A auga comeza a cotizar en bolsa… e a nós iso preocúpanos

O pasado 7 de decembro coñecemos a nova a través da axencia EFE de que a auga comezará a cotizar no mercado de futuros de Wall Street. Dende aquela, escribiuse bastante sobre o tema, xa que se trata dun feito de gran impacto por todas as consecuencias que poderían derivarse, aínda que estea baseado só en prezos de futuros de auga en California.

Dende Enxeñería Sen Fronteiras cremos oportuno facer unha análise crítica previo debate da nosa base social, que incluso motivou a organización dun ciberfaladoiro específico sobre o tema o pasado 20 de xaneiro.

Auga como Dereito Humano e importancia do ciclo natural.

Podería pensarse que falar da importancia da auga na Terra é redundante por obvia. É un elemento fundamental para á vida tal é como a coñecemos.

O pasado 28 de xullo foi o décimo aniversario do recoñecemento do Dereito humano á auga e o saneamento polas Nacións Unidas. Na resolución 64/292 , recoñece que o Dereito a auga potable e o saneamento é un Dereito Humano esencial para o pleno goce da vida e de todos os Dereitos Humanos.

Este foi un fito de importancia posto que por primeira vez se recoñece de xeito explícito ese dereito e se insta á comunidade internacional e os gobernos para que redobren o esforzos para satisfacer as necesidades humanas básicas e para a consecución dos Obxectivos do milenio, reformulados estes últimos como Obxectivos de Desenvolvemento Sostible no ano 2015.

Non hai que esquecer a importancia do ciclo natural da auga como soporte dos ecosistemas, sendo fundamental para a vida no planeta en sentido amplo.

Antecedentes da auga como ben económico.

Isto non é novo, hai moito tempo que a auga se vende, non hai máis que ver o negocio da auga embotellada, contra o que ESF leva tempo posicionada apoiando campañas como ProGrifo. Tamén poden existir este tipo de intercambios a escala local. Nalgúns casos (non nos consta España), en comunidades de regantes, unha regante pode vender os seus dereitos de regadío a outra regante (aínda que, neste caso, trátase de intercambios entre entidades ou persoas nunha zona determinada cun vínculo maior coa terra, e baixo a supervisión, polo menos en teoría, de entes como os organismos de cunca hidrográfica ou similares). Máis aló foron, xa máis recentemente, as declaracións do CEO de Nestlé, coa defensa do uso de ferramentas de mercado para a xestión da auga, o cal é pouco compatible contra á xestión da mesma como dereito humano, que debería seguir máis esquemas como o proposto por Nueva Cultura del Agua (que distingue a “auga vida”, da “auga de negocio”, a “auga de luxo” ou a “auga de uso cidadán”).

Xa existen fondos de inversión destinados a sociedades orientadas ao sector vinculado á auga a escala mundial, que están dispostos a asumir fortes variacións das cotizacións e, polo tanto, amosan poucos reparos ai risco e teñen un horizonte de inversión a longo prazo (7 anos ou máis).

Definición de mercados a futuro.

O mercado de futuros consiste na negociación de contratos de compra e venta de determinados bens a unha data futura mediante un acordo de prezo, cantidade e vencemento na actualidade. Ou sexa, que se negocia co dereito a comprar x litros de auga a x euros dentro de x meses.

Debe a auga xestionarse con este tipo de ferramentas de mercado?

É moi complicado comprender certos conceptos económicos para a xente non experta. Os mercados de futuro é un deles. A perda crecente de peso da economía real respecto á financeira (da que falan autores como José Manuel Naredo) fainos perder a perspectiva do que ocorre realmente no sistema económico mundial. É unha perda de “soberanía económica”, que agora controlan unhas poucas persoas expertas en produtos moi acaidos para a especulación. É como construír sobre piares de aire. Nestes produtos poderíanse encadrar os contratos a futuro que, como toda a economía financiarizada, afastan dos produtos últimos cos que se está a comerciar do proceso transaccional como tal. En resumo, eses dereitos de futuros de auga en California poderían chegar a ser comprados e vendidos por entidades ás que pouco lles importa o que se vai facer coa auga e onde (tal vez, ao principio, iso se regule máis, pero o mercado global ten demasiada forza). Iso, no caso dun elemento vital como a auga, pode ter consecuencias devastadoras. Ademais, faise recaer o peso da regulación en institucións regulatorias máis ou menos locais (a nivel cunca hidrográfica, ou a nivel estado federal, ou tal vez a nivel nacional) que serían quen, en teoría, velarían por que se respecte o dereito á auga. Tal vez esta regulación puidera ser levada efectivamente por unha entidade se hai unha lexislación e fortaleza institucional axeitada, pero pola experiencia de Enxeñería Sen Fronteiras en diversos países do mundo, esta fortaleza lexislativa e institucional non é, nin moito menos, o máis habitual.

