Na Estación Agroecolóxica de Vieiro
Sandra, compañeira de ESF, deixounos esta crónica e interesante reflexión sobre a visita que fixeron á Estación Agroecolóxica de Vieiro, dentro do programa ESFpro. Aproveitamos tamén para engadir á Estación a Openstreetmap.
—————————————————————————————————-
Hoxe con Gines (compi de ESF), Noe (Espiral Xoven) e Alba (Amigas da Terra) fomos ata a Estación Agroecolóxica de Vieiro, onde coñecemos o proxecto de agroforesta sintrópica 🌱✨
A verdade é que o bosque comestible que teñen aquí é brutal. Un exemplo precioso de como podemos soster a vida a través do autoconsumo e do autoabastecemento, recuperando saberes e, sobre todo, colectivizando o coñecemento para facer destes espazos sementes que poidan espallarse 🌳🌞
Unha das cousas que máis me chamou a atención foi a súa maneira de entender a sucesión ecolóxica e o papel das distintas especies. No caso do eucalipto, por exemplo, non o formulan en termos de “eucalipto bo/eucalipto malo”, senón desde a función que pode cumprir dentro dun proceso de transformación e manexo da terra.
Explícanos que, cando unha parcela está degradada e aínda non reúne as condicións necesarias para determinadas especies, poden empregarse especies pioneiras con gran capacidade de produción de biomasa. No caso do eucalipto, a poda e trituración desa biomasa permite incorporala ao sistema e favorecer a acumulación de materia orgánica, contribuíndo a transformar progresivamente as condicións do solo.
A idea non sería quedar no eucalipto, senón traballar coa sucesión para avanzar cara a sistemas máis diversos, complexos e produtivos, nos que poidan prosperar especies como o carballo ou o castiñeiro 🌳🌰
En xeral, a visión parte de que as especies non se poden clasificar simplemente como “boas” ou “malas”: cada unha aparece en determinadas condicións e pode cumprir diferentes funcións dentro dun proceso de transformación do ecosistema. Eles explicábano coa metáfora dunha especie de “escaleira de caracol”, na que van aparecendo diferentes comunidades vexetais a medida que cambian as condicións do solo.
Cando un solo está moi degradado, comezan especies capaces de vivir nesas condicións e crear as bases para as seguintes etapas, avanzando progresivamente cara a ecosistemas máis complexos e diversos ✨
Moi interesante a visión e moi diferente ao escoitado ata agora! 🌞
Deixo por aquí a iniciativa e invítovos moitísimo a visitala 💚
A verdade quédome con moitas reflexións especialmente sobre a ruptura dicotómica bo/malo, os esencialismos nunca foron o meu, e comprender que o eucalipto, así como tantas especies invasoras teñen unha funcionalidade máis aló de simplemente ser «malas» axúdame a poder ampliar a niña mirada, e sobretodo a incomodarme!! 🧙🏽♀️🌱










Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!