Posts

Crónica da V Xornada de Tecnoloxía para o Ben Común

O venres 15 de novembro de 2024 tivo lugar na Escola Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña a V Xornada de Tecnoloxia para o Ben Común (TpBC). Reuníronse nela máis de 30 persoas entre profesores e investigadores das tres Universidades galegas e representantes das ONGs colaboradoras coa rede Artigo9Tech

Aquí se pode ver un resumo da xornada.

Crónicas de Honduras: Martina IV

Aínda lles quedan uns días no país antes de volver ás tres participantes no Programa de Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras Realidades (PCR) deste 2024. Martina, que viaxou coa bolsa da Universidade de Vigo de mobilidade para estudantes para participar en proxectos e accións de cooperación ao desenvolvemento no curso 2023/2024, traenos a que, posiblemente, sexa a súa crónica máis persoal dende que está aló.


Hoxe vou soltar unhas reflexións, que poden ser acertadas ou non, pero que eu sinto así. Podemos platicar largo e tendido sobre elas cando volte, que me encanta barallar a cabeza discutindo sobre o que sexa 😉


Por aquí a comida non é a máis saudable. A materia prima pode que si, se o animal ou planta foi coidado debidamente, pero á hora de cociñar todo ten moito aceite e sal. Ao principio chocounos, pero ten sentido, porque deste xeito a comida consérvase máis tempo e tamén aporta máis calorías, que se traduce en enerxía. Quitando a froita penso que comer sano (o que eu considero sano) aquí é pra quen teña solvencia económica, e polo menos no sur, non me parece que a teñan a maioría das persoas. Pero prima comer e non hai opción nen solución a preocuparse dos efectos que pode ter a longo plazo esa dieta. E o mesmo ocorre coa auga. Pénsase en hidratarse e non nos microplásticos que inxires ao beber de bolsas de auga que no transporte sabes que viñeron ao sol, coa consecuente degradación do material, nen nos danos de tomar Coca-Cola ou semellantes todos os días. Hai outras prioridades. Tamén outras realidades dentro do mesmo lugar. Eu falo do pouco que coñezo.


A relixión maioritaria por esta zona é a católica. Tamén están a evanxélica e outras ramas do cristianismo. Vivimos preto dunha igrexa, e algún domingo que quedamos en San Lorenzo tócanos escoitar a misa que retransmiten con altofalantes. O domingo pasado, mentres ía buscar unhas baleadas antes de irnos de ruta, escoitábase un sermón sobre a importancia de respetar ao próximo. Eu non creo nas relixións pero pareceume bo tema, un básico que debería cumplir calquera. Pois ben, pasando polo lado duns homes que andaban a cargar un camión, onde ben se escoitaba o discurso eclesiástico, dinlles os bos días e tempo lles faltou para botarme unha sarta de piropos ben irrespetuosos. Que incongruencia. Ou será que quizáis non aplica ás mulleres. Ás veces danse sermóns dentro de locais a pé da rúa, tamén con altofalantes. Da medo escoitar ao predicador decir a que partido teñen que votar. Cero pensamento crítico. Fixeime tamén que neses grupos predominan ou totalizan os homes. Espazos onde non se vai reflexionar sobre as liberdades e os dereitos das mulleres. Somos unha ferramenta máis para criar e servir. Canto menos falemos, mellor. Canto menos saibamos, mellor. Aquí o machismo anda moi incrustado e a relixión xoga un papel fundamental en que siga sendo así. É a miña opinión en base ao que vexo e escoito.


O sistema está apodrentado. Falo dende Honduras pero podería aplicarse a: calquera país? Continuando coa anestesia ao pensamento crítico, un compañeiro hondureño contoume que tamén se están cargando o sistema educativo. Que ve nos seus primos pequenos que xa non lles ensinan todo o que a el nos seus tempos. Que non coñecen literatura hondureña. Todo yankee. É tan necesario formar persoas en vez de autómatas ou man de obra… “Por que non podemos estudar euskera en Galicia, pero sí francés ou inglés?” reflexionoume Sandra onte, con toda a razón. Porque valoramos máis o que nos ven de fóra. Que si, que son idiomas máis extendidos e poden abrir portas no mundo laboral e persoal, pero creo que se me entende. E queremos, ou fannos crer que queremos, coñecer as tendencias de moda en París, as novas tecnoloxías de EEUU, comer burrata porque está de moda e ver outra tempada do reality show no Caribe. Pero logo non queremos saber o impacto medioambiental ou violación dos DDHH que pode ter tal cadea de roupa e a extracción das materias primas para os novos dispositivos, as condicións das vacas que fan o leite da burrata ou os desplazamentos das persoas que vivían nesas illas. Danos igual porque non pensamos. Por favor, pensemos. O sistema movémolo nós. Somos os consumidores finais, aceptemos a responsabilidade que nos toca

Crónicas dende Honduras 2024: Martina 1

Xa chegaron a Honduras Martina e Sandra, as dúas primeiras participantes do noso Programa de Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras Realidades (PCR). Irannos contando as súas experiencias en pequenas crónicas. Aquí deixamos a primeira de Martina, que viaxa co noso programa de Tecnoloxía para o Ben Común na Universidade, e co apoio dunha bolsa da Universidade de Vigo de mobilidade para estudantes para participar en proxectos e accións de cooperación ao desenvolvemento no curso 2023/2024.

———————————————————————–
Xa estamos en Honduras!!

Despois de meses de preparativos e formacións nos que víamos super lonxe a viaxe, como se nunca fose acontecer, de súpeto chegou o día, agarramos as maletas e alá nos fomos.

Chegamos o xoves 3 de xullo a Comayagua, onde Sandra, técnica de proxecto de ESF en Honduras xa nos estaba esperando. Fixemos noite alí e ao día seguinte puxémonos camiño a San Lorenzo, municipio do sur de Honduras dentro do Golfo de Fonseca, lugar que será o noso fogar nos vindeiros meses.

Estes primeiros días foron canto menos intensos. Polo de agora estou levando ben a calor húmeda deste clima tropical seco, bebendo moita auga, comendo moita froita, ben de crema de sol e gorra, e escapándolle ao sol na calle así que vemos algunha zona de sombra. E polo de agora non tiven moito problema cos zancudos, como lle chaman aquí aos mosquitos, pero o dito, levamos pouquiños días e seguro que nas saídas a campo vai cambiar o conto. Vivimos tamén a primeira tormenta tropical onte a tarde, onde parecía que ía caer o ceo de tanto chover e os tronos metíanselle a un no corpo, pero así como chegou marchou. Faime moita gracia que chova todos os días á mesma hora, está xenial para facer a colada jejeje

Despois duns días aclimatándonos a este novo lugar xa probamos as famosas baleadas, tan recomendadas polas PCR do ano pasado (moitas gracias Celia e Sofía!) que son tortillas de millo nas que extenden unha capa frijoles machacados e sobre ela poñen o que queiras, no noso caso sendo vexetarianas levaban plátano frito e queixos, pero habémolas probar tamén con aguacate e ovo revolto, que cos nervios das primeiras interaccións non nos decatamos de todo canto había para poñerlle.

Quizáis o que máis nos chocou a ámbalas dúas foi a cultura do piropo. Os primeiros días de paseo polas rúas foron duros, voltabamos bastante tensas ao apartamento. Está moi normalizado que os homes solten piropos de todo tipo, e ata pitidos dende coches e motos, e pese a que as rapazas e mulleres catrachas (hondureñas) coas que o comentamos dixéronnos que é o normal, creo que é algo ao que nunca nos habituaremos.

O luns presentámonos a CODDEFFAGOLF, unha das copartes coa que ESF traballa en Honduras e con quenes faremos a maioría das actividades. Paréceme incrible coñecer á xente que está detrás dos proxectos que ata agora lía no Boletín Esfeiro.

O mércores fixemos a primeira incursión a terreo, visitando a comunidade de Sartenejal para ver os avances na obra do tanque de auga (na foto de portada vese a zona do tanque e por onde baixarán tubaxes) e coñecer parte do persoal técnico de NASMAR (outra das copartes) que estaba realizando formación en estación total na zona. Con este aparello miden ángulos, distancias e coordenadas e con el crean os mapas que logo se empregarán no deseño da colocación das vías que levarán a auga dende o tanque ata as vivendas. Tamén tivemos a sorte de coñecer a doña Jacoba, a presidenta da xunta de auga de Sartenejal. Ela contounos o traballo que foi sacar adiante este proxecto de auga, pois xa levan nas costas uns vinte anos de esforzos buscando financiamento da municipalidade, na que os fondos anuais que teñen para invertir nestos temas son moi reducidos, e de concienciación na veciñanza sobre a importancia de poñerse de acordo para loitar xuntxs para ter máis voz. Ata o de agora abastécense de auga mercada que lles consume prácticamente a metade dos seus ingresos mensuais e tamén de auga de pozos artesanais, que teñen pouca profundidade e polo clima desta zona están secos uns seis meses ao ano. Unha situación insostible. Contounos que sobre o 2017 conseguiron reunir fondos para furar un pozo, pero ao non ter a infraestructura de bombeo, almacenamento e distribución, que precisaba unha maior inversión, tiveron que sellar o pozo. Nos últimos anos coñeceron a NASMAR que, co apoio de ESF e o financiamento de AECID, comezou este proxecto para crear un tanque de auga no que almacenar a auga extraída por bombeo do pozo e que por gravedade leve auga a cada vivenda.

Ata a seguinte crónica!

Novos Bancos de Reciclaxe Electrónica con Software Libre en Galicia: Ferrol e Baiona

Nas últimas semanas tivemos a boa nova de dous novos Bancos de Reciclaxe Electrónica con Software Libre en Galicia, a raíz do apoio de Enxeñería Sen Fronteiras.

Un deles, dentro do noso programa de ESF na Universidade, impulsado no campus de Ferrol co apoio de profesorado e da Oficina de Cooperación e Voluntariado. Pódese atopar no Edificio de Apoio ao Estudo (ver foto). Avenida de Vigo s/n. Campus de Esteiro. 15403. Ferrol, e o contacto de correo-e para doar equipos, ofrecerse a colaborar ou calquera outra xestión: bancoreciclaxeferrol(arroba)galicia.isf.es. Xa aparece como parte da Rede de Bancos de Galicia.

O outro ten unha característica máis especial, xa que se trata dunha iniciativa didáctica dun Banco de Reciclaxe Escolar no IES Primeiro de Marzo de Baiona, que impulsouse dentro da Fase 1 do programa Hackers Sen Fronteiras, de tecnoloxía para o ben común no ensino secundario. Esta iniciativa foi a gañadora do I concurso de propostas de tecnoloxía para o ben común en secundaria, e xa se empezou a levar a cabo. Contan mesmo cunha páxina web!

Os Bancos de Reciclaxe pretenden ser, ademais dunha iniciativa colectiva de reapropiación tecnolóxica, un xeito de acercar o académico á súa contorna social, sendo conscientes de problemáticas como a fenda dixital (que se puxo aínda máis de manifesto na pandemia), o problema do lixo de electrónico e, tamén, queremos que sexan puntos de xeneración de debate sobre Electrónica Ética.

ESF na Atlantica Conf 2023. Acercando a tecnoloxía para o ben común á comunidade tecnolóxica galega

Na edición 2023 da Atlantica Conf, que busca ser punto de encontro da comunidade tecnolóxica galega, tivemos ocasión de realizar tres actividades de distintos temas nos que traballamos en ESF, sempre na liña de poñer a tecnoloxía ao servizo do ben común e os dereitos humanos.

O venres 22 de setembro presentouse a Rede de Bancos de Reciclaxe Electrónica con Software Libre de Galicia, con Jorge Lama, Jose González e Iván Touris, tendo despois unha reunión do grupo de Bancos (onde estiveron outrxs voluntarixs dos Bancos como Paula, David, Sergio e Manuel) e se falou de:

Algúns temas que se tocaron:

  • Repaso de actividades da rede de bancos de reciclaxe electrónico de Galicia
  • Educación e tecnoloxía
  • Alternativas aos ChromeBooks
  • Que se pode facer cun ordenador vello?
  • Obsolescencia programada
  • Dereito a reparar
  • Risas e anécdotas…

O sábado 23 pola tarde estivo Thais Pousada, de ESF e o grupo Talionis da Universidade da Coruña, falando de Tecnoloxías para o ben común e a inclusión. Xenerou nas asistentes esa inquietude de como poñer a tecnoloxía ao servizo dos coidados e falou de proxectos chulos como VisualTech, plataforma para mapeo de produtos de apoio de baixo custo. Podedes ver a súa intervención (son 7 minutiños, pero que dan para moito) aquí.

O sábado 23, a continuación da anterior, Loisa Lariño e Adrián Eiris presentaron o Visor dos sistemas municipais de abastecemento de auga en Galicia. Falaron da parte técnica do visor, pero tamén do utópico que resulta aínda falar de datos públicos abertos nas administracións e os atrancos atopados na realización deste traballo inxente, realizado case por completo por persoas voluntarias. Aquí se poden coñecer detalles do visor e fedellar con el.

Visor dos sistemas municipais de abastecemento de auga en Galicia

Este visor cartográfico, en permanente actualización e corrección, vén suplir a falta de información pública e accesible en Galicia sobre os sistemas de abastecemento municipais de auga potable. Foi feito en colaboración de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia, Ecoloxistas en Acción e o Laboratorio de Enxeñería Cartográfica da Universidade da Coruña.

Nel pódese consultar en formato de Sistema de Información Xeográfica o número de sistemas de abastecemento municipais que existen en cada concello e cómo se xestionan actualmente (público ou privado a través de concesión a empresa). Fornécese ademáis información sobre o volume de auga suministrado, que se contrasta co volume facturado polo Concello para obter un ratio de perdas no sistema, e tamén sobre os custos económicos para o Concello e consumidores. Toda a información para a realización do visor foi obtida con datos proporcionados polos concellos galegos.

Metodoloxía

Os concellos nos que non aparecen datos son dos que non se obtivo información a pesares de solicitala, xa que a partir de traballo de persoas voluntarias de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia e Ecoloxistas en Acción se fixeron solicitudes en cada un dos rexistros telemáticos dos concellos galegos, un por un. Foise levando un rexistro das solicitudes realizadas, con número de expediente e data de presentación.

Nunha primeira etapa, tras esa solicitude directa en cada rexistro telemático municipal, só uns 20 concellos contestaron enviando os datos solicitados. Entón se realizou unha queixa á Valedoría do Pobo indicando os concellos que non contestaron pasados 4 meses. A partir dese momento foi cando se empezaron a obter máis respostas. Estas respostas os concellos as enviaban tanto vía email, como a través da Valedoría do Pobo ou no Notifica.gal. Nalgúns casos (en torno aos 20) indicaban que non lles constaba a solicitude, obrigándonos a enviarlles datos do expediente e data de presentación (o cal fainos resaltar como moitos concellos non teñen ben estruturada o subministro de información pública, sexa por falta de persoal, de protocolos axeitados ou simplemente por desidia). Nalgúns casos aínda se están enviando estes datos por non dar abasto, xa que se trata de traballo voluntario, non se contou con financiación para este traballo excepto un pequeno monto para desenvolver o Visor.

Aquí se pode coñecer máis sobre obstáculos atopados, ferramentas e aplicacións empregadas ou máis detalles de xestión dos datos.

Se se desexan os datos en bruto, pódense solicitar ao correo-e de contacto

Propostas de futuro

  • Realización de estudos e comparativas (empregando tamén a variable xeográfica)
  • Proposta de mantemento e actualización do sistema de información a nivel técnico e de gobernanza (como e quen manterá os datos e o sistema actualizado?). Opción de sistema online participativo empregando ferramentas como EMAPIC ou similares.
  • Ampliación do proxecto para incluir en cada concello o resto de sistemas de abastecemento existentes (probablemente traballando por número de persoas atendidas ou por % da poboación, que pode ser maior do 100% ao ser bastante habitual aldeas que conten con máis dun sistema de abastecemento, por exemplo veciñal e municipal). Para isto, a intención sería difundir o proxecto no territorio, para por unha banda crear incidencia social e por outra que a plataforma sexa un sistema vivo que permita achegas de todo o mundo, con validación posterior dos datos.
  • Afondamento en indicadores de aseguramento do Dereito Humano á Auga, tanto en concellos ou grupos de concellos, como a nivel de toda Galicia (en particular os que teñen que ver con acceso a información pública, a pobreza hídrica e a gobernanza).

NOVO PROXECTO: Tecnoloxía ao servizo do ben común, da cidadanía global e da inclusión nas escolas técnicas da universidade galega. Fase 2

Durante os seus xa 30 anos de historia, Enxeñería Sen Fronteiras veu traballando no cumprimento dunha das súas liñas de traballo fundamentais: a creación dunha cidadanía crítica, facendo especial énfase no uso da tecnoloxía para o desenvolvemento humano e o ben común. O concepto de “Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano” (ou para o ben común e a emancipación, como vimos denominándoo ultimamente), parte de cuestionar o uso histórico da tecnoloxía e apostar por unha tecnoloxía participativa e non excluínte que permita lograr a equidade e a xustiza social cun enfoque de ben común.

Con este proxecto preténdese continuar o traballo no Programa Tecnoloxía Sen Fronteiras de promoción e visibilización da tecnoloxía para o ben común nas universidades públicas galegas (chamámolo agarimosamente ESF na Uni) que ESF Galicia comenzou a traballar da rede de profesorado Artigo9Tech en 2020. Nesta segunda fase se incorpora como membro do consorcio Arquitectura Sen Fronteiras (ASF), a outra ONGD especializada no eido tecnolóxico e vinculada á universidade (que, xunto con ESF, foi tamén impulsora da rede Artigo9Tech cando empezou a crearse en 2019). Terá tamén financiación da Cooperación Galega da Xunta de Galicia, que se resolveu hai poucos días, se ben xa se leva desde xaneiro realizando actividades neste programa.


O eixo de traballo será, pois a promoción da tecnoloxía para o ben común na docencia, investigación e activismo da comunidade educativa universitaria galega de base tecnolóxica. Este traballo segue a ser moi pertinente e queda moita marxe de mellora, como amosa a liña de base levantada na fase 1.

Continuaremos polo tanto coas dúas grandes liñas de traballo segundo o grupo de persoas da comunidade universitaria destinatarias ou protagonistas:

  • Liña alumnado, para promover un alumnado crítico e mobilizado, que poida participar máis aló das accións académicas formais e se involucre dende a súa época universitaria na transformación social, xa sexa a través de ESF, ASF ou doutras organizacións, pero sempre cun enfoque de voluntariado transformador. Se se consegue alumnado implicado e sensibilizado coa cidadanía global e o ben común, no seu día a día futuro (tanto persoal como profesional) tamén poderán ser axentes de transformación. Nesta liña se realizarán faladoiros en todas as escolas técnicas galegas, o programa “Abrindo as fiestras” (na fase 1 chamado “Fora da aula!”) para impulsar accións que unan actividades docentes con servizo social (apoiando elaboración de material), a participación no Programa de voluntariado internacional de Coñecemento doutras Realidades de ESF (a edición 2023 xa rematou coa estancia, dentro deste proxecto, de Juan) e apoio ao Premio Enxeñería Solidaria a TFM/TFG.
  • Liña PDI/PAS. É moi importante tanto pola súa acción institucional para incluír no día a día da universidade ese enfoque de cidadanía global, como pola compoñente investigadora que desenvolve o PDI (e que poidan enfocala cara a tecnoloxía para o ben común). Tamén por ser o PDI multiplicador cara o alumnado de coñecementos, habilidades e actitudes que poden fortalecer e poñer o foco nos dereitos humanos e o ben común. Nesta liña impulsaranse encontros de PDI/PAS que fortalecerán a rede Artigo9Tech, o programa de mulleres tecnólogas, o programa de investigacións enfocadas á tecnoloxía para o ben común (que funcionou moi ben na fase 1), así como impulsar exemplos de visibilización e comunicación de enfoques didácticos e investigadores participativos co programa “Fóra do despacho!” ou, xa algo máis ambicioso (que ademais pode darlle solidez e sustentabilidade ao grupo Artigo9Tech). Tamén se pretende, tralo estudo de viabilidade realizado na fase 1, pasar xa ao deseño dun Mestrado Interuniversitario de Tecnoloxía para a Innovación Social e a Sustentabilidade (quen sabe se algún día se poderá poñer en marcha algo así no SUG). Quérese incluir tamén como compromiso de mellora na coherencia institucional da universidade, a elaboración dun estudo sobre as cátedras empresariais existentes na universidade e outras colaboracións con empresas, para que a universidade tamén poida influir na mellora das prácticas das empresas coas que colabora e non se quede só en colaboración para facer Academic Washing a empresas que queren lavado de cara pero as súas prácticas no eido da tecnoloxía para o ben común deixan moito que desexar.

Cabe mencionar o enfoque de xénero que se pretende incluír neste proxecto, o cal nun eido como o tecnocientífico ten unha importancia (e dificultade) especial, tanto na participación, como na co-responsabilidade do proxecto, como no comité de seguimento e as accións concretas. ESF e ASF pretenden coas súas actividades a xeración dunha cidadanía global crítica e comprometida coa loita contra a pobreza a través da Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano, para o cal terá en todas elas un protagonismo destacado o voluntariado, como co-responsable do seu deseño, execución, seguimento e avaliación, tendo persoas colaboradoras dentro do alumnado e tamén dentro de PDI/PAS na propia rede Artigo9Tech que facilitarán o traballo de transformación da universidade “dende dentro”.

Para a difusión empregaranse sobre todo canles 2.0 e a través da comunidade de ASF, ESF e do grupo Artigo9Tech (e das organizacións coas que se vaia colaborando en cada actividade), así como tratando de potenciar as áreas de sistematización de experiencias e tamén a de comunicación en medios convencionais, e por suposto nos máis académicos apoiados no concepto de Open Access ou Acceso Aberto ou Libre (para visibilizar neles tamén a acción de Artigo9Tech con ese enfoque de tecnoloxía para o ben común).

Levantarase unha liña de base específica nun centro concreto (a Escola de Arquitectura da UDC), polo desexo de ASF de afondar no traballo no que é o seu centro de referencia, de xeito que permitirá deseñar unha metodoloxía específica de estudo adaptada a cada centro. Servirá para coñecer a situación do centro con respecto á tecnoloxía para o ben común e o dereito ao hábitat no seu desempeño organizativo, docente e de investigación. Así, se poderá aplicar en fases posteriores ir vendo as necesidades, apertura e posibilidades concretas de introdución deste enfoque alternativo da tecnoloxía para o ben común e os dereitos humanos escola por escola.

FICHA DO PROXECTO

Título: NOVO PROXECTO: Tecnoloxía ao servizo do ben común, da cidadanía global e da inclusión nas escolas técnicas da universidade galega. Fase 2

Data execución: xaneiro 2023 a novembro 2024

Financiador: Xunta de Galicia, Cooperación Galega

Orzamento: 55.150 €


Crónica visita ARA Sul Mozambique a Galicia

A principios do mes de xuño tivemos a visita de dúas persoas da Administração Rexional de Aguas do Sul de Mozambique (ARA Sul), organismo homologo a Augas de Galicia (AdG) no país africano e socio principal do proxecto.


Entre o 4 o 10 de Junio, Lizete Dias, xefa do departamento de Recursos Hídricos e membro do consello de dirección da ARA Sul, e Ernesto Tivane, enxeñeiro especialista en hidroloxía, realizaron diferentes sesións de traballo e visitas técnicas co obxectivo de coñecer o modelo de xestión dos recursos hídricos en Galicia e poñer en común os principais retos con responsables, técnicos e investigadores galegos.


A primeira xornada tivo un carácter institucional e comezou en Santiago de Compostela cunha reunión coa dirección e a xerencia de Augas de Galicia (AdG) na que se puxo en común a problemática relacionada coa xestión dos recursos en Galicia e en Mozambique. A xornada continuou cun encontro institucional no que participaron o presidente de ESF Marc Romero, e altos cargos dos departamentos da Xunta de Galicia involucrados no proxecto como o vicepresidente segundo Diego Calvo, e a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, xunto co director xeral de Relacións Exteriores, Jesús Gamallo, e a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, que puideron coñecer de primeira man o enfoque e os avances e resultados do proxecto.
Despois destas primeiras reunións a vista centrouse en sesións técnicas de traballo orientadas ao coñecemento e intercambio de experiencias vinculadas a (i) a actual liña de traballo de vixilancia e xestión da seca e (ii) a outras/potenciais áreas de interese nas que colaborar.


Para iso, a primeira xornada completouse cunha reunión con responsables da Secretaría Xeral de AdG centrada en temas xurídicos, rendición de contas e en cuestións de organización interna. O martes focalizouse na xestión do dominio público hidráulico, compartindo experiencias sobre a estrutura, o funcionamento e os desafíos da devandita área tanto en Galicia como en Mozambique. Durante a segunda parte do día desenvolvéronse reunións relacionadas coa Planificación Hidrolóxica, a planificación e xestión de secas e inundacións, así como a vixilancia de bacías e o control da calidade da auga e de vertidos. Durante os intercambios, e a pesar das diferenzas entre as “realidades” galega e mozambicana en canto a medios e necesidades de xestión (alí o territorio, as bacías, os encoros, os eventos extremos e a vulnerabilidade da poboación son moito maiores), púidose comprobar como en moitos casos os casos os enfoques para afrontar os diferentes desafíos por parte do ARA Sul e de AdG son comúns.


Despois dun encontro informal na tarde do martes con xente de Enxeñería sen Fronteiras, o mércores comezou cunha sesión de traballo en Augas de Galicia na que se expuxo o sistema de tributación en materia de augas en Galicia, un asunto de especial interese en Mozambique onde actualmente están a estudar a implementación de diferentes tributos relacionados coa recuperación de custos. Despois realizouse unha visita á Escola de Enxeñería de Camiños da Universidade de Coruña, na que despois de visitar o Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil (CITEEC) realizouse un sesión técnica na o que se presentou o caso de estudo “Modelización numérica e análise das inundacións de febreiro de 2023 na conca do Umbeluzi (Mozambique)” desenvolto polo GEAMA en colaboración co proxecto e que serve como exemplo de utilización basees de datos e ferramentas libres, como o IBER, para a mellora da xestión dos recursos hídricos nunha administración da auga mozambicana.

O xoves pola mañá realizouse unha saída dá campo para coñecer o contexto da xestión da auga no ámbito rural. Os compañeiros de Mozambique visitaron a representantes dunha comunidade de usuarios da auga de Negreira, e coñeceron de primeira man o seu funcionamento e infraestruturas, así como a evolución e os desafíos deste tipo de sistemas de abastecemento. Acompañados por un garda fluvial de Augas de Galicia, a mañá completouse cun percorrido por zonas representativas de actuacións de conservación fluvial. Pola tarde visitouse a Confederación hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) en Ourense co fin de coñecer in situ a utilidade do sistema de automático de información hidrolóxica e de calidade das augas, así como os principais desafíos relacionados coa súa posta en marcha e operación. A xornada completouse cunha visita a unha estación de control no río Miño na o que se destacaron as leccións aprendidas da operación e mantemento deste tipo de sistemas.

O último día centrouse na xestión de encoros. Pola mañá realizouse unha sesión de traballo en Augas de Galicia centrada na supervisión e a xestión de encoros, e despois visitouse o encoro de Caldas onde os responsables técnicos de xestión do encoro puideron compartir cos colegas de Mozambique as ferramentas e os sistemas para a vixilancia e xestión do encoro. Despois regresouse a Santiago onde se realizou unha última reunión coa dirección de Augas de Galicia despois da cal deuse por finalizada a visita.

Durante a reunión final de avaliación destacou a cantidade de retos e desafíos comúns que deben afrontar Augas de Galicia e o ARA Sur en relación á xestión integral de recursos hídricos, os cales, a pesar das xa mencionadas diferenzas, son abordados partindo de principios de xestión comúns e, en moitas ocasións, de marcos legais e institucionais similares.

Estudo sobre tecnoloxía para o ben común nas universidades

Dentro do programa que temos en marcha de Tecnoloxía Sen Fronteiras, de promoción da tecnoloxía para o ben común nas escolas técnicas das universidades públicas galegas, fixemos en 2022 unha liña de base (diagnose) para ver o grao de coñecemento e aceptación na comunidade universitaria deste enfoque da tecnoloxía. Deste xeito, poderemos ir estudando nas seguintes fases do programa en que medida vai cambiando esta percepción.

DESCARGA VERSIÓN COMPLETA

DESCARGA RESUMO

Algunhas conclusións interesantes

✓ Destaca o coñecemento sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. En relación coa temática concreta desta intervención, posición media (2,8 sobre 5), sen estar de acordo nin en desacordo coa afirmación “teño un bo coñecemento sobre a Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano e o Ben Común”.
✓ En termos xerais e exceptuando o acceso a servizos básicos, o alumnado non percibe que actualmente a tecnoloxía estea a contribuír de xeito notable ao desenvolvemento humano e sostible a nivel global.
✓ Amosa acordo coa idea de que o enfoque da Tecnoloxía para o Ben Común é necesario para a súa formación e para o seu futuro e que sería
interesante que houbese máis materias con este enfoque.

✓ Destaca o alto coñecemento sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. En relación coa Tecnoloxía para o Ben Común, posición media-baixa no grao de coñecemento (2,5 sobre 5).
✓ En termos xerais e exceptuando o acceso a servizos básicos, o Persoal Docente e Investigador (PDI) tampouco percibe que actualmente a tecnoloxía estea a contribuír de xeito notable ao desenvolvemento humano e sostible a nivel global.
✓ Amosa certo acordo coa idea de que o enfoque da Tecnoloxía para o Ben Común é necesario para o futuro profesional do seu alumnado e que este tería
interese.
✓ Manifesta certo desacordo co afirmación de que contan cos coñecementos necesarios para introducir a Tecnoloxía para o Ben Común na súa docencia.

Proxecto ATOPA-Convivencia nas aulas

Chega o 4º e derradeiro post dos proxectos financiados a cargo do “Programa de Impulso á Investigación Universitaria en Tecnoloxías para o Ben Común“, financiada por Cooperación Galega da Xunta de Galicia e organizada pola red de profesorado universitario Artigo9Tech e Enxeñería Sen Fronteiras.

Desta volta presentamos o proxecto ATOPA, a través da doutora Cristina López, a súa reponsable.

———————————————

O principal obxectivo do proxecto ATOPA e mellorar a convivencia nas aulas. Un bo clima de aula facilita a aprendizaxe, contribúe ao desenvolvemento persoal e social de nenos e nenas, e constitúe unha importante medida para a prevención do acoso.

O primeiro paso para lograr este obxectivo é “atopar” as posibles fontes de conflito (nenos e nenas illados ou rexeitados polos seus compañeiros, con baixa autoestima, a falta de cohesión no grupo, …). A proposta que facemos dende a Asociación de Trastornos do Espectro Autista de Vigo (ASTEAVI) e o grupo de tecnoloxías da información (GTI) da Universidade de Vigo e proporcionar aos equipos de orientación e docencia dos centros educativos de primaria, secundaria e bacharelato, un conxunto de ferramentas -baseadas en indicadores sociométricos- que por unha parte lles permitan analizar o clima de aula e recibir propostas de intervención para traballar aqueles aspectos nos que se detecten deficiencias, e por outra banda proporcionarlles un repositorio de actividades (xogos, vídeos, dinámicas) e publicacións de difusión libre coas que traballar as carencias detectadas. Estas ferramentas deben ter as seguintes características:

  • Que sexan fáciles de manexar
  • Que sexan de utilidade tanto para quen ten experiencia e coñecementos sobre sociometría como para quen non os ten
  • Que xere informes nos que se inclúan os sociogramas e outros indicadores sociométricos relevantes (matriz de eleccións positivas, matriz de eleccións negativas, rexeitamentos recíprocos, …) xunto coas as propostas de intervención que mellor se adaptan a cada aula.

Co fin de axudar os orientadores e docentes no proceso de realización de medidas, e na posterior interpretación dos resultados, ASTEAVI publicou unha guía de axuda “Guía Atopa Convivenciadispoñible neste enlace.

Antecedentes

O proxecto ATOPA nace en ASTEAVI no ano 2018 enfocado a dar resposta as necesidades dos nenos e nenas con TEA. Este trastorno caracterízase por presentar deficiencias na comunicación social o que inflúe e determina a estigamatización frecuente que sofren os nenos e nenas con TEA (diagnosticado ou non) nos centros escolares e que provocan en moitos casos situacións de illamento e rexeitamento.

O proxecto dividiuse en tres partes:

  • A guía “Atopa Convivencia”. Na guía se describen os cuestionarios a realizar na aula, o conxunto de indicadores sociométricos empregados para avaliar o clima da aula, e unha aproximación a intervención: como interpretar os resultados obtidos, en que areas se debería traballar.
  • A web “atopa.es”. Un repositorio cos materias para a intervención na mellora da convivencia. Todos os materias son de libre difusión, e están organizados segundo as distintas etapas educativas (infantil, primaria e secundaria) e estruturados en áreas de intervención (educación emocional, educación en valores, grupo e aula).
  • A aplicación Atopa. Unha ferramenta gratuíta e de código aberto para a realización de cuestionarios sociométricos, a xeración de sociogramas e informes individuais e de grupo (para avaliar o clima da aula), e a xeración de propostas de intervención en función dos problemas detectados. As propostas están enlazadas co repositorio de materias destinados a intervención para o seu acceso simple e directo por parte dos equipos de orientadores e docentes.

Nesta última parte, no desenvolvemento da aplicación, e no que traballamos dende o grupo GTI.

A primeira versión da aplicación foi desenvolvida no ano 2020. Pero debido a pandemia non foi posible comezar as probas en centros educativos ata un ano despois. Nese momento, e tras as primeiras probas atopamos una serie de problemas:

  • A arquitectura da aplicación desenvolvida era complexa, o que dificultaba a súa instalación nos centros educativos. A complexidade non se derivaba dun fallo no deseño se non da resolución de problemas complexos:
    • Permitir que os cuestionarios se puidesen facer en liña (para que todos os estudantes os puidesen facer a vez) e o mesmo tempo preservar a protección dos datos pois son considerados de carácter persoal.
    • Permitir que o equipo de orientadores e docentes puidesen compartir os resultados (de novo requirindo o uso de servidores) e o mesmo tempo preservar os datos de carácter persoal.
    • Dispoñer de versións para os sistemas operativos e navegadores mais comúns.
  • A arquitectura da aplicación era pesada (debía incluír un servidor, as veces una máquina virtual, …), o que tamén dificultaba a súa instalación nos equipos informáticos de orientadores e docentes.
  • A aplicación non se podía instalar de forma sinxela en ABALAR, un dos sistemas operativos mais usados nos centros educativos que dependen da Xunta de Galicia.
  • Os informes xerados – se ben eran moi completos – resultaban complexos para aqueles que non tiñan unha ampla experiencia en sociometría, incumprindo un dos requisitos de partida do proxecto.

Non obstante, a pesar dos problemas sinalados, gustaría indicar que a realimentación que tivemos por parte dos centros nos que finalmente se probou a aplicación foi moi positiva.

Obxectivos

Co fin de dar resposta os problemas mencionados no apartado previo, no marco do programa de impulso á investigación universitaria en Tecnoloxías para o Ben Común, neste proxecto propuxémonos alcanzar os seguintes obxectivos:

  • Redefinir a arquitectura da aplicación para que fose mais lixeira e fácil de instalar nos centros educativos, mantendo a garantía da protección de datos de carácter persoal.
  • Asistir os centros que quixeran empregar aplicación, axudándoos tanto na instalación como na elaboración inicial dos cuestionarios.
  • Incluír a posibilidade de personalizar os informes xerados pola aplicación de xeito que solo mostren aqueles datos que son de interese para a persoa usuaria, simplificando deste xeito a súa compresión.


Para lograr estes obxectivos contamos co apoio de Enxeñaría Sen Fronteiras que nos permitiu contratar un bolseiro por un período de catro meses.

Resultados

O primeiro paso no proxecto foi definir a nova arquitectura. Neste caso o que buscabamos era proporcionar os centros unha sistema simple, ó que se puidese conectar tanto o profesorado como o alumnado usando os seus propios equipos. A solución elixida foi instalar todos os compoñentes necesarios nunha Raspberry Pi (servidores de DNS, funcións de encamiñamento, servidores Web, aplicación Atopa en versión Web). A escolla ven motivada por varios motivos:

  • O custe é asequible
  • A instalación é sinxela xa que os centros so necesitarían unha tarxeta SD co software necesario pregravado
  • As bases de datos e o servidor estarían no propio centro, reducindo os problemas de acceso non autorizado aos datos de carácter persoal.


Unha vez definida a arquitectura, recodificouse toda a aplicación, pasando de empregar Python Django a empregar Dart + Flutter. O feito de empregar un marco como Flutter buscaba facilitar a posibilidade de empregar a aplicación tanto nun PC (con Linux ou Windows) como nun dispositivo móbil (con Android ou iOS), sen incrementar o peso da aplicación.

Mais alá da recodificación engadíronse novas funcionalidades:

  • Creación do rol de administrador por centro educativo, que ten acceso a todos os cuestionarios
  • Importación do conxunto de estudantes de cada centro dende un arquivo csv
  • Selección do conxunto de estudantes dunha clase a partir do conxunto de estudantes do centro
  • Personalización dos informes de resultados (selección dos parámetros de interese)
  • Inclusión dos sociogramas na versión en pdf dos informes de resultados (na primeira versión so estaba dispoñible na web)

Estas novas funcionalidades introducíronse a partir da realimentación recibida por parte dos primeiros centros que probaron a aplicación.

Liñas futuras


Se ben a nova versión mellora algúns dos problemas detectados, aínda quedan cuestións por resolver. En primeiro lugar debemos probar a nova arquitectura nun entorno real, verificando que efectivamente a instalación é mais sinxela, e que o persoal dos centros, pode xestionala sen ter coñecementos informáticos. En segundo lugar é preciso elaborar os manuais de usuario e tutoriais da nova versión da aplicación. En terceiro lugar facer una campaña nos centros educativos para que coñezan a aplicación, e para apoialos a hora de instalada e empregala. E por último validar que toda aplicación funciona de forma efectiva e contribúe a mellora da convivencia nas aulas.