Crónica da visita de Doris e Lucía, defensoras da terra en Honduras

Entre os pasados 11 e 17 de novembro tivemos connosco en Galicia a Doris e Lucía, dúas mulleres hondureñas que, nas aldeas de San Bernardo (municipio de Namasigüe) e Aguas Calientes (municipio de El Triunfo) respectivamente, fan fronte a amenazas de depredación dos recursos naturais da comunidade. Esas loitas están apoiadas por unha das organizacións socias de ESF en Honduras, o Comité para la Defensa y Desarrollo de la Flora y Fauna del Golfo de Fonseca-CODDEFFAGOLF, que lles está fortalecendo con asesoramento legal, protección das persoas, escola de activismo e mobilización sociocomunitaria. Aquí anunciabamos a súa visita, dentro do proxecto Defensoras da Terra, financiado por Cooperación Galega da Xunta de Galicia.

Foi unha semana moi densa, con algúns problemas na viaxe que reduciron a súa estancia, pero con tempo para pasear e relaxarse. O primeiro día, o 11 de novembro, tivemos a última hora un encontro relaxado na libraría Os Mundos de Carlota, en Santiago de Compostela, onde nos trataron super-ben.

O martes 12 a primeira hora da tarde voltamos, tras varios anos, á Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, onde ESF naceu hai xa máis de 26 anos. Alí compartimos con profesorado e alunado das Escolas de Telecomunicación e de Minas-Enerxía un encontro onde se tratou de chamar a atención sobre os impactos da extracción deses minerais tan prezados para a fabricación de dispositivos electrónicos, e que as futuras profesionais sexan conscientes das implicacións sociais e ambientais que pode xenerar un hiperconsumo.

O mércores 13 pola mañá foi momento de pasear por Santiago. O clima acompañou e, trala comida, puideron coñecer a unha activista en temas de defensa da terra de gran traxectoria en Galicia, Macamen, da Compañia de María.

As 18:30 tivo lugar a palestra sobre as ameazas da minaría depredadora en Galicia e Honduras, na Escola Técnica Superior de Enxeñería en Santiago, onde Doris e Lucía compartiron conversa con Nela e Lupe, da rede Contraminacción. Tiveron tempo aínda de viaxar a última hora a Coruña, onde ao día seguinte terían unha densa axenda.

O xoves 14 a media mañá o Centro de FP Tomás Barros recebeunos para que alunado do centro coñecera de primeira man as experiencias de Lucía e Doris, ademais de presentar o documental “Las Semillas de Berta”, das compas de Entrepueblos. Despois aínda tiveron tempo de facer unha visita en Coruña, a pesares do mal tempo.

Pola tarde, ás 19, produciuse o encontro público no Centro Cívico Cidade Vella en A Coruña organizado por Entrepueblos, Ecoloxistas en Acción, Asociación M e Enxeñería Sen Fronteiras, onde tamén se presentou o documental mencionado e houbo un interesante coloquio con Doris e Lucía.

No venres 15 antes da comida Doris e Lucía foron entrevistadas por Irene e Patricia (voluntarias de Enxeñería Sen Fronteiras), para o primeiro episodio de ESFRadio, o podcast de ESFGAlicia, que produce Jorge, tamén voluntario de ESF.

Despois de comer, achegámonos ao Monte Neme, onde Adrián, da Plataforma Monte Neme, amosounos o lugar e contounos algo da historia da paraxe e as problemáticas que a rodearon dende a súa época como mina de wolfram até as máis recentes como canteira (e moitas delas seguen aí pola deixadez das distintas administracións). Xa anoitecido, achegámonos á sede da Asociación Senda Nova, onde dentro do seu programa de Encontros con Activistas, puideron falar con Doris e Lucía sobre a defensa da terra contra as diversas ameazas relacionadas con actividades depredadoras cos recursos (piscinas de cría de langostinos, plantas de enerxía fotovoltaica e minaría metálica).

O sábado 16, último día de estancia, foi día de visita á Mina Touro, onde Isabel, do Movemento Mina Touro-O Pino NON, amosounos distintas zonas da mina e a súa problemática socio-ambiental de contaminación da auga ou cheiros polo emprego de lodos de depuradoras para a restauración dalgunhas zonas da mina, para logo rematar do mellor xeito posible, no Magosto Anual contra a Mina, que xa vai pola terceira edición. Esperamos que a do ano que vén sexa o Magosto do Fin da Mina!!

6 replies

Trackbacks & Pingbacks

  1. […] Doris e Lucía: defensoras da terra contra o extractivismo depredador […]

  2. […] de El Triunfo como municipio libre de minería. Además, tuvimos la suerte de contar en Galicia con personas participantes en el proyecto en las visitas del pasado año de mujeres defensoras de la […]

  3. […] Ademais, tivemos a visita a Galicia de Lucía e Doris, dúas valentes defensoras da terra contra prácticas extractivas como a minaría, a […]

  4. […] Ademais, tivemos a visita a Galicia de Lucía e Doris, dúas valentes defensoras da terra contra prácticas extractivas como a minaría, a […]

  5. […] (polo cal outras 4 mulleres a maiores estiveron visitando Galicia, dúas marisqueiras e outras dúas defensoras da terra contra o extractivismo depredador), que pretende visibilizar ás loitas das mulleres e poñelas en contacto con iniciativas da […]

  6. […] entrada Crónica da visita de Doris e Lucía, defensoras da terra en Honduras aparece primero en ESF […]

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *