoque al manejo de cuencas hidrográficas», impulsado tamén por CODDEFFAGOLF.

   Rematouse o proxecto coa Deputación da Coruña, do que pronto deixaremos un resumo, pero aquí vai un adianto.

  Traballouse arreo para preparar o deseño de dous proxectos que se presentan a principios de xuño para ser financiados á Cooperación Galega da Xunta de Galicia e a Agencia Española de Cooperación, nos dous programas que temos en marcha no país: Dereito á Auga e Soberanía Alimentaria. Aquí se pode ver o traballo cun caso concreto dunha aldea (Tres Piedras) cuxo abastecemento de auga se incĺúe nos proxectos (con video incluido!). Cruzamos os dedos!


MOZAMBIQUE

En Mozambique, todo está preparado para que o domingo 4 de xuño chegue a Galicia a visita de Lizete Dias, Xefa del Departamento Recursos Hídricos e Ernesto Tivane, técnico Recursos Hídricos, da Administraçao Regional das Águas do Sul de Moçambique (un dos socios máis antiguos do programa). Estarán toda unha semana visitando distintos proxectos e facendo encontros técnicos con persoas de Augas de Galicia, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Consellería de Infraestruturas, Cooperación Galega da Xunta de Galicia, da Universidade da Coruña e, como non, coa nosa base social. Aquí se pode ver a axenda completa.

   Por outra banda, pronto teremos ademais dispoñible unha clarificadora infografía sobre o que estamos a facer, dentro da campaña que impulsaremos para visibilizar o traballo de Aqua Moz todos estes anos.


ENLACES DE INTERESE

Auga

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Pobreza e exclusión

Políticas e modelos de desenvolvemento

Soberanía alimentaria e defensa do territorio

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano

Voluntariado e Persoas


RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA

    Imos recomendar este mes a performance da artista hondureña Scarlett Rovelaz, Fluidez-Thyssen. Vaina interpretar o 28 de xuño no Museo Thyssen, que nos queda algo a desmán, pero que tal vez alguén de vós vos cooincida estar por alí… Seguro que paga a pena!


E NO PRÓXIMO MES …

   Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia  consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD


A ESF-RASE DO MES

Os meus silencios non me protexeran. O teu silencio non te protexerá

Audre Lorde