E se aprenderamos a ler e escribir? XOGANDO COAS LETRAS

Este é o segundo dos 4 proxectos seleccionados na convocatoria de proxectos de investigación no marco do “Programa de Impulso á Investigación Universitaria en Tecnoloxías para o Ben Común“, financiada por Cooperación Galega da Xunta de Galicia e organizada pola red de profesorado universitario Artigo9Tech e Enxeñería Sen Fronteiras.

Un equipo multidisciplinar das universidades da Coruña e Vigo impulsan este proxecto Xogando coas letras. A doutora Elena Arce, coordinadora do grupo, nos conta como foi o desenvolvemento do proxecto.

———————————

Este proxecto ten como obxectivo democratizar o coñecemento e, en concreto, contribuír á alfabetización global e á xeración de recursos para nenos e nenas con dificultades na aprendizaxe da lectura. Nas últimas décadas observáronse progresos constantes en materia de alfabetización, a escala mundial, segundo datos da UNESCO, 250 millóns de nenos e nenas non adquiren as competencias básicas en lectoescritura. A recente crise da COVID-19 acentuou a problemática existente en materia de alfabetización e tivo repercusións na escolarización.


A habilidade para ler e comprender é fundamental para o correcto desenvolvemento social e psicolóxico do individuo. As dificultades lectoras adoitan aparecer durante a nenez e, se estas non son remediadas a tempo, o habitual é que continúen durante a adolescencia e a idade adulta causando problemas de tipo académico e laboral: a falta de comprensión dun texto impide ao estudante aprender os contidos do currículo. Ademais, é importante subliñar a relevancia da alfabetización como ferramenta para erradicar a pobreza, reducir o abuso infantil, instaurar a igualdade entre xéneros e garantir o desenvolvemento sostible, a paz e a democracia.


Durante os primeiros anos de aprendizaxe da lectura, unha das primeiras habilidades que o neno aprende é a decodificación das palabras que aparecen no texto. Esta habilidade non se aprende de forma innata, senón que require dun ensino formal e paulatino que habitualmente comeza nos últimos cursos de educación infantil. O profesorado, a través das diferentes actividades desenvolvidas na aula, axuda a comprender como se escriben as letras e como se forman as palabras que, hasta ese momento, só eran sons. Para iso, é imprescindible dispoñer de recursos que axuden nesta tarefa. Por iso, o principal obxectivo deste proxecto é dotar de recursos para a aprendizaxe.


Metodoloxía


Para poder levar a cabo proceso de deseño, foi preciso contar coa colaboración de centros educativos da contorna. En concreto, neste proxecto participaron sete centros do concello de Ferrol: CPR Tirso de Molina, CPR Plurilingüe Santa Juana de Lestonnac, CPR San Rosendo, CPR Compañía de María, CEP de Pazos, CEIP Manuel Masdías e CPR Cristo Rey. Por parte dos centros foi preciso contar con docentes e persoal do equipo de orientación.


Seguindo a metodoloxía de Deseño Centrado en Persoas, un alfabeto completo en letras maiúsculas foi deseñado. O método de deseño estruturouse entorno a un ciclo de 3 etapas: Comprender, Crear e Contrastar. Optouse por enfocar o recurso cara letras maiúsculas, en lugar de minúsculas, xa que son os primeiros estilos de caracteres cos que se traballa nos centros educativos, debido a maduración dos nenos na etapa na que aprenden os grafemas e fonemas.
O recurso deseñado foi un alfabeto completo en formato imprenta xa que ao ser o desenvolvemento das habilidades de lectura e escritura moi paralelo, ler letras en imprenta axuda a identificar as formas que logo poden aplicar na escritura. Ademais, a actual dixitalización tamén contribúe a empregar este formato. Para favorecer a auto-aprendizaxe ou aprendizaxe autónoma, o deseño do alfabeto permite colocar os caracteres de forma inequívoca.
No referente ao material para construír os recursos, por cuestións de hixiene, lixeireza e durabilidade, optouse por empregar resina fronte a opcións como madeira, metal ou goma espuma. Tras explorar diversas opcións, optouse por empregar emoticonas como indicativo de erro. Na posición correcta, os usuarios verán unha cara sorrinte e na posición incorrecta, unha cara triste.

Na Imaxe 1 poden verse as diversas opcións de tamaños e deseños de letra que se produciron inicialmente (a) e o tamaño do modelo seleccionado (b).b) Tamaño seleccionado

Imaxe 1. Tamaños e deseños presentados aos centros e modelo seleccionado.


As letras foron realizadas empregando software de deseño paramétrico e fabricadas empregando impresoras 3D de resina con tecnoloxía MSLA (Imaxe 2). Para a fabricación das letras empregouse resina foto sensible a base de plantas. Con isto buscouse que o impacto medioambiental fose mínimo.

Imaxe 2. Lote de letras impresas sobre plataforma.

Resultados

Os recursos fabricáronse con resina translucida, xa que permite o traballo con mesas de luz. Na Imaxe 3 pode verse a un neno facendo unha actividade co alfabeto fabricado. Co obxectivo de comprobar a eficacia dos recursos, deseñáronse para cada centro probas pre e pos-intervención. As probas son ad-hoc para cada centro, xa que deben ser adaptadas as letras e fonemas traballados polos diferentes docentes, así como as necesidades do alumnado participante no estudo. Estas probas están deseñadas en base ás baterías TALE (Test de análises de lectoescritura) e PROESC (Batería de avaliación dos procesos de escritura). Nos próximos meses teremos os resultados finais destas probas.

Imaxe 3. Probas iniciais realizadas con algúns dos recursos deseñados.


Como liñas futuras de traballo, propóñese o traballo con outros formatos de letras, como poden ser as letras minúsculas enlazadas, que favorecen a transición cara modelos de escritura a man, ou recursos que axuden na motricidade fina, tal e como nos solicitaron dende os centros educativos.

Equipo de traballo
• Dra. María Elena Arce Fariña. Área de Expresión Gráfica na Enxeñaría. Departamento de Enxeñaría Industrial. Universidade de A Coruña
• Dra. Carla Míguez Álvarez. Área de Didáctica da Lingua e da Literatura. Departamento de Didácticas Especiais. Universidade de Vigo
• Dra. María Isabel Fernández Ibáñez. Área de Expresión Gráfica na Enxeñaría. Departamento de Enxeñaría Industrial. Universidade de A Coruña
• Dr. José Antonio López Vázquez. Área de Expresión Gráfica na Enxeñaría. Departamento de Enxeñaría Industrial. Universidade de A Coruña
• Dr. Miguel Cuevas Alonso. Área de Lingua Española. Departamento de Lingua Española. Universidade de Vigo
• Dr. Andrés Suárez García. Departamento de Enxeñaría Industrial. Centro Universitario de la Defensa en la Escuela Naval Militar. Adscrito á Universidade de Vigo.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.