Neste caso, o que se pon no mercado non é a auga, senón os contratos a futuro. É un mercado de futuros da auga.

Nos produtos agrarios fixéronse este tipo de mercado de futuros hai moitos anos. A idea ou escusa inicialmente era tratar de protexer e estabilizar os sectores de produción, no momento do expansionismo agrario e para protexer áreas produtivas que fixeran moito investimento nos sectores, por se de repente unha empresa conseguía producir moi barato noutra parte do mundo. É a mesma razón que esgrimen os defensores deste mercado de futuros coa auga, esa estabilización de prezos.

Pero cando se complexiza de tal xeito a xestión dun produto básico para á vida, poden xurdir moitos custos de transacción (e erros de xestión e regulación, dada por malas prácticas, corrupción ou simplemente incapacidade das institucións reguladoras como xa se comentou) que acaban pagando as poboacións máis vulnerables. Hai estudos dabondo que así o poñen de manifesto, xa que acaba por crearse un armazón de sociedades que o que fan é especular e apartar a xestión alimentaria das consumidoras últimas de alimentos. Unha perda de soberanía alimentaria, moi prexudicial se se quere asegurar o Dereito á Alimentación (que está intimamente relacionado co Dereito á Auga). Un estudo moi interesante que se fixera en 2011 é este, cun título xa moi ilustrativo.

Por outra banda, a auga non é un ben capital calquera. É fundamental para o sustento de todo ser vivo e non é substituíble por bens capitais como os produtos agrarios, forestais, mineiros, etc. Esta explicación pode atoparse nas conferencias de Pedro Arrojo, actual relator das Nacións Unidas para a Auga.

O estado (os estados) deben ter unha regulación axeitada do uso da auga, cobrar polas licenzas de captación e consumo (de augas superficiais e subterráneas), emisión de efluentes e vertidos, realizadas en base a estudos serios de capacidade de carga e rexeneración que respecten os caudais ecolóxicos. A unidade territorial máis acaida para a xestión da auga son as cuncas hidrográficas, unidades delimitadas polo propio ciclo natural da auga e a orografía do terreo, das que é preciso ter bos modelos hidrolóxicos de balance, dispoñibilidade do recurso e demanda (o cal non é en absoluto habitual, nin sequera nos países máis ricos), e usalos para saber se realmente é viable conceder as licenzas, fuxindo de intereses partidistas ou espurios. O monitoreo e control tamén é clave, con taxas adecuadas de uso concienciase a poboación sobre o uso racional e controlase a sobreexplotación do recurso. Ao meter baixo libre mercado o excedente das licenzas éntrase nun terreo perigoso: pódense comprar licenzas baratas agora aínda que non se vaia facer uso e logo vendelas a maior prezo, especulando así coa diminución do recurso propiciado polas variacións climáticas. Unha especulación que debería controlarse como parte do proceso de licenciamento e seguimento (que, claramente, debería ser público), é dicir, non dar licenzas e cancelalas se non se usan. Pero, como dixemos, é meter a raposa no galiñeiro.

Ao final, o que se consigue é que grandes fondos sigan acaparando os recursos básicos para a vida, porque teñen máis capacidade de inversión e de arriscar máis e a máis longo prazo. O pequeno é fermoso tamén a nivel empresarial, porque se entende mellor, porque está máis cerca dos bens e servizos cos que se comercia e dos impactos que crea. Eses fondos que non entenden de dereitos humanos, porque aínda que teñen persoas detrás, adquiriron un carácter deshumanizado, case de psicópata, porque están ao servizo da xeración de riqueza para os seus donos (que, en moitos casos, tampouco saben realmente os mecanismos cos que se están lucrando a costa de moito sufrimento).

