Presentación Estratexia Galicia Dixital 2030 da Xunta de Galicia
Hoxe estivemos na presentación da Estratexia Galicia Dixital 2030 #EGD2030. Interésanos moito participar no deseño destas ferramentas estratéxicas, se ben aínda hai unha eiva na incorporación de organizacións do sector non lucrativo e dos DDHH nestes temas tecnolóxicos. Pero esa é precisamente o tema que nos apasiona, así que temos algunhas preocupacións con respecto a esta estratexia, que comentamos a continuación:
- Contémplase como parte esencial da estratexia os #OpenData ou datos abertos (tamén nos xeográficos) dos levantados con fondos públicos?
- Como se protexerá a privacidade das persoas (p.e. no eido sanitario)?
- Vanse favorecer empresas locais e software libre, ou vaise seguir a apostar pola contratación de empresas que non deixen coñecemento no territorio?
- Como se apoiará á tecnoloxía para as persoas (coas persoas e a vida no centro)?
- Como se traballará a transparencia na contratación das empresas que implementen estes programas. Tratarase de buscar sempre que sexa posible alternativas endóxenas que realmente creen tecido xenerador de ideas e empregos en Galicia?
- No Consello Asesor van estar entidades da sociedade civil con enfoque de dereitos humanos? Como se involucrán eses axentes sociais que se mencionaron? Como se incorporarán eses debates éticos?
- No código ético desenvolvemento transformacion dixital galicia como se elaborará? Como se introduxeron os ODS e axenda 2030 neste plan?
Por todo isto, hai, para nós, unha serie de principios e valores que deberían sustentar a estratexia (non sabemos aínda se se explicitaron como tal na estratexia, pronto o veremos):
– Transparencia, da que se derivaría os datos abertos e a participación de entidades da sociedade civil.
– Defensa da privacidade
– Non deixar a ninguén atrás (e diso deriva a loita contra a fenda dixital, pero tamén a ética algorítmica que xenera, por exemplo, sesgos de xénero ou raza en moitas aplicacións).
– Soberanía tecnolóxica e desenvolvemento endóxeno (ainda que falemos de comunicacións globais, seguir conectadas a terra, como se facía referencia falando da Xeneración Nós)
– Sustentabilidade. Menos é máis, non todo son máis e máis megas e a dixitalización como fin en si mesmo. Deste tema vense reflexionando xa hai tempo en eidos como a soberanía alimentaria.
Galicia podería ser referente na implantación de valores de posta da dixitalización ao servizo de todas as persoas e do planeta. O presidente Alberto Núñez Feijóo fixo precisamente referencia de valores no seu discurso de clausura, falando da elaboración que se fará do Código Ético. Esperamos que non se convirta nun documento «descafeinado» e baleiro. Esperamos que para a súa elaboración se abran espazos para organizacións como a nosa.
É momento de falar de ética tecnolóxica, para facer fronte a problemas xa coñecidos como os sesgos na IA, tecnoloxía abertas á cidadanía para que se produza unha reapropiación tecnolóxica e a corresponsabilidade no seu uso, deixando de separar ás persoas usuarias do xeito de construír tecnoloxía e de xestionala, tanto no eido técnico como no da gobernanza da tecnoloxía e da súa implementación. A palabra persoas foi unha das máis mencionadas na presentación, quedámonos con iso polo momento.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!