Crónicas dende Honduras. Belén II. Solpor entre amizades
Despois dunha saída con CODDEFFAGOLF, recollemos o material da paila para deixalo na oficina. Agradézolle ao técnico por brindarme a oportunidade de participar nesta visita, na que tiven a ocasión de coñecer mulleres emprendedoras que fomentan o aproveitamento sostible dos recursos do país e ofrecen traballo ás persoas da súa comunidade.
Tras despedirme, regresei ao apartamento para descansar un pouco ata que o sol comezase a baixar. Alí compartín cos meus compañeiros as vivencias da xornada e, pouco despois, decidimos dar un paseo ata o peirao. Aquel lugar regálanos un atardecer máxico entre manglares, montañas e lanchas.
Sentadas nas mesas, sacamos a baralla española e comezamos a xogar. De súpeto, ao levantar a mirada, decateime de que varias persoas nos observaban con curiosidade. Invitámolas a participar; ao principio eran reticentes, dicindo que preferían mirar, pero insistimos asegurándolles que o xogo era moi doado de aprender. Pouco a pouco fóronse animando, sentáronse connosco e compartimos risas, conversacións e partidas.
De pronto apareceu o xeadeiro, que se detivo para saudar. Esta vez non puido resistirse: sumouse á partida. Xogamos unha vez, ata que o timbre da súa bicicleta, coa que anuncia os xeados para atraer clientela, o obrigou a seguir o seu camiño.
Reflexión
Os meus instantes favoritos eran o amencer e o atardecer: momentos do día nos que compartía pequenas conversacións coa xente local que facían que o tempo parecese máis próximo e significativo. Co tempo, comprendín que a proximidade non sempre nace das grandes conversas, senón de pequenos xestos compartidos. Nesta ocasión foi unha simple baralla a que fixo de fío invisible para crear conexións inesperadas.
Eses instantes lembráronme que o voluntariado non se mide só en esforzo ou dedicación, senón tamén en momentos de encontro, aprendizaxe e alegría compartida, aínda que sexan pequenos ou breves.
FOTO DE CABECEIRA: amencer no peirao de San Lorenzo
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!