Se queremos un mercado libre de verdade (onde cada persoa teña a posibilidade de participar nel de xeito igualitario), debería prohibirse a especulación. A especulación fomenta o corporativismo, o oligopolio (en Galicia dicimos “o ouro corre cara o tesouro”) e a libertinaxe (quen pode, fai o que quere, sobre todo se despersonaliza a quen está a ser oprimido, e non hai mellor xeito de despersonalizar que a distancia e a opacidade nos impactos do que se fai). So pode especular quen pode correr risco de perder cartos. E, o máis importante, o único obxectivo é acumular riqueza para usala no que lle pareza. Moitas persoas cren que iso é lexítimo e outras moitas naturalizamos “o conto”. Pero nós queremos contar outros contos. Que é a especulación sino unha agresión á autonomía e, en consecuencia, á liberdade doutras persoas (por exemplo, por non poder tomar sequera decisións sobre o manexo dos produtos que aseguran a subsistencia)?. Quen quere entrar ao mercado a comprar e vender os seus produtos, vivir do seu negocio, usar un produto ou investir nun novo proceso, non precisa especular. En Enxeñería Sen Fronteiras xa temos reflexionado como a empresa pode poñerse ao servizo dun desenvolvemento máis inclusivo, mesmo emancipatorio. A especulación lexitima a xerarquía, que ten moitas posibilidades de converterse en opresión (o cal vai en contra dos procesos emancipatorios e de cidadanía crítica que ESF defende), vendendo este modelo como algo natural, cando en realidade é unha decisión persoal, social, cultural e política.

Conclusións

  • A auga non é un ben capital mercantilizable. Trátase dun dereito humano e como tal debe lexislarse e xestionarse. Pensamos que a entrada no mercado de futuros é incompatible coa garantía da auga como dereito humano.
  • Pensamos que esta evolución en California podería ter efectos noutros lugares, incluídos na UE, onde a auga está recoñecida como dereito humano. A UE debe asegurar lexislativamente a xestión da auga como dereito humano. Tamén estaremos pendentes do que ocorre nos países onde traballamos, apoiando ás organizacións e redes de traballo neses países que traballan arreo por asegurar o Dereito Humano á Auga.
  • A transparencia dos mecanismos de xestión da auga e o control lexislativo e da sociedade civil organizada cobran cada vez máis importancia ante estes intentos de incluír a auga en mercados con alto potencial especulativo.
  • Desde Enxeñería Sen Fronteiras Galicia, non vemos en absoluto clara esa presumible estabilización de prezos da auga que prevé quen defende a cotización no mercado de futuros, e si vemos perigos manifestos, dos que xa hai exemplos abondo nos mercados de alimentos básicos, porque estimamos un grave risco de afastamento da toma de decisións sobre un ben básico da maior parte das persoas do planeta, que teñen moitas posibilidades de quedar á mercede dos movementos especulativos globais que escapan a comprensión do groso da sociedade.
5 replies

Trackbacks & Pingbacks

  1. […] de 20 años, Enxeñería Sen Fronteiras, tuvimos unos espacios de reflexión donde llegamos a la conclusión de que no nos hace mucha gracia todo esto. Pero estamos en proceso de profundizar sobre el […]

  2. […]     Neste surrealista primeiro mes de 2021 tivemos a ocasión de tratar nun ciberfaladoiro o tema de que a auga empece a cotizar en mercados de futuro. Dende o grupo de dereito a auga se levaba reflexionando xa unha semanas sobre o tema e, tras o ciberfaladoiro, sacouse unha reflexión na nosa web expresando a nosa preocupación. […]

  3. […]     Neste surrealista primeiro mes de 2021 tivemos a ocasión de tratar nun ciberfaladoiro o tema de que a auga empece a cotizar en mercados de futuro. Dende o grupo de dereito a auga se levaba reflexionando xa unha semanas sobre o tema e, tras o ciberfaladoiro, sacouse unha reflexión na nosa web expresando a nosa preocupación. […]

  4. […] entrada A auga comeza a cotizar en bolsa… e a nós iso preocúpanos aparece primero en ESF […]

  5. […] entrada A auga comeza a cotizar en bolsa… e a nós iso preocúpanos aparece primero en ESF […]

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *