Crónicas dende Honduras, 4.

De novo Carmen nos manda crónica. Xa pasaron varios días dende que están por alí, e ela volverá a primeira a Galicia.


Foron días intensos. Recibimos a visita do movemento Vía Campesina, do que forma parte o Sindicato Labrego Galego, e con eles fomos visitar aos produtores de APROEM (Asociación de Produtores Ecolóxicos de Moropocay), que compartiron con nós a súa situación actual e os seus proxectos, como o investigación e desenvolvemento de diferentes tipos de sementes de millo, para lograr plantacións máis resistentes a plagas, furacáns, secas… visitamos unha plantación de millo seleccionado, que precisamente bautizaron “Aproem”. Coñecer o proxecto, e ás persoas que o levan a cabo, foi unha aprendizaxe magnífica.

Tamén visitamos un proxecto de restauración ecolóxica en Namasigüe, un lugar moi bonito e un proxecto moi interesante. Coincidimos tamén co presidente de CODDEFFAGOLF (entidade hondureña coa que ESF leva colaborando dende 2008), don Modesto, unha persoa que paga a pena coñecer. Foi un encontro coa asociación Nadin, un dos colectivos que se ocupa do dragado das canles da zona, onde puidemos ver unha parte interesante e delicada da xestión do proxecto. O obxectivo deste é o dragado das canles para que a auga circule de novo, permitindo renacer os manglares da zona e producir de novo camarón. O dragado faise a man, con este sol incesante, o mérito é infinito (no vídeo ao final deste post se pode ver).

Á súa vez, esta repoboación responde á compra de bonos de carbono por parte das empresas contaminantes (que, mediante a adquisición dun bono de carbono, obteñen o dereito a emitir unha tonelada de dióxido de carbono).

Ademais tivemos a celebración do aniversario do ESF! Foi unha festa galego-catracha moi entretida, na que participou o persoal dos principais socios de ESF de aquí, CODDEFFAGOLF, AJHASA e NASMAR, e na que se podía escoller entre tortilla de patacas, catrachas (tortilla de millo frita á que se lle engade unha capa de frijoles, queixo…) e sangría. E como mellor unha imaxe que mil palabras… aquí vai!

As fins de semana aproveitamos para facer excursións, como ás termas de Nacaome (que se orixinan por tratarse dunha zona volcánica). Chamounos a atención que aquí a terma máis cara era a fría! Tampouco se adoita levar bañador, empréganse pantalóns curtos e camiseta. Certo que así mantés o fresco máis tempo…

Tamén probamos o karaoke, e a clase de punta, un xénero de baile e música afroindíxena orixinado pola etnia garífuna de San Vicente. De momento creo que aínda temos que practicar…

O domingo participamos na reunión xeral da Rede JAC (Xuventude en Acción polo Clima), onde se abordaron cuestións como a organización interna ou a realización de actividades previstas para as seguintes semanas.

En resumo, moi contentos con tanto como estamos aprendendo.

Seguiremos informando!

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.