Crónicas dende Mozambique
Víctor, que coordina o programa AquaMoz de Augas de Galicia e Enxeñería Sen Fronteiras coas Administracións Rexionais da Auga de Mozambique (as ARA), está estes días no país, e nos conta como lle vai.
Os primeiros días estiven por Maputo, traballando cos colegas da ARA Sul co obxectivo de facer un pouco de análise do punto no que nos atopamos actualmente e con iso definir os obxectivos e pasos a futuro.
A conclusión coa ARA Sul é que o obxectivo de que realicen o traballo de monitoreo da seca de modo autónomo está consolidado. A partir de aquí, a idea que aparece é a definición e realización dalgún estudo de interese -máis alá do propia monitoreo- aproveitando os datos e a metodoloxía de seguimento da seca. Temos xa algunha idea, pero será algo que iremos definindo nas próximas semanas.
En relación a outras/novas áreas de traballo, o interese da ARA Sul lévanos a traballos relacionados coa análise de inundacións, unha área sobre a que xa fixemos algunha cousa neste último ano e que tamén iremos definindo nas próximas semanas. De entrada, é un tema no que hai moito traballo por facer, moi necesario e sobre o cal creo que poderemos achegar moito e cun enfoque de cooperación moi interesante.
Coa ARA Sul tamén traballei na análise e orientación do TFM de Ernesto (o técnico da ARA que nos visitou na primavera) e ao que estamos a apoiar desde o proxecto para o seu traballo fin de grao en hidroloxía na Universidade Eduardo Mondlane. Salvadas as complicacións burocráticas internas da universidade local, parece que por fin imos poder avanzar a bo ritmo.
Como novidade, nesta viaxe aproveitei para visitar aos colegas de ESF Catalunya que traballan na provincia de Inhambane. Estiven uns días por alí coa coordinadora de ESF Cat en Inhambane, Uxía (ExPCR de ESF Galicia), coñecendo o seu traballo. Os proxectos que realizan alí están relacionados con auga, desenvolvemento rural e xénero. A modo de síntese (e aínda coñecendo o contexto): durante o tempo (pouco) que a acompañei e que conversei con ela e algún técnico sobre as súas accións, non deixaron de chamarme a atención as dificultades e o mérito que ten desenvolver proxectos de cooperación en entornos tan complicados como o rural mozambicano. En lugares como Inhambane e os seus distritos, a xestión e implementación de actividades co enfoque de fortalecemento e acompañamento “típico” en ESF, ademais de supoñer un gran esforzo, necesita un elevado coñecemento das problemáticas e da realidade. Uxía leva alí case 5 anos con ESF Cat e é unha machine!
Durante a estancia en Inhambane aproveitei para visitar as oficinas da unidade de xestión da ARA Sul en Maxixe (o outro lado da baía de Inhambane).
Nestes días tamén me reunín co Director da Escola de Enxeñería Civil da Universidade Eduardo Mondlane -coa que colaboramos habitualmente realizando formacións no marco do proxecto- e co que compartín as ideas e as liñas de traballo do proxecto.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!