Proxecto fin de carreira informática. Tetris dos Dereitos Humanos
Ofértase un Proxecto Fin de Carreira (PFC) (ou Traballo Fin de Grao/Mestrado, TFG/TFM) para carreiras da Facultade de Informática da Universidade da Coruña no ámbito da Educación para o Desenvolvemento e enfocado na difusión do que se coñece como Tecnoloxías para o Desenvolvemento Humano (TpDH).
A idea do proxecto consiste no desenvolvemento dun videoxogo tipo tetris que sexa software libre e incorpore conceptos de Cooperación para o Desenvolvemento e Dereitos Humanos no seu deseño. Na proposta de anteproxecto, máis abaixo, hai información máis detallada sobre o que se está a propor, que se basea no concepto de ludificación ou gamificación para transmitir conceptos (neste caso, sensibilizar sobre os dereitos humanos como a auga, a enerxía, a alimentación ou as TIC).
O traballo desenvolveríase dentro da Facultade de Informática da Universidade da Coruña, ben como PFC da extinta titulación de Enxeñería Informática, como TFG do Grao en Enxeñería Informática ou como TFM do Mestrado Universitario en Enxeñería Informática. Os directores do traballo seriamos Miguel Segade (ESF Galicia) e Emilio J. Padrón (UDC).
Ademais, co compromiso de impartir un pequeno relatorio/charla tras a súa finalización, ESF gratificará con 400€ (menos impostos) á persoa que desenvolva o proxecto.
Na páxina de ESF Galicia pódense atopar outras propostas e ideas para proxectos académicos no eido da Educación para o Desenvolvemento: https://esfgalicia.blogspot.com.es/2017/02/proxectos-academicos-con-esf-galiciase.html
Proposta de Anteproxecto
Título
Obxectivo
Obxecto da proposta e produto esperado: Elaborar un videoxogo de «Tetris dos Dereitos Humanos».
En concreto, preténdese obter:
- O xogo en si como elemento de ludificación para achegar contidos de Dereitos Humanos a persoas con pouco contacto con estes temas.
- Un Proxecto Fin de Grao na Facultade de Informática con contidos de Educación para o Desenvolvemento, como xeito de visibilizar a tecnoloxía como posible ferramenta de ruptura co modelo extractivista no que as tecnoloxías dixitais naceron, explorando o seu potencial emancipador, e todo iso dentro dunha facultade onde se forman futuras profesionais (e exemplarizante tamén para profesorado).
Descrición
Antecedentes e xustificación da proposta
Enxeñería sen Fronteiras (en adiante ESF) é unha asociación independente, sen ánimo de lucro baseada no voluntariado, que busca construír unha sociedade mundial xusta e solidaria mediante a cooperación para o desenvolvemento e poñendo a tecnoloxía ao servizo do desenvolvemento humano. Neste sentido, o proceso de participación voluntaria enténdese coma un fin en si mesmo e como un mecanismo para a transformación persoal e social.
O 17 de novembro de 2012 aprobouse na segunda Asemblea anual de ESF Galicia a nova Planificación Estratéxica da asociación (2013-2017). Dito documento, realizado pola práctica totalidade das persoas que conforman a entidade, inclúe como un dos piares máis importantes da acción da asociación o traballo en Educación para o Desenvolvemento (en adiante EpD). Varias liñas estratéxicas de traballo previstas nesa planificación entran dentro desta área de traballo, e considéras necesaria a consecución de financiación externa para asegurar o seu correcto desenvolvemento. Unha desas liñas fai referencia a transversalización de contidos en dereitos humanos e EpD nos estudos universitarios tecnolóxicos, co enfoque de Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano e a emancipación, onde ESF pretende especializarse. Ademais da elaboración de materiais didácticos e organización de xornadas no eido formal e non formal, hai tempo que se queren explorar novos xeitos de levar estes contidos a poboación “non sensibilizada”, usando canles populares. O xogo é unha destas canles, que xa hai anos ESF explora elaborando versións de xogos populares como o Risk (elaborando un Risk enerxético) ou xogos de cartas máis elaborados con gran aceptación entre público novo (e xa non tan novo), como o xogo de cartas Co-operación. O concepto de ludificación ou gamificación1 no eido de impulsar aprendizaxes de conceptos, actitudes e valores da educación para a emancipación non é, pois, novo para ESF, pero si o é o facelo a través de xogos baseados en tecnoloxías informáticas, que é o que se propón aquí.
Dado que o videoxogo elexido a priori, o Tetris, é xa parte da cultura pop, quérese explorar o potencial para atraer público interesado en xogos (dende xente máis nova xa a mediana idade) dándolle certo contido sensibilizador no eido dos Dereitos Humanos. Deste xeito se intenta sensibilizar a xente que pode xogar co producto elaborado (e pode ser que nin se fixe noutros contidos, de aí o desafío técnico e gráfico de visibilizar os contidos en Dereitos Humanos integrándoo perfectamente coa dinámica do xogo), e ademais usar isto para transversalizar actividades cun enfoque de educación para o desenvolvemento na facultade de Enxeñería Informática, xa que a proposta é que o xogo se poida ofertar como posible Proxecto Fin de Grao para a programación e o deseño gráfico, co asesoramento dun titor académico (profesor na Facultade) e do seguemento do grupo de EpD de ESF Galicia, apoiados polo técnico de EpD da asociación.
Idea de xogo e desenvolvemento
Se parte das premisas:
- que o xogo se poida usar en PC e tamén en teléfonos móbiles
- que teña apariencia sinxela, pero en cor (para poder usar as cores como diferenciación de diversos servizos básicos aos susceptibles de ser Dereito Humano)
- que poida integrar pequenas informacións en texto xunto coa aparición das pezas a encaixar no proceso de xogo
- que teña algún nivel de dificultade para contrastar diferencias entre países
Existen diversos proxectos libres de desenvolvento do Tetris, que xa teñen traballados deseños de pezas, fondos e outras capas ou librarías que se poderán empregar.
A idea é que as pezas que se encaixan en cada nivel, que son de diversas formas e cores, teñan asociadas:
- a cada cor un servizo básico de base tecnolóxica vencellado a un Dereito Humano (nesta fase empezaríamos coas que soe traballar ESF Galicia: azuis a auga e saneamento; amarelas a enerxía; laranxa as TIC; verde a alimentación)
- a cada forma un elemento que conforma a facilidade (as máis sinxelas de encaixar) ou ameaza (as máis complicadas) para o aseguramento dun servizo básico (por exemplo: as cadradas unha lexislación, participación e institucionalidade axeitada; as alongadas unhas infraestruturas axeitadas; as de forma de L eivas nas infraestruturas; as de forma de Z corrupción, etc.).
A idea é que ao inicio do nivel correspondente se informe brevemente do “entorno” (país) no que se xogará ese nivel e en que servizo básico, con alguha información do estado dese Dereito Humano ao servizo básico no país. Logo, a medida que cada peza vai aparecendo, que apareza tamén o elemento do dereito humano a que se refire a peza (para que se xogue, pero sendo consciente por que é máis ou menos fácil de encaixar a peza en cuestión).
Os niveles virán dados polas cores das pezas, que logo poderán xa mezclarse para xogar niveles con todas as cores (os 4 servizos, que en realidade van interrelacionados), e tamén respecto ao país (que determinará a dificultade de xogo tanto no número de pezas “complicadas” para encaixar como na velocidade á que caen como mesmo no espazo de colocación das mesmas). A priori se propón facer dous países ou rexións, que poden ser Honduras (ou o Golfo de Fonseca) e España (ou Galicia), empregando datos reais para ilustrar cada peza e nivel.
Metodoloxía
O desenvolvemento seguirá a filosofía do software libre, cun repositorio público onde se irá compartindo todo avance do proxecto.
Fases
- Análise de requisitos e obxectivos e estudo de proxectos libres relacionados.
- Planificación do proxecto en función das restriccións temporais da estudante
- Bucle: Sprints dunha ou dúas semanas nos que se desenvolverá o proxecto